A biblioteca corazón
Mª Isabel Serantes Gómez
Responsable da biblioteca escolar Paula Carballeira
CEIP Os Casais (Fene-A Coruña)
xarela@edu.xunta.es
No CEIP Os Casais, comezamos no curso 2006/2007 unha reforma total da biblioteca do centro, mediante a elaboración dun proxecto de mínimos a partir dos que fixar as bases de actuación. Entrar no Plan de mellora de bibliotecas escolares (PLAMBE) no 2007 permitiu levar á práctica un proxecto máis ambicioso, dotala de medios e darlle estabilidade ao longo destes anos, ademais de acceder á formación específica e de calidade, que facilita o proceso.
Dentro dos obxectivos principais deste proxecto está, evidentemente, a competencia lectora (máis alá de espertar o gusto pola lectura e de crear hábitos lectores) como ferramenta indispensable para acadar a totalidade das competencias básicas: un alicerce sólido para toda aprendizaxe. A lectura como ferramenta tamén para conseguir outros obxectivos: a formación de usuarios de biblioteca e a alfabetización en información. Para facilitar a práctica da dita ferramenta, levamos a termo, entre outras, diversas actividades, hoxe consolidadas na vida cotiá do centro, para o fomento da lectura, inseridas no proxecto lector de centro: Hora de Ler, apadriñamentos/amadriñamentos lectores e Mochilas Viaxeiras, entre outras.
As dúas primeiras puxéronse en marcha de xeito paulatino, evitando reticencias do profesorado con respecto ao tempo que implica a súa preparación e posta en práctica. Dados os resultados obtidos e a satisfacción na súa realización, hoxe ninguén pon en dúbida a súa práctica.
En todas elas se fai fincapé na calidade da lectura, seleccionando e achegando aqueles fondos que consideramos indispensables ou importantes para a educación literaria do noso alumnado, e que cubran o máximo campo posible nos itinerarios propostos: narrativa, poesía, banda deseñada…
Mais tamén se achegan fondos de carácter informativo acaídos ás idades ás que van dirixidos, amenos, atractivos e que espertan a súa curiosidade e interese.
1. Apadriñamentos/amadriñamentos lectores
Referímonos a eles coma apamadriñamentos e organízanse con motivo de distintas celebracións: Mes das Bibliotecas, Día do Libro, Día das Letras Galegas…Empréganse diversas modalidades: entre pares, familias (sempre nais), intercentros, individuais e colectivos.
Comenzaron de xeito “non programado” na Hora de Ler, cando alguén propoñía ler en voz alta un texto que lle gustara especialmente, para compartilo coas compañeiras e compañeiros. Ao xurdir de xeito espontáneo, eran lecturas non preparadas e pronto, desde a mesma clase, se sentiu a necesidade de “facelo ben”, polo que se suxeriu a preparación na casa desa lectura coa que agasallar.
A partir do curso 2008/2009, organízanse desde a BE como mínimo unha vez durante o curso. Para evitar reticencias, estas sesións fanse na Hora de Ler. Iniciouse entre pares, o alumnado de 2.º e 3.º ciclos de primaria líalle ao de educación infantil (EI) e 1.º ciclo de primaria (EP). Desde hai dous anos, todos apamadriñan a todos, tamén o alumnado de EI e 1.º ciclo de EP vai ler ás aulas dos cursos superiores. Ofertóuselles tamén ás familias, que seleccionan elas mesmas as lecturas ou piden axuda á BE, neste caso as nais acoden ler a un ou varios niveis educativos do centro. Na modalidade intercentros, durante dous cursos consecutivos, alumnado de 2.º da ESO e 1.º de bachalerato do IES de Fene –IES de referencia do noso centro– acudiu ao colexio para apadriñar o noso alumnado co gallo do Día do Libro.
Nos apamadriñamentos individuais, cada padriño/madriña escolle unha nena ou neno a quen lle quere ler, ou ben son os pequenos os que escollen quen queren que lles lea entre a listaxe de voluntarios e voluntarias. Na data establecida, padriños e madriñas acompañan o seu apamadriñado a un lugar do patio sinalizado por eles mesmos e realizan a lectura.
Desde a BE faise fincapé nesta actividade por diversos razóns:
- Compartir/Ler a outros: facilitarlles a experiencia de compartir algo que saben facer, para o que se lles prepara, facelos sentirse importantes e responsables dun compromiso que adquiren voluntariamente. Foméntase a actitude de respecto e agradecemento a quen lles vai ler. Nalgunhas aulas mesmo agasallan a padriños e madriñas cunha poesía que memorizan para recitarlles antes de que marchen.
- Relación/Coñecemento do alumnado e do ex-alumnado: crea expectación. Mellora de xeito perceptible a relación entre aulas. Cando veñen nais, é un día especial, mesmo compiten en ser amables con elas. Do mesmo xeito, ao alumnado de maior idade gústalle ser recoñecido no patio coma quen lles foi ler, recitar...
- A narración oral ou cando nos contaban historias: a todos segue a gustarnos que nos relaten historias. A fascinación dos pequenos pola voz humana segue a ter vixencia, a pesar de “competidores tecnolóxicos ou dixitais”. Asemade, aprender a relatar –cando xa non acontece no contorno familiar– e a escoitar forma parte desas competencias coas que temos que dotar o noso alumnado.
- Selección dos textos. A “liberdade controlada”: para esta actividade, a biblioteca escolar selecciona textos apropiados para as idades ás que se vai apadriñar. Textos de calidade e interese, algúns fáciles de contar, con ilustracións que amosar, suficientes para que padriños e madriñas teñan onde escoller, dándolles a sensación de plena liberdade na escolla. Inclúense libros traídos polo profesorado e da biblioteca municipal, para garantir variedade e títulos que non hai nos fondos da nosa biblioteca. Unha vez que voluntarias e voluntarios saben a que aula lle van ler, ou a que pequeno, escollen “libremente” entre eses textos os que máis lles gustan ou prefiren preparar. E comeza a preparación da lectura.
- Selección/Distribución (segreda) de lectores. “Guiar” ao “voluntariado” (a BE nunca lles di NON aos voluntarios): nunca se lle di que non a un neno ou nena que quere lerlles a outros. Segundo as capacidades lectoras de cada un/ha, selecciónase o curso ao que lle van ler. Non enviamos como voluntarios aos cursos máis baixos lectores con dificultades, para evitar a desatención ou aburrimento dos máis pequenos. Axudámoslles –sen que o pareza– a seleccionar textos máis fáciles. Se preparan un texto entre dous ou tres, será para ese lector ou lectora a parte máis sinxela. Trátase de que participe quen queira, motivándoos a preparar con esmero a posta en escena, mesmo a superar no posible –co seu entusiasmo e desexo de participar– as dificultades lectoras. Teoricamente, é a mascota bibliotecaria quen sortea a que curso vai cadaquén, sorteo que ninguén pon en dúbida.
- Preparación rigurosa da lectura. Ofrecerlles tamén “esa” formación: o día que seleccionan o libro axúdaselles a preparar a lectura. Cada padriño/madriña levará para a casa o libro e unha carta da mascota coas instrucións sobre como ler (entoación, pausas, amosar ilustracións, facer diferentes voces...). As mesmas indicacións se lles ofrecen ás nais que “amadriñan”, aínda que con elas non se fai ensaio previo. A Hora de Ler é despois do recreo, polo que as nais, se o precisan, acoden nese tempo de recreo para preparar a posta en escena coa encargada da BE.
2. Mochilas viaxeiras
Son mochilas que viaxan de casa en casa co obxectivo de lles ofertar ás familias lecturas en diferentes formatos e soportes para compartir un tempo de lecer e aprendizaxe. Desde o ano 2008 circulan durante o curso nove mochilas, unha por nivel educativo. Todas con nome propio (de autoras que escriben na nosa lingua), co fin de personalizar as mochilas e facer visibles escritoras de recoñecida traxectoria. Cada mochila leva, polo menos, un texto da autora e vai identificada cunha etiqueta na que se inclúe o seu nome. O criterio de selección do contido é a calidade e a variedade, diversificando xéneros, incluíndo fondos informativos e priorizando o noso idioma. Non viaxan nas mochilas Stiltons, Montanas, Crepúsculos..., inclúense libros sobre educación dirixidos a pais e nais, informativos, narrativa e poesía infantil, xuvenil e para adultos, banda deseñada, CD audio, DVD infantil sobre animais, xogo CD-rom (inglés), revistas para adultos (National Geographic, Historia y vida, Muy Historia...) e nenos (Golfiños, reportero Doc, Leo-leo...), libros de receitas de cociña de diferentes países. Inclúese tamén un Diario de Viaxe, onde se invita a contar impresións, ideas, propostas, debuxos... A selección para o alumnado faise segundo a idade á que vai dirixida a mochila.
A viaxe das mochilas comeza na primeira semana de outubro, co fin de que poidan permanecer en cada domicilio un mínimo de dúas semanas, xa que son solicitadas por máis do 80 % das familias e chegan ao 100 % en EI e 1.º ciclo de EP.
Ao remate de cada curso pídeselles ás familias que cubran unha folla de avaliación sobre a actividade e o grao de satisfacción é moi alto, unha media de 4,8 sobre 5 nos últimos anos. Nas propostas de mellora case todas coinciden en pedir máis tempo de permanencia nos domicilios; algunhas piden libros máis actuais (bestsellers), aínda que recoñecen que non leron os libros que inclúe a mochila, que descoñecían en moitos casos os autores e autoras e que, en xeral, lles agradaron e incluso foron un descubrimento.
A programación dos obxectivos e do contido das mochilas explícaselles ás familias na reunión conxunta de comezos de curso; dedicamos o orzamento case exclusivamente a fondos para alumnado e profesorado, xa que estamos lonxe de poder mercar canto desexamos; ademais, nas nosas mochilas “viaxan” non libros acabados de publicar, senón autores que consideramos que non se poden perder pola alta calidade das súas obras, algunhas con premios de recoñecido prestixio, que a maioría das familias descoñecen.
3. Hora de ler
A Hora de Ler é un tempo diario de lectura persoal, silenciosa e sostida, reservado dentro do horario lectivo para tal fin, coma unha sesión máis, inmediatamente despois do recreo, presente en todos os documentos do centro.
É unha actividade coa que se pretende ofertarlle ao alumnado, tanto de EI coma de EP, un tempo para a práctica e o descubrimento da lectura nas mellores condicións posibles, co fin de mellorar a dita práctica nun contorno de acollemento, sen presións nin esixencias de rendemento.
Dependendo da idade, cada aula ten os seus proprios ritos para esta Hora de Ler, desde sinalizadores nas portas, achegados pola BE, ata a elaboración de marcapáxinas personalizados para reservar o libro que se está lendo. Proponse nas aulas que se acondicione un recuncho onde gardar, expoñer, ofertar fondos para este tempo de lectura. E mesmo acomodalos de xeito similar ao da BE.
As lecturas para esta sesión son escollidas libremente polo alumnado entre os materiais da biblioteca de aula (constituída polos lotes de fondos que periodicamente se collen en préstamo da BE), da BE directamente, os traídos dos seus domicilios, que intercambian e se prestan, ou mesmo da biblioteca municipal.
Nalgunhas aulas e nalgunha ocasión, estas sesións préstanse a outras lecturas: compartir en voz alta un capítulo, un poema, unha noticia; buscar un artigo en concreto na rede; contar, recitar...
Das follas de avaliación tíranse conclusións reveladoras, en moitos casos, da implicación do profesorado na competencia lectora.
O grao de satisfacción do alumnado é moi alto, case o 100 % pide máis tempo para a Hora de Ler (HdL) e unha porcentaxe considerable, nalgunhas aulas, pide que algunha sesión da HdL sexa empregada para lectura en voz alta, especialmente por parte da mestra. Salientan o silencio e a liberdade de ler o que queiran. Pola contra, as queixas son daquelas aulas onde teñen “veciñanza” que nese tempo alborota, entra e sae… aulas que, polo tanto, incumpren as normas da HdL. E non hai maior crítico ca o alumnado que linda con eles.
Todas estas actividades de fomento da lectura parten do convencemento de que a BE debe ser ese corazón que impulse a lectura, todo tipo de lectura, a cada recuncho da escola, a cada área de aprendizaxe, que a faga circular e renovar polas veas do centro, desenvolvendo competencias e construíndo lectoras e lectores. Estamos convencidas de que a práctica da lectura como ferramenta facilita e impulsa a consecución dunha das máis básicas das competencias e, con ela, de todas e cada unha delas.
Para todo isto, é imprescindible unha BE consciente da importancia de achegar non só medios materiais e específicos, senón tamén espazos, tempos e modelos de aprendizaxe.
Coñecida e visualizada, como ese corazón que bombea a lectura a cada recuncho do centro escolar, cómpre agora o paso de facela saber imprescindible nos cambios metodolóxicos, convertela na orixe e fonte na busca e tratamento da información, recurso esencial da aprendizaxe.
Bibliotecas escolares de Galicia, bega, Galicia: Xunta de Galicia, Consellería de Educación e O.U., http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/