Saúde integral

Proxecto documental integrado do CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso
Utilización da biblioteca como centro de recursos para a elaboración dun proxecto documental integrado sobre a saúde durante o segundo trimestre do curso 2012/2013. Entre os obxectivos xerais do proxecto destacariamos que os rapaces coñezan o seu corpo e aprendan a coidalo e que se lles inculcan neles uns hábitos saudables de alimentación, actividade física e xestión emocional.

Luz M.ª Doval Gestal
Profesora de educación infantil
e coordinadora da biblioteca do CEIP Amado R. Barroso
lmdovalg@edu.xunta.es

CONTEXTUALIZACIÓN

O CEIP Plurilingüe Amadeo Rodríguez Barroso é un centro público que imparte ensinanzas de educación infantil e educación primaria. Ten dobre liña (aínda que na actualidade só están desdobrados os niveis de infantil e os catro primeiros cursos de primaria) e atende a 367 alumnos. O claustro de profesores está composto a día de hoxe por 28 docentes. O centro está situado no barrio dos Rosais (Ourense), ao sueste da cidade, nunha zona de intensa expansión nos últimos anos, que conta cunha poboación relativamente nova, cun nivel socioeconómico de tipo medio. O edificio escolar é de recente construción, este é o seu terceiro ano de funcionamento.

A biblioteca ocupa un espazo luminoso e acolledor na planta superior do edificio, pero as súas dimensións son reducidas. Por esta razón, e porque buscamos que estea ben visible en todos os recunchos e actividades do centro, vaise estendendo por diversos espazos da casa: corredores con librerías, con mobles para xogos e exposicións ou con minisofás para pequenos grupos de lectores (club de lectura); vestíbulo principal con expositores e bancos que convidan a sentar para consultar as novidades ou as exposicións temáticas (biblioentrada); zona das escaleiras cun recanto tranquilo de lectura distendida nos tempos de lecer (biblioterraza)...

O centro vén participando nos últimos cursos en numerosas experiencias de innovación educativa promovidas desde a Consellería de Educación: proxecto Abalar, plan Proxecta, Contratos-Programa, Rede de Centros Plurilingües, Plan de formación permanente do profesorado e Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares. Este é o terceiro curso de participación no PLAMBE.

A integración no PLAMBE significou un revulsivo espectacular para o funcionamento da biblioteca escolar. Ademais da contribución económica que se traduciu nunha mellora significativa en todo tipo de recursos, ofreceu un modelo claro e contrastado de biblioteca, un impulso determinante para o seu equipamento e para o profesorado en xeral e un espazo colaborativo onde compartir experiencias, formación e recursos con outros moitos centros da comunidade. O resultado tradúcese en que, a día de hoxe, a biblioteca é o principal centro dinamizador da vida cultural e educativa do centro, con presenza en todas as actividades, tanto curriculares como complementarias, que se desenvolven ao longo do curso, coa finalidade de ir sumando alumnado lector cada día, de ter listos os mellores recursos para cada secuencia de ensino-aprendizaxe que se produce no centro, de guiar o alumnado no seu labor de busca e tratamento da información e de axudar o profesorado na integración de novas metodoloxías que axuden á mellora de todas as competencias básicas do alumnado. Xusto no traballo destes dous últimos aspectos (busca e tratamento da información e fomento de metodoloxías activas), sitúase a experiencia que presentamos: un proxecto documental sobre a saúde integral.

DESENVOLVEMENTO DO PROXECTO

Orixe e obxectivos do proxecto

O interese por abordar a saúde integral nace a raíz da invitación recibida no centro de parte do Concello de Ourense para participar no programa SHE (Foundation for Science, Health and Education), creado e promovido polo cardiólogo Valentín Fuster, que ten como obxectivo principal promover hábitos saudables que contribúan a evitar enfermidades cardiovasculares nos nenos desde a primeira infancia, derivadas da mala alimentación, da falta de exercicio, da falta de control das emocións… Aínda que o programa ía destinado á etapa de educación infantil, o equipo de biblioteca considerou oportuno estendelo a todo o centro en forma de proxecto documental. Fíxoselle a proposta ao claustro ao principio do curso e, logo de debater o tema nos diferentes ciclos, decidiuse que se desenvolvese no segundo e terceiro trimestre do curso 2012-2013 en educación infantil e primeiro e segundo ciclos de educación primaria.

Nas primeiras sesións de coordinación do profesorado participante e do equipo de biblioteca, concretáronse os contidos que se ían traballar que, logo de buscar o consenso cos distintos grupos de alumnado, quedaron distribuídos segundo se pode observar na seguinte táboa:

Táboa 1

Alumnado

Temas
Educación infantilFroitas e verduras
O corazón
O exercicio físico
As emocións
1.º ciclo de educación primariaTipos de alimentos
2.º ciclo de educación primariaDietas equilibradas

Cada grupo, guiado polo profesorado correspondente, debería levar a cabo a súa parte da investigación e elaborar o documento informativo que considerase máis oportuno para logo, ao remate do proceso, montar unha exposición final de todos os traballos no salón multiuso e expoñerlles aos compañeiros a información traballada.

Os obxectivos que se perseguían co proxecto eran os seguintes:

  • Ensinar o alumnado a buscar información, traballala para construír novos esquemas de aprendizaxe e empregala para resolver problemas da vida real.
  • Adquirir e aplicar adecuadamente as aprendizaxes básicas relacionadas coa saúde que se recollen no currículo do centro; neste sentido traballáronse especificamente os seguintes obxectivos:
    • Adquirir e consolidar hábitos de alimentación saudables.
    • Fomentar a actividade física como fonte permanente de saúde.
    • Coñecer o funcionamento do corpo e do corazón e coidalos adecuadamente.
    • Recoñecer e xestionar axeitadamente as emocións para a mellora do benestar e da saúde.

Unha vez que se acoutaron os obxectivos e os contidos que se ían investigar nos diferentes grupos, o equipo de biblioteca adquiriu as publicacións que considerou necesarias e realizou unha selección de fondos sobre o tema, montou unha sección específica para o proxecto nun recuncho da biblioteca e durante o curso foi actualizando periodicamente un expositor cos libros máis salientables. Tamén ofreceu ligazóns específicas en internet.

O traballo nos grupos

Coas adaptacións necesarias requiridas por cada nivel e por cada grupo, seguimos unha estrutura de traballo similar nas diferentes clases:

a) Coñecementos previos do alumnado: nunha asemblea inicial tratouse de poñer en común as ideas previas que tiña o alumnado sobre o tema. Ante a cantidade de información que xa teñen sobre os hábitos de saúde e de coidado do corpo, incluso a idades moi temperás, centrámonos en recoller o que fan na vida real (que comen, que actividade física fan...) e valorar o que consideran máis beneficioso e máis prexudicial para a saúde.

b) Concreción de obxectivos de aprendizaxe: que máis queremos saber, que nos interesa averiguar realmente coa nosa investigación. Ao chegarmos a este nivel de concreción, cada clase organizouse en pequenos grupos e a cada un deles asignóuselle o aspecto concreto que debía investigar e o traballo final que tiña que realizar. Resultou fundamental que este punto quedase moi claro para cada grupo de traballo (que queremos saber e que documento imos elaborar).

c) Busca da información: consultando as propostas do equipo de biblioteca, cada grupo chegou a unha selección daquelas fontes que considerou  de interese para sacar a información precisa. Tamén se utilizaron nalgúns casos outras vías de acceso á información: libros ou documentais que tiñan na casa, enciclopedias, fondos das bibliotecas públicas, buscadores de internet...

d) Tratamento da información.

e) Elaboración do traballo de comunicación da información: en cada clase foron elaborando os documentos previamente programados, recollendo a información básica elaborada ao longo do proceso.

Táboa 2

Documento elaborado

Grupo
Mural composto por debuxos sobre froitas e verduras, traballadas previamente a través de contos da biblioteca, fotos, cancións, taller de froitas…Educación infantil
Elaboración dun libro sobre o corazónEducación infantil
Elaboración da mascota CardioEducación infantil
Educación infantil
Murais sobre os diferentes deportes e emocións
Educación infantil
Realización do tren dos alimentosEducación infantil
Elaboración do arco da vella dos alimentosEducación infantil
Libro de receitas de cociña saudableEducación infantil
Modelaxe de alimentos saudables en plastilinaEducación infantil
Estudo sobre os tipos de alimentos e a súa composición1.º ciclo de educación primaria
Murais sobre nutrientes e alimentación equilibrada1.º ciclo de educación primaria
A roda dos alimentos2.º ciclo de educación primaria
Exemplos de dietas equilibradas2.º ciclo de educación primaria
Elaboración dun lim sobre a alimentación2.º ciclo de educación primaria

Con todos os materiais elaborados montouse na sala multiuso do centro unha exposición. Cada grupo, co apoio dos materiais expostos, tivo que comunicarlles aos compañeiros de etapa a parcela de información traballada sobre os hábitos saudables para o coidado do corpo. Os documentos tamén están publicados no blog da biblioteca do centro, biblioa.ro.ba.

AVALIACIÓN

Aprendemos moitas cousas, gozamos investigando e elaborando materiais. En definitiva, quedáronnos ganas de repetir a experiencia con outros proxectos.

CONCLUSIÓNS

Con estes proxectos documentados integrados, pretendemos que o alumnado, ademais de investigar sobre un tema en concreto –neste caso a saúde integral–, se familiarice con mecanismos de busca de información mediante o emprego de recursos documentais da biblioteca escolar; o desenvolvemento das competencias básicas e axudando os rapaces a construír o seu propio coñecemento, a ser creativos e a expresar e comunicar o que aprenden.

Bibliografía: 

Fuster, Valentín. “Monstruos supersanos. Hábitos saludables para toda la vida”. En liña: http://si.fundacionshe.org/

PIQUIN, R. e REY, A. “Proyectos documentales integrados en la BE/CREA. ¿Qué son? ¿Cómo hacerlos?”. En liña: http://www.juntadeandalucia.es/averroes/~sptmalaga/m45b102/media/docum/l... [10/03/2007]

Sección: