Europass

Documentos que cómpre ter en conta na actualidade

Emilia Seoane Pérez
Conselleira EURES (EURopean Employment Services) e profesora da Universidade de Vigo
eures.universidade.emilia@uvigo.es

Co obxecto de establecer un marco comunitario único para fomentar a transparencia das cualificacións e competencias, nace Europass, expediente persoal e coordinado de documentos. As cidadás e cidadáns poderano utilizar para unha mellor e máis clara comunicación e presentación en toda Europa, facilitando e axudando así á mobilidade profesional e estudantil (Eduga núm. 49).

Son cinco os documentos que o compoñen, os cales podemos clasificar en función de quen os elabora:

  • Elaborados pola persoa interesada:

- CV Europass (Eduga núm. 50)

- Pasaporte de linguas Europass

  • Elaborados e expedidos polo organismo competente:

- Suplemento de mobilidade Europass

- Suplemento europeo ao título/certificado

- Suplemento europeo ao título superior.

 

SUPLEMENTO EUROPASS AO TÍTULO SUPERIOR

Coa saída das primeiras promocións de titulados de estudos de grao baixo o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), ao remate deste curso 2012-2013, tamén terá lugar a expedición, xunto cos títulos correspondentes, dos respectivos suplementos europeos ao título superior. O suplemento Europass ao título superior foi creado en común polo Consello de Europa, a Unesco e a Comisión Europea para a súa utilización polos centros de ensinanza superior de toda Europa, como complemento á titulación superior de ensino formal.

O deseño e o emprego deste suplemento está directamente relacionado co Sistema Europeo de Transferencia de Créditos (ECTS) e, polo tanto, coa implantación dos estudos universitarios baixo o Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) e a conseguinte finalización de estudos dos titulados.

Algúns trazos que definen este documento son:

  • Describe os coñecementos e capacidades adquiridos pola persoa titulada en ensinanza superior, e en diferentes escenarios e en varios idiomas.
  • É un documento finalista, entrégase ao remate dos estudos e co título oficial.
  • Nunca substitúe o título oficial, compleméntao.
  • É de expedición obrigada para os centros de ensino superior, xunto cos títulos universitarios baixo o EEES.
  • Expídeo o centro de ensinanza superior que acredita o título oficial.
  • Por tratarse dun documento que non é elaborado pola persoa interesada, esta debe estar en posesión sempre do seu orixinal, igual ca do título oficial, polo que a entrega sempre se realizará en fotocopia, en todo caso, cotexada e nunca en orixinal.

 

PASAPORTE DE LINGUAS EUROPASS

No momento actual, debido ao incremento da súa utilización en toda Europa, será obxecto deste espazo o pasaporte de linguas Europass.

O pasaporte de linguas Europass (ELP) é un documento que pretende rexistrar as capacidades e as competencias lingüísticas obtidas dentro e fóra dun sistema educativo formal. É parte do chamado portfolio europeo de linguas elaborado polo Consello de Europa. Pódese afirmar que, malia tratarse dun documento pouco extenso, a súa utilidade é grande, pois, aínda que no CV Europass existe xa un espazo específico para recoller as competencias lingüísticas dunha persoa, o pasaporte de linguas ofrece unha información máis detallada ao respecto e complementa, polo tanto, a información achegada no primeiro debido á súa estrutura a aos datos que nel permite salientar.

Estrutura do pasaporte de linguas:

  • Datos persoais
  • Información de cada idioma:

          - Descrición do nivel persoal de coñecementos por autoavaliación

-Comprensión: auditiva e de lectura

-Fala: interacción oral e expresión oral

-Escritura

          - Títulos e certificados (acreditables documentalmente)

          - Exemplos importantes de experiencia persoal co idioma e cultura correspondente (familiar, escolar, de convivencia…).

  • Idioma/s materno/s e outro/s idioma/s

 

Utiliza os seis niveis do Marco europeo de referencia sobre idiomas (MECR) para rexistrar a capacidade lingüística de maneira estandarizada.

Caracterización do nivel

Nivel

 

Usuario competente

C

C1

C2

Usuario autónomo

B

B1

B2

Usuario básico

A

A1

A2

 

A utilización do pasaporte ofrece unha serie de vantaxes:

  • É internacionalmente comparable.
  • Permite a presentación de competencias de maneira comprensible.
  • Ofrece a oportunidade de recoñecer e de presentar capacidades lingüísticas obtidas dentro e fóra do sistema educativo formal.
  • Complementa o CV Europass e debe xuntarse a este.
  • Recolle todos os idiomas que a persoa pode utilizar en maior ou menor grao e mesmo os coñecementos parciais nalgúns. Así, por exemplo, pódese ter unha boa comprensión auditiva ou lectora nun idioma e posuír un baixo nivel na fala (expresión oral, interacción oral).

 

Aínda que Europass se publica no DOCE do 31-12-2004 e a partir do 2005 comeza a utilización dalgúns dos documentos que o compoñen, non se realiza do mesmo xeito en termos cuantitativos. Precisamente o pasaporte vai facendo a súa incursión de xeito máis lento e discreto no ano 2005 e ao remate do 2012 a súa utilización ascende de xeito considerable, tal como se reflicte nos cadros que se achegan.

Pasaportes de linguas Europass (ELP) completados en liña desde o seu lanzamento (por ano)

ANO

ELP

2005

7.003

2006

27.164

2007

35.607

2008

44.071

2009

51.405

2010

65.576

2011

78.830

2012

114.733

TOTAL

424.389

ANO

ELP

2005

643

2006

1.885

2007

2.290

2008

3.513

2009

4.969

2010

6.316

2011

8.953

2012

14.554

TOTAL

43.123

 

Pasaportes de linguas Europass (ELP) completados en liña no ano 2012 por lingua materna (as 15 linguas maternas máis empregadas)

 

LINGUA MATERNA

ELP

ESPAÑOL

20.151

ALEMÁN

16.694

FRANCÉS

10.933

ITALIANO

10.684

PORTUGUÉS

7.962

POLACO

5.360

RUMANO

5.252

GREGO

4.645

HÚNGARO

4.236

FINÉS

3.642

INGLÉS

3.233

TURCO

3.188

BÚLGARO

2.523

RUSO

2.469

HOLANDÉS

2.275

MÁIS INFORMACIÓN:

http://europass.cedefop.europa.eu/es/documents

http://europass.cedefop.europa.eu/es/documents/european-skills-passport/diploma-supplement

http://europass.cedefop.europa.eu/es/documents/european-skills-passport/language-passport

http://europass.cedefop.europa.eu/es/resources/european-language-levels-cefr

http://europass.cedefop.europa.eu/es/resources/statistics

Sección: