Que sucede co azucre cando chega ao noso corpo?

Traballo por proxectos en educación primaria.
Nun centro público de Redondela na aula de primeiro de primaria investigamos seguindo una metodoloxía por proxectos sobre o azucre e o impacto na nosa saúde. Ese proxecto levouse a cabo durante o primeiro trimestre en dúas sesións semanais de 50 minutos e pretendeu dar resposta ás interrogantes do alumnado a través de busca de información, análise da etiquetaxe dos produtos e cociña saudable.

 

Jessica Rodríguez Piñeiro, mestra de primaria
CEIP Plurilingüe de Cedeira (Redondela-Pontevedra)
jessicarodriguezpineiro@edu.xunta.gal

 

Contextualización do proxecto

Curso: 1º

Ciclo: 1º

Etapa: Educación primaria

Nº alumnado:18

Áreas curriculares: Ciencias naturais e Lingua galega

ODS: ODS 3 Saúde e benestar

Competencias:

  • Competencia en comunicación lingüística (CCL)
  • Competencia plurilingüe (CP)
  • Competencia dixital (CD)
  • Competencia persoal, social e de aprender a aprender (CPSAA)

 

Fundamentación

As escolas deben ser lugares onde se fomente o benestar e a saúde tanto física coma emocional. Para poder conseguilo precísanse contornos escolares e comunidades que dispoñan dos coñecementos, ferramentas e apoios que permitan garantir unha alimentación e un desenvolvemento físico e mental saudables. Neste sentido, o papel das familias no desenvolvemento de hábitos saudables é fundamental, xa que non só ensinan co exemplo, senón coa práctica, promovendo hábitos alimentarios saudables e, polo tanto, estilos de vida saudables que perduren ata a etapa adulta, diminuíndo o risco de desenvolver enfermidades crónico-dexenerativas (Macías et al., 2012).

 A pesar dos avances neste campo, débese seguir traballando, pois as cifras que apuntan cara á obesidade infantil e ao sedentarismo nestas franxas de idade son moi elevadas, o que constitúe unha das principais preocupacións en materia de saúde, afectando os países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento (Crovetto Zamorano e Medinelli, 2010; Aranceta et al., 2005).

Débese de ter en conta tamén a importancia do exercicio físico no mantemento da saúde. Neste sentido, é primordial que na infancia se teña en conta, como comenta Santos (2005), que a actividade física regular e o exercicio físico inciden positivamente na saúde.

Para poder loitar contra os hábitos nocivos para a saúde e a publicidade da alimentación infantil precísase un compromiso de comunidade. Fálase, en palabras de Burgos (2007, pp. 5-7), de «ensinarlles a adquirir un bo hábito de dieta equilibrada desde idades moi temperás e inculcarlles unha actitude crítica ante determinado tipo de alimentación e de publicidade».

 

Obxectivos

  • Reducir o consumo de azucre nos nenos e nenas.
  • Tomar conciencia do azucre consumido nun día.
  • Coñecer as enfermidades e consecuencias dunha inxestión elevada de azucres engadidos.
  • Identificar azucres engadidos e naturais en diferentes alimentos e produtos.
  • Coñecer os distintos nome do azucre, extracción, proceso de elaboración e tipos de azucre.
  • Analizar o contido da etiquetaxe de produtos e alimentos.
  • Elaborar receitas de cociña saudables.
  • Identificar os compoñentes dunha dieta equilibrada.
  • Elaborar almorzos e merendas saudables e equilibradas.
  • Formar as familias en alimentación infantil saudable e bos hábitos de vida.
  • Buscar información sobre hábitos de vida saudables e consumo de azucre e estruturala.

 

Relación co currículo de educación primaria

Obxectivos de área:

OBX1. Expor e dar resposta a cuestións científicas sinxelas, utilizando diferentes técnicas, instrumentos e modelos propios do pensamento científico, para interpretar e explicar feitos e fenómenos que ocorren no medio natural.

OBX2. Coñecer e tomar conciencia do propio corpo, así como das emocións e sentimentos propios e alleos, aplicando o coñecemento científico, para desenvolver hábitos saudables e para conseguir o benestar físico, emocional e social.

OBX5. Utilizar dispositivos e recursos dixitais de forma segura, responsable e eficiente, para buscar información, comunicarse e traballar de maneira individual, en equipo e en rede, e para reelaborar e crear contido dixital de acordo coas necesidades dixitais do contexto educativo.

Criterios de avaliación

Obxectivo 1:

  • Formular preguntas e realizar predicións sobre obxectos, feitos e fenómenos próximos a través da observación
  • Buscar información sinxela de diferentes fontes seguras e fiables de forma guiada, utilizándoa en investigacións relacionadas co medio natural.
  • Participar en experimentos guiados, de maneira individual ou en equipo, utilizando diferentes técnicas de indagación, empregando instrumentos de forma segura e rexistrando datos de maneira sinxela.
  • Comunicar de forma oral ou gráfica o resultado das investigacións con axuda dun guión, comparando a información e os resultados obtidos coas predicións realizadas.

Obxectivo 2:

  • Recoñecer hábitos de vida saudables, valorando a importancia dunha alimentación variada, equilibrada e sustentable, a hixiene, o exercicio físico, o contacto coa natureza, o descanso e o uso adecuado das tecnoloxías.
  • Coñecer as principais partes do corpo, identificando os órganos implicados na realización das funcións vitais.
  • Distinguir accións que favorezan o benestar emocional e social recoñecendo as emocións propias e as dos demais e identificando as relacións familiares e escolares a que pertence.

Contidos

  • Iniciación ao coñecemento científico presente na vida cotiá tendo en conta a importancia do coidado do planeta.
  • Fomento da curiosidade e da iniciativa na realización das diferentes investigacións a través da observación e da formulación de hipóteses.
  • Iniciación ás técnicas de indagación, de maneira individual ou en equipo, adecuadas ás necesidades da investigación.
  • Realización de experimentos sinxelos utilizando o método científico de forma guiada.
  • Uso de instrumentos para realizar observacións e medicións sinxelas rexistrando os datos obtidos.
  • Vocabulario científico básico relacionado coas diferentes investigacións.
  • Elaboración guiada de textos básicos, murais, paneis, esquemas ou presentacións para recoller conclusións.
  • Hábitos saudables relacionados co benestar físico do ser humano: hixiene, alimentación variada, equilibrada e sostible, exercicio físico, contacto coa natureza, descanso e coidado do corpo como medio para previr posibles enfermidades.
  • Identificación e descrición das partes do corpo humano.
  • Coñecemento e experimentación cos órganos dos sentidos para relacionarse coa súa contorna.
  • Hábitos saudables relacionados co benestar emocional e social: identificación e verbalización das propias emocións e respecto polas dos demais.

Competencias

CCL: competencia en comunicación lingüística que supón interactuar de forma oral, escrita, signada ou multimodal de maneira coherente e adecuada en diferentes ámbitos e contextos e con diferentes propósitos comunicativos.

CD: competencia dixital que implica o uso seguro, saudable, sostible, crítico e responsable das tecnoloxías dixitais para a aprendizaxe, para o traballo e para a participación na sociedade, así como a interacción con estas.

CP: competencia plurilingüe que implica utilizar distintas linguas, orais ou signadas, de forma apropiada e eficaz, para a aprendizaxe e a comunicación.

CPSAA: competencia persoal, social e de aprender a aprender que implica a capacidade de reflexionar sobre un mesmo para autocoñecerse, aceptarse e promover un crecemento persoal constante; xestionar o tempo e a información eficazmente, colaborar con outros de forma construtiva, manter a resiliencia e xestionar a aprendizaxe ao longo da vida. Inclúe tamén a capacidade de desenvolver estratexias para contribuír ao benestar físico, mental e emocional propio e das demais persoas, desenvolvendo habilidades para coidarse a si mesmo e a quen o rodea a través da corresponsabilidade.

 

Aspectos metodolóxicos xerais

  • Uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe do alumnado.
  • A realización de proxectos significativos e de actualidade que partan dos coñecementos previos do alumnado e do seu contorno próximo, así como dos seus centros de interese, os cales fomentarán a súa curiosidade e a motivación pola aprendizaxe.
  • Actividades que partan da observación e da experimentación para coñecer os fenómenos da vida cotiá.
  • Porase en práctica o método científico a través de diversas investigacións e traballos, desenvolvendo así unha actitude de rigor e pensamento crítico ante fenómenos que suceden no seu contorno máis próximo.
  • O desenvolvemento de habilidades para traballar de forma cooperativa e colaborativa facilitará a propia aprendizaxe, compartíndoa e favorecendo a inclusión de todo o alumnado.
  • Enfoque globalizador e interdisciplinario baseado nunha aprendizaxe competencial, que permita conectar contidos das distintas materias curriculares ademais de abordar os diferentes elementos transversais, tendo en conta os recursos dos centros educativos, principalmente a biblioteca escolar como fonte de aprendizaxe e recursos.
  • O desenvolvemento de actitudes positivas con respecto ao benestar persoal, social e físico, así como a capacidade de respectar a diversidade nos demais.
  • Potenciaranse actividades nas que o alumnado descubra e tome consciencia da necesidade de coidar o propio corpo, recoñecendo aqueles factores que prexudican a nosa saúde física e mental e incidindo na importancia dos hábitos saudables.
  • Tarefas nas que o alumnado teña que planificar, deseñar, propoñer e comunicar diferentes propostas a situacións presentadas, fomentando a creatividade.
  • O uso de distintos procedementos e instrumentos variados (rúbricas, rexistros anecdóticos, listas de cotexo, organizadores gráficos, portafolios, dianas de avaliación, probas orais, claves dicotómicas…), que permitirá unha avaliación obxectiva da totalidade do alumnado.
  • A metodoloxía didáctica será fundamentalmente comunicativa, inclusiva, activa e participativa, e dirixida ao logro dos obxectivos e das competencias clave. Neste sentido, prestarase atención ao desenvolvemento de metodoloxías que permitan integrar os elementos do currículo mediante o desenvolvemento de tarefas e actividades relacionadas coa resolución de problemas en contextos da vida real. Así mesmo, a acción educativa procurará a integración das distintas experiencias e aprendizaxes do alumnado, terá en conta os seus diferentes ritmos e preferencias de aprendizaxe, favorecerá a capacidade de aprender por si mesmo, fomentará o traballo colaborativo e en equipo e potenciará a aprendizaxe significativa que promova a autonomía e a reflexión. Para estes efectos, teranse en conta as orientacións pedagóxicas establecidas no anexo II para cada unha das áreas.
  • Traballo por proxectos.

 

Cronograma

 

 

Descrición do proxecto

Actividades levadas a cabo durante todas as semanas de proxecto

- Cociña saudable e merendas compartidas: así que se iniciou o proxecto, decidimos facer semanalmente merendas compartidas e receitas de cociña saudables. Durante o proxecto fixemos hummus, guacamole, biscoitos, galletas de avea e plátano, ensaladas de froitas, espetos de uva e queixo, biscoito de cenoria, revoltos, caldos... para darlle alternativas de merendas. Estas compartíanse co curso de segundo e algunhas delas co resto do colexio. Aproveitamos tamén os alimentos que nos proporcionou a nosa horta e o programa de froita e leite do noso centro.

 

Cociña saudable

 

- Evocación da sesión anterior: cada vez que iniciamos unha nova sesión precisamos conectar co que xa coñecemos e co proxecto. É por iso que no inicio realizamos evocación con xogos, charlas, debuxos, imaxes que nos permiten conectar.

- Libro de receitas viaxeiro: unha vez que se iniciou o proxecto e durante todo o curso, fixemos un libro que cada semana viaxaba á casa dun dos alumnos e quen o recibía debía escribir unha receita e logo  compartila co resto do grupo.

- QR nas mochilas viaxeiras: algunhas das receitas realizadas foron gravadas en vídeo e convertidas en QR e este QR colocouse nas mochilas viaxeiras do centro educativo de modo que todas as familias que recibían a mochila podían gozar da nosa receita e facelas na súa casas.

- Horta: o noso centro educativo dispón de horta escolar, un recurso indispensable para poder promover unha vida saudable. Axudamos no seu coidado, fixemos plantación e aproveitamos os alimentos obtidos, como amorodos, leitugas, feixóns, para facer receitas co alumnado e compartilas.

Fase inicial motivadora

Este proxecto iníciase na biblioteca escolar cunha charla informativa a cargo da empresa Nutricoles (especialistas en nutrición infantil), que pon o interese no consumo de azucre na infancia. A esta charla e obradoiro acoden familias, alumnado e profesorado. Xorden moitas preguntas que non sabemos contestar sobre o azucre: que é?, de onde provén?, que sucede no noso corpo cando o consumimos?, que alternativas podo empregar?

Fase de detección de ideas previas

Aparecen na aula varios libros informativos, un corpo humano e varias láminas con imaxes. Iniciamos unha chuvia de ideas sobre todo o que temos na aula e como se relaciona entre si. Falamos sobre o corpo humano, as imaxes que vemos e ocórresenos que pode ter relación coa charla que tivemos hai uns días. Anotamos todas as ideas que xorden nesa chuvia de ideas.

Seguidamente, realizamos unha dinámica de detección de ideas previas sobre o azucre. Escribimos preguntas en papel continuo nas mesas da aula sobre que é o azucre, onde podemos atopalo, que sucede no noso corpo. Van respondendo as preguntas por grupos e de forma rotativa. Coinciden en que o azucre é malo para o noso corpo porque provoca caries e dor de barriga consumido en exceso e que se atopa nos doces, nas galletas e nalgunhas bebidas. Non coñecen cal é a súa orixe nin que se atopa en alimentos como as froitas.

Fase de busca en diferentes fontes de información

Atopamos un libro sobre o azucre na biblioteca da escola. Lemos de xeito grupal o seu contido e analizamos a información. Nese libro obtemos resposta  á pregunta de onde provén o azucre. Quedan moi sorprendidos coa achega do libro e seguen facéndose preguntas. Facemos, partindo dunha das dúbidas dun alumno, unha anotación de todos os produtos que se venden no supermercado para edulcorar e as súas características. Tamén organizamos unha selección de alimentos. Analizamos se teñen ou non azucre e intentamos xustificalo.

A partir dese momento, vemos necesario analizar as nosas propias merendas e decidimos entre todos e todas construír un gráfico para analizar a nosa merenda diaria a través dunha táboa de rexistro. Analizamos a nosa merenda e clasificámola en azucre natural ou engadido empregando o gráfico. Despois duns días imos comprobando que hai moitos alimentos que tomamos que teñen azucre natural e que en moitas ocasións as nosas merendas teñen azucre engadido que temos que evitar. Facemos unha nota para as nosas familias na que indicamos que a partir dese momento nos comprometemos a baixar no gráfico o azucre engadido da clase.

Para seguir obtendo respostas para as nosas preguntas, visitamos un supermercado para coñecer os diferentes alimentos e como facer unha compra saudable visitando as diferentes seccións do supermercado guiados por unha traballadora á que lle facemos preguntas.

Fase de tratamento da información

Despois de visitar o supermercado, cremos que é necesario saber con claridade canto azucre teñen algúns dos alimentos que máis consumimos e  para iso creamos unha serie de caixas grupais co produto analizado, a cantidade de azucre que ten e os nomes que aparecen na etiquetaxe para chamarlle ao azucre. Despois facemos unha exposición conxunta no centro.

 

Análise de etiquetas

 

Como medida para mellorar a nosa alimentación descubrimos, empregando as TIC, o prato de Harvard e en parellas creamos un prato nutritivo con recortables. A maiores, un alumno trae un cartel que atopou no centro de saúde e analizámolo, pois trata sobre a alimentación saudable. Por grupos deben buscar, analizar e contestar preguntas relacionadas co cartel, recortar e construír almorzos e merendas nutritivas con alimentos que se atopan no cartel.

Como resposta a unha das nosas preguntas decidimos facer un debuxo do noso corpo, identificando as súas partes, órganos e sistemas implicados na dixestión e en como o azucre chega ás partes do noso corpo.

 

Percorrido do azucre

 

Unha nai dun dos alumnos vén ao centro educativo facernos conscientes do que ocorre co azucre engadido e co azucre natural no noso corpo, enfermidades relacionadas co seu consumo excesivo e como traballan con elas día a día.

 

Enfermeira

 

Fase final

Entre todos e todas decidimos que para rematar este proxecto debemos poñer en práctica as alternativas ao azucre engadido que fomos aprendendo. Facemos receitas de cociña saudables para compartir unha merenda co centro educativo e dar a coñecer a nosa aprendizaxe neste proxecto.

 

Exposición conxunta

 

Conclusións

Este proxecto tivo moito impacto no alumnado, pois conseguimos modificar as súas concepcións previas sobre o azucre e o seu impacto no noso corpo. Ao principio consideran que o azucre é malo para o noso corpo e que nos produce caries e dor de barriga, non eran conscientes de que existen diferentes tipos de azucre que están noutros alimentos saudables e que o precisamos para vivir, pois de xeito natural dános enerxía. Tampouco se decataban de onde proviña, moitos crían que saía directamente así do supermercado, xa procesado. Vimos tamén que existen alternativas que poden dar sabor doce e que non todas as nosas merendas teñen que ser azucradas nin todos os almorzos. Este proxecto implicou as familias que son as principais promotoras do cambio e tamén o resto da comunidade educativa.

Este proxecto debería ter continuidade, non quedar nunha simple toma de contacto se queremos que teña impacto, así que mantivemos a maior parte das propostas ao longo do curso escolar e seguirán nos seguintes incentivando modos de vida beneficiosos para a nosa saúde.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Aranceta B, Pérez R, Ribas B, Serra, M. (2005). Epidemiología y factores determinantes de la obesidad infantil y juvenil en España. Rev. Pediatría. Atención Primaria, 7, 13-20. Recuperado de:http://mail.aepap.org/sites/default/files/obesidad_epidemiologia.pdf.

Burgos C. (2007). Alimentación y nutrición en edad escolar. Revista Digital Universitaria, 8(4), 5-7. Recuperado de: http://www.revista.unam.mx/vol.8/num4/art23/abril_art23.pdf

Crovetto, M., Zamorano, F., Medinelli, S. (2010). Estado nutricional, conocimientos y conductas en escolares de kínder y primer año básico en tres escuelas focalizadas por la obesidad infantil en Chile. Revista Chilena de Nutrición, 37(3), 309-320. Recuperado de: http://www.scielo.cl/pdf/rchnut/v37n3/art06.pdf

Macías, A. I., Gordillo, G., Camacho, R. (2012). Hábitos alimentarios de niños en edad escolar y el papel de la educación para la salud. Revista Chilena de Educación, 39(3), 40-43. http://dx.doi.org/10.4067/S0717-75182012000300006.

Santos Muñoz, S. (2005). La educación física escolar ante el problema de la obesidad y el sobrepeso. Revista Internacional de Medicina y Ciencias de la Actividad Física y el Deporte, 5 (19), 179-199. Recuperado de: http://cdeporte.rediris.es/revista/revista19/artobesidad10.pdf.

 

Sección: