A biblioteca como motor dun proxecto
Asun Carballo Rodríguez
Coordinadora da biblioteca
asuncr@edu.xunta.es
QUEN SOMOS?
Somos un CPI con máis de catrocentos alumnos con idades comprendidas entre seis e dezaseis anos. Os intereses, as motivacións, os ritmos de aprendizaxe son moi diferentes. A biblioteca funciona coma unha bisagra que articula estes dous mundos tan distantes. Os nenos comparten este espazo físico, pero tamén os seus materiais, as actividades de fomento e animación á lectura e o desenvolvemento dun proxecto común. O que podería ser unha dificultade convértese nunha vantaxe porque aproveitamos esta diversidade para enriquecernos.
COMO TRABALLAMOS?
A biblioteca, centro de recursos do colexio, foi a propulsora desta nova dinámica que cambia os papeis dos participantes do proceso de ensinanza e aprendizaxe. O alumnado é o protagonista activo e o profesor adquire un novo rol: achega o neno ao coñecemento e este investiga, busca e selecciona a información.
O tema sobre o que xira o proxecto escólleo o equipo de biblioteca. Divídese en pequenas parcelas e asígnase a cada ciclo ou materia como o pode enfocar. Todos os cursos son unha peza clave porque todos desenvolven un aspecto concreto.
Este ano decidimos achegarnos ao noso concello. Baixo o título Eu vivo aquí, o alumnado indaga sobre a súa contorna, experimenta e investiga a partir de diferentes fontes documentais e xera o seu propio coñecemento sobre o lugar onde vive para aprender a valoralo.
QUE ACTIVIDADES FACEMOS?
A partir deste tema xorden diferentes actividades, dependendo das idades dos seus protagonistas. Con eles viaxamos no espazo e no tempo. Convértense en estudosos do seu concello e van afondando nos seguintes aspectos.
a. Os lugares
Para empezar, os nenos de primeiro e segundo de primaria descóbrennos os lugares que máis lles gustan de onde viven. Estudan os diferentes espazos do concello. Falan da súa vida, do seu barrio ou da súa parroquia. Dannos a coñecer o seu recuncho preferido do Rosal nun libro que recolle os seus debuxos.
Hai un espazo diferente e característico desta zona: os muíños do Folón. Son os nenos de terceiro de primaria os responsables desta sección do traballo. As liñas de actuación son dúas. Por unha banda, indagan nos aspectos básicos dos muíños partindo dos libros e do coñecemento das persoas que lles contan a súa función e historia. Por outra, fan unha saída para coñecelos de cerca.
Os rapaces de cuarto de primaria percorren o concello e as súas parroquias. Indagan coa axuda dos libros e dos seus maiores. Estes pequenos investigadores plasman a súa sabedoría nun libro que nos axuda a coñecer mellor O Rosal.
En quinto de primaria están debullando a orixe das palabras, analizando a toponimia. Buscan de onde proveñen diferentes nomes de lugares. Procuran as lendas e as historias que se agochan detrás dalgúns dos topónimos da zona. Os seus estudos son recollidos nun libro que fan eles.
Nesta ruta rosaleira contamos co mapa emocional que elaboran os alumnos de primeiro de secundaria. Superpoñen capas onde sitúan as súas vivencias e recordos, sinalan os lugares máis importantes para eles. Parten dos espazos mais íntimos (o seu cuarto, a súa casa) e rematan nos espazos públicos. O resultado é unha colaxe de imaxes (deseños, debuxos, sinais e fotografías) que se coloca na entrada do centro.
Xa que estamos a estudar o que nos rodea, por que non deterse na natureza coa que convivimos no centro? Por iso facemos un estudo de todas as árbores do colexio. O alumnado de segundo de secundaria, en Ciencias Naturais, recolle información sobre as árbores e elabora unha ficha cos seguintes aspectos: características (lonxevidade, porte, altura, follas, flores e froitos), onde vive (hábitat natural, hábitat doméstico, tipo de solo), para que se utiliza e algunha curiosidade relacionada coa árbore. Os nenos de terceiro de primaria encárganse do deseño da ficha.
Nas aulas de cuarto de secundaria, fúndese a fotografía e a literatura. Na materia de Educación Plástica e Visual aprenden a arte fotográfica e en Lingua Castelá as descricións literarias. Convértense en fotógrafos do lugar que máis lles gusta e en escritores. Despois dunha exposición, recóllense estes traballos nun libro titulado O Rosal nunha fotografía.
Un dos produtos que destaca nesta zona é a uva, así que se organizan na biblioteca obradoiros sobre a química e o viño do Rosal. Os destinatarios son os nenos de terceiro e cuarto de primaria e terceiro e cuarto de secundaria. Identifican os aromas dos viños da zona, fan unha extracción do ADN da uva e comproban que a densidade do viño é diferente da densidade da auga.
b. A súa xente
As persoas son un elemento clave neste estudo. Os que mellor coñecen o concello son as súas xentes; os que viviron e traballaron aquí durante anos. Son fontes de información viva, o que os distingue dentro do proxecto. Aproximámonos a eles de dous xeitos diferentes: escoitando e indagando.
Escoitando
Organizamos sesións nas que convidamos ao centro persoas do Rosal que nos achegan ao deporte, á música, á economía, á historia… Por exemplo, aproximámonos ao deporte da man de deportistas olímpicos e xogadores de balonmán; coñecemos mellor a importancia da música coa visita de integrantes da banda que nos contan a súa orixe e historia nunha charla concerto. Ademais invitamos a pais, avós e ex-profesores para facer unha análise da escola de antes, charlas que están acompañadas por unha exposición.
Indagando
Os máis pequenos (primeiro e segundo de primaria) fan un estudo das profesións a partir dos seus pais e nais. Estes participan activamente, xa que poden vir ao centro a contarlles aos nenos a que se dedican.
Nas aulas de sexto de primaria analizan as profesións e en segundo de secundaria céntranse nunha das profesións máis características da zona: os cabaqueiros, persoas que elaboran tellas con técnicas tradicionais. Na materia de Tecnoloxía, coñecen de cerca este gremio e comparten con eles unha xornada de traballo.
Este estudo compleméntase coa proposta do alumnado de terceiro de secundaria que examina a economía da zona en Ciencias Sociais. Cada alumno elixe unha actividade económica para estudar, pona en relación co seu correspondente sector e analízaa. Adoitan o formato de entrevistas, co fin de recollelas todas nun xornal ou revista económica sobre o concello.
A mellor forma de coñecer a xente dun lugar é achegarse á súa historia. O proxecto interdisciplinar de primeiro da ESO tamén xira sobre esta temática. Céntrase no estudo da historia do Rosal a través de diferentes manifestacións en pedra agrupadas por idades: Prehistoria (mámoas, petróglifos e asentamentos castrexos), Idade Antiga (ponte de orixe romana do Tamuxe), Idade Media (tumbas visigóticas), Idade Moderna (muíños do Folón e cruceiros) e Idade Contemporánea (casa tradicional e pazos).
c. O xogo
Ás veces, as propostas de traballo mesturan estes dous aspectos: os lugares e as súas xentes.
Os nenos de quinto e sexto de primaria e primeiro de secundaria realizan unha busca do tesouro que os levará a descubrir as pistas por todo o centro e a dar coa información na biblioteca. O seu obxectivo principal é o coñecemento do contorno por parte do alumnado.
En terceiro de secundaria estase a elaborar un xogo de mesa sobre este concello, eles son os deseñadores das bases, das preguntas e do taboleiro.
VALORACIÓN
A biblioteca é o motor deste proxecto que se desenvolve en todo o centro. O produto final son os materiais que elaboran os rapaces. Detrás deles agóchanse as competencias que os nenos van adquirindo durante todo o proceso.
Por unha banda, coñecen e valoran o patrimonio cultural e artístico do seu concello; adquiren habilidades para buscar, obter e procesar a información; aprenden a familiarizarse con conceptos científicos e técnicos fundamentais; melloran a súa competencia en comunicación lingüística coa lectura e coa escritura de diferentes tipos de textos.
Por outra, o rapaz enfróntase a situacións nas que el é o protagonista da súa aprendizaxe e a actividades onde as súas decisións repercuten no grupo.
O obxectivo final é que os nenos sintan a necesidade de aprender durante toda a súa vida.
DURBAN, R.; CID, A. e GARCÍA, J. (2012) Programas para el desarrollo de la competencia informacional articulados desde la biblioteca escolar. Sevilla: Consejería de Educación da Junta de Andalucía (1.ª edición).
IFLA/UNESCO. Directrices IFLA/UNESCO para la biblioteca escolar. En liña: http://archive.ifla.org/VII/s11/pubs/sguide02-s.pdf
PIQUÍN, R. Proyectos documentales integrados en la BE/CREA. ¿Qué son y cómo hacerlos? Libro Abierto (núm. 3 21).