Medrar fóra de campo

Os tres ángulos da expresión teatral dentro do ensino
Como escribiu o poeta Carlos Negro, «medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos». É dicir, medrar implica construír a propia identidade. Para atoparse a un mesmo e crecer en todos os sentidos da palabra, poucos fogares hai mellores ca o teatro. Desde tres vértices dun mesmo triángulo equilátero reflexionaremos sobre o elo «escola» e «teatro»: o ángulo da expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica para o ensino e aprendizaxe de linguas, o ángulo da literatura dramática dirixida ao público infantil e xuvenil e unha terceira confluencia dos dous aspectos anteriores pensando como traballar esas pezas dentro da aula.
 
Rosalía Fernández Rial
CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños- A Coruña)
 

 

Introdución: a expresión dramática, o renacer

 

«Un ser humano camiña por este espazo baleiro
mentres outro o observa,
e isto é todo o que se necesita para realizar un acto teatral.»
Peter Brook

 

Velaquí a primeira noticia feliz. Ben é certo que as ratios poderían ser máis favorables en xeral para aplicar actividades relacionadas coa expresión dramática e teatral en todas as etapas educativas. Sería fascinante contar con espazos máis versátiles e amplos en cada centro de ensino. Pero non é menos verdade que dispoñemos dos dous únicos elementos imprescindibles para levar o teatro ás aulas: espazo e persoas.

Recentemente, nun deses espazos aula, unha persoa, un alumno, advertiu que na peza plástica que estabamos a analizar para logo dramatizar, O nacemento de Venus de Botticelli, as figuras formaban un triángulo equilátero. Efectivamente, estaba a captar, de maneira intuitiva, a estrutura piramidal que representa a harmonía propia do Renacemento.

Nese intre advertín, fascinada, que todo encaixaba, o elo entre «teatro» e «educación», nas súas múltiples manifestacións, tiña moito que ver coa obra de Botticelli. Primeiro porque a presenza da expresión dramática e teatral nas aulas implican un renacer constante. Ningunha outra metodoloxía é capaz de crear un contexto equivalente ao real con tanta precisión e no que entran en xogo todos os factores pragmáticos e contextuais das interaccións humanas. Ningún outro método é capaz de traer a vida á escola, mais tamén de axitala, pois o teatro permítenos cambiar de rol constantemente, rachando así cos estigmas e cos prexuízos que nos estancan.

Segundo, porque, sumándonos á necesaria perspectiva crítica —especialmente desde a condición de muller galega—, os preceptos do Humanismo baixo os que se compuxo a pintura en cuestión supuxeron unha revolución que situou o ser humano no centro, superando así os postulados teocéntricos medievais. Actualmente, nun contexto onde prima o tecnolóxico, a intelixencia artificial e a realidade virtual, poñer en práctica unha metodoloxía que sitúe o ser humano no centro e que traballe con todos os seus recursos comunicativos de maneira holística tamén resulta subversivo no mellor sentido da palabra. A expresión corporal e o uso expresivo da voz deben estar presentes nas aulas se queremos optimizar a comunicación do noso alumnado en todas as linguas.

En terceiro lugar, igual que a escena da mitoloxía clásica grecolatina é unha maneira de «ler o mundo» en termos de Petit, o teatro na escola permítenos traballar con múltiples signos e, mediante un pacto ficcional, permite que unha cadeira se converta no trono do rei Lear sen que deixemos de percibir a mesma realidade extralingüística á vez. Nun momento no que o consumo masivo de vídeos nas redes sociais están a minguar a capacidade de abstracción simbólica e a interpretación dos sentidos figurados, a expresión dramática e teatral permítenos traballar todo isto de maneira vivencial.

Ao mesmo tempo, a expresión dramática e teatral permítenos estar plenamente no presente e adestrar minuciosamente esa habilidade, que resulta especialmente útil na era da dispersión, pois manter a concentración e a atención supón un dos grandes retos do ensino no século XXI. A iso cómpre sumarlle tamén o factor motivacional que implica o compoñente lúdico asociado ás artes escénicas e, por suposto, o carácter interdisciplinario intrínseco do teatro.

En calquera caso, o elo que vincula «teatro» e «escola» presenta múltiples posibilidades e neste artigo voume centrar en tres ángulos, emulando a estrutura piramidal harmónica que os artistas do Renacemento reflectían nos seus cadros. O primeiro é o uso da expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica, como metodoloxía para ensinar e aprender contidos diversos; o segundo, a presenza da literatura dramática no ensino e, o terceiro, as posibilidades diferentes de traballar coa literatura dramática no ensino alén de interpretar literalmente os textos escritos en escena ou mediante teatro lido.

 

Primeiro ángulo: o equilibrio dos extremos

«AMBICIONO
o equilibrio dos extremos,
que tanto pesan,
a cada lado.»
Xela Arias

 

A primeira vez que emprendín a investigación-acción empregando a expresión dramática e teatral no ensino, en concreto de linguas, foi durante a realización do traballo de fin de máster. Logo continuei co mesmo tema e maior entusiasmo e dedicación na realización da tese, traballo que recollo en Aulas sen paredes (Edicións Positivas, 2016). 

Desde entón a miña percepción do exposto no marco teórico foi variando, a voz que relata a experiencia desde unha perspectiva académica tamén e, por suposto, a práctica docente variou de maneira notable. Pero hai cinco técnicas que puxen en práctica desde aquel momento que me seguen a funcionar, con infinitude de variantes, textos, contextos e persoas, e que trato de recuperar cada vez que traballo coa expresión dramática e teatral nas aulas.

A primeira é a realización de tableaux, isto é, imaxes estáticas, conxeladas, que nos permiten traballar o uso expresivo da voz e a expresión corporal desde a quietude. As variacións que engado a partir do prototipo son moi diversas, pero paréceme interesante destacar a posibilidade de que o alumnado personifique nese corpo o subtexto dun poema —o que non se di explicitamente, o significado profundo— e que logo mediante un estímulo de activación saia pronunciar o seu verso en concreto a un foco espacial dado. Con isto estaremos traballando moitos contidos específicos da materia, pero ademais introducimos progresivamente as habilidades imprescindibles para comezar a traballar coa expresión dramática de maneira ordenada, organizada, rápida, accesible e holística, cun texto dado, en gran grupo, para fomentar a desinhibición e adestrando a conciencia corporal e a organicidade.

A segunda é a sonorización, que tamén ofrece moitas posibilidades. Unha versión desta opción xeral practícoa asociándoa cos temperamentos —colérico, melancólico, flegmático e sanguíneo— e os seus referentes corporais correspondentes, e incluso con modalidades de oracións —imperativa, dubitativa, enunciativa e exclamativa, respectivamente—, o cal concederá matices e calidades moito máis precisas no uso expresivo da voz e na organicidade en xeral. Desa maneira, dramatizando o percorrido por unha urbe —cos personaxes que van pasando por cada temperamento—, asignámoslle cada verso ou enunciado a un dos transeúntes. En canto paramos a música —vinculada en cada intervención a un temperamento—, só quedará en pé a persoa á que lle corresponda falar. Así, a expresión verbal sairá de xeito orgánico e natural.

Para reforzar esa organicidade, precisamente, é recomendable aplicar a terceira das técnicas, a desmecanización, que consiste en desintelectualizar a intervención verbal co fin de emitila de maneira natural. Para o contexto escolar teño aplicado o mar como referente corporal, unha rede como elemento e a liberdade de pronunciar cada fragmento de texto aleatoriamente co movemento oceánico como único referente e foco de atención.

A cuarta das técnicas na que basearse é a improvisación, que adoito complementar con roles propios do teatro do oprimido, materializando así unha xerarquía entre dous personaxes para facilitar o conflito explícito. Tamén practico a improvisación analóxica de maneira máis convencional, partindo dun texto e extraendo o conflito e os personaxes para traballar a partir de aí.

Finalmente, outra das técnicas desde a que parto é o xogo de rol nalgunha das súas infinitas opcións. Ás veces mesmo materializamos o subtexto mediante un símbolo escénico, damos uns roles e desde aí imos improvisando ata fixar un texto que nos permita realizar incluso unha peza final de composición propia e colectiva. Pero tamén teño partido de cartas, obxectos ou estímulos variados segundo as necesidades de aprendizaxe detectadas e o contexto.

En efecto, o interesante destas técnicas é que as poidamos adaptar, modificar e transformar en función do contexto, do diagnosticado en cada grupo e mesmo do momento. Co paso do tempo, iso si, tiven que enmarcar as actividades de expresión dramática e teatral dentro dunha aposta metodolóxica maior porque as intervencións didácticas dos traballos académicos e da tese son puntuais e pautadas, pero a incorporación regular ao ensino obríganos a xestionar os recursos e a enmarcalos en programacións e métodos variados.

Como marco xeral, a unidade didáctica resultábame demasiado ríxida e ás veces percibía a relación entre os elementos como demasiado forzada. Identificábame máis co traballo por proxectos ou tarefas en relación coa metodoloxía de expresión dramática e teatral exposto, pero o carácter finalista non acababa de convencerme porque todo se encamiñaba a un proxecto final que, de non materializarse, condicionaba as tarefas posibilitadoras e o fin mesmo da aprendizaxe

Foi así, entre cuestionamentos, como cheguei a construír o concepto de itertexto que expoño polo miúdo en Mover ficha (Galaxia, 2024)

 

 

e que consiste nun paradigma con catro portos principais, compostos por «lingua e literatura», «artes plásticas, visuais e audiovisuais», «música» e «artes escénicas» que se relacionan entre si organicamente e de maneira viva, permitindo que, ao cambiar de rumbo, a estrutura non se vexa afectada. Por poñer un exemplo concreto, se o proxecto en principio era realizar un rap e estudamos contidos relacionados co ritmo, a poesía, as sílabas etc., pero por circunstancias só unha mínima parte do alumnado se animase a realizar esa tarefa ata o final, poderiamos reconducir a outra parte da clase cara ao porto de artes plásticas visuais e audiovisuais a deseñar a portada do single e a gravar o videoclip, no que poderían actuar —aplicando as artes escénicas outro sector do alumnado—, e a outras cara á de lingua e literatura a escribir unha crítica sobre ambas as cuestións. Incluso podería enmarcarse todo nunha revista literaria final ou nun podcast segundo as circunstancias, recursos etc. dos que dispoñamos.

Isto, ademais de enmarcar a expresión dramática e teatral nun «todo» coherente e con sentido conxunto de «arte total», mesmo con certa vontade estética, e no que aprendamos con todos os sentidos e habilidades en funcionamento, permítenos poñer en práctica unha aprendizaxe significativa. Poñendo un caso concreto, en vez de estudar o nome dun autor sen máis, como Lorca, asociámolo a unha música como a de Morente, ou Silvia Pérez Cruz, ou Camarón, a unha peza de artes plásticas como o Guernica e a uns textos seus que dramatizamos, que encarnamos e que se enmarcarían de maneira fractal nun itertexto cohesionando o estudado.

 

Segundo ángulo: eu tamén navegar

«Existe a maxia e pode ser de todos.
¿A que tanto novelo e tanta historia?
EU TAMÉN NAVEGAR.»
Xohana Torres

 

Existen poucas pezas de literatura dramática dirixidas a adolescentes. Nos colexios e institutos, nos clubs de lectura impera o xénero narrativo, tamén nas lecturas voluntarias da aula. Ás veces pasan tres trimestres e recomendamos novelas en cada un.

Moitas veces somos críticos con certa homoxeneidade nos gustos do alumnado, pero sen case decatármonos acabamos lendo as mesmas coleccións, xéneros literarios e tipos de libros porque funcionan. É moi difícil, así, tomar conciencia dos mecanismos da dramaturxia, dos conflitos, da construción dos personaxes teatrais, visualizar escenas, construír personaxes dramáticos ou mesmo familiarizarse cos textos e paratextos para logo traballar moitos aspectos relacionados coa expresión dramática e teatral, pero tamén, polo tanto, coa vida.

Ante este panorama podemos ser autocríticos, caer na queixa ou incluso establecer certos cambios nesas inercias, pero a iniciativa do IES Ribeira do Louro sitúase noutro nivel, no da Penélope de Xohana Torres: decidiron crear un certame literario en colaboración co Concello do Porriño e coa editorial Galaxia e están a crear unha colección dentro de Costa Oeste que nos permite aos demais centros educativos dispoñer de materiais para traballar cos textos teatrais para adolescentes nas aulas. O certame en cuestión é o Premio Vidal Bolaño, que chegou no presente 2024 á súa sétima edición e conta con seis títulos na súa colección, pois quedou deserto o do ano 2023.

Nese sentido, a etapa da secundaria adoita ser a máis esquecida tanto no traballo coa expresión dramática e teatral como ferramenta pedagóxica coma no que atinxe a literatura dramática dirixida a este público en concreto.

Iniciativas coma esta lémbrannos que moitas veces os centros de ensino poden converterse en impulsores e acolledores de iniciativas culturais, en referentes na dinamización e formación cunha repercusión na contorna, mais non só. Coas bibliotecas como eixes vertebradores xunto con outros equipos, como o de EDLG, ou coordinacións como actividades extraescolares poden ser transformadoras dentro e fóra do contexto escolar, transcendendo así ao ámbito social.

 

Terceiro ángulo: fuxir da ditadura dos espellos


«Medrar é aprender a fuxir da ditadura dos espellos.»
Carlos Negro

 

Medrar é atopar a propia identidade e a expresión dramática e teatral supoñen unha das ferramentas máis útiles para atoparse a un mesmo, moito máis durante a adolescencia. Tamén mediante literatura dramática máis convencional, xa Aristóteles falaba da mímese que o teatro supón como espello para a vida.

Desde a arte contemporánea en xeral e as artes vivas e escénicas en particular, sobra anotar que as posibilidades son infinitas e todas se poden adaptar ás aulas. Atendendo, aínda así, a opcións máis centradas no texto, é evidente que podemos partir de calquera xénero literario, non literario, xornalístico ou en formatos diversos á escena dentro da escola.

Nos apartados anteriores aludimos á posta en escena de textos poéticos. Podo engadir propostas didácticas a partir de textos literarios, como o que aparece de libre descarga na páxina web da editorial Galaxia arredor de Bonus track (Galaxia, 2018) e onde se aplican algunhas das técnicas citadas ao comezo. Pero querería agora centrarme nun exemplo concreto para traballar un texto dramático dirixido a adolescentes alén da representación final convencional ou mesmo da fantástica opción que nos ofrece o teatro lido, grazas tamén á xa case omnipresenza das radios escolares nos centros.

Tamén dispoñible para a súa libre descarga na web da editorial de Galaxia, no apartado de «materiais», está a unidade didáctica relativa a Fóra de campo (Galaxia, 2024), texto dirixido a adolescentes no que Gladius, un mozo influencer, repara en Nere, xogadora de balonvolea, e lle dedica a súa nova serie de Instagram. Esta consiste en recrear pezas plásticas de diferentes épocas substituíndo os elementos orixinais por obxectos relacionados co deporte que a protagonista das imaxes practica para captar as mellores instantáneas e conseguir os ambicionados gústame nas súas publicacións.

 

 

Co fin de que Nere e as demais xogadoras presentes nas fotos se metan ao máximo no seu papel, Gladius xera unha atmosfera axeitada mediante o emprego de cancións. Estas van evidenciando, xunto coa evolución do personaxe, un control cada vez maior do influencer sobre Nere, compoñendo así unha curva de tensión dramática relacionada coa violencia de xénero.

A dinámica de expresión dramática e teatral asociada a esta obra é, polo tanto, escenificar cada unha desas fotografías empregando as mesmas pezas clásicas —A liberdade guiando ao pobo, de Delacroix; o Flower thrower, de Bansky; Mamá, de Louise Bourgeois, o Nacemento de Venus, de Botticelli e As fiandeiras, de Velázquez—. Todo isto acompañado da música correspondente a cada peza, igual ca no libro, cos elementos de vólei correspondentes e inventando un texto que se compón inspirado no refrán das letras das cancións, mais rebelándose contra o opresor de maneira progresiva.

Con isto podemos introducirnos nunha lectura profunda do texto e poñer en práctica un itertexto onde conviva «lingua e literatura», «artes plásticas, visuais e audiovisuais», «música» e, por suposto, as «artes escénicas» nun proxecto onde se reinterpreta a obra confeccionando outra nova porque no teatro, coma na vida, sempre se pode renacer, creando colectivamente. Como no Nacemento de Venus que ensina, a quen mira cos ollos da arte, a harmonía á que pode chegar a existencia cando o ser humano, capaz da maior beleza, saca o mellor de si. Por iso cómpre medrar «fuxindo da ditadura dos espellos» e procurando a propia identidade.

Espazo e persoas, é todo o que temos e é todo o que precisamos para crear un acto teatral, unha acción vital transformadora.

 

Rosalía Fernández Rial

 

Bibliografía: 

 

 

Tráiler de Aulas sen paredes

Tráiler de Mover ficha

Unidade didáctica de Fóra de campo