O ensino competencial

Un camiño entre o deserto da teoría e o oasis da práctica

 

Nun mundo globalizado, dominado pola incerteza, onde o coñecemento parece ser tan efémero coma o cambio de opinión dun lobista, os educadores encontrámonos na busca dun ensino que transcenda as limitacións do mero saber académico. O ensino competencial preséntase como o faro que nos guía nunha especie de mar tempestuoso, prometendo preparar o estudantado non só para o exame, senón para o exame da vida mesma.

O ensino competencial busca formar individuos que non só sexan capaces de resolver problemas, senón tamén de colaborar, comunicarse e pensar criticamente. Ardua tarefa que require en primeira instancia entusiasmo por todas as partes. Como ben sinala o filósofo e pedagogo César Bona, «non hai unha única forma de ensinar, senón tantas coma corazóns dispostos a aprender».

A proposta é un concepto que, a primeira vista, soa tan atractiva coma un xeado nun día de verán. Emporiso, ao achegármonos, descubrimos que a súa substancia é moito máis complicada. Como apunta o célebre pedagogo Paulo Freire: «A educación é un acto de amor, polo tanto, un acto de valentía». Pero acaso non esixe tamén un acto de loucura? Porque implementar competencias na aula pode parecer ás veces un exercicio de malabarismo, como domar as múltiples habilidades que deben desenvolverse sen que a clase se converta nun caos?

Criticando o ensino tradicional, o filósofo John Dewey afirmaba que «se  ensinamos os estudantes de hoxe como ensinabamos os de onte, lles roubamos o mañá». E, en efecto, resulta indubidable que o sistema educativo permaneceu atrapado nun círculo vicioso de memorización e exames estandarizados. Porén, a transición cara a un ensino baseado en competencias formula a pregunta: estamos listos para soltar as rendas do control e permitir que os nosos estudantes naveguen no océano da aprendizaxe autónoma? Neste sentido, o reto non é só metodolóxico, senón tamén cultural.

Nese intento de abrazar as competencias, a miúdo caemos no perigoso xogo da  superficialidade. O ensino competencial non pode ser reducido a unha serie de checklists que, ao ser cumpridos, nos outorguen un sticker dourado de «boa práctica pedagóxica». A verdadeira esencia do ensino competencial radica en cultivar un pensamento crítico, en fomentar a creatividade e en desenvolver  habilidades sociais que preparen o noso estudantado para se enfrontar aos desafíos do mundo real. Non é suficiente con que o noso alumnado saiba resolver ecuacións matemáticas; debe ser capaz de aplicar ese coñecemento para xestionar un orzamento ou para entender as complexidades dun contrato de alugamento.

 

 

Pero, no camiño cara ao ensino competencial, non só encontramos coa resistencia dalgúns docentes, que aínda anhelan os días das clases maxistrais e as probas de opción múltiple, senón tamén co dilema da avaliación. Acaso se pode avaliar a competencia como se dun exame de matemáticas se tratase?  Algo que parece tan razoable como intentar medir o amor cun termómetro. A avaliación competencial esixe un enfoque máis holístico, onde a autoavaliación e a retroalimentación entre pares xogan un papel crucial.

Deste modo imos vendo que o ensino competencial se erixe como un desafío monumental, pero non imposible. Debemos recordar que a educación debería ser, como dicía Platón, «o acendido dun facho, non o mero enchido dun  recipiente». Se lográsemos acender eses fachos nos corazóns dos nosos estudantes, quizais, só quizais, esteamos un paso máis cerca de formar cidadáns capaces de navegar non só no mundo académico, senón na  complexa realidade da vida. Así que o reto debería ser encontrar honestamente certas claves para un futuro máis brillante. Como podemos asegurar que todos os estudantes teñan acceso a unha educación que fomente as súas competencias? Que estratexias podemos adoptar para avaliar efectivamente estas habilidades? A comunidade educativa ten a responsabilidade de encontrar respostas e cada voz conta nesta conversación.

 

Juan A. Granados Loureda

 

Sección: