Laboratorio da comunicación

Novos espazos educativos para usos non tradicionais
O equipo de biblioteca pon á disposición da escola novos recursos educativos mediante o deseño de espazos para a creación audiovisual e multimedia como ferramentas de apoio aos proxectos documentais integrados (promovidos pola biblioteca escolar) e ao proxecto de dinamización lingüística.

Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez
mestre especialista en Educación Musical
Coordinador da Biblioteca do CEIP A Lama (Pontevedra)
sanchezagustino@edu.xunta.es
Cristina Campos Pérez, mestra especialista en Educación Infantil.
Membro do equipo de biblioteca
cristinacampos@edu.xunta.es

www.orecantodeleo.org
 

Contextualización

Desde a entrada da nosa escola, no ano 2009, no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares de Galicia (PLAMBE) e con base no profundo cambio experimentado no centro pola súa dinamización desde a biblioteca, fómonos sensibilizando cada vez máis coa importancia de desenvolver entre o noso alumnado prácticas de alfabetización informacional (ALFIN) e mediática, co gallo de formar nenas e nenos competentes no acceso e tratamento da información, na comunicación lingüística ou no uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

A infancia dos nenos de hoxe está chea de dispositivos electrónicos que invaden a vida cotiá empregando esta linguaxe, e é función do sistema educativo traballar as competencias: tratamento da información e competencia dixital, comunicativa e cultural e artística. O traballo por proxectos realizado estes anos, en concreto co desenvolvemento de proxectos documentais integrados (PDI), fixo que nos fósemos achegando pouco a pouco á linguaxe audiovisual como ferramenta para recoller as nosas investigacións, para traballar os contidos programados ou simplemente para fomentar o uso e a creación en lingua galega.
Nace logo o que nós chamamos laboratorio da comunicación, espazo educativo que a biblioteca pon á disposición da comunidade escolar e que, dun xeito interdisciplinar e flexible, vai sendo aproveitado para a realización destes proxectos audiovisuais e divulgativos.

O laboratorio nace para ser un lugar onde aprender de xeito lúdico, experimentar, investigar, compartir, difundir e descubrir cos medios de hoxe en día. Un espazo non convencional que alonga os brazos da biblioteca e amplía os recursos que esta lle oferta á comunidade educativa, un espazo no que se mesturan os ingredientes clave para a adquisición das competencias e o gozo de aprender a aprender: son e imaxe, texto e oralidade, arte e creación propia...

Un espazo destinado para os cativos e tamén para as súas familias... Un espazo clave para a compensación das desigualdades; non só das que existen entre o noso alumnado, senón tamén das que existen entre o noso alumnado, dun centro rural e illado, e o dos contornos urbanos.

Trátase dunha aposta pola innovación educativa e pola creación de espazos de traballo alternativos ás aulas convencionais, pero á vez moi preto destas.

Obxectivos

O principal obxectivo que nos propuxemos aló polo ano 2009 e que vén recollido no noso proxecto de biblioteca é que esta sexa o máis importante centro de recursos da escola.

Logo de analizar as carencias e liñas de actuación que cumpría ir desenvolvendo, e despois dunhas intervencións iniciais prioritarias noutros ámbitos, xorde a idea de preparar un espazo de traballo de creación audiovisual e de dotalo duns recursos técnicos que permitan afrontar, cun mínimo de calidade, unha serie de actividades nas que a gravación de imaxe e son ían ser o soporte no que plasmar o traballo.

Nunha primeira fase, a biblioteca adquire eses primeiros aparellos, pero sempre coa idea de lle dedicar unha localización estable no centro e que deixase de ser un estudio portátil.

Logo dun tempo de transición, programación e procura do financiamento preciso, fomos quen de transformar unha aula do centro, que empregabamos de almacén, nun verdadeiro estudio de produción audiovisual e multimedia. Nace o que nós chamamos laboratorio da comunicación, un espazo educativo que, dun xeito interdisciplinar e flexible, se aproveita para a realización destes proxectos audiovisuais e divulgativos.

Obxectivos concretos que xustifican a creación deste laboratorio son:

  • Contar cun espazo versátil, ben equipado e sempre operativo para poder desenvolver proxectos audiovisuais.
  • Garantir que o traballo das competencias básicas do currículo, especialmente as que máis relación directa teñen co ámbito audiovisual, se realice nas mellores condicións ao noso alcance.
  • Divulgar en soportes actuais os traballos do noso alumnado, intentando que adquiran un acabado final o máis parecido ao que ven acotío en medios de comunicación e na rede.
  • Achegar o noso alumnado á linguaxe audiovisual desde a fórmula da experimentación na creación de contidos: cine, anuncio, documental... para unha efectiva alfabetización audiovisual.

Recursos empregados para a creación do laboratorio e recursos que este lle ofrece á escola

Neste apartado debemos diferenciar entre recursos materiais e recursos humanos.

O conxunto das actuacións realizadas na biblioteca entre o anos 2008 e 2011 foi recoñecido co primeiro premio no Concurso Nacional de Boas Prácticas na Innovación e Dinamización das Bibliotecas Escolares (2011), convocado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Poder investir parte dos fondos obtidos (a través do premio) no financiamento deste proxecto foi un pulo moi importante, pero non o foi menos a nosa implicación persoal nas tarefas de construción do espazo como carpinteiros, electricistas, pintores, decoradores.... Os recursos económicos da biblioteca, ou da escola, serían insuficientes para poder acadar o resultado final. Debemos destacar que a optimización dos recursos humanos e o apoio de compañeiros do propio centro, unido ás nosas inquedanzas e compromiso co proxecto educativo que estamos a desenvolver, foron peza clave en todo isto.

No tocante aos recursos materiais, o primeiro que nos trouxo o laboratorio é a dispoñibilidade dun espazo sempre operativo para a realización de calquera actividade de creación audiovisual e multimedia que xurda no día a día do centro. Isto vólvese vital cando as producións gañan en complexidade e o grao de autoesixencia aumenta logo da experiencia adquirida.

Entre os distintos medios técnicos cos que se dotou atópanse: unha cabina insonorizada para a gravación de audio, un armario con porta de seguridade para gardar os aparellos técnicos, unha mesa de produción con ordenador e monitores de son, sofás e asentos multifuncionais, recanto para o croma, focos, soportes, micrófono de ambiente, cámara de fotos, calibrador de pantalla, auriculares...

Actividades

Desde que puxemos en marcha este novo recurso, en abril do curso 2012-2013, foron varios os proxectos que se desenvolveron nel:

  • A curta de animación A escaleira, gañadora da segunda edición do concurso Nós tamén creamos, na categoría de primeiro ciclo. Esta era a nosa segunda participación na actividade.
  • Como é que se recicla?, anuncio publicitario para o PDI As enerxías sostibles, coa colaboración dos alumnos de infantil de 3 anos.
  • Que é unha biblioteca para ti?, actividade que realizamos anualmente con motivo do Día das Bibliotecas Escolares e que nos deixou xa dúas creacións. A deste ano é un anuncio realizado polo alumnado de educación infantil coa participación das súas familias.
  • No ámbito do profesorado, comezamos este curso un plan de formación permanente do profesorado (PFPP) centrado nos proxectos documentais e con dúas liñas de traballo: os recursos plásticos e os audiovisuais como ferramentas de apoio aos PDI (proxectos documentais integrados).

O obxectivo da liña audiovisual é lograr a competencia do profesorado no emprego dos recursos dispoñibles e a súa inclusión no currículo, partindo da experimentación realizada en cursos anteriores: como se traballa con nenos entre estes medios técnicos, como se organiza unha actividade destas características, que coordinación é precisa e que apoios deben realizar os mestres implicados no proxecto ou cales son os coñecementos básicos que debo adquirir para o manexo destes recursos serán algunhas das cuestións ás que trataremos de lles dar resposta.

Estes obxectivos intentan traer experiencias didácticas e non que cada docente se converta nun “técnico de son ou imaxe”, pois ás veces o manexo da tecnoloxía fai que descoidemos os aspectos fundamentais na realización destas actividades e que nos perdamos noutros que carecen de relevancia.

Avaliación da experiencia

Despois de desenvolver estes e outros traballos audiovisuais co alumnado do noso centro, só podemos valorar de xeito moi positivo a inclusión destas prácticas educativas no noso día a día.

O actual marco lexislativo esíxenos favorecer a competencia do noso alumnado en distintos ámbitos, moitos deles directamente relacionados co medio audiovisual.

Cremos que un dos mellores xeitos para alfabetizar o noso alumnado nesta linguaxe é amosarlle o seu proceso de elaboración, dun xeito activo, con proxectos de creación audiovisual como os presentados, que unhas veces poderán estar relacionados con outras iniciativas programadas na escola ou con convocatorias externas.

Todas e cada unha das actividades realizadas nos proxectos audiovisuais que presentamos están perfectamente entroncadas no currículo para educación infantil e primaria. Ao realizalas neste marco é cando adquiren para nós o carácter de innovadoras, sobre todo ao poder involucrar o alumnado no proceso creativo. Non se trata de realizar vídeos para alumnos, senón de involucrar os alumnos e alumnas na realización de vídeos.

O abano de posibilidades que nos ofrece o laboratorio da comunicación á hora de levar a cabo estas producións fainos sentir que lle estamos ofrecendo ao noso alumnado uns recursos únicos no ámbito audiovisual, que dificilmente se van atopar en centros educativos de infantil e primaria (ou incluso secundaria) da nosa xeografía.

Outra reflexión que queremos plasmar é a de que este “novo espazo educativo” nace dunha necesidade derivada das nosas prácticas educativas neste ámbito, é dicir, “creamos o laboratorio porque realizabamos producións audiovisuais” en vez de “realizamos vídeos porque temos un laboratorio audiovisual”.

Que a iniciativa destas actuacións parta da biblioteca escolar non fai máis que coincidir coa propia realidade do noso centro, xa que esta se revela como o verdadeiro motor de dinamización, xeradora de recursos e eixe vertebrador da escola.

Consideramos que, despois da realización destes proxectos, os nosos alumnos comprenden moito mellor o proceso de produción, valoran enormemente o traballo que hai detrás, están mellor preparados para comunicarse, medra neles unha sensibilidade artística a través das súas achegas ao traballo común, son capaces de investigar sobre os elementos que se lles deben ofrecer ás distintas historias e establecen pontes entre distintos ámbitos culturais: fotografía, literatura, artes plásticas, música...

Conclusións

A experiencia acumulada, os recursos dos que dispoñemos actualmente e a estabilidade do equipo docente que impulsa estas iniciativas fainos pensar que imos seguir explorando cada vez máis e máis este recurso pedagóxico.

O obxectivo será sementar entre o alumnado unha cultura audiovisual que os converta en espectadores críticos e formados ante as distintas mensaxes que a través desta linguaxe lles cheguen e que saiban crear contidos empregándoa. Esta cultura audiovisual ten que facerse extensible ás familias, buscando novas pontes de colaboración, sen renunciar ás xa afianzadas.

Unha escola do século XXI non pode permanecer distante das linguaxes da súa época, ten que camiñar en paralelo aos tempos que corren e aos cambios tecnolóxicos que a sociedade experimenta, introducíndoos coa mesma naturalidade coa que se emprega un lapis e unha folla de papel.

Sección: