Ensinar a aprender

A experiencia do CEIP Os Muíños (Muxía - A Coruña)

Susana Seoane Dovigo, responsable da biblioteca
Aurelia M.ª Picallo Merlán, directora
sseoane@edu.xunta.es

 

Quen somos?

O CEIP Os Muíños é un centro que atende a 135 alumnos e alumnas. Dezaoito mestres forman o seu claustro, dos que cinco son itinerantes, e unha orientadora compartida. Ten nove unidades: dúas de infantil (unha para os de tres anos e outra mixta que atende os nenos de catro e cinco anos), e sete de primaria (é liña un, agás en terceiro). Temos “habilitada” unha aula específica que atende a tres dos nosos alumnos: un síndrome de Down, un autista e unha síndrome de deleción 22q13.

Os agrupamentos son diversos e van desde uns grupos pouco numerosos a outros con 24 alumnos/as.

Segundo a última avaliación de diagnóstico, o noso alumnado pertence a un nivel sociocultural baixo. O resultado das probas amosa unha competencia lingüística dentro da media e unha competencia matemática por debaixo da media.

O noso centro experimentou sensibles cambios nos últimos dez anos: entramos case simultaneamente a formar parte da Rede de Centros de Calidade e do Plan de Mellora de bibliotecas Escolares (PLAMBE), mellorando a xestión do centro e impulsando definitivamente o papel da biblioteca. Esta é, na actualidade, o “motor” do centro –tal como deseñaramos ambiciosamente nun grupo de traballo no 2002–. A biblioteca está integrada na Comisión de Coordinación Pedagóxica e a súa programación está reflectida en todas as programacións de aula, e recollida no traballo de todos os órganos de coordinación docente. Vén funcionando desde a creación da escola en 1984 e integrouse no PLAMBE desde a súa primeira convocatoria. Fomos recoñecidos co terceiro Premio ás Boas Prácticas na Biblioteca no ano 2010 polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Cada alumno do noso centro dispón do seu carné como usuario de biblioteca, o que lle brinda acceso a fondos materiais e virtuais. Todas as aulas están dotadas coa súa propia biblioteca –dependente da central–, na que se inclúen obras de lecer e unha sección documental suficiente.

Desde o curso 2009-2010 varios profesores –en número variable– traballan sen o uso exclusivo dos libros de texto e sérvense dos recursos que ofrece a biblioteca e as TIC (este curso tamén entramos no Proxecto Abalar). Durante este curso, todos os niveis de Música, Inglés no segundo e terceiro ciclos e as áreas de Lingua, Matemáticas e Educación para a Cidadanía de sexto impártense sen o uso exclusivo dos libros de texto.

Por que?

Partimos da curiosidade innata dos nenos e nenas desta etapa. Decidimos cambiar a nosa metodoloxía despois de constatar os seguintes feitos:

Libros de texto

Sen uso exclusivo dos libros de texto

Non se adaptan ao contexto do alumnado.

Podo aproveitar os recursos do contorno.

 

Estúdanse as áreas, non aquilo para que nos serven. Os libros convértense nun obxectivo en si mesmos (estudan o libro e non a realidade).

O alumnado faise máis autónomo, independente e creativo.

Favorecen a visión da escola como algo alleo á vida ordinaria.

Favorecemos a imaxinación, o traballo en grupo, a colaboración...

 

 

É o mestre o que transmite os coñecementos.

É o alumnado o que vai formando a súa propia aprendizaxe; o mestre asesora, guía...

A programación é pouco flexible, moi “fechada”; con frecuencia os libros queren estar tan actualizados que logo quedan obsoletos.

Desta forma a programación é máis flexible, actualízase constantemente.

É difícil introducir variacións de contido ou metodolóxicas.

Facilita unha auténtica avaliación non só do proceso do alumnado, senón da propia programación (avaliación da práctica docente por parte do alumnado, autoavaliación da práctica docente e da programación), e a conseguinte retroalimentación.

A utilización de ferramentas que non sexan os propios recursos do libro vese como “adicional” ou complementaria.

Dá pé a utilizar outros recursos: correo-e, internet, prensa, biblioteca… como parte do traballo ordinario, como ferramenta habitual.

Táboa 1. Constatacións da nosa experiencia

Que ensinamos?

  • Como non podía ser doutra forma, o contido do currículo (Decreto 130/2007, do 28 de xuño, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia).
  • Os contidos necesarios para acadar os obxectivos desde a perspectiva das competencias básicas.
  • Os contidos organizados arredor do tema anual proposto desde a biblioteca: Os piratas, Seres doutros mundos, Os muíños, O mundo mariño...
  • A realidade cotiá.
  • A lectura en todos os soportes: libros, xogos, películas, webquests…

 

Como o facemos?

  • Nas áreas de Matemáticas e Linguas de sexto, partimos da lectura dunha novela proposta pola biblioteca escolar para tratar o tema anual. Na programación de cada área quedan reflectidos os títulos dos capítulos como unidades de contidos e, a partir delas, vanse introducindo os contidos do Decreto 130/2007 que establece o currículo de primaria.

-Na lectura diaria dalgún fragmento da novela atopamos elementos que nos levan a tratar aspectos de gramática, ortografía, sintaxe, comprensión e expresión oral e escrita, así como cuestións de cálculo, medidas de tempo, lonxitude, capacidade e masa, xeometría…

-Constantemente se fan referencias ao contorno próximo e as saídas son incluídas nas programacións, de forma que, cunha preparación previa, nos permiten extraer información que logo utilizamos para traballar na aula. Deste xeito o alumnado favorece o desenvolvemento das competencias básicas.

-Todos os contidos e actividades están recollidos nun blog de aula, así como documentos gráficos que amosan o froito do traballo (fotografías, vídeos, traballos escaneados…).

-O alumnado dispón dunha conta de correo electrónico para manter comunicación coa mestra titora. A través del envían os seus traballos en formato dixital ou reciben outros para a súa elaboración.

  • Na área de Inglés, na que non podemos ter como referente o contorno próximo, precisamos marcar claramente que sabemos xa, que queremos aprender e como imos facelo, deseñando un planning para chegar a facer unha tarefa final, neste caso, falar de nós mesmos usando como soporte un brick (no caso de sexto e quinto) ou un cube de papel (no caso de terceiro e cuarto). No planning reflectimos, ademais, os medios que imos utilizar.

 

-Usando a imaxinación e potenciando a creatividade.  Deseñamos estratexias para que o traballo non se represente exclusivamente a través do caderno, senón con actividades nas que poidan representar a súa capacidade artística, permitíndonos avaliar tamén a súa competencia neste sentido, calquera que sexa a área.

-Insistindo na colaboración (escoitamos, negociamos…).

-Combinando recursos tradicionais (cadernos, libro de lectura, portfolio…) e innovadores (redes sociais, blogs…):
                     

  • Con blogs de aula desde o 2009-2010 nos grupos de cuarto, quinto e sexto de primaria:

http://tripulacionpirata.blogspot.com

http://nomundodasmarabillas.blogspot.com

http://muinandonaescola.blogspot.com

http://marbravoterrabravia.blogspot.com.

 

- Fomentando a autonomía.

  • Cun libro relacionado co tema anual:

Os piratas: A illa do tesouro, de R. L. Stevenson.

Seres doutros mundos: Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll.

Os muíños: Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas.

O mar: 20.000 leguas baixo dos mares, de Xulio Verne.

 

Onde o facemos?  

- Na clase

 

- Na biblioteca

- Na aula tic-tac

- No contorno

 

Proceso

 

Proceso de elaboración e aplicación do noso plan

 

Quen está implicado no proceso?

Alumnado: é o suxeito de todo o proceso. Partimos sempre da experiencia previa dos nosos alumnos e alumnas e guiámolos para que vaian descubrindo aquilo que resulte significativo para a súa aprendizaxe.

Seguimento do alumnado

 

Facemos un seguimento da súa evolución a través dos nosos cadernos, nos que están reflectidos os criterios de avaliación determinados no ciclo, que se van aplicando para o cálculo das cualificacións, combinando factores máis ou menos obxectivos. Tanto o alumnado coma as súas familias son informados xa a principios de curso destes criterios, e tómanse como referencia cada vez que a familia se interesa pola súa evolución. Tamén o alumnado fai unha avaliación do labor do profesorado, dúas veces durante o curso (ao remate do primeiro e do terceiro trimestre), e os resultados comunícanselles aos interesados desde o equipo directivo, para que todo o profesorado poida adoptar as medidas de mellora que considere oportunas.

 

 

Avaliación da práctica docente por parte do alumnado

 

Profesorado: unha vez que temos á nosa disposición os recursos necesarios, faise imperativo tirar deles o máximo rendemento e non limitalos só a casos puntuais dentro da nosa programación. Para nós tamén é unha oportunidade de aprendizaxe, de mellora, de investigación, un reto persoal para buscar aqueles recursos que garantan que o noso alumnado está baseando a súa formación nos medios cos que se vai desenvolver na súa vida tamén fóra da escola. Isto obríganos a un proceso ininterrompido de formación.

Familias: achegan información e actúan como espectadores do froito do traballo. Son convidadas a visitar o centro no momento da incorporación do novo alumnado e mantemos con elas dúas reunións colectivas, como mínimo, por curso (na primeira delas fáiselles entrega da “presentación de área”, na que son informadas do contido de cada área, así como dos criterios de avaliación. Consúltaselles opinión a finais do curso sobre a súa satisfacción co centro e, en particular, co profesorado e titores.

Persoas do contorno: técnicos do concello aos que recorremos para que asesoren o alumnado (por exemplo, técnico de medio ambiente, protección civil…), veciños dedicados a distintas profesións (escritores, panadeiros, artesáns, mariñeiros…).

 

Editoriais: temos que ter en conta que son empresas que viven dos libros de texto. Colaboran cos centros cando se inviste nos títulos que propoñen pero, se abandonamos os seus textos, o seu apoio mingua. Os distintos selos procuran poñerse ao día, diversificando materiais e investigando para mellorar o produto, sobre todo coas tecnoloxías, pero seguen sendo recursos que parten da idea “tradicional” do libro de texto. Non propoñen pautas de traballo “xenéricas” que poidan ser logo adaptadas polos mestres a cada situación particular, senón que ofrecen un produto “elaborado” e “pechado”.

A Administración: o esquema de traballo no que nos movemos non é o axeitado para este tipo de metodoloxía: tempos (horarios), organización dos equipos, burocracia, formación… Se cadra non estamos na mellor época para facer cambios ou, se cadra, o concepto de “crise” lévamos precisamente a buscar ese cambio necesario. A escola non debe responder xa aos agrupamentos por idades, á división dos días en sesións dunha hora, ao repartimento do espazo tradicional ou ao rol do mestre como simple transmisor de coñecementos e o alumno como “esponxa” de absorción á que logo esprememos para obter resposta para as nosas preguntas.

 

 

 

Sección: