MeteoMuxía, unha meteoescola interdisciplinar

Adquirir competencias básicas realizando investigación ambiental no IES Ramón Caamaño (Programa MeteoEscolas)
Andaina meteorolóxica no IES Ramón Caamaño (Muxía), onde se estableceu unha conexión entre as diferentes materias arredor dun eixe central, o clima na nosa contorna.

Divina Oróns García, profesora de Matemáticas
divioro@edu.xunta.es
Margarita Tobío Recarey, profesora de Bioloxía
mtobio@edu.xunta.es

 

Un proxecto colaborativo de centro: o meu clima                      

No mes de setembro de 2012 decidimos participar no programa MeteoEscolas, de MeteoGalicia, incluído dentro do Plan Proxecta.

O noso IES é un centro pequeno da Costa da Morte e o proxecto que puxemos en marcha foi un axente dinamizador, cun alto grao de implicación do profesorado e coa participación activa das cativas e dos cativos.

Desenvolvemos os contidos curriculares de xeito integrado, coa pretensión de mellorar a práctica educativa e de involucrar activamente o alumnado no proceso de aprendizaxe.

Promovemos colaboración, interdependencia e asunción de responsabilidades individuais e de grupo para acadar, entre as rapazas e os rapaces, o desenvolvemento das oito competencias básicas e a educación en valores.

E que intentamos conseguir?

Durante varios meses, profesorado e alumnado de diferentes áreas e niveis traballamos conxuntamente para acadar a consecución dos seguintes obxectivos:

Obxectivos xerais

  • Desenvolver o espírito de observación e análise da contorna.
  • Promover a integración da aprendizaxe colaborativa.
  • Conseguir que os rapaces e rapazas aprendan facendo, acadando maior motivación.
  • Desenvolver de forma interdisciplinar competencias en investigación ambiental.

Obxectivos específicos

  • Achegar os adolescentes ao mundo da meteoroloxía.
  • Desenvolver as habilidades investigadoras no alumnado, fomentando o uso de métodos de traballo rigorosos e científicos.
  • Utilizar ferramentas matemáticas para o tratamento e a análise de datos.
  • Dotar o alumnado de estratexias de busca, análise e comunicación da información.
  • Adquirir capacidade para entender a meteoroloxía en Lingua Inglesa e Francesa.
  • Utilizar as TIC de maneira aplicada.
  • Potenciar a creatividade.

E como nos organizamos?

A experiencia meteorolóxica coa que nos comprometemos necesitou de varios espazos, nos que as alumnas e os alumnos desenvolveron as actividades formuladas: estación meteorolóxica nunha parcela do instituto, aulas dos grupos, aula de Informática, aula de Plástica, laboratorio, taller de Tecnoloxía, biblioteca, patio do instituto, cuarto onde está instalada a radio do noso centro (Radio Buserana), parroquias do concello de Muxía (nas vivendas ou en contacto co medio).

En canto á organización temporal, hai que destacar que foi necesario traballar durante os períodos de clase, nalgúns recreos e fóra do horario lectivo, en función das diversas actividades.

A finais de outubro, os profesores participantes no proxecto realizamos a primeira xuntanza para distribuír o traballo que ían realizar os diferentes grupos. Dez profesores formamos o equipo multidisciplinar. No mes de novembro informamos o alumnado e recollemos algunhas das súas propostas. Nunha segunda xuntanza, no mes de febreiro, introducimos algunhas modificacións sobre o inicialmente formulado.

A organización do traballo do alumnado foi variable. Ás veces, foi necesario traballar en gran grupo, outras, por parellas e, nalgunhas ocasións, de forma individual.

E todo xirou arredor da nosa estación meteorolóxica...

Está situada nunha parcela do noso instituto, a 11 m de altitude, latitude 43º 6' N e lonxitude 9º 13' W. Consta dunha caseta que foi construída no mes de decembro; caixa de madeira, pintada de branco, coa porta orientada cara ao norte para resgardar os aparatos da radiación solar, coas paredes laminadas para permitir a circulación do aire e colocada sobre un soporte de 1 metro de altura. O persoal de MeteoGalicia proporcionounos un termómetro de temperaturas máxima e mínima e un pluviómetro. Actualmente, ademais dunha estación manual tamén temos unha estación automática que recibimos de MeteoGalicia (como premio) e un captador de auga de chuvia que nos cedeu o persoal do LMGA.

Unha vez montada a estación manual MeteoMuxía, comezaron as medicións e anotacións dos datos da chuvia (l/m2), das temperaturas máxima e mínima (ºC) e a observación doutros fenómenos meteorolóxicos (orballo, xeada, neve, néboa e treboada). De luns a venres, entre as 9.10 e as 9.20 horas, responsabilizáronse desta actividade os alumnos/as de primeiro e segundo da ESO, e de terceiro e cuarto de PDC. Inicialmente baixabamos os profesores con eles e, unha vez que aprenderon a medir, xa o fixeron sós. A actividade foi supervisada por cinco profesores, de CCNN, CSXH e do Ámbito Científico -Técnico.

E diariamente, os alumnos/as de cuarto da ESO (na clase de Bioloxía e/ou nos recreos na aula de Informática) encargáronse de inserir os datos meteorolóxicos na web de MeteoGalicia, na nosa meteoescola.

E mediron a velocidade do vento cun aparello caseiro (anemómetro) que eles mesmos construíron, baseado na medición de ángulos. Os materiais empregados foron: unha pelota de pimpón, dous transportadores de ángulos, fío, agulla, regra e pegamento.

O procedemento que empregou o alumnado para construílo foi:

- Enfiar a agulla co fío e atravesar con ela a pelota de pimpón.

- Sacar a agulla e facer un nó no fío, de maneira que a pelota non escape.

- Colgar o fío do centro da parte recta do transportador, de xeito que a pelota pendure por baixo do lado curvo.

- Adherir o fío con pegamento.

- Pegar o outro transportador ao primeiro, de xeito que o fío quede no medio deles.

- Pegar a regra a un dos lados do transportador, como para facer de mango.

Durante o mes de abril, parellas de alumnos de segundo da ESO baixaron diariamente ao patio durante varios minutos, coa profesora de Física e Química, e rexistraron os datos. Sostiñan o aparato nivelado e paralelo ao vento e, cando a pelota era empurrada cara arriba, observaban o ángulo alcanzado polo fío e calculaban a velocidade segundo unha táboa. 

 

E que fixeron cos datos obtidos nas medicións?

  • Realización e interpretación de climogramas na clase de Ciencias Sociais co alumnado de primeiro da ESO.
  • Tratamento informático realizando táboas e gráficos. Alumnos/as de terceiro da ESO e cuarto de PDC, coordinados polos profesores de Matemáticas, estableceron comparativas con outras dúas meteoescolas (Cervantes e Vigo) e analizaron as temperaturas máxima e mínima, as oscilacións térmicas e as precipitacións. Tamén fixeron gráficos en relación cos rexistros obtidos co noso “ventómetrus”. Analizaron os datos e obtiveron conclusións.
  • Formulación e contrastación de hipóteses co alumnado de terceiro de PDC. Cando vai vento do norte, prodúcese un descenso térmico? Hai relación entre o vento do oeste e a chuvia?

 

 

 

E pasaron ao laboratorio... Os cativos de primeiro da ESO estiveron a investigar na clase de Ciencias da Natureza. Tres meteoexperimentos –A auga que non cae, A vela que fai subir a auga e Aires embotellados– permitíronlles comprender mellor o concepto da presión atmosférica.

No experimento A auga que non cae, os alumnos encheron as ¾ partes dun vaso con auga; colocaron un anaco de papel de folio tapando a boca do vaso; inverteron o vaso e comprobaron que a auga non caía. Logo chegaron os razoamentos científicos.

No experimento A vela que fai subir a auga, os alumnos botaron auga coloreada nun recipiente de vidro; acenderon unha vela e colocárona no centro; cubriron a vela cun vaso e observaron como a vela se apagaba e como subía o líquido. De novo, os razoamentos científicos.

No experimento Aires embotellados, os alumnos quentaron auga ata o seu punto de ebulición; botaron a auga nunha botella de plástico; axitárona para que o vapor de auga ocupase o interior; arrefriaron a botella e observaron como se esmagaba. E outra vez, os razoamentos científicos.

Aprenderon facendo e adquiriron competencias básicas arredor do tema meteorolóxico.

 

E desde Radio Buserana, información meteorolóxica para a fin de semana... Doce alumnos/as (segundo e terceiro da ESO) formaron un equipo de radio e emitiron o espazo radiofónico MeteoMuxía todos os venres, de decembro a xuño. O día anterior preparaban un parte meteorolóxico co prognóstico do tempo para a contorna na fin de semana, buscando información nas páxinas de www.meteogalicia.es/www.aemet.es. Emitiron en lingua galega, en inglés e tamén en francés. A actividade foi coordinada polas profesoras de Bioloxía e de Inglés e polo profesor de Francés.

 

E indicaron o prognóstico do tempo para a fin de semana nun mapa significativo na entrada do noso IES. Todos os venres, alumnos/as de segundo da ESO, coordinados pola profesora de Ciencias Sociais.

E alumnos de primeiro e terceiro da ESO, coordinados pola profesora de Lingua Galega, andaban na procura entre a familia e a veciñanza de refráns populares e costumes relacionados co clima ou realizando entrevistas para coñecer como as condicións atmosféricas lle afectaban á profesión de mariñeiro. Tamén realizando actividades e pasatempos na plataforma JClic coas contribucións do alumnado.

E potenciaron a súa creatividade na clase de Educación Plástica e Visual. Os alumnos/as de terceiro da ESO estiveron deseñando instrumentos de medición meteorolóxica. Ademais, os seus compañeiros de cuarto da ESO fotografaron o ceo muxián.

 

 

Cando estiveron rematados, algúns deseños pasaron ao taller de Tecnoloxía, onde os rapaces construíron maquetas de cataventos.

E desde Proxecto Interdisciplinar, os máis novos relacionáronse coa temática meteorolóxica a través da visión de filmes: “No cine tamén chove”. Por outra banda, analizaron fenómenos atmosféricos da contorna: mar de vento, mar de fondo, último raio de sol en Cabo Touriñán...

E na primeira quincena de abril de 2013, chegaron ao noso centro os paneis de ExpoMeteoro. Aproveitamos para traballar co alumnado de primeiro  e terceiro da ESO, e terceiro e cuarto de PDC, realizando diversas actividades coa finalidade de aumentar a formación en temas meteorolóxicos.

Os diferentes grupos traballaron arredor dos paneis, intentando responder as preguntas formuladas no seguinte cuestionario. Logo, fixemos unha posta en común nas aulas para aclarar algúns fenómenos e eliminar preconceptos erróneos.

Recompilación dos materiais e xornada de exposición pública

Os alumnos/as de cuarto da ESO, coordinados pola profesora de Matemáticas, realizaron a montaxe dun vídeo que resume o traballo feito no IES Ramón Caamaño.

E a coordinación creou o blog http://meteomuxia.blogspot.com.es/ onde aparecen recollidos todos os traballos desenvolvidos.

Aproveitamos a xornada do día 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, para reunirnos todos (alumnado e profesorado) e ollar o traballo colaborativo e interdisciplinar realizado.

E ademais na revista do noso centro, Buserana, publicouse unha reportaxe sobre o feito no proxecto para difundilo entre as familias.

 

E que metodoloxía aplicamos?

Buscamos que o alumnado se implicase a través da motivación e que fose o protagonista da súa aprendizaxe. Fomentamos a construción de aprendizaxes significativas. Promovemos a capacidade de aprender a aprender. Creamos un clima de cooperación. Axudamos a construír, adquirir e desenvolver as competencias básicas.

E ao final, establecemento de comparacións entre o punto de partida e o acadado...

A avaliación non foi unha fase independente do proxecto, formou parte del. Foise axustando a intervención educativa para ir reconducíndoo, cun mantemento de forma aberta e flexible.

Analizouse se a práctica educativa foi a axeitada por parte do profesorado e tamén o alumnado avaliou (utilizando cuestionarios como instrumentos) o seu propio traballo, a implicación e a aprendizaxe realizada.

Conclusións

Despois das análises necesarias, podemos manifestar que:

  • O proxecto levouse a cabo nun contorno colaborador, cun alto grao de implicación dos participantes.
  • Case todas as actividades propostas favoreceron aprendizaxes funcionais e significativas.
  • A maior parte do alumnado, transformándose en científicas/os, informáticas/os, matemáticas/os, enxeñeiras/os, meteorólogas/os, xornalistas e lingüistas, adquiriu competencias en relación co tema meteorolóxico.

Xunto co alumnado e coas autoras deste artigo, colaboraron nesta experiencia meteorolóxica:

  • Arines Sánchez, Xurxo – Tecnoloxía
  • Blanco Pose, Jesús – Matemáticas
  • Calviño Louzao, Esteban - Matemáticas
  • Fernández Montoto, Marina – Inglés
  • Fernández Riádigos, M.ª Jesús – Física e Química
  • García San León, Olalla – Educación Plástica e Visual
  • López López, Ángel – Conserxe do noso instituto que colaborou realizando as medicións no mes de xullo.
  • Mariño Abuín, Xoán – Francés
  • Pita Rubido, Luísa – Lingua Galega
  • Regueira Varela, M.ª del Carmen – Ciencias Sociais
  • Ventosa Sixto, Ricardo – Director do IES Ramón Caamaño, que co seu apoio contribuíu ao desenvolvemento do proxecto.

E recibimos o primeiro Premio do Programa MeteoEscolas 2013, en recoñecemento do traballo, esforzo e interese da comunidade educativa.

 

 

Bibliografía: 

 

Lage González, A.; Lago Núñez, A. (2011). Unidade didáctica: Meteoroloxía. MeteoGalicia.

Sóñora Luna, F. et al. (2009). Aprendendo coas Escolas Climántica. Xunta de Galicia.

Web Aemet: www.aemet.es

Web Climántica: www.climantica.org

Web MeteoGalicia: www.meteogalicia.es

Web Temps atmosphérique: www.lepointdufle.net

Web Vídeos V-Televisión: www.media.vtelevision.es

Web Vídeos YouTube: www.youtube.com

Web Weather: www.weather-forecast.com

Sección: