Biblioteca escolar: abrindo portas

A apertura do centro á sociedade a través da biblioteca

Emilio Roca
IES Pedra da Aguia (Camariñas-A Coruña)
emroca@edu.xunta.es

 

Hai diferentes formas de concibir unha biblioteca escolar e, polo tanto, hai diferentes formas de concibir a educación. Os centros escolares, o alumnado, as familias e a sociedade na que estes centros se sitúan modifican a súa relación dependendo das diferentes épocas e situacións polas que atravesan ao longo do tempo. Recordo, cos anos acumulados nas aulas, momentos de forte rotura con situacións pretéritas que mantiñan formas directamente sacadas da escola franquista. Houbo logo un período “dourado”, de innovacións, de cambios, de esperanzas e ilusións. Pero este período, no que falsamente parecía case todo xa conseguido, foi esmorecendo, enleado moitas veces nos cambios de leis, de deseño moi prometedor no seu texto e con moi pouca capacidade real de arranxar as cousas ao pé da aula. Provocouse así, querendo ou non, a volta, en moitos casos –non todos, afortunadamente–, a un sistema que parecía superado, aos contidos puros e duros, á nota de exame como única forma de medida ou a confundir avaliación continua con exame continuo.

Parece que hoxe en día se está a recuperar, de novo, un xeito de relación máis persoal, que parecía un tanto perdido, ou esvaecido, entre as présas nas que moitas veces vivimos, cos contidos do currículo embutidos en horas insuficientes e coa burocracia dos centros e dos profesionais do ensino sempre en aumento. Téntase en moitas ocasións recuperar a relación persoal, de volver ver os centros de ensino como puntos que espallan o saber e o interese pola cultura e que acollen non só o alumnado, que é a súa obriga, senón pais e familiares, e aínda a outras persoas que “perderon” a condición de familiares unha vez que os seus fillos, ou netos, rematan a súa estadía no centro.

E nesta recuperación de algo que talvez non debeu perderse, ou cando menos non quedar en mínimos, xogan, na nosa opinión, un factor importantísimo, fundamental, as bibliotecas escolares.

Hai anos xa que se transformou a idea de biblioteca escolar, pasando de ser un almacén máis ou menos organizado de libros, que moitas veces se usaba como lugar de castigo e no que os libros quedaban encerrados lonxe das mans dos cativos (para que non se estragasen), a ser un espazo moi vivo, de convivencia, de actividade e de colaboración. E é aquí, nesta transformación, onde as bibliotecas escolares retoman esta función de apertura do centro ao resto da sociedade, adaptando e espallando as novas formas de comunicación, utilizando –moitas veces á vangarda do resto de institucións– as novas tecnoloxías e os novos soportes do saber e da cultura, botando man de todo aquilo que sirva para superar as paredes da biblioteca e permita achegarse ás persoas que forman a estrutura social que sustenta e alimenta un centro de ensino: as familias que nos traen os seus fillos.

Probablemente esta transformación sexa máis visible no rural ou esa impresión temos desde a experiencia concreta no noso centro. Parece que ou ben a relación é máis próxima por seren lugares máis pequenos ou ben os efectos se mostran dun xeito máis claro ao non quedar diluídos entre un número maior de habitantes.

Cando inauguramos o centro, o IES Pedra da Aguia, na Ponte do Porto (Camariñas-A Coruña), no curso 1998/1999, vímonos na obriga, por ser os únicos definitivos do centro, de formar o equipo directivo. Os dous compoñentes do equipo de biblioteca, que aínda continuamos nela hoxe en día, estivemos naquel intre obrigados a exercer de xefa de estudos e de secretario, respectivamente. Coa carga inmensa de traballo que supuxo poñer a andar o “monstro”, o espazo destinado á biblioteca utilizouse como almacén de materiais de todo tipo primeiro, durante case medio curso, e logo, efectivamente, como almacén de libros e pouco máis.

Unha vez “liberados” dos cargos, empezamos a tomar a biblioteca un pouco máis en serio, aínda que dando paus de cego, sabendo o que non queriamos pero sen saber moi ben o que si. Vimos con certa sorpresa como había alumnado que se achegaba a aquel espazo e, incluso, pasaba alí o recreo enteiro. E mesmo empezaron a facer algún labor de axuda, forrando, cuñando, pegando etiquetas e ata comezando a catalogar, aínda que seguindo unhas pautas, dadas por nós, que pronto aprendemos que estaban ben desencamiñadas. Estabamos nesa época lonxe de imaxinar que as nosas inquedanzas eran as mesmas doutras persoas espalladas por toda a xeografía de Galicia, coa diferenza de que estas levaban, xa daquela, unha morea de tempo traballando, aprendendo e innovando nese campo amplísimo que é unha biblioteca escolar. Chegou entón a época da formación, do descubrimento doutras bibliotecas que levaban a cabo actividades innovadoras e atractivas que nos deixaban abraiados. E comezamos a seguirlles os pasos.

Loxicamente, o primeiro punto focal da nosa nova etapa foi o alumnado, con algún que outro “tentáculo” cara ao profesorado. Comezamos a elaborar actividades no centro que mobilizasen os rapaces, ao tempo que mantiñamos grupos de traballo co profesorado coordinador doutras bibliotecas da zona. Aqueles primeiros pasos nos grupos de traballo foron o xermolo das bibliotecas activas da nosa comarca que están hoxe en funcionamento.

Logo dun tempo, comezamos a decatarnos de que podía ser moi interesante achegarlles aos familiares algunha das actividades, propoñendo, por exemplo, lecturas comúns ou invitando a xente a compartir cos fillos ou netos a visualización de películas escollidas. En canto foi posible, colgamos na rede un blog (varios, en realidade) que permitise difundir a actividade da biblioteca (Vilán http://pedradaaguia.blogspot.com.es/) e que permitise, sobre todo, que nos puidesen seguir naquelas casas que dispuxesen de conexión, aínda que os primeiros anos isto non era tan frecuente como agora poida parecer. En calquera caso, ás veces conscientemente e ás veces non tanto, quixemos empezar a abrir ventás e sacar a biblioteca das catro paredes que a circundan. Á fin e ao cabo, unha biblioteca non é soamente un espazo físico, tamén é o espazo de ideas, de comunicación, de intercambio, de convivencia que xorde dela ou con ela.

Pode que o momento en que mellor se condense e se manifeste esta apertura da biblioteca cara ao exterior sexa nestes últimos catro anos, nos que fomos concretando diferentes actividades con esta finalidade. Algunhas delas non parten da nosa biblioteca, veñen xa dadas pola propia estrutura creada desde a Xunta de Galicia, a través da Asesoría de Bibliotecas Escolares e o seu Plan de mellora. En calquera caso, por se resultan descoñecidas para alguén, imos mencionalas nas seguintes liñas.

O primeiro paso é a información. Cada comezo de curso as familias do novo alumnado son invitadas a unha presentación na que se lles explica o funcionamento do centro e da biblioteca. Informámolas brevemente do tipo de actividades que se levan a cabo e do seu sentido, e invitámolas a participar, entre todas as propostas, naquelas deseñadas para eles. Entrégaselles unha carpetiña con información e unha folla de inscrición para que anoten aquelas que son do seu interese, empezando por As Mochilas Viaxeiras, que é unha actividade promovida desde a Asesoría de Bibliotecas consistente en escoller un mostrario dos fondos da biblioteca, adaptados aos diferentes niveis (fundamentalmente primeiro ciclo), en diversos tipos de soporte, e metelos nunhas mochilas para que permanezan nas casas durante un tempo. No noso caso optamos por ofertar tempadas un tanto longas, de dúas fins de semana, coa idea de facilitar que os materiais se poidan ver en común, en momentos nos que é máis doado que a familia teña tempo. Incluímos un folleto cunha pequena explicación, a listaxe de material e un espazo para que poidan dar a súa opinión e facer os seus comentarios e suxestións sobre a actividade.

Na actividade Lendo a pares propoñémoslles ás familias a lectura de libros que os alumnos están lendo no instituto, sexan lecturas de aula ou do club de lectura. Aos adultos interesados facilítaselles unha pequena guía de lectura con datos sobre o libro, o/a autor/a e outro tipo de información sobre épocas, lugares etc., coa idea de facilitar o comentario, o intercambio de información e de opinión entre rapaces e adultos. Nalgúns momentos, cando hai altibaixos no número de persoas que demandan esta actividade, realizamos o experimento de utilizar algúns dos libros xuvenís no club de lectura de adultos, con resultados curiosos e menos contrastes do esperado.

Cine para Falar consiste basicamente nun cineforo, coa salvidade de que a asistencia á proxección está condicionada porque nin os alumnos nin os pais/titores poden asistir por separado. Hai unha inscrición previa na que se indica que adultos acoden xunto cun alumno concreto. Observamos que, durante o coloquio, loxicamente, os rapaces falan menos canto máis novos son, pero as nais (case sempre nais) confirman que logo, xa camiño de casa, o diálogo e o intercambio de opinións son moito máis fluídos. Esta actividade enmarcámola, ultimamente, dentro do Grupo de Encontro do que falaremos máis abaixo, aínda que non dun xeito excluínte, xa que a invitación a participar ofrécese a todo o centro.

Desde o primeiro ano en que se realizou a convocatoria dos clubs de lectura, decidimos que non podía quedar restrinxido ao alumnado. Fixemos unha primeira e tímida reunión cun grupiño de adultos, non todos familiares de alumnos, e arrancamos cos dous grupos simultaneamente. Medio en serio medio en broma, co Prestige fresco na memoria, puxémoslle o nome de Arao, por medo a que os lectores fosen especie en perigo de extinción, tal como se extinguiran os araos dos penedos do faro Vilán. Afortunadamente resultou que non e, concretamente neste curso, tivemos que dividir o grupo dos rapaces en dous niveis distintos. No caso dos adultos, o grupo resultou ser firme coma as rochas que sustentan o faro e ten unha evolución que consideramos realmente moi positiva, que é mostra do que aquí queremos afirmar ao falar de abrir a biblioteca á sociedade, sobre todo se temos en conta a zona na que se atopa o instituto e o nivel sociocultural que se viña arrastrando historicamente.

Empezamos primeiro, ademais da típica reunión, por facer unhas sesións sobre os rudimentos da informática e o uso do correo electrónico, por aquela tan próximo coma Marte, por poñer un exemplo, para a maioría dos compoñentes do club. Hai xa un par de anos que para todas as nosas comunicacións utilizamos un grupo Google de correo e hai unha única persoa do club que non ten conexión a internet. Tamén temos desde este curso un lector electrónico de e-books en uso en cada club e son xa varios os adultos que adoptaron este sistema de lectura, en combinación natural co libro impreso.

O seguinte paso foi animar os máis atrevidos a buscar e preparar a información para os posts do blog do club (http://araoadultos.blogspot.com.es/) nos que ampliamos información sobre temas relacionados co libro. Algúns achegábannos a información en texto continuo e nós dabámoslle forma para poder colgala no blog, outros xa nos traían algún arquivo en Power Point. Agora xa temos á vista unhas sesións para aprender a elaborar e subir as presentacións a internet, para incrustalas no blog.

O café ao remate das sesións, acompañado dun doce caseiro foi, e é, outra constante do grupo. Permitiu nun principio o achegamento entre persoas que nos coñeciamos pouco, pero transformouse rapidamente nun xeito de “acariñar” os demais, de agasallalos. E é tamén un xeito de compromiso ante os outros: ninguén falla. Chegados a este punto, e vista a “excelencia” do produto, fixemos o máis lóxico: un libro de receitas, Os postres do Arao, traballo de colaboración onde os haxa e que nos permite converternos en “autores”. Se a visita dos autores dos libros é importante, non o é menos esta autoría propia, que nos afirma e nos revaloriza.

Ademais de que as reunións do club nos sirvan para falar do divino e do humano e de aproveitar para saber un pouco máis sobre moi diferentes épocas e situacións, sérvenos tamén para coñecer in situ lugares relacionados cos libros e os seus autores: as rutas literarias, que realizamos conxuntamente cos compoñentes dos clubs de alumnos. De momento temos xa realizada a Ruta Rosaliana, visitamos a praia dos Afogados e o Mondoñedo de Cunqueiro, e estamos a punto de visitar o Ourense de Blanco Amor.

O Grupo de Encontro e Debate creouse coa idea de acoller e facer partícipes do proceso educativo os pais e nais do alumnado que entraba no instituto por primeira vez, e “acompañalos” ata o segundo nivel. Hoxe en día, que é o cuarto curso que funciona este grupo, seguimos a ter nais que asisten ás reunións, que queren seguir no grupo, aínda que é certo que miran, cun certo sorriso, os medos e ansiedades das nais que acaban de chegar e os comentarios de “ao meu iso non lle pasa”.

Os/As relatores que asisten ás reunións comentan que é un dos grupos máis lonxevos que coñecen e de asistencia máis constante. Posiblemente se deba a que foi pensado desde un principio como un grupo de encontro, que é o seu nome, e non coma unha “escola de pais” na que a súa función estea limitada á simple escoita. A participación, a escoita respectuosa pola nosa parte, o respecto a todas e cada unha das opinións e a programación con base nas súas demandas probablemente estean na base desta lonxevidade.

Este grupo, ademais, é o que mellor permite a colaboración, e a complicidade, con outros estamentos e asociacións da zona. A colaboración co Concello é constante, xa que contamos coa asistencia persoal/profesional da educadora social e da técnica de igualdade, ao tempo que elas mesmas xestionan unha pequena subvención que nos permite cubrir gastos e facer algunha compra. Contamos tamén coa psicóloga da asociación supracomarcal Neria e con relatores de diferentes asociacións arraigadas na comarca, coma Aspadex, Apen ou Íntegro, ademais doutras como a Garda Civil ou a Asociación Quérote, de Santiago.

Repercusión no alumnado, nas familias e na sociedade

Estas actividades –que tentamos levar a cabo o mellor que sabemos e nas que consumimos moitas horas que “non existen”, quitándollas, como sabedes moitas e moitos, a outras actividades particulares e familiares e mesmo ao sono– non son todo marabillas nin funcionan sempre co grao de éxito que quixésemos, pero estamos firmemente convencidos de que axudan moito a crear unha relación máis fluída entre o centro e a sociedade e moi particularmente entre esta sociedade e a biblioteca. De feito, puidemos observar como moita da reticencia inicial cara ao instituto –motivos localistas de situación e o cambio nos costumes arraigados que sempre supón unha institución nova– que en parte permanece se foi modificando e como a valoración do noso traballo vai gañando terreo. O “boca a orella” é o modo de transmisión que máis fiabilidade mostra do sentir da xente que nos rodea, e pouco a pouco vai cambiando a percepción que se ten de nós ou, como lle dicía un membro do club de lectura a un amigo de fóra, “e que o club este ten moito tirón”.

Cada vez que nos xuntamos na biblioteca para unha reunión do Club de Lectura, do Grupo de Encontro, unha sesión de cine... queda máis claro que a xente ve a biblioteca como algo propio, que está familiarizada con ela, que a sente dalgún xeito súa. Sabemos ben que fallarán algunhas das actividades propostas, que acabarán ciclo outras, pero esa sensación de que a biblioteca somos todos é a que nos leva a seguir traballando nesa liña. Que a autoridade e os recortes non nolo impidan!

 

 

Sección: