I Encontro Letras na Praza

Como festexar o Día do Libro de xeito inclusivo, colaborativo e dinámico, nunha xornada aberta ás comunidades da contorna e ás veciñanzas
A biblioteca do CEIP A Lama como axente dinamizador da lectura, vertebrador de relacións entre a escola e as entidades locais. O 24 de abril convocouse o I Encontro Letras na Praza cun obxectivo que nos ilusionaba: xuntar as comunidades educativas da Lama, Carballedo e Fornelos de Montes nunha xornada de convivencia arredor dos libros, a biblioteca e a nosa lingua.

Rafael Sánchez-Agustino Rodríguez, mestre especialista en Educación Musical
sanchezagustino@edu.xunta.es
Cristina Campos Pérez, mestra especialista en Educación Infantil
cristinacampos@edu.xunta.es
Coordinadores da biblioteca do CEIP A Lama (A Lama-Pontevedra)

 

 I Encontro Letras na Praza

 

Unha das cousas que sempre nos preocupou ao equipo de biblioteca da nosa escola foi como devolver todo ese coñecemento tan xenerosamente recibido ao longo dos anos por parte desta comunidade que é o PLAMBE. Xornadas, encontros, congresos, grupos de traballo, seminarios... servíronnos durante todo este tempo para aprender do bo facer dos compañeiros e compañeiras desta rede de bibliotecas escolares de Galicia, da que orgullosamente formamos parte.

Do mesmo xeito que as xentes do rural dispoñen en moitos lugares de Galicia de recursos de man común, as bibliotecas poñemos á disposición das nosas comunidades educativas eses recursos de primeiro nivel que somos capaces de ofrecer.

Pode ser que fose ese concepto tan ancorado no subconsciente, o de recursos de man común, o que propiciase que este curso se nos ocorrese organizar un grande encontro polo Día do Libro, que fose aberto ás familias e ás xentes da nosa contorna.

Na escola da Lama as reunións dos equipos docentes lévanse a cabo pola mañá, de nove a dez, antes de que comecen as clases. Nesas xuntanzas, cando as ideas e os folgos están máis frescos, é onde lle imos dando forma, sentido e contido a ese xerme que atopa na coordinación dos equipos de biblioteca, actividades complementarias e extraescolares e dinamización da lingua os ingredientes precisos para o seu cociñado.

Xa postos a deixar voar a imaxinación... por que non convidar os colexios veciños e cos que tanto compartimos: CEIP Doutor Suárez (Fornelos de Montes) e CEIP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade)

Se somos capaces de organizar un evento cos nosos propios recursos, sería unha mágoa que non o puidesen aproveitar as rapazas e rapaces dos concellos veciños. Os lazos que hai entre eles son moi fortes e en moitos casos as cousas funcionan como nunha mancomunidade. Feito o convite, pronto recibimos a contestación e puxémonos mans á obra para ser anfitrións nesta iniciativa.

Outra das propostas que xurdiu foi a de que o encontro continuase en anos sucesivos e fose rotatorio entre os concellos que se incorporasen, para así poder ir enchendo as prazas das vilas cos pícaros da comarca, nunha marabillosa xornada de convivencia entre as escolas.

Sobre a marcha pensamos que a Axencia Municipal de Lectura tiña que ter presenza e ocupar un lugar destacado, xa que a relación entre a escola e a biblioteca pública debe ter uns fortes lazos.

Non podiamos prescindir da colaboración das familias que, a través da ANPA, fixeron un traballo importantísimo para converter a alameda nun contorno seguro e dinámico onde poder moverse con liberdade polas distintas estacións dispostas nesta ocasión, así como para poder gozar da música en directo de Cé, Orquestra Pantasma.

E non nos podemos esquecer das iniciativas particulares que, como a Furgolibro da tía Ni, a cargo de Nieves Loperena, achegou o seu grao de area a esta iniciativa de dinamización e promoción da lectura e dos libros.

 

Furgolibro da tía Ni

 

Pola súa banda, o Concello facilitou a utilización do espazo público e dos locais municipais para a mellor loxística á nosa disposición, así como a concorrencia de Protección Civil.

 

E que sentido e contido lle demos ao encontro?

Nesas reunións de traballo antes mencionadas fómoslle dando forma ao programa, que queriamos que contase con espazos diversos e variados, con actividades que estivesen relacionadas nalgunha medida coas que a biblioteca escolar organiza ao longo do curso.

Cómpre dicir que moitas quedaron no tinteiro, porque, postos a soñar, os mestres soñamos e convertemos os equipos nunha especie de factoría improdutiva que parece que nunca materializa nada, pero que pouco a pouco vai conseguindo que o sementado vaia agromando e que máis adiante se poidan ir recollendo os froitos.

 

Todo é posible cunha biblioteca

 

Un petisco entre lectura e lectura

 

O programa da xornada ofreceulles aos 270 alumnos dos 3 centros participantes un percorrido por distintas estacións: Troca que troca, Cóntoche un conto, Escornamos!, Ti que les?, Furgolibro da tía Ni, Biblioteca municipal e radio en directo, Aquí quedaches!, Damos a chapa, Agasallos e Un petisco.

Neste itinerario libre e autónomo para o alumnado participante (desde cuarto de educación infantil a sexto de primaria), puideron achegarse a distintos aspectos que as bibliotecas das nosas escolas fomentan: a Biblioteca Creativa, a formación de usuarios, a Radio na Biblio, o voluntariado, o intercambio de lecturas, Lectura e Familias... 

Máis información no folleto que creamos para o evento.

 

Unha nai compartindo a lectura co seu fillo durante o encontro

 

O evento proporcionounos imaxes e momentos inesquecibles entre os que destacamos os que nos amosaban as familias mesturadas entre os seus cativos compartindo lecturas e demais experiencias.

 

Escornabot. O robot bibliotecario non podía faltar á cita

 

A biblioteca escolar e a biblioteca pública

Hai anos que na nosa escola vimos analizando que a continuidade que lles podería ofrecer a biblioteca municipal ás nosas iniciativas viría pechar o círculo na consecución e consolidación de novas e novos lectores.

 

A radio municipal tivo un papel destacado na xornada, realizando un programa en directo na praza

 

Neste sentido, vimos realizando este último curso unha intensa colaboración coa Axencia de Lectura da Lama e con Radio Nova (radio municipal) que agardamos que vaia dando os seus froitos.

Quixemos darlles presenza e por iso os convidamos a ter un espazo e lugar importantes no encontro, para que puidesen dar a coñecer os cambios que están realizando nos ámbitos da xestión e da dinamización.

O seu bibliotecario, Antón Xil, foi quen dirixiu un programa de radio en directo durante toda a mañá e se encargou de lle dar visibilidade á iniciativa en distintos medios de comunicación.

 

Espazo informal de lectura e recomendacións creado na praza

 

Ti que les?

Cun lugar destacado entre as estacións, quixemos recrear na praza un espazo informal de lectura, con alfombras e grandes coxíns da biblioteca, na que os pequenos puideron compartir o seu tempo de ler, e elaborar unha tarxeta empregando toda a súa creatividade para recomendar as súas lecturas favoritas.

Pareceunos moi importante ese intercambio entre iguais que encheu de colorido os tendais que dispuxemos no centro da praza.

Outro xeito de compartir libros foi a lectura que fixo o alumnado de cuarto de primaria da súa adaptación do título Un libro de Hervé Tullet e que contou cun público entregado, como non podía ser doutra maneira tratándose desta obra.

 

Cé, Orquestra Pantasma

Da man da ANPA do CEIP A Lama, chegou a actuación de César Freiría, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos que, baixo o nome artístico de Cé, Orquestra Pantasma, engaiolou a pequenos e maiores.

 

 Momento da actuación musical a cargo de César Freiría

 

Non era a primeira vez que César se achegaba á nosa escola, pero podemos dicir que nos volveu abraiar cunha fantástica actuación musical chea de sorpresas, que arrancou risas e aplausos e lle deu un ambiente festivo a unha parte importante da xornada.

 

Que balance facemos?

Os ecos do encontro trouxéronnos unhas sensacións máis ca positivas, xa que as valoracións realizadas por todas as persoas participantes foron enormemente satisfactorias. 

 

Alumno elaborando o seu marcapáxinas personalizado

 

Un dos aspectos mellor valorados foi a participación dos tres centros educativos implicados e que xa un deles se ofrecese a organizar o vindeiro encontro de Letras na Praza que terá lugar en 2025 en Carballedo (Cerdedo-Cotobade).

As mostras de agradecemento por parte das familias fannos reflexionar favorablemente sobre o oportuno do evento.

Alumnado e profesorado amosou tamén a súa satisfacción e pensamos que estas accións axudan a dar eses pequenos pulos para ir creando a tan necesaria canteira de lectores.

Organizar un acto destas características é posible cos recursos dos que dispoñemos na escola se ademais contamos co apoio incondicional das familias. Sería unha mágoa que só o puidese aproveitar o noso alumnado. 

Pensamos que abrilo ás outras comunidades educativas foi unha grande oportunidade aproveitada e redundou nunha mellor optimización dos recursos públicos.

A biblioteca pública fixo un chamamento ás institucións, que apoiaron coa súa presenza a iniciativa: concellos dos centros participantes, Deputación e consellerías de Cultura e Educación.

O balance final é de agradecemento a todos e a todas os que achegaron o seu pequeno ou grande gran de area: claustros, familias-ANPA, Asesoría de Bibliotecas Escolares e Centro de Formación e Recursos do Profesorado.

 

 

 

 

 

 

Sección: