Proxecto Mail Art

O Proxecto Mail Art xorde da idea de facer arte empregando como canle o correo postal, como xa facían o grupo Fluxus e os neodadaístas nos anos cincuenta e sesenta e que continuou ata os nosos días. Neste proxecto colaborou alumnado de catro centros de ensino secundario e bacharelato (IES Aquis Querquernis, IES Cidade de Antioquía, IES Isaac Díaz Pardo e IES Juan Bosco), establecendo un intercambio de información, sensacións e experiencias a través das diferentes linguas e a imaxe desde as materias de Educación Plástica e Visual, Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés, Francés, Portugués, Latín e Grego.

Ana Delia Rodríguez Dorrego
Profesora de Debuxo do IES Aquis Querquernis (Bande-Ourense)
ana.delia.rodriguez@edu.xunta.es
 

INTRODUCIÓN

Quen non sentiu algunha vez un estraño sentimento de misterio, sorpresa e emoción ao recibir unha carta inesperada?
Con este tipo de sensacións traballouse nos IES de Bande, Xinzo, Sada e Alcázar de San Juan a través dun proxecto de intercentros no que se mesturan as artes plásticas coas diferentes linguas en formato mail art.
A idea do proxecto xurdiu do Departamento de Debuxo en colaboración co Departamento de Normalización Lingüística e cos departamentos das diferentes linguas que se imparten no IES Aquis Querquernis de Bande (Ourense), seguindo a liña do grupo Fluxus e os neodadaístas que foron os primeiros en facer arte postal.

QUE É O MAIL ART?

O mail art é unha práctica artística que se encontra no campo da experimentación e consiste no intercambio de información a través do medio postal. É un atípico modo de expresión dotado de máxima liberdade, pero con claras connotacións sociolóxicas.
Este movemento artístico ten a súa orixe nos anos cincuenta e sesenta, xurdiu co grupo Fluxus e os neodadaístas. Fluxus é o nome dunha rede de artistas, deseñadores e compositores internacionais pertencentes ao neodadaísmo que destacaron por combinar diferentes medios e disciplinas artísticas seguindo o concepto de antiarte, cuxas ideas seguen en práctica en moitísimos artistas contemporáneos. O seu impulsor foi George Maciunas (1931-1978), pero a el pertencen tamén outros artistas como Joseph Beuys, Ken Friedman, Dick Higgins… Neodadaístas e artistas das vangardas (futurismo, dadaísmo e surrealismo) non só fixeron da arte postal un medio para o intercambio de mensaxes artísticas, tamén o empregaron para divulgar os manifestos de cada un dos ismos.
No movemento mail art, a canle é parte integrante, e ás veces a de maior importancia, xa que é o soporte das intervencións sobre a obra nas distintas fases administrativas polas que transcorre o mail art na súa viaxe postal. Pódese empregar calquera medio de uso común, obxectos ou materiais encontrados ou reciclados. Papeis, cartóns, colaxes, zapatos, luvas, cintas de casete etc. son algúns dos materiais empregados para confeccionar, todos eles a pequena escala, “cartas” ou “paquetes” non convencionais.

Existen regras non escritas sobre o mail art. Algunhas delas son as seguintes:

- Ausencia de censura: o artista pode expresarse con absoluta liberdade en formato mail art, tanto na temática tratada coma no procedemento artístico.
- Reciprocidade: os artistas participantes nesta práctica artística crean e reciben arte mutuamente, o que permite o recoñecemento desta praxe como feito artístico.
- Non utilizan a arte con fins mercantilistas: ao non existir xestións económicas polo medio, configúrase unha rede de intercambio de arte horizontal.
- Creación autónoma e voluntaria: os artistas do mail art autoxestionan este proceso artístico de tal xeito que establecen unha diferenza e ruptura total coa arte consagrada (cultura dominante).
- Para todos os públicos: poden participar nesta práctica artística todas as persoas sen requirir habilidades innatas ou desenvolvidas mediante un lento proceso de aprendizaxe. Rómpese coa idea de artista xenio; é a arte consagrada o que fai que o mail art se encontre no terreo da antiarte.

O PROXECTO

Seguindo estes parámetros formúlase o Proxecto Mail Art como unha actividade pedagóxica alternativa para alumnado de ESO e bacharelato dos IES Aquis Querquernis (Bande-Ourense), IES Cidade de Antioquía (Xinzo-Ourense), IES Isaac Díaz Pardo (Sada-A Coruña) e IES Juan Bosco (Alcázar de San Juan-Cidade Real). Entre os catro centros estableceuse un sistema de comunicación mediante a imaxe e a lingua escrita a través dos mails arts (cartas, postais, paquetes, ready-mades etc. non convencionais), onde o alumnado pertencente aos catro centros lle deu renda solta á súa creatividade, insuflándolle un aire de novas e agradables sensacións ao correspondente destinatario.

A función do mail art é simplemente expresiva e comunicativa. É un formato onde o alumno pode expresar os seus desexos, sentimentos, ideoloxía… dun modo sinxelo e establecer contacto con outro dunha zona cultural, sociolóxica e xeograficamente moi distante, polo que resulta unha actividade moi enriquecedora para o alumnado tanto no eido ideolóxico como sociolóxico.

O proxecto formulouse na segunda avaliación do curso 2012-2013. No mes de febreiro, desde a materia de Educación Plástica e Visual, informouse o alumnado do IES Aquis Querquernis de Bande desta actividade, coa posibilidade de interactuar con outros institutos de Galicia e de fóra de Galicia para facer ao final do curso unha exposición cos mails arts realizados.

Primeiramente, o alumnado recibiu unha clase teórica sobre este movemento, a súa orixe, precursores, artistas, exemplos prácticos etc. Pouco a pouco, o proxecto foise estendendo aos outros centros educativos. A profesora de Educación Plástica e Visual do IES Aquis Querquernis púxose en contacto con antigas compañeiras que estaban traballando noutros centros: Laura Viñas Mayo, profesora de Inglés en Xinzo e Melania Cillero de Historia en Cidade Real, as cales dirixiron o proxecto nos seus respectivos centros. A colaboración co IES de Sada correu a cargo de Xoán Carlos Domínguez Alberte, profesor de Lingua Galega.

A idea do proxecto foi ben acollida polo resto de institutos participantes que inmediatamente se engancharon nesta actividade. Froito de diversas reunións entre o profesorado participante e os directores das oficinas de Correos de Bande, Ourense e Santiago de Compostela, o proxecto foise desenvolvendo ata concluír en tres exposicións inauguradas ao final do curso.

Durante as dúas últimas avaliacións enviáronse e recibíronse numerosos e orixinais mails arts entre alumnos dos centros participantes, e colaboraron tamén na creación de mails arts algunhas profesoras. Foron un total de 122 alumnos e 14 profesores os que se viron involucrados neste proxecto, xurdiron diferentes ideas que se plasmaron en formatos moi variados segundo a decisión do alumnado. O estudantado do IES de Xinzo decidiu facer os seus traballos en papiroflexia, aproveitando os coñecementos nesta área da profesora de Matemáticas Sandra Camiña Codesido.

METODOLOXÍA

O procedemento de traballo seguido foi o seguinte:

1. Recompilación de material de reciclaxe.

2. Observar e investigar as posibilidades expresivas do material recompilado.

3. Comparar diferentes tipos de embalaxes para enviar o mail art e decidir o máis axeitado para cada traballo.

4. Anotar nun papel ou caderno ideas, temas, sentimentos… de interese para o alumno que queira expresar e compartir con outra persoa que, a priori, non coñece.

5. Unha vez decidida a temática do mail art, con toda a información e obxectos recompilados, facer a carta ou paquete postal dándolle certo toque artístico, tendo en conta contido e continente.

6. Unha vez rematado o traballo polo alumno, colócanse os enderezos do destinatario e do remitente nas partes correspondentes, anverso e reverso.

7. O alumno levará o seu traballo á oficina de Correos máis próxima.

8. O funcionario de Correos intervén na derradeira fase do proceso creativo do mail art, xa que é quen coloca os selos correspondentes para que o mail art chegue ao seu destinatario. Deste xeito, o que remata o traballo non é o alumno senón o persoal de Correos que tamén participa, dun modo especial, nesta curiosa actividade.

Deste proxecto xurdiron mails arts concibidos como cartas de presentación de alumno a alumno, outros trataban sobre os seus famosos favoritos, houbo varias mensaxes en botellas que contaban a experiencia dalgún naufraxio ou propoñían algunha actividade para facer en cadea, caixas con poemas dadaístas, mails arts que contaban viaxes ou ofrecían información sobre algunha cidade como Londres ou París, columnas de estilo dórico que escondían no seu interior unha frase célebre escrita en grego, bonecos feitos en feltro, pequenos troncos de madeira con verbas gravadas en latín, muíños e estrelas feitos en papiroflexia etc.

Neste ir e vir de cartas e paquetes artísticos, ademais da linguaxe visual, empregouse outro tipo de linguaxe, a escrita. Varios idiomas foros os empregados polos alumnos para confeccionar os seus traballos. O motivo de empregar varias linguas foi pola colaboración dos diferentes departamentos de linguas (galego, castelán, francés, inglés, portugués, latín e grego) e Normalización Lingüística do IES Aquis Querquernis co Departamento de Debuxo onde o dito proxecto tivo a súa orixe. A lingua é un vehículo indispensable para a comunicación; aprender a valorar esta faceta da linguaxe e como empregala dun xeito correcto e artístico era un dos obxectivos do proxecto.

Desde a materia de Inglés, o obxectivo marcado foi aprender a estrutura dunha carta en inglés, así como o emprego dunha redacción elaborada para un destinatario real. Coa papiroflexia, non obstante, traballouse desde un punto máis científico pero igualmente lúdico. O obxectivo foi aplicar a xeometría (mediatrices, bisectrices, ángulos…) nos pregados de papeis para facer figuriñas de papiroflexia.

 

UNHA ACTIVIDADE  DE MAIL ART

Nun dos traballos dunha alumna de 2.º de ESO, Andrea Álvarez Penín, fíxose alusión a un acontecemento histórico, o asasinato da amada de Pedro I de Portugal, quen xurou vingar a morte da súa namorada.

A idea para elaborar este mail art xurdiu a partir dunha clase de Historia e a posterior busca de información sobre este personaxe na rede. O segundo paso foi recompilar o material: comezou por traballar a parte externa do traballo, unha caixa de zapatos que forrou de papel de cor marrón. Deseguido encheuna con xornais para facer de recheo que logo tapou cunha tea vermella grampada a ambos os lados da caixa. Despois de ter o continente feito, fixo o contido, o óso. Para realizalo axudouse de xornais aos que lle deu a forma desexada suxeitándoos con celo para que non se movesen e logo cubriunos con papel de cociña mollado cunha mestura de auga e cola branca. Deixouno secar, debuxou un esqueleto e escribiu nel a cita de Pedro I de Portugal:

Eu, Pedro I de Portugal, xuro por este óso da miña defunta amada que, a Alonso Gonçalves, Pedro Coelho e Diego López Pacheco, causantes da súa morte, como castigo, se lles arrincará o corazón polo peito ou polas costas.

 

EXPOSICIÓN DOS MAIL ARTS

Durante o mes de xuño inauguráronse tres exposicións cos mails arts enviados. Os días 7, 14 e 21 de xuño foron as datas das inauguracións das exposicións na casa do concello de Bande na oficina principal de Correos de Ourense e na oficina principal de Correos de Santiago de Compostela.

Algúns dos traballos presentados nas exposicións eran mail arts con actividades propostas pola profesora de Debuxo do IES de Bande ás que os alumnos tiñan que responder a través da arte postal. Outras das actividades consistían en buscar información sobre artistas plásticos ou escritores e facer debuxos ou colaxes sobre a súa obra, ou baseábanse en facer poemas dadá, cadáveres exquisitos etc.

Durante as inauguracións das exposicións, os alumnos tiveron a oportunidade de coñecérense en persoa e falar sobre os seus traballos para o proxecto, sentíndose como verdadeiros artistas ao ver os seus traballos expostos e saír na prensa.

CONCLUSIÓN

Como experiencia, este proxecto foi totalmente gratificante xa que non só se traballou coa arte e a comunicación senón tamén cos sentimentos e a ilusión que amosaban os rapaces ao recibir un pequeno agasallo en formato mail art feito por unha persoa descoñecida da súa mesma idade.

O alumnado aprendeu unha nova práctica artística que sae do que é a arte oficial e consagrada e os máis cativos aprenderon como enviar unha carta/obxecto artístico a través do correo postal, xa que hoxe en día coas novas tecnoloxías enviar mensaxes escritas en papel está en total desuso. Tamén puideron coñecer as diferentes dependencias dunha oficina postal, así como o seu procedemento de traballo e funcionamento.

Proxectos coma este potencian a comunicación entre as diferentes materias e favorecen a aprendizaxe cooperativa. Os estudantes investigaron, crearon e compartiron ideas e experiencias colectivamente, o que fixo que construísen coñecementos a partir da interacción e da escoita dos sentidos. Foi un proxecto que dinamizou as comunidades educativas e traspasou os muros da escola xa que algúns alumnos fixeron mail art para amigos alleos á comunidade educativa, co que lograron unha aprendizaxe propia e autónoma.

En resumo, tanto para o alumnado participante como para o profesorado implicado no proxecto, a experiencia foi totalmente positiva e pensamos na posibilidade de repetilo o vindeiro curso.

 

Profesorado participante

IES AQUIS QUERQUERNIS - BANDE (OURENSE)
Ana Delia Rodríguez Dorrego (Departamento de Debuxo)
Xoán Carlos Domínguez Alberte (Departamento de Normalización Lingüística)
M.ª Jesús Lorenzo García (Departamento de Latín)
Violeta Miraz Seco (Departamento de Inglés)
Xulio Pérez Pereiras (Departamento de Galego)
Olga Piñón Losada (Departamento de Galego)
M.ª Teresa Rodríguez Puga (Departamento de Lingua Castelá)
Concepción Diéguez Álvarez (Departamento de Lingua Castelá)
Luz Carmen Álvarez Paradela (Departamento de Francés)

IES CIDADE DE ANTIOQUÍA - XINZO DE LIMIA (OURENSE)
Laura Viñas Mayo (Departamento de Inglés)
Sandra Camiña Codesido (Departamento de Matemáticas)
Ana Belén Jardón Bouzas (Departamento de Tecnoloxía)
María Garrido Rodríguez (Departamento de Lingua Galega e Literatura)
Mercedes Ramudo Cascudo (Departamento de Francés)

IES JUAN BOSCO - CIDADE REAL
Melania Cillero (Departamento de Historia)


 

Sección: