Coñecemos o noso contorno a través da actividade física

Experiencia didáctica realizada no CEIP San Benito de Lérez (Pontevedra) durante o curso 2012-2013 no marco do Programa Máis e Mellor Actividade Física.
Proxecto innovador no que se desenvolveron contidos comúns das áreas de Educación Física e Coñecemento do Medio Natural, Social e Cultural a través da actividade física e do movemento.

Melisa Riveiro González
Mestra de Educación Física
CEIP Pintor Antonio Fernández (Tomiño - Pontevedra)
melisariveiro@edu.xunta.es

 

As raíces da nosa árbore: alumnado e profesorado implicado

Neste proxecto involucráronse dous grupos de alumnos, un de primeiro de primaria e outro de quinto de primaria, xunto cos seus mestres de Educación Física e Coñecemento do Medio: José María Tuda Poza e Melisa Riveiro.
En xeral, nos dous grupos, o alumnado mostrou unha predisposición positiva cara a este proxecto. Son nenos/as, na súa maioría activos, que practican deporte nalgún dos clubs da zona ou coas súas familias. Nalgúns casos presentan unha dieta pouco saudable, sobre todo á hora de almorzar. En relación coa área de Coñecemento do Medio, móstranse entusiasmados ante a idea de deixar a cadeira e o libro de lado durante unha sesión semanal.

O tronco da nosa árbore: obxectivos

Os obxectivos que nos propuxemos en relación con este plan foron os seguintes:

- Contribuír a conseguir as recomendacións mínimas en canto á cantidade e á calidade de actividade física recomendada.

O grao de consecución deste obxectivo é relativamente alto. O incremento dunha hora semanal contribuíu en gran medida ao aumento de actividade física do alumnado, ao pasar de dúas a tres horas dentro do horario lectivo. Sería interesante levar este programa a outras áreas, para que este incremento fose maior.

- Facilitar a adquisición das competencias e os coñecementos relacionados con ambas as materias, dun xeito máis innovador e dinámico.

En xeral, o alumnado mostrouse moito máis receptivo e motivado nas sesións deste proxecto. Isto facilitou a adquisición dos coñecementos que se querían transmitir en cada unidade didáctica. Ademais, intentáronse formular actividades nas que o alumnado participase activamente: facendo propostas para as actividades, interactuando co contorno próximo…

- Aumentar a percepción e o control do propio corpo (esquema corporal), do espazo e do tempo, mellorando desta forma o coñecemento do mundo que nos rodea e das relacións coas demais persoas.

Este obxectivo traballouse paralelamente nas dúas áreas no inicio do curso ao traballar as diferentes partes e sistemas que forman parte do noso corpo. O alumnado decatouse de como a actividade física podía chegar a repercutir nos sistemas e aparellos, que forman parte do noso corpo. Tamén se traballou a orientación espazo-temporal do alumnado, a través dos diferentes xogos de orientación no plano e con compás.

Sesión de máis e mellor actividade física en primeiro curso

- Explorar e coñecer outros medios (natural) a través de actividades relacionadas coa orientación nos diferentes espazos.

Esta relación co medio natural traballouse, sobre todo, ao finalizar a programación; a través de pequenos circuítos de orientación no patio e no propio colexio.

- Mellorar a saúde e a calidade de vida.

O grao de consecución deste obxectivo é relativamente satisfactorio. O alumnado concienciouse sobre os beneficios que produce a práctica de actividade física. Ademais este programa axudou a que o alumnado se decatase da estreita relación entre ambas as áreas. En consecuencia, percibiron como, nunha área como Coñecemento do Medio, podemos aprender, á vez que incrementamos a nosa actividade física.

- Valorar e mellorar a adquisición de hábitos alimentarios adecuados e rexeitamento da inxestión de substancias prexudiciais.

Contribuíuse á adquisición deste obxectivo, principalmente, a través de dúas xornadas que se levaron a cabo no centro escolar en relación con este proxecto.

En primeiro curso a través da campaña “Come san, vive feliz”, á que tivemos acceso polo feito de ser un cole que leva a cabo varias iniciativas saudables. Nesta campaña o alumnado realizou unha xornada na que traballou diferentes actividades arredor da alimentación saudable e da práctica deportiva.

Outra iniciativa similar a esta foi “As olimpíadas no recreo”, nas que o alumnado de quinto elaborou un menú semanal saudable con cinco comidas ao día. Outro contido que traballaron nesta xornada foi a orientación espacial a través do compás.

- Practicar a correcta hixiene postural en diversas situacións da vida cotiá e propias da actividade física.

Traballar este obxectivo pareceunos primordial, nesta etapa da súa vida, polos malos hábitos posturais, xa adquiridos. Buscamos unha maneira lúdica de presentar actividades nas que o alumnado fose consciente da importancia da postura en certas actividades da vida cotiá, co que foi unha experiencia propioceptiva. A continuación presento algunhas das actividades que se levaron a cabo:

. As mudanzas: simulaban unha mudanza con caixas con pouco peso para controlar como levantar e mover unha carga.
· Imos de compras: o alumnado debía distribuír varios obxectos en dúas bolsas de tea iguais para posteriormente transportalas a outra zona.
· A miña mochila: o alumnado debía distribuír diferentes obxectos nunha mochila, en función do tamaño e do peso, tendo en conta os consellos xa tratados anteriormente.
. Inspector hixiene: os alumnos simulaban diferentes situacións da vida cotiá: durmir, facer os deberes, lavar os dentes… mentres outro grupo de alumnado, “inspectores hixiene”, ía detectando erros e intentando corrixir a súa postura.

Auga, aire e luz: implicación da comunidade educativa

Paralelamente a este proxecto, no noso centro desenvolvéronse outras iniciativas que fomentaron a actividade física dos nosos alumnos, como “Healthy kids, healthy school”, que implica a todo o profesorado e alumnado do centro. Este proxecto traballouse dentro do programa Comenius, no que participaron varios colexios europeos de Francia, Italia, Turquía, Alemaña, Portugal, Polonia e Grecia, xunto co noso centro educativo.
En relación a este plan, durante o curso escolar 2012/13 analizamos os hábitos alimentarios e de actividade física do noso alumnado. Cada país expuxo como traballaba a actividade física dos seus alumnos, e leváronse a cabo varios cuestionarios para comparar os hábitos alimenticios do alumnado.
Ademais, durante o curso escolar, contamos coa colaboración de diferentes clubs deportivos da zona: loita olímpica, balonmán, baloncesto, duatlón… que ofertaron diversas actividades deportivas destinadas ao tempo de lecer do alumnado.
No que se refire ás familias, intentamos implicalas á hora de mellorar os hábitos alimentarios do alumnado, sobre todo a media mañá. Establecemos unha orientación semanal do grupo de alimentos que podían traer os diferentes días da semana.

Como coidamos a nosa árbore?: descrición e metodoloxía

Os contidos deste programa foron impartidos de xeito interdisciplinario, coa colaboración do mestre titor de quinto curso, que imparte a área de Coñecemento do Medio neste curso, e da mestra de Educación Física que imparte Coñecemento do Medio no primeiro curso de educación primaria. Polo tanto, os contidos deste proxecto foron traballados nunha das horas lectivas de Coñecemento do Medio no quinto curso de educación primaria (18 alumnos/as), no primeiro curso de educación primaria (17 alumnos/as) e reforzados na área de Educación Física. A sesión dos dous cursos levouse a cabo os venres.
En canto á metodoloxía, en moitas ocasións proporcionóuselles a oportunidade de desenvolver actividades no ximnasio, no pavillón ou mesmo no exterior. Alumnado e profesorado buscamos e adaptamos material apropiado para cada práctica. Combináronse dinámicas destas ensinanzas cos contidos impartidos previamente na aula.
Intentamos achegarnos a metodoloxías que propiciasen o traballo cooperativo entre o alumnado, incentivando así dinámicas de interacción social.

                                               Sesión de máis e mellor actividade física en quinto curso

Os froitos do noso traballo… 

Velaquí, algunhas imaxes das últimas sesións de “Máis e mellor actividade física”:

 

 

 

                                                          

Como mellorar o coidado da nosa árbore?: avaliación

Para levar a cabo a avaliación deste proxecto realizouse:

  • Unha avaliación inicial sobre os hábitos de alimentación e de práctica deportiva do alumnado; como procedemento para observar os hábitos e os coñecementos do alumnado implicado no programa.

En xeral, observamos que o alumnado practica algún tipo de actividade física no seu tempo de lecer: fútbol, ximnasia artística, natación, balonmán...
No referente á alimentación, observamos que algún alumno non almorza ou non realiza un almorzo saudable. Ademais, a gran maioría non inxire froitas e verduras na cantidade recomendada.

  • Unha avaliación continua: utilizamos a observación sistemática directa do traballo fóra e dentro da aula e a observación indirecta dos traballos escritos que se realizaron nas sesións dentro da aula.

Observamos que despois de implantar este programa o alumnado mellorou na adquisición e compresión do vocabulario e dos procesos tratados nas diferentes unidades didácticas.
Nas sesións fóra da aula mostráronse máis motivados e receptivos aos novos contidos.

Todo o que aprendemos neste proceso

Ao finalizar o curso escolar, fixemos balance de que mellorariamos neste proxecto en relación á nosa experiencia. Algunhas desas ideas, entre outras, foron as seguintes:

  • Incluír outras áreas dentro deste programa, como as linguas e matemáticas.
  • Incrementar o número de sesións nas que o alumnado interactúe co medio natural.
  • Establecer algunha hora de coordinación docente do profesorado implicado.
  • Lograr a implicación dun maior número de alumnado e profesorado.

En relación cos beneficios deste proxecto, establecemos, entre outros:

  • Incremento no tempo dedicado a actividade física do alumnado.
  • Grao de implicación, motivación e atención do alumnado.
  • Aprendizaxes máis significativas do seu contorno próximo.
  • Mellora na adquisición e comprensión do vocabulario que se vai traballar.
  • Riqueza nas interaccións co contorno e cos compañeiros.

En conclusión, os beneficios deste programa son múltiples, e como mestres quizais deberiamos preguntarnos se o alumnado non pasa demasiadas horas sentado na súa cadeira diante do libro, cando temos unha gran riqueza de experiencias no noso contorno máis próximo. Citando a Tonucci, "La escuela debe ser capaz de leer la realidad concreta que rodea al niño. La geografía es la de su barrio; la historia, la de su familia". E quizais, se todos reflexionamos sobre esta idea, “un día los pupitres florecerán…” Frato 78.

 

Bibliografía: 

 

 

Tonucci, F, 2003. Cuando los niños dicen ¡basta!. Salamanca: Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Tonucci, F., 1998. La ciudad de los niños: un modo nuevo de pensar la ciudad. Salamanca: Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

Sección: