Doces experiencias

Actividades de dinamización e cooperación entre as bibliotecas escolares e municipais de Redondela

Laura Goldar Villar
Responsable do CEIP Alexandre Bóveda (Redondela-Pontevedra)
lauragoldar@edu.xunta.es


 

O xermolo da colaboración entre as bibliotecas de Chapela remóntase ás xornadas que se realizaron en Santiago de Compostela no 2010 para os centros adscritos ao PLAMBE (Plan de mellora da biblioteca escolar). Naquel encontro por zonas no que se trataba de ámbitos de colaboración, acordouse a necesidade de xuntarse nunha rede máis pequena de cooperación (microrrede) onde poder facer máis operativo o traballo de biblioteca na escola. Deste xeito, considerouse oportuno convocar a todas as bibliotecas dos centros de ensino de Redondela (estivesen ou non no PLAMBE) e facer extensiva esta convocatoria ás bibliotecas municipais de Redondela e Chapela. Hai que salientar que o profesorado sempre atopou apoio e atención por parte das asesoras das bibliotecas escolares.

Desta necesidade de colaboración como punto de partida xurdiu a cooperación entre as bibliotecas escolares e municipais de Redondela, comezando cunha xuntanza de todos os profesionais destes centros, buscando así un contacto que nos axudase na mellora do noso labor. Roser Lozano, naquelas mesmas xornadas, na conferencia “Lectura, aprendizaje y acceso a la información: la función de las bibliotecas escolares en la formación de nuevos lectores”, puxo o marco teórico para a nosa actividade posterior, enumerando un decálogo de boas prácticas bibliotecarias, como o saber cooperar ou a elaboración de proxectos abarcables e planificados, apostando pola orixinalidade e pola comunicación aos diferentes sectores da comunidade (Lozano, 2010).

 

Desta comunicación entre os diferentes sectores xurdiu a primeira reunión en maio do 2010, de onde saíron unhas pautas de actuación para futuras xuntanzas: un grande espírito de colaboración e conciencia de equipo e as larpeiradas que tamén nos acompañan sempre nos itinerantes encontros. Esta itinerancia polas bibliotecas de Redondela será unha singularidade e un dos atractivos dos nosos encontros. Este mesmo espírito de apertura das bibliotecas a docentes doutros centros ten moito que ver coa progresiva e paulatina incorporación ao PLAMBE de moitas bibliotecas da zona, coa súa conseguinte dinamización e actualización.

Esta idea de adozar a, moitas veces, solitaria e difícil carga do labor bibliotecario, de compartir, de facer visible o traballo que se vén facendo nos últimos anos en moitas bibliotecas de Galicia recaía  sobre o persoal das bibliotecas. Non partiamos de cero, xa que había antecedentes de colaboracións, ben a modo de empréstitos temporais entre as varias bibliotecas, ben a través de visitas guiadas ás bibliotecas municipais; pero naquela primeira xuntanza puxéronse os alicerces para írense materializando os diferentes aspectos da dita colaboración.

Esta colaboración concéntrase en tres eixes arredor dos que se move o equipo de bibliotecas:

  • Actividades propostas polas bibliotecas municipais centradas preferentemente arredor da banda deseñada.
  • Actividades en colaboración con outros sectores da comunidade: módulo de educación infantil do IES, radio, Asesoría das Bibliotecas Escolares de Galicia.
  • Actividades de cooperación das bibliotecas escolares: recomendacións lectoras, creación dun cómic colectivo, intercambio de experiencias.

Respecto das actividades propostas polas bibliotecas municipais, estas xiran arredor dun eixe central como é a banda deseñada. Ocorre con frecuencia que, co paso do tempo, as bibliotecas se van centrando en determinados temas ou aspectos que acaban por conformar o seu sinal de identidade; as bibliotecas municipais de Redondela e Chapela levaban tempo realizando diferentes actividades relacionadas coa banda deseñada e optouse por aproveitar estes recursos que xa existían.

 

 

De aquí xurdiu a primeira grande actividade de colaboración: O Baúl Viaxeiro. As bibliotecas municipais tiñan un gran fondo de banda deseñada e o baúl viaxeiro encheuse con máis de cen títulos escollidos. As bibliotecas escolares organizaron a itinerancia para que o baúl percorrese todas e cada unha delas, achegándolles visibilidade ao alumnado e ás familias de cada centro de Redondela e achegando os ditos recursos das bibliotecas municipais ás zonas máis afastadas dos núcleos urbanos e semiurbanos e a familias que non frecuentan as ditas bibliotecas.O baúl inclúe, ademais, material de apoio para o profesorado sobre a BD, a súa historia e as súas características. Ao tempo que van pasando polas escolas, o profesorado vai engadindo as múltiples actividades que se realizan nos diferentes centros educativos, materiais cos que, ao rematar o ciclo completo, se elaborará un arquivo final que sirva como recurso educativo. Estas actividades atinxen diferentes aspectos do currículo escolar, pero tendo o cómic como soporte integrador. Traballos sobre a igualdade e a violencia de xénero, o Entroido, o proxecto lector, a busca de información, entre outros, van engrosando ese arquivo final do baúl viaxeiro e que constituirá un documento importante das experiencias acumuladas durante dous anos nos centros educativos da zona.

 

Noutro apartado, pero tamén relacionado co anterior, está a formación, máis concretamente, respecto da BD. As bibliotecarias municipais organizaron dous interesantes cursos para o profesorado sobre o cómic, a súa historia, os elementos que o conforman, así como a creación de personaxes, impartidos ambos polo debuxante Gochi, editor de Cerditos de Guinea.

 

Seguindo con esta liña de formación, a colaboración entre BM e BE é constante polo que respecta á formación de usuarios do noso alumnado. Non se pode deixar de mencionar aquí a continuidade das visitas escolares guiadas ás bibliotecas municipais como un xeito máis de formar usuarios competentes e de profundar na alfabetización informacional. Dese xeito, a programación de tales visitas responde ás necesidades curriculares dos centros educativos, o que apoia o traballo que se vén realizando neles.

Dentro das actividades conxuntas e en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do concello, a biblioteca municipal foi facendo chegar ás escolas a Bibliocaravana, cunha gran variedade de recursos en diferentes idiomas do Estado e acompañado de actividades de animación á lectura nas escolas.

 

A comunicación dos itinerarios lectores por parte das escolas ás bibliotecas municipais é un exemplo da importancia que se lle dá, desde este colectivo, á lectura como factor de compensación e integración social, ao tempo que se aproveitan os recursos como xeito de loitar contra a desigualdade. Xa son usuais os préstamos temporais que as bibliotecas realizan entre si sobre determinados aspectos ou proxectos da vida escolar. Para optimizar recursos, as BE aproveitan lotes de libros doutros centros ou das BM para os proxectos integrados e estas, pola súa vez, participan coas súas contribucións do servizo de Os Libros a Eito das Bibliotecas Escolares de Galicia.

É de destacar a colaboración entre os diferentes tramos educativos coas bibliotecas da zona. O módulo de educación infantil do IES Chapela vén realizando diferentes actividades de animación á lectura en diversos aspectos relacionados coas celebracións do Día do Libro, como a exposición de maquetas sobre Alicia no país das marabillas que percorreu varios centros educativos ou continuadas sesións de contacontos na biblioteca municipal para o alumnado de educación infantil dos centros próximos en horario escolar.

 

Dentro das actividades de cooperación entre as BE, cómpre salientar aquí a elaboración anual dunha guía de recomendacións lectoras para o verán, común para todas as do concello, cuxo deseño e contidos foron elaborados por todos os centros participantes. Cada ano ocúpase un centro de elaborar o boletín coas propostas que as demais bibliotecas realizan.

 

 

A potenciación e animación á lectura sobre BD desemboca noutra actividade: a creación dun cómic colectivo, vertebrado nunhas liñas comúns e que abrangue diferentes aspectos de Redondela –historia, lendas, personaxes salientables– e que está en proceso (é o tema das últimas xuntanzas).

O intercambio de experiencias ocupa unha parte importante das reunións e nelas vanse coando os diferentes proxectos integrados, clubs de lectura, libros de itinerarios lectores que fomentan o gozo da lectura, autores ou ilustradores que “enganchan” o público escolar, ideas sobre conmemoracións, documentos ou organización relacionados coa práctica escolar, formación de usuarios, en fin, todo aquilo que pode facilitar ou animar o noso labor bibliotecario e implicando cada vez máis ás BE na consecución de diferentes competencias curriculares. No ámbito destas reunións móstrase interese pola integración dos contidos científicos na planificación bibliotecaria, nas diferentes formas de potenciar a participación das familias en tarefas da BE, en diversos modos de expurgacións e trocos de libros, na transmisión ao resto do profesorado das suxestións das bibliotecas, dos atallos para frear as desigualdades e da importancia dos documentos avaliativos para medir os indicadores de calidade do traballo.

Non se pode deixar de mencionar a intención de facer visible o traballo das bibliotecas do concello. Por isto concibiuse a idea de crear un Planetaki e incorporalo aos diferentes blogs das bibliotecas, como un xeito de ter acceso actualizado e constante ás actividades que se están a desenvolver nas bibliotecas do concello de Redondela.

Ramón Salaberría, no seu artigo “Bibliotecas escolares y bibliotecas públicas”, repara nos aspectos diferenciadores entre biblioteca escolar e biblioteca pública. Establece tamén diferentes tipos de relación entre elas, como a fusión, a colaboración en diferentes graos ou, nunha fase máis avanzada, a de cooperación, recoñecendo, en todos os casos, a súa necesidade mutua (Salaberría, 2008). Nestes anos de colaboración fluída, foron moitas e variadas as actividades que se levaron a cabo e que se seguen pondo en marcha, incidindo nunha maior eficacia do traballo das bibliotecas.

Neste sentido, afianzada xa a rede de cooperación, as ideas novas para un desenvolvemento futuro non faltan: afondar nunha visibilización maior, marcar liñas educativas comúns, sacar as bibliotecas á rúa, ampliar a colaboración cos diferentes colectivos culturais de Redondela (radio, monicreques, cine...), en resumo, cooperación para transformar, colaboración para construír sentido crítico, transmisións de coñecementos e experiencias para entender mellor o papel que, como cidadáns, temos dereito a exercer.

 

BIBLIOTECAS DE REDONDELA

BIBLIOTECA DO CEIP ALEXANDRE BÓVEDA: Laura Goldar Villar
http://caracolatola.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DE CEDEIRA: Elisa Otero Puza
http://www.edu.xunta.es/centros/ceipcedeira/
http://contintadechoco.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DE IGREXA-CHAPELA: Marina Melón Casal
http://ceipigrexachapela.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DE OUTEIRO DAS PENAS: Carolina Loureiro Varela
http://outeirodematilda.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DO CEIP PORTO CABEIRO: M.ª José González Domínguez
http://bibliotecaportocabeiro.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DO CEIP QUINTELA: Rosa Lorenzo Rodríguez
http://biblioxaquin.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DO CEIP SANTO PAIO DE ABAIXO: Rosario Molares
http://biblioblogreboreda.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DO CEP SANTA MARIÑA: Eugenia Santaclara Maneiro
http://bibliotecasantamarina.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DO IES PEDRO FLORIANI: Emilio González
http://bibliofloriani.blogspot.com.es/
BIBLIOTECA DO CEIP DE LAREDO: Montserrat Diz Amil
BIBLIOTECA DO IES MENDIÑO: Teresa Covelo Rodríguez
BIBLIOTECAS MUNICIPAIS DE REDONDELA: M.ª Elena Becerra García e M.ª José Villar Fernández
http://bibliotecasredondela.blogspot.com.es/
PLANETAKI DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES E MUNICIPAIS DE REDONDELA
http://www.planetaki.com/bemredondela#start

 

 

Bibliografía: 

 

  • LOZANO, R. (2010). “Lectura, aprendizaje y acceso a la información: la función de las bibliotecas escolares en la formación de nuevos lectores”. Xornadas de Bibliotecas Escolares, abril 2010.
  • BONILLA, E.; GOLDIN, D.; SALABERRÍA, R. Bibliotecas y escuelas. Retos y posibilidades en la sociedad del conocimiento. Barcelona: Ed. Océano (1.ª ed.).

 

Sección: