Breve historia dunha biblioteca

Facer posible o imposible
Trátase do relato da transformación dunha sala de lectura no IES Salvador de Madariaga de A Coruña nunha biblioteca, eixe da animación cultural do centro.

Irene Caeiro Cebrián
Carlos González Alonso
Isabel González Varela
ies.salvador.madariaga@edu.xunta.es

 

No IES Salvador de Madariaga da Coruña, ao inicio do ano 2009, partiamos dun modelo de biblioteca tradicional que viña funcionando ao longo dos últimos trinta anos aproximadamente e que quedara desfasado.

Ese modelo de biblioteca sustentábase en tres elementos basicamente:

1. Unha sala de lectura que, na práctica, era un lugar de estudo nos recreos nas datas máis próximas aos exames. Nas súas paredes perimetrais gardaba, en vitrinas pechadas baixo chave, diversas obras de consulta e algunhas lecturas de literatura xuvenil; libros que tiñan, en xeral, unha porcentaxe moi baixa de consulta e, o que a día de hoxe resulta máis interesante, case non se usaba como sala de lectura.

2. Un depósito de libros situado ao fondo da biblioteca, separado por un tabique, que contiña arredor de vinte e cinco mil volumes de fondos moi dispares: obras moi valiosas dos séculos XVIII, XIX e inicios do XX; revistas antigas moi variadas (algunhas de gran valor, outras perfectamente prescindibles); libros de lectura para o préstamo; libros de lectura obrigatoria das diversas materias.
Todos estes fondos se almacenaban en estantes metálicos con ferruxe, dado o elevado grao de humidade dese espazo frío e inhóspito, mesmo para a bibliotecaria, pois era no depósito onde se atopaba o posto de xestión.
A maioría dos libros fora catalogada cun sistema informático de deseño propio, que foi moi útil no pasado, pero que ordenaba os libros por estantes e baldas, sen usar a CDU.

3. Unha persoa dedicada exclusivamente á biblioteca, non profesional, que se encargaba de catalogar e atender o servizo de préstamo.

Todo o anterior amosaba unha situación manifestamente mellorable, pois esa concepción da biblioteca non respondía ás necesidades que tiña o noso instituto.

Por iso un grupo de profesores, conscientes da necesidade de renovar a biblioteca, comezamos a reunirnos para bosquexar a biblioteca que necesitabamos ter e os pasos que cumpría dar para construíla.

Non foi sinxelo, foron moitas horas de reflexión, de diálogo e mesmo de discusións para concretar o que habería de cambiar, o que cumpría manter, do que se debería prescindir. O modelo de biblioteca co que finalmente acordamos soñar parecíanos afastado, mesmo imposible. Sabiamos que o primeiro era (con)vencer as resistencias ao cambio e comprometernos a realizar un traballo constante e por veces invisible nos vindeiros anos.

 

A transformación da biblioteca articulouse sobre catro eixes:

 

1. A remodelación do espazo físico

Comezamos por eliminar a barreira que separaba a sala de lectura do depósito de libros para conseguir un espazo diáfano de cento vinte metros cadrados. Ademais de derribar o tabique, cambiáronse os estantes metálicos por outros novos de madeira e elimináronse as vitrinas pechadas. O resultado é que todos os fondos son accesibles para o usuario e están ao alcance da man. A nova sala ten un ambiente máis luminoso e cálido: soleada, pintada en cores amarelas e brancas, coa temperatura e o grao de humidade adecuados para persoas e libros.

É un espazo multifuncional: de lectura; de traballo persoal ou en equipo á procura de coñecemento nos máis diversos formatos; de lecer; de reunión (nela xúntanse os clubs de lectura, por exemplo); e que podemos empregar para actividades multimedia, encontros con autores, proxeccións de cine, de traballo pois está dotada de vídeo-proxector, pantalla, equipo de son.

2. A reorganización dos fondos

Para empezar levamos a cabo unha expurgación intensiva que non se fixera en moitos anos. Elimináronse fondos moi deteriorados, sen interese ningún ou perfectamente prescindibles. Outros libros (polo seu alto valor, ou por non ter maior utilidade nunha biblioteca escolar, ou porque a súa data de edición impedía xa o préstamo) concentráronse nun novo depósito, independizado da biblioteca. As obras de especial valor trasladáronse ao museo do instituto. Outras pezas especialmente vistosas colocáronse en vitrinas nos corredores.

Cómpre subliñar que, nese proceso de expurgación e recolocación de fondos, descubrimos libros moi interesantes, e mesmo valiosos, dos que non tiñamos coñecemento da súa existencia, como, por exemplo, un exemplar de 1914, La mujer y el trabajo. Reflexiones sobre la cuestión feminista, de Olive Schreiner. Tamén apareceron notas, papeis antigos e curiosidades, algunhas das cales están expostas no museo, como testemuña da historia do instituto e das súas actividades no pasado.

Os fondos que quedaron na biblioteca están sendo catalogados no sistema MEIGA (máis de sete mil a día de hoxe) e ordenados segundo a CDU. Procedemos á súa renovación e intentamos modernizar e equilibrar as nosas coleccións. Ampliamos as seccións de banda deseñada, os DVD, os CD e materiais multimedia. Adquirimos libros xuvenís e de adultos atractivos para todo o público, máis alá das habituais lecturas obrigadas dos diferentes departamentos.

3. A animación da biblioteca

Tratábase agora de que libros, música, cine, ou a web chamasen a atención do alumnado. Para iso: 

  • Instalouse unha mesa de prensa na entrada do centro, colocáronse cortizas e paneis á beira da porta da biblioteca, no corredor polo que pasa todo o instituto cara ao ximnasio.
  • Aumentouse o número de ordenadores de dous a oito.
  • Todos os libros están xa accesibles para o alumnado e o préstamo cuadriplicouse nestes catro anos.
  • Estamos a traballar para que a biblioteca non sexa tanto unha sala de estudo nos recreos  e si un lugar de procura de libros; de lectura por pracer; de fomento da lectura (tendo á man banda deseñada, novelas gráficas e manga, por exemplo); de procura de información e coñecemento; de lecer na zona de lectura informal.
  • Creamos un blog que nos permite ter un espazo de consulta e comunicación con toda a comunidade escolar.
  • Creáronse tamén varios clubs de lectura.

A meta é que a biblioteca sexa o corazón da animación cultural do instituto en todos os campos. Nese eido estamos a desenvolver un proxecto interdisciplinar sobre o mar que inclúe: un ciclo de cinema, un taller de nós mariñeiros, un taller de murais de plástica, un concurso de fotografía, un concurso sobre as lecturas xuvenís do profesorado e unha exposición de haikus.

4. A formación dun equipo de profesorado que xestione e anime a biblioteca

Logo da xubilación da encargada da biblioteca, o traballo que esta realizaba está a ser desempeñado por un grupo de profesores e profesoras que vimos a oportunidade de implicarnos no cambio e modernización da biblioteca.

Hoxe somos unha ducia de profesores, de diversas especialidades, que procuramos formarnos mediante cursos especializados e o grupo de traballo anual. A coordinadora do equipo é unha profesora con ampla dedicación horaria e implicación persoal. A pesar de que parte do equipo vai cambiando cada curso por motivos varios (xubilacións, traslados ou dedicación a outras tarefas), a maioría do grupo mantense estable.

Ao longo destes catro últimos anos, máis de doce mil libros foron colocados e recolocados en innumerables ocasións: cada vez que chegaban estantes novos, procedentes da dotación da consellería ou do PLAMBE. Todos eses traballos foron posibles grazas á xenerosidade dun grupo de docentes (non só os membros do equipo), de alumnos, de nais e pais do club de lectura, ao longo de moitas tardes.

Certamente, sen o apoio desas persoas e da Asesoría de Bibliotecas Escolares, así como da inclusión do noso centro no Plan de mellora de bibliotecas escolares nos cursos 2011-2012 e 2012-2013, esta singradura non sería posible.

Tamén sabemos que esta viaxe que emprendemos no ano 2009 (construír unha nova biblioteca, transmitir a paixón lectora, fomentar a curiosidade pola cultura) non pode acabar nunca. A nosa meta será non deternos e seguir o pulo que nos faga ir sempre máis alá.

 

Sección: