Galicia nas Artes
Yolanda Cobas Fernández, mestra de educación primaria
CEIP Plurilingüe Carballal - Cabral (Vigo-Pontevedra)
yolanda.cobas@edu.xunta.gal
Presentación da unidade 5. Faros de Galicia
Contextualización
A secuencia didáctica que se presenta está baseada no desenvolvemento curricular da área de Educación Plástica e Visual no terceiro ciclo de educación primaria. Consta de seis unidades didácticas a través das que se traballarán diferentes aspectos do patrimonio artístico, arquitectónico e cultural de Galicia.
Estas unidades didácticas desenvólvense a través dunha dobre dimensión: reflexiva e creativa. Por unha banda, búscase que o alumnado sexa partícipe das diversas mostras de patrimonio que o rodean para desenvolver o seu sentido crítico e promover o diálogo intercultural e o respecto á diversidade. Por outra banda, favorécese a experimentación, a expresión e a produción artística a partir de ferramentas variadas.
Obxectivos
A través das unidades didácticas propostas preténdese acadar os obxectivos indicados no currículo para a área de Educación Plástica e Visual, que se poderían focalizar nos seguintes puntos:
- Difundir o legado do patrimonio cultural galego para a súa valoración, defensa e protección.
- Crear un sentido de pertenza e identidade co contorno á vez que se coñecen e respectan as diferenzas e se valora a diversidade.
- Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións e fomentar o respecto polas creacións propias e alleas.
- Participar do deseño, elaboración e difusión de producións artísticas individuais e colaborativas, adquirindo responsabilidade na planificación e asumindo diferentes roles na consecución do resultado final.
Recursos empregados
As unidades didácticas están recollidas en formato SCORM para seren facilmente visualizadas nun navegador web ou incluídas nunha aula virtual de Moodle.
Utilizouse eXeLearning para darlles un formato común a todas as unidades e ofrecer unha visualización clara e accesible, permitindo editar os recursos para adaptalos ás necesidades das persoas usuarias.
Neste formato común aglutináronse diferentes recursos como vídeos, imaxes, presentacións de Genially, actividades… As fontes dos recursos multimedia son variadas, utilizando recursos de dominio público ou baixo licenza Creative Commons, así como imaxes e vídeos de creación propia. O traballo resultante está publicado baixo licenza CC BY-NC-SA.
Descrición da secuencia didáctica
A secuencia didáctica está formada por seis unidades que seguen unha estrutura común:
1. Presentación da unidade e do que se vai traballar nela.
2. Actividades de investigación e presentación da información.
3. Actividades de creación, deseño, práctica e imaxinación.
4. Rúbrica de autoavaliación.
Apariencia dos contidos, detalle da estrutura común
A continuación descríbese brevemente o contido de cada unidade didáctica.
Táboa 1. Descrición das unidades didácticas
Exemplos de contidos e actividades
Metodoloxía
A metodoloxía de aplicación seguirá un modelo caracterizado polo seu enfoque globalizador e integrador das aprendizaxes, pola vertebración lingüística do currículo promovendo a adquisición de competencias lingüísticas e non lingüísticas, pola integración dos contidos no contexto sociocultural e polo aproveitamento dos recursos dixitais.
Outros aspectos destacables do enfoque metodolóxico son os seguintes:
- É un enfoque centrado no alumnado, interactivo e que promove a autonomía na aprendizaxe.
- Parte dunha metodoloxía áxil e dinámica, flexible e facilitadora.
- Promove o traballo por tarefas e a aprendizaxe cooperativa.
- Permite o afondamento progresivo no tratamento dos contidos.
- Desenvolve habilidades cognitivas de orde superior, suscitando a implicación cognitiva do alumnado para promover a aprendizaxe significativa.
- Fomenta a capacidade crítica e o tratamento das principais profesións vinculadas cos ámbitos artísticos desde unha perspectiva de xénero.
Atención á diversidade
Pola propia natureza da área de Educación Plástica e Visual, ten lugar unha autorregulación e adaptación dos contidos aos ritmos e capacidades individuais do alumnado. Ademais, hai unha serie de características concretas da secuencia didáctica que favorecen a atención á diversidade:
1. A aprendizaxe cooperativa en grupos heteroxéneos permite o máximo aproveitamento das capacidades individuais e o apoio entre iguais.
2. A implicación do alumnado nas tarefas e na avaliación permite coñecer os obxectivos que se pretenden acadar e o punto do proceso no que se atopan.
3. O apoio audiovisual, co uso de pictogramas e imaxes de diversa índole, axuda na comprensión dos contidos.
Avaliación
Avaliación do alumnado
Centrarase na tarefa como instrumento de avaliación, poñendo especial atención nos seguintes aspectos:
- Informar o alumnado dos seus puntos fortes e febles.
- Realizar unha avaliación descritiva e continua, non cualificadora.
- Fomentar a reflexión do alumnado sobre o seu traballo.
- Axudar a desenvolver hábitos de aprendizaxe autónoma.
Para isto utilizaranse as rúbricas, que poderán ser deseñadas en colaboración co alumnado e adaptadas ao que se traballa en cada unidade.
As rúbricas ofrecen as seguintes vantaxes:
- Promoven expectativas en consonancia co proceso.
- Axudan a centrar o proceso de aprendizaxe nos obxectivos.
- Permítenlle ao alumnado coñecer os criterios de avaliación e participar neles.
- Permiten a autoavaliación e a avaliación entre pares.
Exemplo de rúbrica
Avaliación da proposta didáctica e do seu desenvolvemento na aula
Para avaliar a proposta didáctica proponse unha reflexión sobre os seguintes aspectos:
- Grao de adecuación para o alumnado.
- Grao de consecución dos obxectivos.
- Grao de adquisición dos contidos e das competencias clave.
- Grao de desenvolvemento das actividades propostas.
- Grao de satisfacción xeral coa proposta educativa.
Posta en práctica
A posta en práctica desta secuencia didáctica ten dúas vertentes: o traballo na aula e o traballo autónomo do alumnado na casa.
Con respecto ao traballo na aula, os aspectos máis importantes son as tarefas e a súa difusión. Trátase de que o alumnado comparta o seu proceso creativo coa comunidade educativa por diferentes canles: exposicións, presentacións, publicación en redes…
Tamén é recomendable, na medida do posible, realizar visitas que complementen a información das unidades didácticas, ben durante o seu desenvolvemento, ben ao remate como peche da unidade. Na secuencia didáctica recóllense numerosas localizacións na xeografía galega entre as que se poden seleccionar aquelas que estean ao alcance de cada centro.
En canto ao traballo autónomo do alumnado e seguindo na dirección do coñecemento do patrimonio de Galicia, recóllense recomendacións de lugares para visitar en familia e a posibilidade de completar os mapas de puntos de interese.
Ademais, as explicacións detalladas das tarefas permiten o traballo autónomo para ampliar ou completar o que se desenvolve na aula.
Conclusións
A proposta didáctica Galicia nas Artes busca contribuír á colección de contidos educativos do profesorado galego poñendo o foco na transversalidade e no contexto patrimonial do noso alumnado.
O obxectivo último é coñecer os espazos que nos rodean, as nosas tradicións, para así poñelos en valor e defender a súa existencia e conservación.
Con este material promóvese que o alumnado coñeza o seu contorno, que atope a arte no cotián e visite novos puntos de interese para completar os sinalados na proposta. Permite, en definitiva, utilizalo na aula e modificalo axustándoo ao contexto de calquera centro educativo e tamén poñelo á disposición do alumnado para que poida traballar de maneira autónoma e continuar afondando nos contidos.