Planeta auga, satélite lectura

Un traballo interdisciplinar no que participa toda a comunidade educativa
Desde hai varios anos, o equipo da biblioteca proponlle ao claustro un proxecto que supón un traballo de coordinación de todos os equipos (biblioteca, TIC, dinamización e normalización lingüística e actividades complementarias) ao longo de todo o curso e no que participa toda a comunidade educativa. O resultado final deste proxecto recóllese nun libro no que cada curso, nivel ou especialidade ofrece o seu traballo para coñecer un pouquiño máis sobre algún aspecto relacionado co tema elixido, neste caso a auga. Sempre intentamos relacionar a lectura coa temática do proxecto, de aí o lema proposto: “Planeta auga, satélite lectura”.

Rocío Carballeda Alonso
Responsable da biblioteca escolar
Mestra de Inglés
CEIP O Pombal – Vigo
r.carballeda@edu.xunta.es

Contextualización

Cartel feito polo alumnado relacionado co Ano Mundial da Auga

Desde hai xa nove cursos eliximos, entre todos os membros do claustro, un tema, para o que temos en conta algunha das distintas efemérides que se leven a cabo ese ano ou aproveitamos algunha temática que nos axude a traballar diversos aspectos que nos interese tratar. O curso 2012-2013, o tema elixido foi o da auga e o lema “Planeta auga, satélite lectura”, tendo en conta que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2013 como Ano Internacional da Cooperación na Esfera da Auga. Ao principio do curso, o equipo de biblioteca propón unha serie de subtemas relacionados coa temática elixida, neste caso coa auga. Eses subtemas expóñense nun taboleiro e o profesorado vainos elixindo, segundo as súas preferencias ou intereses, para traballar co seu respectivo alumnado. Ao longo de todo o curso, trabállase o tema elixido desde todas as áreas, ben por aulas, niveis ou especialistas, coordínanse todos os equipos (biblioteca, TIC, dinamización e normalización lingüística e actividades complementarias) e participa nel toda a comunidade educativa (alumnado, profesorado e familias). Para poder levar a cabo este proxecto, a biblioteca ofrece a posibilidade de mercar todos aqueles fondos (bibliográficos e audiovisuais) que se precisen. O resultado é un libro no que cada curso, nivel ou área ofrece o seu traballo para coñecer un pouco máis sobre algún aspecto relacionado co tema elixido. Trátase de reunir nun libro pequenos proxectos de investigación. Este libro pasa automaticamente a formar parte dos fondos “especiais” feitos por nós, que conservamos na nosa biblioteca. Xa contamos con varios deste tipo, todos eles relacionados co tema tratado ese curso: Do A ao Z con Mozart, A castaña viaxeira, Os nosos medos, Poemas ilustrados, Sementamos libros, recollemos lectores, O noso deporte favorito é a lectura e, por último, o que nos ocupa: Planeta auga, satélite lectura.

Todas as actividades desenvolvidas e efemérides realizadas no noso colexio xiran arredor desta temática e a biblioteca convértese no seu eixe centralizador e catalizador: na inauguración da biblioteca (decorando a entrada principal e a biblioteca, así como as bibliotecas de cada unha das aulas: “Pingas de Lecer”, “Mergúllate na lectura”… e agasallando a cada unha das aulas do centro cun libro relacionado con este tema), no Magosto (decorando con motivos relacionados coa auga as caixas coas castañas), no Nadal (decorando as familias, nas súas casas, pingas con diversos materiais: botóns, pasta, caramelos, papeis) e recomendando libros –como agasallo– relacionados coa temática da auga (Habitantes del río, A nena de auga e o príncipe de lume, En el mar de la imaginación…), na Paz (cantando unha canción e escribindo mensaxes de paz nunhas pingas de auga), no Entroido (disfrazándonos de bonecos de neve, pingas de auga, personaxes da película Cantando baixo a chuvia, bañistas), na Semana da Prensa (buscando novas sobre a auga, as fontes, os muíños, os ríos da nosa contorna), na Semana da Poesía (buscando, inventando e recitando poemas relacionados coa auga: “Os nenos do Pombal lendo poesías, pasámolo xenial”), no Mes dos Libros (exposicións temáticas sobre a auga), nas Letras Galegas (representando para a actividade “interteatro” a obra escrita por alumnado do noso colexio Tres pinguiñas e unha aventura), colaborando co equipo de dinamización e normalización lingüística no monográfico sobre a auga da revista escolar O Lanzal, na guía de lectura para o verán (libros para o alumnado de todos os ciclos e as familias relacionados co tema), nas saídas complementarias…

Revista escolar O Lanzal. Monográfico “A auga”

Obxectivos da biblioteca escolar e proxecto anual

Só unha biblioteca escolar que acade os obxectivos que nos propoñemos pode ofrecer os recursos necesarios para levar a cabo estes proxectos interdisciplinares. De aí que os fagamos explícitos:

  • Ofrecerlle á comunidade escolar uns materiais útiles para o fomento da lectura e a busca de información, organizados de xeito eficaz.
  • Acadar unha formación axeitada do alumnado como usuario dunha biblioteca e das fontes de información, e facilitar o desenvolvemento do espírito crítico.
  • Favorecer a adquisición de habilidades lectoras e espertar o gusto pola lectura.
  • Conseguir que os nenos e as nenas cheguen a usar a biblioteca para ler voluntariamente.
  • Sentir a biblioteca escolar como un punto de encontro, un espazo común para toda a comunidade escolar arredor da lectura e a información.
  • Concibir a biblioteca escolar como un espazo educativo ao servizo dos procesos de ensino e aprendizaxe.
  • Centralizar todo o material informativo que pode empregarse para os traballos escolares e para o tratamento e o fomento da lectura.
  • Xestionar todos os recursos documentais do centro.
  • Elaborar un plan de adquisicións, acollendo as suxestións e necesidades dos diversos ciclos ou departamentos do centro.

Recursos empregados

Para a realización deste traballo o alumnado e o profesorado do centro utilizou os recursos proporcionados pola biblioteca do colexio (considerada por toda a comunidade educativa como un centro de recursos para o ensino e a aprendizaxe), tanto fondos bibliográficos (dicionarios, atlas, enciclopedias, dicionarios temáticos, folletos, libros relacionados coa temática da auga...) como fondos audiovisuais (mapas, globos terráqueos, internet, DVD CD-ROM…). No caso de non contar con algún dos fondos solicitados polo profesorado e/ou polo alumnado, a biblioteca do centro dá a opción, dentro das súas posibilidades, de ou ben mercalos ou ben pedirllos prestados á biblioteca de proximidade Xosé Neira Vilas.

As librerías da zona e as distintas editoriais coas que temos contacto deixan en depósito na biblioteca do noso colexio lotes de libros relacionados coa temática sinalada para que o profesorado poida elixir, se así o considera oportuno, os máis axeitados para o proxecto que pensa realizar co seu alumnado.

Levamos a cabo dentro e fóra da biblioteca dúas exposicións con fondos bibliográficos relacionados coa auga: unha delas con fondos ofrecidos polo centro e a outra con fondos achegados polas familias. Realmente, sempre nos sorprende moi satisfactoriamente a variedade e calidade das súas achegas.

Asemade, o equipo de actividades complementarias programa saídas relacionadas coa temática elixida: Aqualia, o Museo do Mar, o mercado do Berbés, a depuradora do Lagares, a exposición da nova depuradora EDAR, o Centro de Interpretación das Illas Atlánticas, a praia do Vao, os lavadoiros da zona de Lavadores e os muíños da Regueira en Matamá, o paseo pola beira do río Lagares desde a avenida de Madrid ata o parque de Castrelos…

Visita ao muíño da Regueira (Matamá)

Tamén contamos coa colaboración das familias. Neste caso, o pai dun alumno do noso colexio ofreceuse a darlle unas charlas ao alumnado de educación infantil sobre o rodaballo e as piscifactorías.

No noso centro contamos cunha pequena horta na que o alumnado participa co seu titor ou titora limpando, sementando e recollendo leitugas, tomates, cebolas... e valorando a importancia da auga para o seu cultivo. Tamén contamos coa Patrulla Verde, formada polo alumnado de cuarto, quinto e sexto de primaria que, en grupos de seis durante unha semana, se encarga de vixiar que o centro estea o máis limpo posible e que os puntos de reciclaxe do patio (plástico, papel e materia orgánica) sexan correctamente utilizados. Todo isto enmárcase dentro dun proxecto que temos no centro de accións ambientais nun contorno urbano, o cal nos dous últimos cursos (2011-2013) se integrou dentro do proxecto ARCE –actuacións ambientais nun contorno urbano– con centros de Murcia, Málaga, Barcelona, Toledo e Palencia.

Algúns xornais da nosa cidade (Faro de Vigo, Atlántico, La Voz de Galicia) fanse eco das actividades que facemos no noso centro relacionadas con esta temática. Neste caso, un artigo sobre a visita á EDAR (“La depuración de la ría”) no xornal La Voz de Galicia con data de 24 de febreiro do 2013.

Descrición da actividade

Para a realización dos pequenos proxectos de investigación, o equipo de biblioteca, na primeira xuntanza que temos da Comisión de Coordinación Pedagóxica, no mes de outubro, propuxo unha serie de temas, entre os cales foron elixidos por cursos, niveis ou materias os seguintes:

Táboa 1
TemaEquipo, curso ou nivel
EditorialEquipo de biblioteca
Deportes acuáticosEd. inf. 3 A e B
Pinga a pinga, a auga minguaEd. inf. 4 A e B
O camiño do MiñoEd. inf. 5 A e B
Adiviña, adiviñanza1.º ed. primaria A e B
Paisaxe de montaña e de costa2.º ed. primaria A
Os estados da auga2º ed. primaria B
Flora e fauna da ría de Vigo3.º A e B
A auga presente no noso barrio: os lavadoiros4.º A e B
Refraneiros e tipos de muíños5.º A e B
Os mares e océanos6.º A e B
A auga na BibliaRelixión Católica
Actuacións ambientais nun contorno urbano: a augaOrientación
As fervenzasPedagoxía Terapéutica
Books about the water e Water is important for lifeInglés
O ciclo da augaAudición e Linguaxe
Mergúllate na augaMúsica
A auga no Parque Natural Baixa Limia Serra do XurésEd. Física

Como podemos ver, todos os cursos e niveis do centro e todas as áreas do currículo están representadas neste proxecto sobre a auga.

A dinámica seguida na maioría dos casos foi a seguinte: recollida de información por parte das familias (educación infantil e primeiro ciclo de primaria); busca da información na biblioteca utilizando todos os fondos bibliográficos, informáticos e audiovisuais ao seu alcance; completar a busca na aula de informática; seguidamente, a creación dun informe cos datos, a información, as fotos e as imaxes recollidas para logo elaborar o traballo, é dicir, o pequeno proxecto de investigación (para o cal tiveron que seleccionar a información e as imaxes que se van utilizar, e decidir quen escribía e debuxaba na redacción de cada área e nivel); nalgúns casos, estes traballos foron expostos ao resto da clase. Cada aula elabora un pequeno esquema ou bosquexo do seu traballo en papel DIN A-3 e utiliza o número de páxinas que precise. Este esbozo pásase definitivamente ao papel, utilizando a técnica e a forma que decidan (escrito á man, co ordenador, facendo debuxos ou imprimindo fotos…) e indicando a clase, o nivel ou a materia que o levou a cabo. O traballo de investigación realízase por grupos, o que favorece o traballo cooperativo.

Posteriormente, unha vez entregados todos os resultados das investigacións ou pequenos proxectos (cara ao final de abril), colócanse do mellor xeito posible para formar con todos eles un libro. Cada unha das páxinas que o forman plastifícase e pónselle unha canela. O equipo de biblioteca ocúpase de realizar a portada e a contraportada.

A elaboración do libro coincide co fin de curso, razón pola que ao principio do seguinte é cando vai a pasar rotando polas aulas, de xeito que todo o alumnado poida gozar do resultado final.

A partir destes proxectos elabórase a revista escolar do noso colexio. Neste caso trátase dun monográfico sobre a auga, no que tamén participou a ANPA.

O camiño do Miño

A auga presente no noso barrio

Avaliación

Na realización desta actividade desenvólvense todas e cada unha das competencias básicas, especialmente aquelas máis relacionadas co traballo na biblioteca escolar, como a competencia en aprender a aprender, a competencia artística e cultural, a competencia en comunicación lingüística e a competencia informacional e dixital.

Ao final do curso elaboramos unha enquisa na que se avalían todas e cada unas das actividades propostas desde a biblioteca escolar. Entre estas actividades, atópase a realización do proxecto anual que, de forma maioritaria, é avaliado moi positivamente por parte do profesorado e do alumnado. Este traballo pasa a formar parte dos fondos da nosa biblioteca para que toda a comunidade educativa poida dispor del. Colócase sempre nun lugar destacado da biblioteca. Incluso os antigos alumnos, cando veñen ao colexio, piden ir á biblioteca para poder velos de novo.

Conclusións

Trátase dunha actividade moi interesante, na que tanto o alumnado como o profesorado aprenden e descobren moitas cousas sobre o tema elixido. É como facer pequenos traballos dentro dun proxecto cunha determinada temática como eixe centralizador.

Sección: