
O programa Espazos de Preservación Familiar
Mar Lorenzo Moledo, Tania Ramos-García e Anaïs Quiroga-Carrillo
Grupo de Investigación ESCULCA, Universidade de Santiago de Compostela
Ana Ferreiro Rodríguez
Programa Espazos de Preservación Familiar. Fundación Meniños e Asociación ARELA
1. Introdución
Todas as familias poden enfrontar circunstancias persoais, relacionais ou contextuais adversas que limitan a súa capacidade para garantir o desenvolvemento axeitado dos seus membros, especialmente dos nenos e adolescentes. Estas dificultades poden comprometer a función parental, facendo necesario un apoio externo para asegurar que os fillos e fillas reciban a atención e a educación que precisan.
A medida que se foron identificando distintos escenarios familiares en risco, as estratexias de intervención adaptáronse e evolucionaron para dar unha resposta máis efectiva (Hidalgo et al., 2014).
Por esta razón, tense pasado de enfoques asistenciais a outros máis proactivos que poñen no centro o fortalecemento e optimización do funcionamento familiar desde unha perspectiva máis preventiva, como é o caso do modelo de preservación familiar. Concretamente, este modelo destaca por basearse nas fortalezas e competencias das proxenitoras e proxenitores, co obxectivo de previr o maltrato e garantir o benestar dos menores (Rodrigo et al., 2008).
Neste contexto, cómpre analizar as iniciativas enmarcadas neste modelo que se están a desenvolver na nosa contorna. En primeiro lugar, no presente artigo exporanse as bases teóricas nas que se fundamenta o deseño do programa Espazos de Preservación Familiar (EPF). Aquí abordaremos tanto o enfoque da parentalidade positiva, que busca fortalecer as competencias parentais e fomentar a creación de vínculos afectivos seguros, así como o modelo de preservación familiar, como piar fundamental deste programa.
Deseguido, describirase o programa, unha iniciativa desenvolvida pola Fundación Meniños e a Asociación ARELA, dúas organizacións do terceiro sector con ampla experiencia no apoio a familias, nenos, nenas e adolescentes en situacións de vulnerabilidade. A finalidade é que, tras a súa avaliación, se consolide como unha boa práctica na intervención con familias en risco psicosocial, impulsando procesos de cambio tanto no traballo con estas familias coma no sistema de protección.
2. A parentalidade positiva como enfoque transformador da crianza
Para desempeñar correctamente as súas funcións parentais, os pais e nais necesitan unha serie de competencias que conforman o que Barudy e Dantagnan (2010) denominan «parentalidade», que engloba todas as prácticas, actitudes e comportamentos que os pais, nais ou responsables legais adoptan para coidar, educar e criar os seus fillos e fillas (Torío et al., 2022).
Agora ben, o exercicio da parentalidade é unha tarefa complexa que, segundo Rodrigo et al. (2015), debe atender a catro dimensións fundamentais:
- Plano persoal: parentalidade como tarefa evolutiva das proxenitoras e proxenitores para o seu desenvolvemento e satisfacción persoal.
- Parentalidade diádica: parentalidade como proceso de vinculación seguro e de confianza entre pais e nais e fillos/as.
- Equipo parental: parentalidade como tarefa conxunta entre proxenitores/as e outros adultos a cargo do coidado dos fillos (avós e avoas, exparellas...).
- Parentalidade social: parentalidade como tarefa conxunta que se exerce en corresponsabilidade coa sociedade.
Pódese deducir, así pois, que a parentalidade non se desenvolve de maneira illada, senón nun contexto ecolóxico que depende principalmente de tres factores: o ámbito psicosocial da familia, as necesidades evolutivas e educativas dos nenos e nenas, e as capacidades parentais (Rodrigo et al., 2015).
Todas estas dimensións poden precisar de axustes ou reforzos para que as responsabilidades parentais se exerzan correctamente. As situacións estresantes poden afectar ao funcionamento familiar, polo que é importante que as proxenitoras e proxenitores conten con apoios psicoeducativos ou comunitarios que reforcen as súas capacidades e fortalezas (Rodrigo et al., 2023).
Nesta liña, a recomendación do Comité de Ministros do Consello de Europa de 2006, sobre políticas de apoio ao exercicio positivo da parentalidade, destaca que ser pai ou nai implica crear relacións positivas na familia, baseadas na responsabilidade parental, para garantir o benestar e o desenvolvemento dos nenos e nenas. Isto inclúe vínculos de apego seguros, rutinas saudables e un contorno libre de violencia física, verbal ou emocional (Rodrigo et al., 2023).
O documento tamén subliña que as autoridades públicas deben apoiar as familias na crianza a través de políticas diversas. Mentres as intervencións previas se centraban en corrixir deficiencias, os novos modelos priorizan a prevención e a promoción das competencias parentais, asegurando un desenvolvemento social, emocional e físico adecuado dos nenos e nenas (Álvarez et al., 2022).
Xustamente, nos últimos anos as políticas de familias comezaron a enfocarse no desenvolvemento de iniciativas baseadas na parentalidade positiva (Hidalgo et al., 2014) e hoxe en día as intervencións fomentan as competencias e habilidades dos proxenitores e proxenitoras para que eles mesmos sexan capaces de identificar as súas necesidades e mellorar os seus recursos persoais e sociais (Álvarez et al., 2022; Rodrigo et al., 2008). Búscase, en definitiva, poñer no centro a prevención e detección das fortalezas e factores de protección nos contextos das persoas, tendo en conta a súa traxectoria vital e motivacións (Martín et al., 2015).
3. A preservación familiar: protección e promoción do bo trato
O modelo de preservación familiar xurdiu co obxectivo de evitar a separación dos nenos e nenas das súas familias mediante programas intensivos e de curta duración. Desde os anos noventa, coa entrada en vigor da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, a súa orientación foi transformándose para abarcar a protección do neno, protexer o benestar infantil, promovendo as competencias parentais, o desenvolvemento persoal e social dos pais e nais, e o fortalecemento das súas redes de apoio (Rodrigo et al., 2008).
Do que se trata, en definitiva, é de poñer en marcha todas as accións necesarias para garantir que as nenas e nenos permanezan no seu ámbito familiar, aínda que os seus proxenitores non exerzan axeitadamente as súas tarefas e funcións parentais. Se ben estas situacións poden comprometer o desenvolvemento do menor, non son suficientemente graves como para xustificar unha separación familiar (Rodrigo et al., 2008).
As circunstancias persoais ou relacionais poden dificultar o exercicio axeitado da parentalidade, o que require dunha intervención destinada a mellorar as competencias parentais e fomentar o compromiso, a implicación e a responsabilidade dos pais e nais na crianza, ao tempo que se evitan actitudes de dependencia cara aos profesionais ou institucións (Menéndez et al., 2012). Isto tradúcese na diversificación dos servizos e modalidades de atención, sempre desde unha perspectiva preventiva e comunitaria.
Segundo Rodrigo et al. (2008), os principais obxectivos da preservación familiar son apoiar as familias para manter e fortalecer os lazos afectivos cos seus fillos e fillas, fomentar a adquisición de competencias parentais, responder ás necesidades dos menores, promover a autonomía familiar, axudar a crear redes comunitarias e fomentar a colaboración familiar a través da implicación dos profesionais. Para acadar estes obxectivos, propoñen dous niveis de intervención: a prevención de situacións de risco, para diminuír os posibles factores de risco; e a intervención de caso, proporcionando apoio e recursos para que as familias desenvolvan competencias e habilidades que aseguren a protección das nenas e nenos.
Pola súa parte, as modalidades de intervención inclúen atención individual e familiar a través de visitas domiciliarias, que poden ser de apoio asistencial ou educativo, así como programas educativos para menores e pais. Aínda que menos frecuentes, tamén se realizan intervencións grupais con familias en situación de risco psicosocial, complementadas con sesións individuais específicas para cada unha delas (Rodrigo et al., 2008).
En suma, o modelo de preservación familiar presenta un enfoque renovado para a intervención con familias, abandonando a conceptualización tradicional das familias como «funcionais», «disfuncionais» ou «multiproblemáticas» e adoptando unha visión máis positiva e inclusiva. O obxectivo é superar as intervencións centradas nos déficits e disfuncións, apostando por un enfoque baseado nas fortalezas e capacidades das familias (Rodríguez et al., 2017).
Local en A Pobra do Caramiñal
4. O programa Espazos de Preservación Familiar
O programa Espazos de Preservación Familiar (EPF) foi deseñado en 2021 por un equipo técnico da Fundación Meniños e da Asociación ARELA. Co financiamento da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, o seu obxectivo era aplicalo de forma experimental durante os anos 2022 e 2023 en dúas comarcas galegas cun elevado número de menores baixo o sistema de protección: O Salnés e O Barbanza. No 2024, comezou a desenvolverse tamén na comarca de Ferrolterra. Ambas as entidades contactaron co grupo de investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela para solicitar a súa colaboración na avaliación do programa.
O programa EPF, fundamentado no modelo de preservación familiar e no enfoque da parentalidade positiva, persegue actuar de forma preventiva con familias con nenos e nenas e adolescentes entre 0 e 18 anos en situación de risco leve de desprotección para evitar que entren no sistema de protección.
Proponse unha serie de obxectivos amplos, que lle facilitan a flexibilidade necesaria para adaptarse ás características e necesidades de cada familia e de cada un dos seus membros. Así, búscase garantir a unidade familiar, abordando a desprotección leve ou moderada, mellorando a integración comunitaria e proporcionando recursos para o desenvolvemento integral dos nenos e nenas. Asemade, fomenta intervencións ecolóxicas, apoderando as familias e promovendo a súa responsabilidade.
Para acadar estes obxectivos, o programa ofrece un amplo abano de actuacións educativas, terapéuticas, sociais e académicas, tanto individuais coma grupais, dependendo das necesidades de cada familia. Esta intervención estrutúrase en diversas fases, cunha duración máxima de dous anos:
- Fase de derivación: os servizos sociais identifican familias en risco e seleccionan as que cumpren os requisitos para a intervención. O equipo do EPF asigna, nunha reunión conxunta, o persoal técnico de referencia da familia, que acoden á presentación coa familia citada polos servizos sociais nas súas instalacións. Alí asínase o compromiso de admisión e a familia pasa a formar parte da intervención.
- Fase de acollida: é o primeiro contacto da familia co Espazo de Preservación Familiar. Nun primeiro encontro informal, amósaselle o espazo á familia e preséntanse as persoas do equipo. O obxectivo é aclarar dúbidas, explicar o traballo que se vai realizar e destacar a importancia de participar no programa.
- Fase de avaliación: analízase a situación familiar, incluídos os factores de risco e protección, funcionamento familiar e redes de apoio. Elabórase un xenograma familiar e unha historia de vida. Unha vez rematada esta análise, proporciónaselle á familia unha devolución da información recollida e explícanselle os obxectivos de traballo.
- Fase de intervención: proponse un plan de traballo (denominado Plan de preservación familiar) adaptado a cada familia, con obxectivos, indicadores de mellora e estratexias de actuación, centrado nas fortalezas familiares para superar as súas dificultades.
- Fase de seguimento: realízanse reunións regulares para rexistrar os progresos da familia e elaborar informes trimestrais que serán enviados aos servizos sociais.
- Fase de valoración final: avalíase o cumprimento dos obxectivos do plan de traballo, medindo a mellora nas competencias parentais, e emítese un informe final.
- Fase de seguimento postintervención: despois de rematar o programa, realízase un seguimento da familia ao mes, aos tres meses e aos seis meses para avaliar os efectos da intervención e detectar novos riscos.
Deste modo, resulta evidente que o programa representa unha iniciativa innovadora para apoiar as familias en situación de vulnerabilidade ou risco de desprotección. A través dunha intervención integral e flexible, o programa promove un enfoque centrado na prevención e solución dos procesos de exclusión social das familias.
Para asegurar a efectividade deste programa, a Universidade de Santiago de Compostela está a realizar a súa avaliación, a cal abrangue a avaliación do deseño, necesidades, implementación, cobertura, resultados e seguimento, incluídos todos os axentes implicados e empregando distintas técnicas e instrumentos.
Sala de entrevistas no local de Vilagarcía de Arousa
5. Conclusións
O programa Espazos de Preservación Familiar representa un enfoque innovador e preventivo para apoiar as familias en situacións de risco leve de desprotección, evitando así a separación dos menores do seu ámbito familiar. Este programa destaca pola súa flexibilidade e a individualización das intervencións, adaptándose ás necesidades específicas de cada familia e centrando a acción nas súas fortalezas.
A adopción do enfoque da parentalidade positiva como ferramenta transformadora da crianza resulta fundamental para o éxito do programa, promovendo competencias e recursos que lles permitan aos pais e nais desempeñar as súas funcións de maneira responsable. Ao enfocarse en promover o bo trato e evitar os malos tratos, o programa non só busca a protección do benestar infantil, senón tamén a mellora das habilidades parentais, impulsando a creación de redes de apoio comunitario.
A preservación familiar, ao evitar a separación forzada dos menores das súas familias, constitúe outra estratexia clave para garantir o seu desenvolvemento integral. Este modelo abre un novo camiño nas políticas públicas, permitindo que as familias, con apoios adecuados, melloren as súas competencias parentais e manteñan os vínculos afectivos cos seus fillos e fillas, evitando a institucionalización do neno ou nena.
Malia aínda non rematar a avaliación do programa, consideramos que nos atopamos ante un cambio de paradigma na intervención social, que pon o foco na prevención e nas fortalezas das familias, co obxectivo de garantir o desenvolvemento seguro e saudable dos nenos e nenas.
Sala multiusos no local de Vilagarcía de Arousa
Álvarez, M., Byrne, S. e Máiquez, M. L. (2022). Promoción de la parentalidad positiva a través de programas de educación parental en los servicios sociales. En S. Rivas e C. Beltramo (Coords.), Parentalidad positiva: una mirada a una nueva época (pp. 133-154). Pirámide.
Barudy, J. e Dantagnan, M. (2010). Los desafíos invisibles de ser madre o padre. Manual de evaluación de las competencias y la resiliencia parental. Editorial Gedisa.
Hidalgo, M. V., Sánchez, J., Lorence, B., Menéndez, S. e Jiménez, L. (2014). Evaluación de la implementación del Programa de formación y apoyo familiar en servicios Sociales. Escritos de Psicología, 7(3), 33-41. https://doi.org/10.5231/psy.writ.2014.1211
Martín, J. C., Tomas, A. M., Cabrera, E., Miranda, C. e Rodrigo, M. J. (2015). La evaluación de riesgos y fortalezas en parentalidad positiva. En M. J. Rodrigo (Coord.), Manual práctico de parentalidad positiva (pp. 45-64). Editorial Síntesis.
Menéndez, S., Arenas, A. V., Pérez, J. e Lorence, B. (2012). Madres usuarias de servicios de preservación familiar: perfil sociodemográfico y evolución. Cuadernos de Trabajo Social, 25(1), 193-203. https://doi.org/10.5209/rev_CUTS.2012.v25.n1.38444
Rodrigo, M. J., Hidalgo, V., Byrne, S., Bernedo, I. M., Byrne, S., Orte, C. e Jiménez, L. (2023). Programas de apoyo familiar basados en evidencias desde el enfoque de la parentalidad positiva en España. En C. Orte, J. Amer e V. Quesada (Coords.), Avances y desafíos en la educación familiar. Programas basados en la evidencia científica (pp. 73-89). Tirant Humanidades.
Rodrigo, M. J., Máiquez, M. L., Martín, J. C. e Rodríguez, B. (2015). La parentalidad positiva desde la prevención y la promoción. En M. J. Rodrigo (Coord.), Manual práctico de parentalidad positiva (pp. 25-43). Editorial Síntesis.
Rodrigo, M. J., Máiquez, M. L., Martín, J. C. e Byrne, S. (2008). Preservación familiar. Un enfoque positivo para la intervención con familias. Ediciones Pirámide.
Rodríguez, A., Mosteiro, A. e Sobremonte, E. (2017). Claves del éxito o fracaso de la preservación familiar en Bizkaia: la voz de los profesionales. Revista Española de Sociología, 26(3), 41-57. https://doi.org/10.22325/fes/res.2017.34
Torío, S., Rodríguez, C. e García, O. (2022). La parentalidad positiva y la teoría de la autodeterminación: un avance en la formación parental. En S. Rivas e C. Beltramo (Coords.), Parentalidad positiva. Una mirada a una nueva época (pp. 47-65). Ediciones Pirámide.