Proxecto O Mar
Vicente Míguez Salgueiro
Profesor de Relixión do CEIP Antonio Pedrosa Latas (Celeiro-Lugo)
vmiguez@edu.xunta.es
Empezaremos por salientar a natureza global do proxecto, incardinado no fondo arraigamento da familia mariñeira.
ORGANIZACIÓN
En setembro de 2012 o profesor de Relixión, Vicente Míguez Salgueiro, preséntalle ao claustro de profesores a iniciativa de levar a cabo o proxecto O Mar. Expuxo o programa coa fundamentación, obxectivos, contidos, actividades, temporización, secuenciación e estratexias. Nomeouse coordinador a Vicente e planificamos o ciclo do ano globalmente no marco do proxecto, cun seguimento da secuenciación e grao de cumprimento en reunións quincenais. A implicación do profesorado dos distintos niveis foi esencial para desenvolver, ampliar e mellorar o programa inicial.
Por acordo do claustro, con esta iniciativa tan ilusionante como ambiciosa, decidimos participar no plan Proxecta dentro do programa Terra.
FUNDAMENTACIÓN
A fundamentación do proxecto baséase na localización do noso colexio, no ámbito dunha poboación costeira que ao longo da súa historia mantivo como actividades principais a pesca, a industria salgadeira e da conserva, un sector que constitúe o sinal de identidade de Celeiro e de gran significación na Galicia do norte atlántico.
A actividade desta comunidade mariñeira mantén pescando as principais artes da pesca (baixura, arrastre, curricán, tenquedo, palangre, gran altura, marisqueo); conta, ademais, cun peirao comercial e dúas fábricas de conserva.
O noso porto é na actualidade pioneiro en todo o litoral español e un referente internacional na pesca, con iniciativas como instalar a primeira lonxa climatizada de España, o programa de rastrexabilidade para vender as capturas en liña desde o mar ou a experimentación de motores propulsados por gas.
En Celeiro sitúanse institucións e organismos representativos do mar: confraría de pescadores, delegación de pesca, Instituto Social da Mariña e Salvamento Marítimo, dotado cun dos dous heliportos de Galicia.
O colexio dispón de accesibilidade a todo este mundo grazas á dispoñibilidade de profesionais das distintas actividades do mar que se brindaron á colaboración para levar a bo porto o proxecto.
A iniciativa responde a estas posibilidades de recursos e a que a educación ten como un dos obxectivos esenciais dar a coñecer o ámbito da comunidade educativa onde desenvolve a súa función a escola.
OBXECTIVOS
- Coñecer as posibilidades do mundo do mar: económica, ambiental, turística, cultural…
- Distinguir as distintas actividades propias dunha vila costeira.
- Recoñecer os valores do mar como fonte de riqueza pesqueira e comercial, recursos biolóxicos e ruta de comunicación.
- Familiarizarse co vocabulario básico do mundo do mar.
- Promover a curiosidade polo noso contorno de litoral.
- Fomentar o respecto a un hábitat mariño.
- Concienciar da conservación dun ecosistema privilexiado.
- Integrar na escola unha realidade identitaria do noso contorno e de Galicia.
- Adquirir hábitos gastronómicos que recuperen o peixe como alimento esencial.
- Recoñecer o mundo do mar como un valor cultural que achega o léxico gremial da pesca, saberes de oficio e coñecemento do medio mariño.
CONTIDOS
- Proxecto O Mar formulámolo como unha achega con catro presenzas:
- Exposicións permanente e dinámica.
- Visualización de 16 vídeos coas pertinentes explicacións do coordinador.
- Normalización lingüística: concurso programado ao longo do curso no que se traballou o léxico gremial da pesca e do medio mariño con vocabulario, ditos e refráns mariñeiros.
- Actividades escolares e extraescolares.
A metodoloxía máis táctil vén ilustrada nas dúas exposicións:
- a exposición permanente consta de fotos e aparellos de pesca e navegación e constituíu a decoración do vestíbulo durante todo o curso.
- a exposición dinámica supuxo a galería de 62 fotos que cambiamos cada trimestre en función da temática que se está tratando.
No marco da exposición permanente constituíron un apartado máis da mostra as aportacións que foron achegando nenos e pais, e que contribuíron a realzala. Os contidos mostráronse na exposición aos alumnos dos distintos niveis, e logo foron visualizados e explicados en 13 vídeos de creación propia, dúas achegas de mariñeiros de Celeiro sobre a pesca de grande altura, e unha reportaxe da TVG dedicada á exposición e a dúas actividades desenvoltas. Emitiuse o 13 de xaneiro de 2013 no programa Vivir o mar.
O conxunto dos contidos en vídeo leva por título Días de mar:
1. Litoral. Descubrimos as posibilidades do medio mariño, ademais dos recursos pesqueiros e rutas de comercio e navegación, como fonte de riqueza paisaxística; tamén ofertas para turismo e deportes náuticos.
2. Mar de Aral. Os efectos desastrosos do desecamento dun mar que causou a ruína económica e ambiental no Mar de Aral e en toda a súa contorna.
3. Temporal. A vida dura do pescador en imaxes con barcos capeando o mal tempo.
4. Naufraxios. Un recordo dos máis soados naufraxios, desde o Titanic e a fragata Magdalena, que afundiu en 1810 na ría de Viveiro e causou consternación en toda España (880 afogados), ata a galerna de 1961 na que naufragaron tres lanchas e faleceron 30 mariñeiros de Celeiro, a máis gran traxedia na historia deste porto.
5. Pesca do Arrastre. Un vídeo que ilustra o proceso da pesca na arte do arrastre á parella.
6. Nenos boteiros. Con motivo do Día Internacional dos Dereitos do Neno, realizouse un vídeo-denuncia da explotación infantil. No porto de Celeiro ata mediados do século XX dábase a figura do “neno boteiro”, aqueles rapaciños encargados de darlles servizo ás lanchas cando non había peiraos de atraque.
7. Memoria colectiva. Un repaso ás transformacións que causaron unha desfeita paisaxística e ambiental, coa regresión no litoral da ría de Viveiro e porto de Celeiro ao longo destes últimos cen anos.
8. Muller traballadora. Con motivo do Día Internacional da Muller Traballadora, homenaxe ás mulleres traballadoras que fixeron de nai e pai por ter o marido embarcado.
9. Muller mariñeira. Recoñecemento do rol fundamental que exerceu a muller das comunidades pesqueiras.
10. O Tronio na Antártida. O Tronio é o único barco galego con licenza (dos cinco españois que pescan en augas da Antártida) pescando con palangres peixe espada; trátase dun tipo de pesca ecolóxica.
11. Pesca de grande altura. Vídeo realizado e achegado por unha alumna de quinto curso, filla dun dos tripulantes do barco de Celeiro Carmen Tere. Móstranos os labores dun pesqueiro de grande altura na pesca do peixe espada, atún e quenllas.
12. Embarcacións, artes e oficios. Un repaso polos tipos de embarcacións máis usados nos últimos cen anos en todos os portos galegos e do Cantábrico: traiñóns, botes, lanchas motoras, vapores, boniteiros, arrastreiros... unha mostra da frota pesqueira de Celeiro, desde as tarrafas do cerco ata os grandes barcos conxeladores que van á pesca de grande altura por augas de Nova Zelandia ou a Antártida.
13. Tripulacións. Homenaxe aos verdadeiros protagonistas do medio mariño: os tripulantes.
14. A pesca da xarda. Con motivo da costeira da xarda (meses de febreiro e marzo), emitimos esta reportaxe levada a cabo pola TVG.
15. Vivir o mar. Reportaxe sobre o proxecto neste programa da TVG:
16. Canción Amar o mar. Vídeo coa melodía composta polo ex-alumno Pedro Rodríguez Pérez, cantada por el mesmo co acompañamento da profesora de música do noso colexio, Marta Pérez, e sobre un texto de Vicente Míguez, tamén mestre no centro.
ACTIVIDADES
- Exposición. Mostra con aparellos de navegación (radar, sonda, LORAN, telefonía, GPS), pesca (redes do cerco e arrastre, palangres, nasas, sondas) e comunicación (radiogoniómetro, telefonía, VHF). De fondo, cartas náuticas e portulanos. A exposición é dinámica: cada trimestre as achegas correspóndense co tema que se estaba desenvolvendo: no primeiro trimestre, as imaxes ilustraban as transformacións de ribeira na ría de Viveiro e no porto de Celeiro. O segundo trimestre, ambientouse con estampas e material das fábricas de conserva. O terceiro trimestre, dedicaríase ás artes, oficios e especies, embarcacións e tripulacións.
- Visita guiada a un barco parella do arrastre a cargo do capitán de pesca José Pino González.
- Visita guiada a un barco mercante, a cargo do práctico de porto e capitán da Mariña Mercante Andrés Díaz Ferro.
- Recoñecemos as principais especies que se poxan nos portos galegos. Distinción práctica a cargo de José M. Míguez Fernández, vendedor na lonxa de Puerto Celeiro, SA.
- Ambientación do colexio con paneis de 1,50 x 1,20 metros con motivos mariños do mundo da cultura (pintura, literatura, cine).
- Identificación de institucións e organismos da pesca, con visita ao heliporto de Salvamento Marítimo con base en Celeiro.
- Visita á fábrica Conservas Antonio Alonso, instalada en Celeiro en 1925.
- Exposición de materiais dunha carpintería de ribeira.
- Navegación por radio control. Exhibición de maquetas de barcos na piscina municipal na que participaron tamén nenos e nenas do noso colexio.
- Inclusión no programa da TVG Vivir o mar dunha reportaxe da exposición, da visita ao barco de arrastre e da distinción práctica de especies mariñas nas instalacións da lonxa.
- Participación dos pais no proxecto O Mar mediante a achega de fotos e materiais de pesca que se incorporaron á exposición.
- Mostra dos 13 vídeos de elaboración propia e mais tres achegas.
- Con motivo do Día da Paz, envío de mensaxes en dúas botellas que se tiraron ao mar, unha desde un pesqueiro no mar Cantábrico e a outra desde un barco mercante en augas do Atlántico. As botellas levaban mensaxes de paz escritas por alumnos de cada curso de primaria, ademais de información en galego, castelán e inglés co enderezo web do noso colexio.
- Xornada de portas abertas con motivo do Día da Muller Traballadora. A exposición ambientouse con materiais dunha conserveira. O acto rematou cunha charla sobre a historia da conserva ilustrada con vídeos.
- O Día da Muller Traballadora, páxina especial publicada o 8 de marzo en La Voz de Galicia cun artigo do propio coordinador titulado “A sombra do pescador, contra vento e marea”.
- Visita co alumnado de terceiro ciclo á Casa dos Peixes na Coruña.
- Viaxe co alumnado de segundo ciclo pola Mariña e visita ao Museo do Mar de San Cibrao e ao Museo Calamar Xigante CEPESMA de Luarca, e visita á praia das Catedrais en Ribadeo.
- No Día das Letras Galegas, vellos mariñeiros actuaron na escola, cunha escolma de cancións populares do porto de Celeiro.
- Interpretación da canción “Amar o mar” no Día das Letras Galegas, ademais da actuación do coro do colexio no Conservatorio de Viveiro.
- Visita ao Museo Massó.
- Travesía en catamarán na ría de Vigo para desembarcar nas Illas Cíes, do Parque Natural das Illas Atlánticas, onde asistiron a un programa educativo sobre o medio.
- Navegación en catamarán pola ría de Arousa para coñecer de preto o cultivo dos mexillóns e visualizar os fondos mariños.
- “Que é a antropoloxía?”: charla para o alumnado de terceiro ciclo a cargo de José Manuel Montero Llerandi, profesor de antropoloxía na Universidade Nacional de Educación a Distancia.
- Xornada de navegación en cinco veleiros clase Optimist e sete kaiaks, en colaboración co Real Náutico Casino de Viveiro.
- Representación teatral. Co Obradoiro de Teatro (21 anos funcionando esta actividade extraescolar), ensaiando todos os xoves de outubro a xuño, participan 23 nenos e nenas. A obra, escrita polo coordinador do Proxecto e titulada Casa Macho, trata dunha familia mariñeira.
- Concurso no cartel da Festa da Pescada, de interese turístico galego, no que acadan o primeiro premio infantil os alumnos e alumnas de primeiro curso.
- Creación dun arquivo escolar con fondos bibliográficos, imaxes en vídeo e fotografía do proxecto O Mar, e de utilidade como material de biblioteca e para exposición en futuros cursos.
- Seguimento do proxecto na web do CEIP Antonio Pedrosa Latas (Bibliosoños) a través da pestana Vídeos O Mar.
- Ao rematar o curso, traslado da exposición ao Centro Sociocultural de Celeiro. A mostra estivo aberta do 13 ao 22 de xullo, no marco das actividades de ocio e cultura das festas patronais na parroquia.
- Elaboración dunha memoria do proxecto O Mar.
- Publicación do calendario 2014 cunha escolma de 38 fotos representativas da exposición proxecto O Mar.
TEMPORIZACIÓN
As actividades extraescolares veñen predeterminadas na programación anual, de tal xeito que o alumnado de infantil fai visitas á localidade; os de primeiro ciclo, ao municipio; os de segundo, á provincia; e os de terceiro, pola comunidade autonómica. Secuenciamos as saídas adaptándoas ao proxecto O Mar. Así, os de infantil visitaron o heliporto de Celeiro en cuxo andar puideron subir ao helicóptero de Salvamento Marítimo; os de primeiro ciclo percorreron no tren da costa o litoral ata San Cibrao, onde visitaron o Museo do Mar; segundo ciclo, viaxou ao CEPESMA, Luarca, para coñecer o Centro de Interpretación do Calamar Xigante, e paramos á volta na praia das Catedrais; noutro trimestre acudimos á fábrica de conservas Alonso, situada en Celeiro, para coñecer a elaboración do bonito. Para terceiro ciclo, ademais de visitar a Casa dos Peixes na Coruña programouse a excursión de fin de curso con tres días no Mosteiro de Poio para achegarnos ao castro de Baroña, Museo Massó, e ao parque das Illas Atlánticas, onde asistiron a un programa ambiental, logo de observar nun catamarán a cría do mexillón. Nestas actividades os titores de curso acompañaron aos seus alumnos nas respectivas saídas. En case todas, os coordinadores de ciclo xestionaron as viaxes. Na visita ao barco pesqueiro Mercante, heliporto, TVG, medios de comunicación e xornada náutica o coordinador de proxecto O Mar contactou con profesionais do sector para levalas a cabo. O equipo directivo xestionaría a excursión de fin de curso, ademais de colaborar nas tres montaxes e desmontaxes da exposición.
ESTRATEXIAS
1. COMPLICIDADE. Involucrar non só a toda a comunidade educativa, senón contar con toda unha comunidade mariñeira, a xente do sector, desde profesionais do mar ata mariñeiros e obreiras da conserva. Recuperaríase a memoria laboral dun pobo cunha tradición pesqueira de tan fondo arraigamento neste porto que o converte no seu sinal de identidade. Deste xeito, o conxunto da vila de Celeiro estaría representado, participativo e protagonista. Conseguiuse que todos fosen actores do proceso educativo.
2. VISIBILIDADE. Conscientes da dimensión interactiva que implica ao alumnado, enviámoslles tanto á prensa como á radio e á televisión aquelas actividades que consideramos que merecían ser reflectidas nos medios de comunicación, para que levasen a cabo unha cobertura mediática que implicaría a difusión do proxecto, así como salientar a participación e o protagonismo do conxunto da comunidade educativa e demais partícipes (profesionais do sector, asociacións e colectivos vinculados ao mundo da pesca e da conserva).
AVALIACIÓN
Especial mención merece a implicación das profesoras de infantil, cun labor inxente en cartelería, manualidades e fornecendo ideas que enriqueceron o programa inicial. Unha delas foi elaborar mensaxes de paz para lanzalas dentro de botellas ao mar. Mostra da interactividade do proxecto e da súa persistencia, unha botella apareceu nunha praia de Cantabria e a señora que a atopou remitiunos unha carta emotiva na que nos contaba que reunira a toda a familia para ler as mensaxes e que a súa neta levara as mensaxes ao colexio, onde fixeron a mesma actividade e botaron outra botella ao mar. Pola súa banda, o capitán do mercante que tirou outra enviounos unha notificación de onde fora lanzada para que, como tarefa de clase, buscasen os nenos a dita situación no mapa.
Só nunha actividade se nos presentaron obstáculos: na celebración da xornada náutica, debido á cantidade de requisitos burocráticos, permisos da Capitanía, Portos, seguros de responsabilidade civil… que nos complicaron ata o punto de ternos que dar de alta con licenza da Federación Galega de Vela.
Ademais de superar os obxectivos iniciais programados, que foron ampliándose con actividades ao longo do curso, escuso dicir a sensación de ternos realizado profesionalmente con este proxecto tan pedagóxico como vivencial. Sirva como exemplo o episodio da visita ao Museo Massó: cando a directora preguntou “sabedes que son eses barrís?”, unha alumna de quinto explicou o proceso da industria salgadeira de anchoa e os inicios da conserva “con Nicolás Appert que gañou o concurso por dar cun método de conservar alimentos, pero como era fráxil o cristal e entraba luz que estragaba as vitaminas, un señor inglés inventou a lata”. Explicou tamén que o sal absorbe a auga, onde van os microorganismos que deterioran os alimentos. Asistimos daquela ao fin cumprido do proceso educativo: que o alumno sexa quen transmite o saber.
A xornada de portas abertas, que superou as expectativas pola numerosa afluencia de pais, avós e veciños, amosou a implicación xeral no proxecto dunha comunidade educativa viva.
Como mostra da vixencia do proxecto O Mar, cómpre sinalar a creación dun fondo fotográfico, dun arquivo para uso da biblioteca e material para posibilitar exposicións en vindeiros cursos.
Por outra banda, agora mesmo publicamos un calendario 2014 co obxectivo de recadar fondos para excursións e tamén de plasmar en imaxes unha retrospectiva das tres exposicións levadas a cabo.
Finalmente, realizáronse en Bilbao a finais de novembro pasado unhas xornadas de Recuperación do Patrimonio Marítimo; nelas interveu José Pino, capitán de pesca e colaborador do noso proxecto, quen propuxo como iniciativa para valorar o que é un mar de cultura. A experiencia demostra que a iniciativa navega esfollando a rosa dos ventos e que nada se foi polo mar abaixo.
CONCLUSIÓN
Embarcámonos nunha aventura que precisaba de remar todos a unha e cun mesmo rumbo para levar a nave a bo porto. A convicción desta iniciativa educativa deparounos singraduras con tanta faena como satisfacción profesional; había que mollarse, pero o reto valería a pena: a escola devolveunos o norte.
Carmona Badía, X. Los Alonso. Universidade de Santiago de Compostela.
Cornide Saavedra J. (M. DCCLXXIV). Memoria sobre la pesca de sardina en las costas de Galicia. Madrid: editado por Joachin Ibarra, impresor de Cámara da súa Maxestade (Carlos III).
Míguez Salgueiro, V. (2011). A lúa deitada en Porto Norte. Viveiro: Gráficas Neira (1.ª edición).
Montero Llerandi, J. M. (1989). Gentes del mar. Madrid: Editorial Ministerio de Traballo e Seguridade Social (1.ª edición).
Muñoz Abeledo, L. (2002). Los mercados de trabajo en las industrias marítimas de Galicia. Una perspectiva histórica, 1870-1936. Barcelona: Departamento de Economía e Historia Económica, Universidade Autónoma de Barcelona.
Piñeiro de San Miguel, E. e Gómez Blanco, A. (2001). A pesca e os mariñeiros. Fene: Edita Grafitec.
Rodríguez Santamaría, B. (1916). Los pescadores del norte y noroeste de España. Madrid. Facsímile do Consello da Cultura Galega (Santiago, 2005).
Romaní García, A. (1991). A revolución tecnolóxica na industria salgadeira de Galicia. Vigo: Unipro Editorial, SA.
Santos Castroviejo, S. (1990). Historia da pesca e a salgazón. Vigo: Unipro Editorial, SA.
Vallejo Pousada, R. (2003). Historia da pesca en Galicia (Das orixes ata o século XVIII). Pontevedra: Revista de Estudos Provinciais.
Varios (2000). O medio mariño. Santiago de Compostela: Tórculo, SAL (unidade didáctica do Museo do Pobo Galego).