Plan estratéxico do Consello de Cooperación Bibliotecaria

O CCB, constituído en 2008, é a primeira experiencia de cooperación bibliotecaria intersectorial, que reúne nun mesmo órgano a todas as administracións con competencia en materia en bibliotecas.

O obxectivo do Consello de Cooperación Bibliotecaria é facilitar o diálogo entre os distintos sectores, favorecer a posta en marcha de iniciativas cooperativas e impulsar o crecemento e a mellora das bibliotecas e dos servizos.

Forman parte do CCB, entre outros, o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes, os gobernos autonómicos, a Federación Española de Municipios y Provincias, a Federación Española de Sociedades de Archivística, Biblioteconomía y Documentación, e a Red de Bibliotecas Universitarias.

O día 14 de febreiro de 2013 foi presentado e aprobado en Madrid o I Plan Estratéxico do Consello de Cooperación Bibliotecaria nunha reunión presidida polo secretario de Estado Cultura, José María Lassalle, e na que participou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A Secretaría Xeral de Cultura tamén participa no Consello de Cooperación Bibliotecaria a través da Subdirección Xeral de Bibliotecas. O subdirector, Daniel Buján, é o presidente dunha das comisións técnicas coas que conta o CCB, concretamente a comisión de cooperación da Biblioteca Nacional de España e das bibliotecas nacionais e rexionais das comunidades autónomas.

Establecer as diversas liñas estratéxicas de traballo para o horizonte de 2013 a 2015 é o obxectivo do plan, que aposta por promover e fomentar as bibliotecas na sociedade, pola sustentabilidade dos servizos bibliotecarios e por avanzar na actividade do CCB.

O plan inclúe tamén unha planificación dos proxectos a desenvolver neste ano 2013, entre os que destaca a definición dun modelo sostible de préstamo de libro electrónico en bibliotecas.

Nesta liña, impulsarase unha visión compartida de modelos de contratación que garantan a viabilidade dos servizos bibliotecarios, especialmente en canto ao préstamo dixital (de libros electrónicos).

Tamén se promoverá un espazo para compartir información e favorecer a posibilidade de negociación de licenzas nacionais, que servirá ademais para impulsar a integración e a reutilización de todos os recursos dixitais.

Outros dos proxectos que se recollen no plan son:

  • a creación dun grupo de traballo para a elaboración de ferramentas de difusión que reflictan o alcance e a repercusión social dos servizos de biblioteca en España
  • a realización dun estudo que defina o papel das bibliotecas no novo contexto informacional e social.

 

Sección: