A biblioteca como centro de recursos compensador de desigualdades

Unha experiencia de préstamo de ordenadores portátiles no IES Lagoa de Antela (Xinzo de Limia-Ourense)
O proxecto que presento viña fraguándose había varios cursos e desde xaneiro deste ano 2013 é xa unha realidade. No IES Lagoa de Antela en Xinzo de Limia (Ourense), a biblioteca presta ordenadores portátiles e conta cunha impresora á disposición do alumnado. Nada do que a continuación presentarei podería ser posible sen o apoio e traballo dun grupo de profesores e profesoras comprometidos coa biblioteca e con moitas ganas de levar adiante proxectos innovadores que axuden a mellorar a situación de descompensación social pola que estamos a pasar nestes momentos, tan complicados socialmente. É por iso que apostamos por un compromiso co ensino público de calidade como garante do equilibrio nas oportunidades entre o noso alumnado.

Ana María Escudero Hernández
Profesora e Xefa do Dpto.de Debuxo
Responsable da biblioteca
anaescudero@edu.xunta.es

 

 

Comezaremos falando do IES Lagoa de Antela situado no concello de Xinzo de Limia en Ourense. É un centro localizado nun contorno rural con 380 alumnos no presente curso 2012-2013. Impártense primeiro e segundo ciclo da ESO, dous bacharelatos (o de Ciencias e Tecnoloxía e mais o de Humanidades e Ciencias Sociais) e dous programas de cualificación profesional inicial. O claustro conta cun total de 49 profesores/as.

Se temos que falar sobre a normativa reguladora, o que “temos no papel” sobre bibliotecas escolares, lectura e educación na LOE, atopamos a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, que trata o tema da seguinte maneira:

  • No artigo 1, a línea a), establece como principios do sistema educativo, entre outros, a calidade da educación para todo o alumnado, independentemente das súas condicións e circunstancias.
  • No punto 2 do artigo 2, especifica que os poderes públicos lle prestarán atención prioritaria ao conxunto de factores que favorecen a calidade da ensinanza, entre eles a dotación de recursos educativos, o fomento da lectura e o uso de bibliotecas.
  • O artigo 113, punto 4, deste artigo sinala que a organización das bibliotecas escolares deberá permitir o seu funcionamento como espazo aberto á comunidade educativa dos respectivos centros.

E co que “temos no papel” comeza a andaina da nosa biblioteca, que experimenta un cambio importante a partir da entrada no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE, somos do PLAMBE 3) hai 5 anos.

Cambia a decoración, amplíanse os fondos, mércanse equipos informáticos… e así conseguimos que o espazo da biblioteca se converta nun dos lugares preferidos do instituto para o alumnado e o profesorado.

Tamén xorden os clubs de lectura de alumnado e profesorado, que achegan, se cabe, aínda máis a biblioteca á comunidade educativa.


No percorrido da biblioteca atopamos un equipo de biblioteca fundamental para levar a cabo todos eses cambios e sacar adiante as diferentes propostas que curso tras curso levamos a cabo no IES Lagoa de Antela. Na actualidade está composto por catro profesoras con diferentes especialidades: Física e Química, Economía, Lingua Galega e Debuxo Técnico e Plástica. Das catro, dúas levan neste proxecto desde o seu comezo cinco anos atrás.
Por outro lado, existe un equipo de apoio formado por profesorado que se encarga do servizo de préstamo nos recreos.
E tamén contamos con outro grupo de docentes que, sen formar parte do equipo principal, teñen nos seus horarios asignacións dedicadas á biblioteca.

O motor deste proxecto, sen dúbida ningunha, é o noso alumnado, que procede dunha contorna rural, maioritariamente agrícola e tamén gandeira. Hai unha importante porcentaxe de inmigración (sobre todo marroquís), que nos tempos actuais ve incrementada a taxa de paro e, polo tanto, atopamos cada vez máis casos de alumnado con poucos recursos.

Desde a biblioteca dámonos de conta da problemática xurdida coas novas tecnoloxías, xa que o alumnado precisa ordenadores para a presentación adecuada de traballos que demanda o profesorado, pasar os apuntamentos a ordenador para que sexan lexibles e acceso a internet, en moitos casos, para a realización dalgúns deses traballos.

Expoñemos o problema enviándolle unha carta ao profesorado e informándoo da posibilidade de que a biblioteca preste ordenadores, solicitamos a súa axuda para publicitalo nos diferentes grupos e tamén facemos unha enquisa para saber o estado real no que se encontran os rapaces con respecto ás novas tecnoloxías.
Neste momento, a axuda dos titores e titoras é fundamental para realizar a sondaxe e para presentar o díptico informativo cuxo deseño pretende clarificar unha serie de normas para o préstamo dos ordenadores portátiles. Tamén lle damos publicidade no blog da biblioteca.


 

RESULTADOS DAS ENQUISAS

Facemos a enquisa en todos os niveis da ESO, valoramos as respostas de 235 alumnos e concluímos:

1-A maioría (222 alumnos fronte a 13) ten ordenador na súa casa.
2-Un grupo importante (224 alumnos/as) considera útil o préstamo de ordenadores desde a biblioteca.
3-Son moitos os que dispoñen de impresora (167 fronte a 68), pero un dato curioso é que moitos dos que teñen impresora non dispoñen de tinta, co cal a impresora queda infrautilizada.
4-Unha alta porcentaxe trae os traballos impresos, pero en moitas ocasións fano no lugar de traballo dos pais e tamén os amigos facilitan a impresión.
5-A 230 alumnos/as parécelles útil ter impresora na biblioteca.
6-Case todos teñen unha memoria USB.
7-Un total de 194 alumnos ten conexión a internet nas súas casas; dato un tanto sorprendente para as nosas apreciacións antes da enquisa.
8-Tamén aproveitamos para facer consultas sobre se teñen libros electrónicos nas súas casas e aquí só 74 alumnos/as din posuílo e constatamos que unha ampla maioría (217) está de acordo coa utilidade dun préstamo deste tipo por parte da biblioteca.

A principios do curso 2012-2013 chega á nosa biblioteca unha partida extraordinaria de 475 € desde o PLAMBE para investir en equipamento informático.

Con eses cartos e outra parte que engadimos da dotación do centro á biblioteca, mercamos un ordenador portátil, unha bolsa, unha memoria USB e unha impresora. Aproveitamos para prestar tamén outro ordenador portátil co que conta a biblioteca desde a súa entrada no PLAMBE hai cinco anos


Para que o alumnado poida levar en préstamo os portátiles, deseñamos un contrato cunhas pautas e decidimos formalizar o préstamo, de forma que só o xestionásemos os membros do equipo de biblioteca e por períodos de catro días (de luns a xoves e de xoves a luns), sobre todo pensando na organización. A persoa do Equipo de Biblioteca que presta o ordenador tamén o recibe de volta. O alumno que leva o ordenador conserva unha copia do contrato e a biblioteca outra.

Ata o momento non tivemos ningún problema con este servizo, que cada vez é mais demandado pola comunidade educativa.

No tocante ao uso da impresora, o alumnado ten que avisar sempre ao profesorado que se encontra de garda na biblioteca para facer uso dela. Isto débese a que nunca conta con papel, para evitar impresións sen un control previo. Unha vez que se comproba a natureza do traballo que desexan imprimir, é o profesor de garda quen dispón os medios e inicia a impresión.

Previamente, o alumnado anótase nunha folla, deseñada para tal fin, onde se recollen os seus datos persoais e o curso no que se encontra; tamén debe engadir a materia para a que realiza o traballo impreso.

Desta maneira, co paso das semanas, imos comprobando que case todas as materias están representadas no uso da impresora da biblioteca.

 

CONCLUSIÓNS

A experiencia posta en marcha está dando uns resultados moi satisfactorios e cremos que este servizo axuda a nosa comunidade educativa porque pon ao alcance de todos os que o precisen a posibilidade de contar cun ordenador.

Nestes momentos que vivimos, con diferenzas claras entre o alumnado, cremos necesario intentar, desde a biblioteca, que sexan as menos posibles e que o alumnado aprecie un novo servizo á súa disposición. Facilítalle as tarefas académicas diarias nas diferentes materias que cursa, ao tempo que complementa os demais servizos que ofrece a nosa biblioteca.

 

www.edu.xunta.es/centros/ieslagoaantela

www.bibliotecalagoadeantela.blogspot.com.es/

www.blogoteca.com/nostamennavegar/

 

 

Sección: