"Coñecendo Foz pouco a pouco"

Un proxecto interdisciplinar desde a biblioteca no CEIP de Foz nº 1
É difícil pensar nunha educación do século XXI aferrada unicamente ao libro de texto. O propio currículo esíxenos o tratamento da información e a competencia dixital. Desde a biblioteca escolar, como lugar de acceso tanto a recursos dixitais como a fondos documentais, propoñemos un proxecto de traballo que axude á alfabetización informacional do noso alumnado.

Noelia López Montero
Coordinadora da Biblioteca
nlpezmontero@edu.xunta.es
M.ª Paz Rodríguez Sanjurjo
Mestra de Educación Física

O NOSO CENTRO

Somos o CEIP de Foz número 1, situado na zona urbana do concello de Foz, na Mariña Central de Lugo.

O noso centro non ten alumnado transportado, pertence todo á zona urbana. Contamos cun total de 140 alumnos (dos cales un 25 % son inmigrantes), distribuídos en tres aulas de infantil e seis de primaria e un claustro formado por catorce mestres.

A NOSA BIBLIOTECA

Existe a necesidade de cumprir coa normativa vixente, tanto coa LOE coma co Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se estable o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 09/07/2007). Nel recóllese a elaboración e posta en funcionamento do proxecto lector de centro, para o que é preciso a existencia dunha biblioteca escolar que funcione como centro de recursos da información. Para isto, a dirección do centro determina que é preciso crear un equipo de biblioteca que a poña a funcionar de xeito efectivo e non só como lugar no que se almacenan e se prestan os libros. É por iso polo que no curso 2008/2009 se crea o devandito equipo, con horario para a realización das súas funcións e unha pequena asignación económica para fondos da biblioteca escolar. Así iniciamos a andadura da biblioteca actual.

Contabamos cun espazo de 48 m2 e andeis laterais. Comezouse cun expurgo de materiais, pintouse o local e organizáronse os andeis segundo a CDU adaptada e a catalogación dos fondos no programa Meiga.

No último trimestre do curso 2008/2009, abrimos a biblioteca ao alumnado do centro e empezamos a traballar por grupos, en diversas sesións para cada curso de primaria, impartidas na biblioteca e dirixidas polas súas encargadas, sobre a formación de usuarios e o fomento da lectura, con actividades como a creación da mascota da biblioteca, a realización de marcadores de espazo, actividades para coñecer a estrutura da biblioteca segundo a CDU adaptada, contacontos, celebración do Día do Libro e préstamos ao alumnado e profesorado do centro.

Esta liña de traballo continuámola no curso 2009/2010 engadindo actividades de formación de usuarios por medio de murais coas normas da biblioteca, bingo de etiquetas, visitas á biblioteca municipal… No que ten que ver co fomento da lectura, comezamos co programa das Mochilas Viaxeiras, a implantación da Hora de Ler en cada curso, contacontos para infantil cada tres semanas (realizados polas encargadas da biblioteca), contacontos nos recreos (realizados por alumnado voluntario), concurso de redacción coa finalidade de elaborar un libro, visita de contacontos, semana do teatro con representación de pequenas pezas por parte do alumnado... E, relacionado coa educación documental, traballamos con temas como o outono, a semana contra a violencia de xénero, a semana da paz, os moluscos...

A partir do curso 2010/2011 entramos a formar parte do Plan de mellora de bibliotecas escolares.

PROXECTO DE EDUCACIÓN DOCUMENTAL: COÑECENDO FOZ POUCO A POUCO

XUSTIFICACIÓN DO PROXECTO

O noso proxecto de biblioteca vén determinado pola necesidade de responder ás novas esixencias que se formulan no sistema educativo e aos avances na sociedade da información. A nosa pretensión é que sirva como un recurso innovador nos procesos de ensinanza-aprendizaxe, integrándoa na práctica educativa do centro, ademais de funcionar como un auténtico centro de recursos documentais e de información, que apoie o labor docente e a autoaprendizaxe do alumnado.

Despois de varios anos traballando desde a biblioteca con temáticas trimestrais dirixidas polas encargadas da biblioteca, decidimos que era hora de formar alumnado autónomo na busca, recompilación e elaboración de traballos sobre un proxecto documental e integrado no currículo educativo.

Desde o equipo de biblioteca, e en colaboración co equipo de dinamización da lingua galega, consideramos que sería moi interesante que o noso alumnado, e nós tamén, iniciase un proxecto de educación documental para coñecer mellor o noso concello. Así naceu o proxecto plurianual Coñecendo Foz pouco a pouco.

Decantámonos por este proxecto porque pretendemos motivar o alumnado partindo do seu contorno e baseándonos nos obxectivos curriculares:

  • Coñecer e valorar a súa contorna natural, social e cultural, así como as posibilidades de acción e de coidado desta, con especial atención á singularidade de Galicia.
  • Coñecer mulleres e homes que realizaron contribucións  importantes á cultura da sociedade galega.

Ao tratarse dunha temática próxima, estaremos atentos á información que poidan ofrecer as familias, co que se implica a toda a comunidade educativa.

DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO COÑECENDO FOZ POUCO A POUCO

En relación co proxecto, debemos ter en conta que está enmarcado dentro dos seguintes obxectivos curriculares:

  • Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe.
  • Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da información e da comunicación, e desenvolver o espírito crítico ante as mensaxes que recibe e elabora.

Os obxectivos propostos para o proxecto foron os seguintes: coñecer a historia da súa vila, a flora e a fauna, a traxectoria musical, a historia deportiva, a arquitectura e outras artes, a tradición oral popular, as festas locais...; fomentar o gusto pola busca e o descubrimento de novas informacións; estimular o coñecemento do mundo partindo do contorno inmediato que os rodea; fomentar o espírito crítico en relación coas fontes de información; mellorar as competencias TIC e favorecer a cooperación cos compañeiros á hora de realizar traballos en equipo; emitir críticas responsables sobre o traballo dos compañeiros, así como asumir as críticas sobre o traballo propio.

Co proxecto traballamos todas as competencias educativas. A competencia en comunicación lingüística (presentar, explicar, escoitar, comprender, ler e escribir…), a competencia matemática (realizar liñas do tempo, recoñecer formas xeométricas, representar a escala…), a competencia no coñecemento e na interacción co mundo físico (mostrar curiosidade por coñecer o contorno actual e ao longo da historia), o tratamento da información e competencia dixital (buscar a información en diferentes medios, elaborar traballos en soportes dixitais, realizar actividades en liña, fomentar o espírito critico…), a competencia social e cidadá (escoitar, participar, implicarse, respectar os compañeiros, ter un comportamento adecuado nas visitas a lugares de interese…), a competencia cultural e artística (mostrar interese polos costumes doutras épocas, tradicións, historia, polos traballos que se realizan no contorno, pola arte, cancións… así como empregar diferentes técnicas e materiais para a elaboración de traballos plásticos…), a competencia para aprender a aprender (buscar, seleccionar, tratar e recompilar información, fomentar o espírito crítico…), a competencia en autonomía e iniciativa persoal (cumprir coas tarefas con responsabilidade na realización do seu traballo, traballar en grupo de forma responsable…).

Como comentamos anteriormente, trátase dun proxecto plurianual. No curso 2012/2013 traballamos os seguintes temas:

  • Educación Infantil de 5 anos: A cultura castrexa
  • Primeiro de EP: As lendas de Foz
  • Segundo de EP: Os carpinteiros de ribeira
  • Cuarto de EP: O Entroido en Foz
  • Ed. Artística: A traxectoria musical en Foz
  • Ed. Física: Historia do baloncesto focense
  • Lingua Estranxeira: Esculturas de Foz

En xeral, para o desenvolvemento do traballo nas aulas partimos dunha avaliación inicial, na que tratamos de indagar cales son os coñecementos previos que o alumnado ten sobre a temática correspondente. Para isto partimos da formulación (na aula) da seguinte pregunta: Que sabemos de…? ou Alguén sabe algo sobre…? e a partir de aquí empezan a saír as primeiras respostas.

A continuación, cando xa se sabe o seu nivel de coñecementos, tratamos de motivalos máis –mediante vídeos, fotografías, música, lecturas…– e así continúan aparecendo informacións que se relacionan co que sabían. Cando comezan a saír as inquedanzas, decidimos os aspectos que hai que investigar en concreto. Coma noutras ocasións, teremos que pedirlles axuda ás familias. Para isto redactamos unha carta na que explicamos o que pretendemos traballar para que fornezan o material relacionado que poidan ter nas casas ou que poidan conseguir. Cada neno explícalles aos compañeiros a ao mestre a información que trae da súa casa e coméntase entre todos.

Para facer un fondo de recursos o máis completo posible, partimos da documentación que ofrece a nosa biblioteca, así como dos recursos que poida achegar o equipo TIC do centro para engadilos á base de información en soporte dixital (web do concello…). Ademais, pedímoslle colaboración á biblioteca municipal, á Concellería de Cultura, ao CENIMA (Centro de Interpretación da Mariña), ao arquivo municipal e a determinadas persoas da localidade.

Partindo destes fondos documentais, iniciamos o traballo nas aulas, formulándolles as seguintes cuestións aos rapaces: Que queremos saber?, que queremos facer? A partir de aquí comeza o proceso de investigación onde podemos distinguir o papel do alumno e o do mestre.

O traballo dos rapaces consiste en que busquen, analicen e amplíen a información; entrevisten persoas relevantes (o director da banda municipal, a presidenta da asociación cultural O Feitizo, un membro da coral polifónica, o adestrador do club de baloncesto…), sempre fomentando neles o espírito crítico; establezan un guión de traballo para elaborar a presentación deste segundo os formatos que se requiran en cada tema; preparen a exposición e avalíen o traballo dos compañeiros e o seu propio.

O traballo do mestre consiste en orientar os rapaces ao longo do proceso, motivar, suxerir novas opcións, resolver dúbidas, facilitar as entrevistas, organizar as excursións (visita ao castro de Fazouro, ao Museo do Mar e ao carpinteiro de ribeira de San Cibrao) e avaliar o proceso.

Con toda a información recadada procédese á realización dos seguintes traballos:

  • Educación infantil: elaboración dun mural con información das parroquias de Foz, do castro de Fazouro e doutros do concello, e da situación no mapa de Galicia dos castros máis importantes. Elaboración da maqueta dun castro. Realización de puntos de lectura con símbolos castrexos. Preparación de actividades LIM e dunha carpeta de fichas.
  • Primeiro de EP: recompilación de dúas lendas, “A fonte da Zapata” e “San Gonzalo e o milagre das naves”, e confección de debuxos sobre elas.
  • Segundo de EP: realización dun libro titulado Os carpinteiros de ribeira.
  • Cuarto de EP: elaboración dun libro recompilatorio do Entroido, co seguinte índice: presentación, a raíña e as súas damas, as coplas, o desfile, charangas, carrozas, comparsas, os premios, o baile do “farolillo” e o enterro da sardiña.
  • Educación Artística: confección dun libro cos seguintes puntos: breve historia musical de Foz, a rondalla Latexos, a Coral Polifónica de Foz, O Feitizo e a Banda de Música de Foz.
  • Educación Física: iniciouse a recompilación de información para a elaboración dun traballo sobre o baloncesto, cos seguintes puntos: posguerra e primeiros contactos, dos sesenta ata 1975, a SD San Lorenzo, a transición ata os anos noventa, a fundación dos Celtas, creación e primeiros pasos dos Celtas, o baloncesto de base e o baloncesto no CEIP de Foz número 1.
  • Lingua Estranxeira: elaboración dun Power point bilingüe (galego-inglés) con información sobre as esculturas focenses.

Unha vez rematados os traballos, reuniuse todo o centro no salón de actos para que cada curso dese a coñecer, cun breve resumo, o seu traballo de investigación. A continuación, expuxéronse os traballos no recibidor do centro para que as familias puidesen ter acceso a eles. A finais de curso pasaron a formar parte dos fondos da biblioteca escolar.

Para cerrar o curso, faise unha avaliación final na que valoramos o que aprendemos, a evolución do traballo, así como o grao de motivación do alumnado e do profesorado.

CONCLUSIÓN

Sen dúbida, este proxecto de traballo provocou o interese dos rapaces, dos mestres e das familias. O grao de motivación, participación e implicación, toma de iniciativas e acordos acadados foi moi alto ao longo de todo o proceso.

Produciuse unha aprendizaxe significativa. Fomentáronse actividades onde tiveron a posibilidade de reconstruír e poñer en practica os novos coñecementos.

No plan de traballo abordáronse actividades correspondentes a distintas áreas, o que posibilitou o descubrimento da relación entre elas.

Manexouse información seria e veraz. Elaboráronse materiais con sentido, relacionados co obxecto de coñecemento traballado e coa realidade máis próxima.

Démoslles resposta ás preguntas e demandas xurdidas. Alumnado, profesorado e familias descubrimos, coñecemos e aprendemos moitísimo sobre o noso concello, Foz.

No curso 2013/2014 continuamos traballando neste proxecto. Neste caso, centrámonos na conmemoración do 50º aniversario do noso centro, investigamos sobre como se celebraban determinadas conmemoracións, realizamos exposicións de materiais doutras épocas… A maiores, traballaremos arredor da flora, fauna, ríos, praias… do noso ámbito.

Bibliografía: 

Arias Correa, Azucena (2009). O traballo por proxectos en infantil, primaria e secundaria. Santiago de Compostela: Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

INTEF/ Bibliotecas Escolares. Texto en liña: http://www.ite.educacion.es/formacion/materiales/8/cd_2013/m4_4/la_alfab...

Páxina web das Bibliotecas Escolares de Galicia: http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/

Sección: