A coordinación desde a biblioteca
Norberto Blanco Dorrío
Mestre de educación primaria e coordinador de biblioteca
nbdorrio@edu.xunta.es
A comunidade educativa do noso centro entendeu hai cinco anos que a biblioteca tiña que deixar de ser un almacén de libros e pasar a ocupar máis protagonismo no proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado e, en xeral, no funcionamento do centro. Desde ese intre, a biblioteca intenta funcionar como un verdadeiro centro de recursos ao servizo dos procesos de ensinanza e aprendizaxe, facilitando información e difundindo os materiais dispoñibles, imprescindibles para a adquisición de competencias básicas do alumnado e para a formación de lectores competentes. Asemade, tamén funciona como un lugar de encontro, intercambio e cooperación.
Todo o que o equipo de biblioteca conseguiu ata hoxe non sería posible sen coordinación e complementariedade co resto dos órganos e estamentos que conforman a nosa comunidade educativa e que, asemade, permite que os proxectos e traballos que se van desenvolver se fagan moito máis doados e cheguen, incluso, a acadar a excelencia.
Imos expor as principais implicacións que está a ter a coordinación no traballo desenvolvido na biblioteca desde 7 liñas de actuación: equipo directivo, titores e mestres, equipos de ciclo, Equipo TIC/Abalar, Equipo de Dinamización da Lingua Galega, alumnado, CFR e Asesoría.
A biblioteca funciona como un centro de recursos ao servizo do proceso de ensinanza e aprendizaxe
Coordinación co equipo directivo
A base fundamental do éxito acadado polo proxecto de biblioteca vai residir no nivel de coordinación que exista entre o Equipo de Biblioteca e o equipo directivo. Faise necesario, e imprescindible, que algún membro, ou varios, do equipo directivo estea integrado no Equipo de Biblioteca. A Dirección debe entender e asumir que a biblioteca é a que lle vai permitir ao centro dar o salto de calidade que a sociedade está a demandar dos centros educativos. A imaxe que a biblioteca proxecte cara ao exterior vai a ser a imaxe que teña este centro no contorno educativo próximo, e non tan próximo se se complementa coas novas tecnoloxías. Un centro onde a súa biblioteca funciona ben ou moi ben vai ser indicativo de que ese centro funciona ben ou moi ben a todos os niveis en xeral.
Por outra banda, aínda que as axudas económicas da Administración cara ás bibliotecas escolares se poden considerar satisfactorias, vai ser moi importante contar co apoio económico dos consellos escolares para poder deseñar un proxecto de biblioteca factible, duradeiro e con continuidade no tempo. É aquí onde de verdade se observará o compromiso real da Dirección do centro coa biblioteca e o seu proxecto.
O equipo directivo será, tamén, o que se encargue de coordinar a formalización da importancia que ten o funcionamento da biblioteca na vida do centro, ao integrala nos diversos documentos que rexen o seu funcionamento, en especial: Proxecto educativo, Plan de convivencia, Proxecto lector, Plan xeral anual e Proxecto de biblioteca.
Coordinación cos titores/titoras e profesorado
A coordinación neste nivel está funcionando principalmente en tres liñas de traballo:
- Apoio curricular. Un dos principais obxectivos que se debe perseguir desde a biblioteca é a súa integración dentro do currículo. Buscamos actuar como estreitos colaboradores cos mestres no proceso de educar o seu alumnado e no desenvolvemento do currículo. Quizais sexa un dos obxectivos máis difíciles de lograr, pero pouco a pouco imos acadando mellores resultados. Desde a biblioteca tamén se favorece e apoia a elaboración de unidades didácticas que imos compilando nun curso específico da aula virtual, que fai de base de datos dos traballos realizados e é accesible a toda a comunidade educativa.
- Plan anual de lectura. Neste aspecto a coordinación vai ser vital, fundamentalmente para a posta en práctica da Hora de Ler, de elaborar os itinerarios lectores e de elaborar as guías de lectura que se lle recomendan a toda a comunidade educativa.
- Grupo de traballo: nos grupos de traballo, ou PFAC, é onde de verdade se pon de manifesto a coordinación do equipo de mestres. Funciona como un caldo de cultivo de ideas e proxectos que pouco a pouco imos pondo en práctica. Un dos aspectos que redunda no éxito dos obxectivos propostos é que a práctica totalidade do profesorado está inscrito nestes grupos de traballo que, desde hai uns anos, están a traballar por unha biblioteca 2.0, para non quedar atrasados nos novos tempos educativos que se nos aproximan.
Actividades na biblioteca
Coordinación cos equipos de ciclo
O ideal é que un membro de cada equipo de ciclo pertenza ao Equipo de Biblioteca para lle poder transmitir os proxectos e obxectivos propostos ao resto dos compañeiros do centro. Se non se difunde o traballo e o proxecto que se vai realizar, seranos moito máis difícil acadar bos resultados.
Faise necesario que desde os equipos de ciclo se teña como guía de traballo o Plan de lectura anual do centro, que se revise e se analice en cada unha das sesións de traballo que teñan. Asemade, grazas á presenza dun membro da biblioteca en cada equipo, garantirase que se coñezan as actividades de fomento da lectura que se van realizar ou, mesmamente, que se propoñan outras para ter en conta no equipo de biblioteca.
Por outra banda, grazas a esta coordinación, o equipo de biblioteca estará presente en todas aquelas actividades complementarias que se organicen desde os equipos de ciclo, tales como o Samaín, o Magosto, o Día da Paz, o Entroido, o Día do Libro, o Día da Poesía, o Día das Letras Galegas…
Coordinación co Equipo Tic/Abalar
Entendemos que os equipos de Biblioteca, TIC e Dinamización da Lingua Galega teñen que ir da man, é dicir, é preciso que sempre traballen na mesma liña, xa que é fundamental que, para o desenvolvemento e posta en práctica de calquera proxecto, os tres estean presentes asesorando en todo aquilo que os atinxe.
As TIC están presentes en todo o proceso educativo e na biblioteca a súa presenza faise moito máis notoria.
En primeiro lugar, na xestión dos fondos documentais e dos préstamos, grazas ao Proxecto Meiga, fanse moito máis doados os labores de administración.
Por medio das TIC achegamos a nosa biblioteca ao noso contorno próximo ou virtual. Na web do centro temos adxudicado un bloque só para todo o que ten relación coa biblioteca: normas, horarios, actividades, programas, educación documental, formación de usuarios… que mantemos actualizada coa colaboración do Equipo TIC.
A aula virtual é outra das ferramentas TIC polas que se debe apostar, grazas ao seu potencial formativo e autoformativo dos nosos usuarios. Temos en funcionamento varios cursos que están titorizados polo Equipo de Biblioteca en coordinación co Equipo TIC: compilacións de webquest, coas que traballamos a educación documental; curso de formación de usuarios, no que recollemos diversas actividades propias e doutras bibliotecas co fin de formar os nosos lectores; curso de unidades didácticas de temas transversais en colaboración, tamén, co EDL do centro.
A aula virtual tamén xoga un papel moi importante dentro da coordinación de todos os membros do proxecto de formación en centros (PFAC) que estamos a desenvolver conxuntamente o Equipo TIC e o Equipo de Biblioteca baixo o título de TIC, currículo e biblioteca. Creamos un curso na aula virtual no que imos reflectindo todo o que realizamos ou realizaremos, así como titoriais e ligazóns de interese para facilitar a participación e formación de todos os seus membros.
Outro recurso moi interesante para a difusión cara á comunidade educativa de todo o que está a acontecer na biblioteca son os blogs. Actualmente, temos en funcionamento varios blogs no centro que reflicten as actividades que imos realizando. Ultimamente, froito da coordinación co Equipo TIC, estámoslle a dar máis protagonismo á web do centro ca aos blogs, xa que a web nos permite realizar actividades moito máis complexas ca o blog, como son todas aquelas referentes á educación documental que estes non permiten. Digamos que un blog ten unha función máis relacionada coa animación á lectura, mentres que a web nos permite abarcar todo o que precisamos para traballar as TIC desde a biblioteca. Asemade, a web vainos permitir ter todo máis controlado ao estar feita na espazo corporativo da Consellería de Educación.
Por último, cómpre sinalar que un dos principais logros desta coordinación é a creación dunha conta na comunidade virtual de Facebook que funciona como un escaparate de todo o que se realiza desde a biblioteca. As bibliotecas non pode deixar escapar o potencial que ofrecen; con pouco traballo e tempo chegas a todos os teus seguidores e eles pódense relacionar contigo cun simple clic. Nós así o entendemos e desde hai dous anos estamos presentes en Facebook, actualmente séguennos 400 amigos e amigas da comarca do Carballiño, o que representa un grande éxito, posto que o noso centro só ten 58 alumnos. É dicir, realmente chegamos a todos os membros do noso contorno que teñen internet, aspecto que non podemos desaproveitar.
Web do centro, a coordinación está presente
Coordinación co Equipo de Dinamización da Lingua Galega
O EDL e a biblioteca han de traballar na mesma liña, así o entendemos e así o facemos. Na redacción do proxecto de fomento do galego participa activamente a biblioteca. Desde a biblioteca atendemos a todas as linguas, pero en especial loitamos por, cando menos, normalizar o uso do galego no centro, tarefa que aínda non conseguimos a pesar de estar nun centro rural. Queda moito camiño por facer, pero somos conscientes de que só remando no mesmo barco todos os equipos do centro se alcanzará algún día un uso normalizado do galego, con todo o que iso implica.
A boa coordinación existente entre estes dous equipos, xunto co TIC, foi a culpable dos éxitos alcanzados nos últimos dous anos, polo proxecto de fomento do galego que presentamos no centro, ao ser puntuado coa mellor nota de Galicia o curso pasado e este ano ser o segundo mellor valorado de Ourense, só por detrás dun colexio de 700 alumnos.
A coordinación entre estes dous equipos é constante ao longo do ano na realización de actividades para os “días sinalados”, así como para a realización de webquest e unidades didácticas para estes días. Pero, quizais, onde a dita coordinación se fai máis intensa é na elaboración de actividades para o Día das Letras Galegas e para a realización do xornal escolar de final de curso. Nas ditas actividades, os dous equipos funcionan totalmente integrados como se fosen un só, o que redunda nunha mellora da calidade das actividades ofertadas.
Participación na entrega dos Premios Antón Losada
Coordinación co alumnado
Non nos podemos esquecer da coordinación que debe existir entre o alumnado e o equipo de biblioteca. Esta, sobre todo, ponse de manifesto cos colaboradores e voluntarios de terceiro ciclo, que son aliados imprescindibles na xestión e mantemento da biblioteca, asumindo fundamentalmente as seguintes funcións: responsables da orde e cumprimento das normas, facer suxestións, elaborar informes de incidencias, axudar na formación de usuarios…
Alumnado colaborador
Coordinación co CFR e Asesoría de bibliotecas
Para finalizar, desde a biblioteca tamén debe existir, e existe, unha coordinación con estamentos exteriores ao centro, pero que están presentes activamente no desenvolvemento do proxecto de biblioteca, tales como o CFR e a Asesoría de bibliotecas. A coordinación co CFR fai posible que os grupos de traballo e o PFAC se desenvolvan de xeito proveitoso para todos os membros do Equipo de Biblioteca.
Por outra banda, hai que salientar o inxente traballo que se está a facer desde a Asesoría de bibliotecas para fomentar a coordinación entre todas as bibliotecas escolares de Galicia, póndose esta de manifesto, fundamentalmente, nos encontros e xornadas que organiza e na gran participación que todas elas están a ter no foro educativo das bibliotecas incluídas no PLAMBE. Este foro é un lugar de encontro para todos nós, onde cada equipo ofrece, e comparte, axudas e recursos de xeito totalmente altruísta.
En resumo, hai que sinalar que, se queremos que a nosa biblioteca teña futuro e non quede no camiño, deberemos contar, para a realización e desenvolvemento do noso proxecto de biblioteca, con todos aqueles órganos de coordinación existentes no centro… En definitiva, desde a biblioteca sempre deberemos “buscar o que une, máis ca o que separa”.