Europa: continuade, continuade, continuade

Gonzalo Xosé Francisco da Rocha
Profesor de Ciencias Sociais
IES María Casares. Oleiros (A Coruña)

 

O 9 de xuño de 2024 houbo eleccións ao Parlamento de Estrasburgo con grande expectación por uns resultados que podían levar a un rexeitamento do espírito europeísta, esencia da propia Unión Europea nacida tras a Segunda Guerra Mundial. Hoxe, a cuestión continúa pendente na conciencia de quen non acaba de ver o valor da participación electoral nesa cámara común e de asumir unha identidade política continental efectiva alén da suma das identidades próximas.

O sistema educativo ten o mandado de desenvolver a dimensión europea e nas ciencias sociais de xeito particular. A xeografía, física e humana, e a historia dos territorios do continente son as que remataron por conformar un sentimento de orixinalidade. Non obstante, a evidencia da civilización europea é tamén o inconveniente para a toma de conciencia do seu valor, un valor recoñecido no sistema económico, social, político e cultural do que xorde a colaboración. O lema comunitario é «unidos na diversidade».

O programa Comenius —o Erasmus da educación secundaria— naceu co obxectivo de «reforzar a dimensión europea no campo da educación (...) promovendo a mobilidade e a cooperación entre centros educativos» e de que, asemade, o «profesorado de calquera materia comprenda a dimensión europea no proceso de ensinanza e aprendizaxe, de mellorar o coñecemento de linguas estranxeiras, de coñecer outros países europeos e os seus sistemas educativos, así como desenvolver as súas capacidades docentes».

Como profesor participante no programa Comenius, nos cursos 2007/08 e 2008/09, cos centros educativos Evosmou de Tesalónica en Macedonia (Grecia) e Enrico Fermi de Sciacca en Sicilia (Italia), baixo o título de «As diferentes voces de Europa» quixen culminar a experiencia escoitando as valoracións do alumnado con respecto á identidade europea.

Causa ledicia e admiración contemplar os coros de peregrinos ao pé do altar venerable de Santiago (…) Os teutóns a un lado; os francos a outro lado; os italianos a outro lado; (…) Alí pódense oír diversidade de linguas, diversas voces en idiomas bárbaros; conversacións e cantigas en teutón, inglés, grego e nos idiomas doutras tribos e xentes diversas de todos os climas do mundo. Non existen palabras nin linguaxe nos que non soen as súas voces.

Codex Calixtinus, sec. XII

(Texto na UD de recepción ao alumnado)

 

En xuño de 2009 houbo eleccións ao Parlamento Europeo e o alumnado do IES Santiago Basanta Silva de Vilalba, algún coa posibilidade de exercer o sufraxio, foi protagonista dunha enquisa sobre o tema. Quince anos despois, en xuño de 2024, no IES María Casares de Oleiros, co mesmo tipo de alumnado e ante novas eleccións europeas, repetiuse a enquisa. Non se trata de facer comparacións, senón de comprobar o zeitgeist —o espírito da época— en dous momentos e ver se pode ter relación co contexto sociopolítico. Tendo en conta o reducido da mostra e a imposibilidade de obter valores estatísticos, a tarefa serviu para abordar a cuestión e comprobar que os resultados «riman» co momentum ideolóxico.

 

Estrasburgo. Parlamento Europeo

 

Obxectivos

1. Coñecer a importancia da identidade europea do alumnado de segundo de bacharelato nos anos 2009 e 2024.

2. Analizar as explicacións para xustificar a identidade supranacional.

3. Valorar a evolución da europeidade nos últimos quince anos no marco do contexto xeral.

 

Xuño de 2009 / Xuño de 2024

Para a análise foi seleccionado o grupo de segundo curso de bacharelato de Xeografía nunha enquisa voluntaria e anónima que presentaba dúas cuestións.

1. (...) Os individuos adquirimos trazos de identidade colectiva que nos relacionan cos demais e nos sitúan en distintos «nosoutros» compartidos, inconsciente ou voluntariamente. A continuación tes unha serie de identidades identificadas por conceptos xeográficos, administrativos e/ou políticos que debes ordenar segundo a túa vontade (...) Lembra que podes suprimir aquelas que non consideres ou incluír algunha outra que non apareza aquí: (2009: lucense, español, atlántico, galego, aldeán, mediterráneo, humano, chairego, europeo, vilalbés) (2024: coruñés, español, atlántico, galego aldeán, mediterráneo, humano, ártabro, europeo, oleirés)   

2. Agora é o momento de que describas nunha breve redacción que significa para ti a identidade europea. Canto máis o expliques mellor, incluso con exemplos ou circunstancias que para ti sexan significativas.

Nos resultados á primeira cuestión, a identidade da europeidade ocupa unha posición menos importante ca outros sentimentos máis inmediatos en ambas as enquisas. A localidade, a comarca ou a nación están por diante, indistintamente da orde escollida, ademais doutras que puidesen parecer menos determinantes. Se no 2009 a maior frecuencia acada a sétima posición, no 2024 a maior frecuencia está nos que «eliminan» ese sentimento. En ambos os casos, a inminente realización de eleccións europeas tivo que chamar a súa atención, especificamente con esta enquisa, ademais do ambiente informativo en función da situación socioeconómica e política por seren inminentes electores, os de maior nivel académico ás portas dos estudos universitarios.

 

 

1.Tocante á segunda, utilizouse o modelo do profesor de Historia da USC J. Beramendi para a análise do corpus ideolóxico das identidades.

1.1. Cando se define a identidade por medio de referentes de afirmación, as respostas clasifícanse en dous grupos, aínda que nun mesmo enquisado estean presentes ambas, pois non son incompatibles:

Aqueles que xustifican a identidade con trazos orgánico-historicistas con certas características «obxectivas» coma unha cultura e tradicións comúns, segundo a concepción alemá do volksgeist. Unha personalidade colectiva que viría do pasado e que permanece, pois é superior á vontade dos individuos, tal como afirmaban Von Treitschke e Fichte.

Xuño 2009:

(...) conta cunha prolífica tradición, tanto histórica coma literaria, ao longo do tempo, Europa desenvolveuse en todos os ámbitos culturais e hoxe en día contamos cun magnífico legado histórico.

É un conxunto de trazos colectivos que actúan independentemente da nacionalidade e dos costumes entre os habitantes do Vello Continente. É unha marca de identidade que nos diferencia do resto de habitantes do planeta dunha forma anecdótica, claro. Naturalmente que cada estado ou nación mantén, respecto dos demais, unhas características culturais moi significativas, pero non impide para crear un «nós» máis universal que intenta unirnos.

Xuño 2024:

Ademais das leis xerais que compartimos os europeos, só nos une unha cousa máis, a cultura. A cultura grega é a orixe da cultura europea moderna.

A identidade europea é a que está vencellada á cultura occidental. Non creo que haxa unha única identidade europea como tal, máis ben mediterránea, nórdica... países que comparten unha xeografía, trazos lingüísticos similares.

Aqueles para quen a europeidade é un «acordo» segundo a afirmación liberal-voluntarista de Sieyès e Renan. Unha identidade mediante un compromiso voluntario á marxe de calquera tradición histórica e/ou cultural co establecemento de constitucións que establecen un marco de dereitos e deberes para a colectividade.

Xuño 2009:

Ao convivir dentro da UE identificámonos tamén cuns ideais e unhas políticas que perseguen os mesmos fins.

Ter identidade europea implica realizar e sentir como propias unhas certas actitudes diferenciadas como grupo (...) pero tamén normas reais ou incluso fronteiras económicas (...).

Para min, a identidade europea é importante, xa que temos un bo sistema e todos temos as mesmas vantaxes (...).

A identidade europea significa vivir en Europa, o que supón ter uns costumes, dereitos e liberdades que outros continentes non posúen.

Síntome europea (...) e cada día estou máis orgullosa de selo, grazas a todo o que progresou o noso continente (...).

Xuño 2024:

É o continente con máis progreso no que se refire aos dereitos humanos. Ser europeo bríndame unha especie de estabilidade e seguridade en canto a educación, sanidade e xustiza.

Europa é o continente no que os seres humanos manteñen máis os seus dereitos con respecto aos demais continentes, un continente máis rico e máis libre en canto a dereitos humanos.

Ser europeo é sentirse identificado coa xente que te rodea, independentemente das diferenzas culturais e sociais.

Implica poder viaxar libremente por unha serie de países tendo os mesmos dereitos e obrigas ca no país de orixe. Vivir nun ambiente democrático.

Considérome membro de Europa como habitante con plenos dereitos de liberdade e igualdade. Tamén como colectividade na que hai importantes avances tecnolóxicos, económicos, sanitarios e culturais.

1.2. En ambos os grupos non se perciben apenas enunciados con referente de confrontación, tamén importantes pois conforma a identidade tanto o que se define afirmativamente (quen son) coma o que se define cunha negación (quen non son). A súa ausencia indica que non supoñen un desafío á identidade propia.

Xuño 2009:

Para min ser europeo significa ter unha cultura e unha ideoloxía igual á do meu continente, diferenciándose das persoas doutros continentes nos costumes e na forma de ser.

Xuño 2024:

Europa dá moitas oportunidades e vantaxes de xeito de vida e condicións moito mellores das que se dan noutros países de América do Sur ou África.

1.3. Algúns desprazan a importancia da identidade europea.

Xuño 2009:

O sentimento de pertencer á aldea, para min, é moito máis significativo ca  o europeo porque, ante todo, síntome aldeá, porque alí vivín toda a miña vida ata hoxe.

Todos nos sentimos europeos, pero hai outros trazos que nos identifican en maior medida, como a provincia na que residimos, a aldea etc., que é o que realmente nos caracteriza.

Penso que a UE ten as súas partes positivas, pero non considero o Parlamento Europeo como algo fundamental, senón secundario.

Xuño 2024:

Neste tema de identificación cun lugar, o único sentimento que teño é o de ser galega.

Ser europeo non é un sentimento presente na miña vida. Sempre me identifico máis coma oleirense ou galego.

Ser europeo é simplemente unha identidade xeográfica, é dicir, non teño un especial sentimento que me una a Europa (...) como o sentimento que poder ter co teu país, no meu caso España, ou incluso países onde teñas raíces directas.

2. O Decreto 126/2008 do currículo de Xeografía de segundo de bacharelato establecía o obxectivo de «comprender as relaciones que existen entre os territorios que integran España, e destes coa UE, desenvolvendo actitudes de coñecemento, aprecio e cooperación cara aos espazos máis próximos e afastados, superando estereotipos e prexuízos» con contidos específicos nos «Contrastes físicos e socioeconómicos en Europa. Posición española na UE (…)». No mesmo decreto, a Historia de segundo de bacharelato, establecía o contido de «Galicia e España na UE (…)».

O vixente decreto 157/2022 do currículo de Xeografía de segundo de bacharelato inclúe «España en Europa (...) A UE na actualidade: a súa influencia en situacións cotiás. Análise de desequilibrios territoriais e políticas de cohesión (...) a posición de Galicia no contexto europeo». Asemade, a Historia de segundo de bacharelato establece «a análise do papel que representa a España de hoxe no mundo, asumindo os compromisos que supón a pertenza á UE e a outros organismos internacionais, promovendo no alumnado unha conciencia de seguridade e cooperación nacional e internacional, recoñecendo os instrumentos dos que dispón o Estado para preservar os dereitos, liberdades e benestar da cidadanía (...)» e «España en Europa: derivacións económicas, sociais e políticas do proceso de integración na UE, situación actual e expectativas de futuro. Os valores do europeísmo: principios que guían a idea de UE e actitude participativa ante os programas e proxectos comunitarios».

3. No ano 2013 o eurobarómetro rexistraba as consecuencias da Gran Recesión que comezou nos Estados Unidos en 2008. O paro medrou exponencialmente e o benestar quedou resentido. No Estado español a desconfianza cara a Bruxelas acadou un 72 %, cando no 2007 era dun 23 %, situación semellante ao resto de estados con escasas diferenzas entre os do norte que se definían como «aplicados» e os do sur que remataron «endebedados» polas políticas de austeridade. O profesor Ignacio Torreblanca describe a crise de lexitimidade da institución comunitaria. Unha lexitimidade que viña «do desempeño económico: a maior crecemento económico, maior apoio popular á integración» nun espazo onde «a identidade colectiva, os valores comúns e os procedementos democráticos son aínda moi incipientes». No mesmo 2008 o presidente francés Sarkozy afirmou a necesidade de «refundar o capitalismo sobre bases éticas». O papa Benedito XVI, na encíclica Caritas in veritate (2009), argumenta que «o desenvolvemento económico mesmo estivo, e estao aínda, afectado por desviacións e problemas dramáticos que a crise actual puxo aínda máis de manifesto» e sobre «os efectos perniciosos sobre a economía real dunha actividade financeira mal utilizada e en boa parte especulativa». O papa Francisco, na encíclica Laudato si (2015), argumentou que «a economía asume todo desenvolvemento tecnolóxico en función do rédito, sen prestar atención a eventuais consecuencias negativas para o ser humano. (...) Non se aprenderon as leccións da crise financeira mundial».

As eleccións de 2014 evidenciaron o distanciamento. Os estados acredores adxectivaron os intervidos como PIGS ‘porcos’ (Portugal, Italia, Grecia e España —Spain—) polo seu endebedamento. Comezan os discursos disonantes do Movemento 5 Estrelas en Italia, o partido neonazi Mencer Dourado de Grecia ou incluso o primeiro ministro británico Cameron cun referendo para abandonar a Unión. O eurobarómetro rexistraba en España algo que coincide coas afirmacións identitarias do alumnado: as máis próximas (localidade, territorio, nación ou estado) son as máis sentidas, mentres a europea en crise pero non radicalmente pois permanece a conciencia das melloras económicas e sociais, ademais da garantía política no club das democracias. De feito, a «experiencia aínda na memoria» das ditaduras fascistas libraría a Portugal e España do fenómeno disonante e a queixa manifestouse desde a esquerda á calor do Movemento do 15-M. Aínda no 2013 case un 60 % seguía sentindo positiva a adhesión, pero catro anos atrás era o 80 %. Dúas décadas (1986-2006) de crecemento continuado presentes na memoria colectiva.

 

 

Froito da Primavera Árabe de 2015 que aspiraba a democratizar os países musulmáns do Magreb e o Próximo Oriente, Siria entra nunha guerra civil. Millóns de refuxiados chaman ás portas de Europa ao tempo da inmigración desde a África subsahariana á calor da miseria e outros conflitos locais. Un argumento máis para que forzas populistas sumen o apoio dos desencantados coa crise económica que perciben a inmigración coma unha «invasión» que vinculan co terrorismo xihadista. É o momento da Fronte Nacional en Francia, da Alternativa por Alemaña e do Partido da Liberdade nos Países Baixos. Austria, Finlandia, Polonia, Hungría, Portugal e España seguen a senda. Gran Bretaña vota en 2016 o seu abandono e as folgas aumentan na Grecia do goberno esquerdista de Syriza e na Francia do socialista Hollande. Os partidos tradicionais —democristiáns e socialdemócratas— aparecen minguados ante os sucesos.

A celebración, en 2017, do 60.º aniversario da Unión non pode ser máis amarga despois de dez anos de crises. Novos valados reais (Hungría, Bulgaria, Ceuta, Melilla...) tratan de mitigar o medo dunha poboación de 450 millóns envellecida cunha renda de 35 000 euros por habitante nun estado de benestar tocado pola crise que debuxa diferenzas polarizadoras. Un 20 % da poboación acumula o 80 % da fartura. Policrise é a nova definición. Mesmo nalgúns estados de recesión moderada de recente incorporación á Unión —Chequia, Eslovaquia, Hungría e Polonia— a viraxe leva a gobernos iliberais que manteñen unha faciana liberal, pero cun nacionalismo de estado e conservadurismo nas formas políticas e sociais coa cuestión migratoria como mascarón de proa ante a suposta disolución da identidade propia. Son os resultados electorais do PiS en Polonia e do Fidesz en Hungría, a pesar de que no eurobarómetro de fins de 2018 permanecía o recoñecemento á Unión como garante da democracia e o estado de dereito incluso por riba da cuestión económica e o nivel de vida.

En 2019, a trinta anos da caída do Muro de Berlín que partira o continente en dous sistemas políticos e económicos, o balance era dun crecemento global que relaxara os controis do estado do benestar con políticas neoliberais. Non obstante, o saldo non era o esperado por Fukuyama no seu ensaio A fin da historia no que prognosticaba o estado de dereito e o libremercado como paradigma definitivo, senón a policrise que sumará a pandemia da covid-19. A resposta urxente de Bruxelas coa adquisición conxunta de máscaras e vacinas recuperou a imaxe da Unión. A eficiencia ante os desafíos é a clave de bóveda. Tras a reflexión e a aprendizaxe do fracaso das políticas de austeridade e das desigualdades rampantes desde a Gran Recesión, en xullo de 2020 o Consello Europeo establece un fondo de 75 000 millóns de euros cos programas SURE (Apoio para a Protección do Emprego en Emerxencia) e Next Generation, con 100 000 millóns de euros para salvar 42 millóns de postos de traballo e paliar as consecuencias.

A xeneralización das redes sociais que deberían propiciar o diálogo e o debate, garante dunha democracia participativa, deron nun escenario virtual das máis delirantes teorías para avivar o odio coa escusa da vox populi. Ideas conspiranoicas nunha guerra híbrida con embustes como o terraplanismo, os activistas antivacinas, os escépticos da evidente crise climática ou a teoría da gran resubstitución, un suposto complot para a islamización do continente coa erradicación da poboación autóctona. Todo amplificado pola viralidade «a berros» para polarizar un ambiente que propicia a violencia en todas as súas formas.

A finais de 2021, no Consello Europeo, 10 dos 27 xefes de gobernos dos estados eran distintos dos que había hai un ano. Unha mostra da mesma dificultade dos estados coa proliferación de forzas e unha menor duración das lexislaturas. Nos Países Baixos, 19 partidos concibiron un goberno de coalición tras nove meses. Nas eleccións ao Parlamento de Estrasburgo, as dúas forzas sistémicas —socialdemocracia e democratacristiá— quedaran por baixo do 50 % da representación por primeira vez e as forzas ultra acadan 147 escanos. A irrupción de xefes de goberno iliberais no Consello dificulta o espírito de colaboración substituído por egoísmos estatais e chantaxe aos socios.

No 2022, a invasión rusa de Ucraína sitúa ante a posibilidade dunha guerra no soar continental. É necesario o soporte militar e a acollida de millóns de refuxiados. Os réditos da paz que sumaban na conta do estado do benestar vense agora minguados nun rearme que consome porcentaxes de riqueza para a disuasión. O custo enerxético dos países que dependen do gas ruso e outras cuestións como unha inflación descontrolada xunto coas dificultades da vivenda polas tensións no mercado inmobiliario son aspectos dun panorama que comproba o alumnado de 2009 e de 2024 na continua policrise. As últimas décadas deron na posibilidade de que as novas xeracións vivan peor ca as precedentes. É a falta de horizonte coas dificultades dun emprego precario e do acceso á vivenda nunha xuventude precisada dun estado de benestar, base dun renovado contrato social como un elemento máis da identidade europea. As análises sociolóxicas sitúan as xeracións menores de 35 anos, aquelas sen vivencia das ditaduras fascistas e comunistas, como potencialmente votantes dos partidos ultra con tal de mostrar repudio pola carencia de horizonte vital.

 

 

O Tratado de Lisboa de 2007 establece como obxectivo «contribuír á paz, á seguridade e ao desenvolvemento sostible (...) á solidariedade e ao respecto mutuo entre os pobos, ao comercio libre e xusto, á erradicación da pobreza e á protección dos dereitos humanos; ao estrito respecto do dereito internacional». Un espazo onde o éxito é froito do avanzar da economía de mercado e do estado equitativo no que a cesión de soberanía das partes redunda na multiplicación virtuosa dos réditos económicos, sociais e políticos a pesar das turbulencias desta experiencia única na historia. «O ben común require a paz social, é dicir, a estabilidade e a seguridade dunha certa orde, que non se produce sen unha atención particular á xustiza distributiva, cuxa violación sempre xera violencia. Toda a sociedade —e nela, de xeito especial o Estado— ten a obriga de defender o ben común» (Francisco, Laudato si). A recente aprobación da pioneira lexislación para o regulamento da intelixencia artificial é mostra dunha actuación que vai desde o máis global ata o máis próximo, na recuperación, con máis de 32 millóns de euros de fondos europeos, da ría coruñesa do Burgo da contaminación ambiental. A potencia reguladora da UE obriga a altos estándares de calidade que protexen o cidadán, pois calquera país que queira ter negocios co club debe asumir os requisitos de protección da saúde pública. Sen dúbida, o soft power máis recoñecido.

Pero falta a conformación dun auténtico demos europeo que exerza con perspectiva supranacional. Nas eleccións europeas deste 2024, case un 37 % vota en función de cuestións de ámbito nacional, un 36 % combina o nacional e o europeo,  e un 17 % afirma que vota as cuestións estritamente europeas (La Voz de Galicia, 02-06-2024). Nesa enquisa, o principal problema que podería solucionar a Unión é a regularización de inmigración incluso por riba das cuestións económicas . «O desprezo dos débiles pode agocharse en formas populistas que os utilizan demagoxicamente para os seus fins, ou en formas liberais ao servizo dos intereses económicos dos poderosos. En ambos os casos se advirte a dificultade para pensar un mundo aberto que teña lugar para todos, que incorpore os máis débiles e que respecte as diversas culturas» (Francisco, Fratelli tutti). Segundo o profesor Fernández Rodríguez, «os sistemas educativos non son capaces de xerar unha cidadanía comprometida coa democracia e o pensamento crítico», ademais da infoxicación, «a extensión da manipulación informativa que (...) impide ligar a sociedade». Se cadra, deuse por asumida a transmisión doméstica dos valores democráticos en vigor como se asumiu unha indefinida melloría económica. Ao fallar esta, resentiuse aquela. O resentimento vincula unha resposta visceral especialmente nas vítimas da auxe dun individualismo hedonista tamén difundido nas redes. Só aspiran a devolver o golpe sufrido. Polarización extrema. «Os sentimentos de angustia e resentimento empuxan a xente a adherirse aos populismos de dereitas. Atizan o odio. Inclúen perda de solidariedade, de cordialidade e de empatía». Velaí o diagnóstico do filósofo alemán Byung-Chul Han no seu ensaio O espírito da esperanza, quen tamén identifica como «culto á psicoloxía positiva (=se queres, podes), illa as persoas convertidas en empresarias de si mesmas (…) No réxime neoliberal, o culto á positividade fai que sociedade se torne máis insolidaria» (…) «Sen ideas, sen horizonte de sentido, a vida redúcese á inmanencia do consumo. O tempo redúcese ao presente permanente das necesidades e das satisfaccións».

Os resultados de xuño de 2024 colocan a partidos ultra como os máis votados en Italia, onde Fratelli de Italia xa ocupa o goberno, Francia, Bélxica, Austria e Hungría. En segundo lugar, nos Países Baixos e Polonia e, en terceiro, en Alemaña e Portugal. Non obstante, os tres principais grupos políticos proeuropeístas conseguen a maioría con 407 dos 720 deputados e os grupos ultra, agora tres, só suman 14 escanos máis aos de 2010. Os cronistas sopesan: Miguel-Anxo Murado, «Non houbo terremoto en Europa»; Andrea Rizzi, «Europa necesita máis cohesión social para evitar que os perdedores (...) abracen o populismo, e as elites do capitalismo depredador deberían entender que tampouco lles convén seguir na depredación»; Antón Costas fala dun New Deal -novo contracto (social) —como o americano, británico e sueco de entreguerras— que implemente un soño europeo: mellora no nivel de vida compartido e sostible, bos empregos laborais, igualdade de oportunidades, seguridade para quen a precise e rematar cos privilexios duns poucos. A recente promesa dun plan de vivenda europeo está na boa senda.

 

Conclusión

A historia e os logros son as dúas pernas para camiñar co mandado de Jean Monet aos europeos —«Continuade, continuade, continuade»— e o marco educativo, o ideal para construír esa identidade «unida na diversidade», o soño europeo do humanista coruñés Salvador de Madariaga (1886-1978) quen, desde 1994, dá nome aos galardóns da Asociación de Xornalista Europeos que premian os traballos sobre a construción do noso continente porque, segundo Timothy G. Ash, «malia todos os contratempos dos últimos anos, a Europa de hoxe segue sendo moito mellor».

 

Bibliografía: 

 

 

Bartomeus, O. (16 de xuño de 2024). Por qué cada vez menos jóvenes creen en la democracia, El País.

Byung-Chul Han (2024). El espíritu de la esperanza, Herder.

Costas, A. (28 de xullo de 2024). Cómo pueden las democracias salvarse a sí mismas, El País.

Costas, A. (5 de novembro de 2023). Gobernanza europea según San Agustín.

Fernández, J. J. (19 de xullo de 2024). Violencia, extremismos y elecciones: del insulto a las armas, La Voz de Galicia.

Garton, T. (2023). Europa. Una historia personal. Taurus.

Guinea, O., Pérez, I. (10 de marzo de 2024). El valor de los valores, El País.

Hidalgo, M. (31 de marzo de 2024). El sitio de Europa en un nuevo contexto económico y político global, El País.

Murado, M. A. (11 de xuño de 2024). La política europea es la política nacional, La Voz de Galicia.

Rizzi, A. (8 de setembro de 2024). El populismo xenófobo marca el paso en Occidente, El País.

Torreblanca, I. (10 de marzo de 2013). Europa salva al euro, pero pierde a los ciudadanos, El País.

 

Sección: