A microrrede das bibliotecas escolares da Terra Chá

Unha proposta, unhas orientacións e unha posta en marcha con visión de futuro
Unha proposta deu pé a crear unha microrrede nunha zona que ten moito por contar: a Terra Chá. A Microrrede de bibliotecas escolares da Terra Chá xa ten máis de 15 centros educativos e está a converterse nunha rede de apoio con obxectivos comúns e unha premisa: «Medrar xuntos sempre é medrar máis e mellor».

 

Andrea Bettinelli Campagnale
CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño (Begonte-Lugo)
abettinelli@edu.xunta.es
Melani Coedo Pérez
CEIP Plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito-Lugo)
melanicoedo@edu.xunta.es
Alexandra Cabana Outeiro
IES da Terra Chá (Castro Ribeira de Lea-Lugo)
alexandra@edu.xunta.es

 

Unha proposta deu pé a crear unha microrrede nunha zona que ten moito por contar: a Terra Chá. 

A Microrrede de bibliotecas escolares da Terra Chá xa ten máis de 15 centros educativos e está a converterse nunha rede de apoio con obxectivos comúns e unha premisa: «Medrar xuntos sempre é medrar máis e mellor».

Todo comezou o curso pasado coa visita de Beatriz González Blanco, a asesora de bibliotecas da provincia de Lugo, e a súa proposta: «Que vos parece organizar como na Mariña Lucense unha microrrede de bibliotecas da zona?». Púxonos en contacto con Carmen, unha das coordinadoras precursoras da Microrrede da Mariña, que nos contou a súa experiencia e, co seu entusiasmo, contaxiounos.

 

Primeira reunión no CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño en Begonte

 

É ben coñecido o inxente labor das bibliotecas escolares, ás que se lles demanda seren eixes vertebradores do coñecemento nos centros educativos tanto con recursos físicos coma na alfabetización mediática e a información dixital, e ademais seren espazos de extensión cultural implicados coa comunidade.

No CPI de Begonte xa fixeramos unha actividade conxunta co CPI P. Virxe do Monte de Cospeito e esa experiencia compartida brindounos a constatación do enriquecemento que achegan os traballos colaborativos e de que todo o labor que se espera de nós se fai mellor compartindo.

Así, ao inicio deste curso 2023/24, puxémonos mans á obra. Fixemos unha lista cos centros da Terra Chá e nos «cachiños libres» comezamos a chamar e a contar un pouco a nosa proposta.

A Terra Chá é unha zona chea de historias e de lugares aínda por descubrir. É unha comarca de forte identidade, recoñecida e autorrecoñecida, cunha importante estrutura socioeconómica asentada no sector primario e cunha significativa marca cultural, asociacionismo de base e tradición musical e literaria. Neste contexto, crear unha microrrede de bibliotecas escolares na nosa comarca significaba unha porta aberta á relación comunitaria na que tanto cremos. Hai escolas rurais afastadas e con pouco alumnado coas que poderiamos compartir experiencias, facer visitas, intercambiar material, achegar ideas, nutrirnos unhas bibliotecas doutras, os centros máis grandes e os máis pequenos, sen ningún tipo de xerarquía. 

Crear unha rede trae implícito a «retroalimentación», cada un dos centros ten «algo especial» que pode brindar e compartir: desde prácticas didácticas, equipamento e materiais, fondos de libros, experiencias…; crear un sistema de préstamo interbibliotecario onde as coleccións poidan circular entre os distintos centros; dinamizar espazos culturais de forma conxunta con experiencias vivas como o teatro, lecturas, dramatizacións; facer rutas literarias polas zonas…

 

Formación en Polos Creativos no IES da Terra Chá co plotter do CEIP de Begonte

 

As ideas xurdían con cada chamada e, deste xeito, a listaxe medraba e a maioría das escolas e institutos sumábase á iniciativa. 

A primeira reunión foi no centro que recolleu a proposta da asesora, o CEIP Plurilingüe Virxe do Corpiño de Begonte. Recibimos as coordinadoras de máis de 15 bibliotecas de centros de ensino da comarca. Aqueles que non puideron estar presentes conectáronse pola Rede, como tamén o fixo Carmen da Mariña Lucense, quen compartiu a súa experiencia e respondeu as nosas dúbidas. Tamén nos acompañou Bea, a nosa asesora.

Presentámonos e falamos da nosa realidade. Foi unha reunión chea de ganas de expresarnos, compartir e contar a nosa vivencia como coordinadoras de bibliotecas escolares, as nosas necesidades e carencias, a falta de tempo e, por veces, o pouco recoñecemento do noso labor.

Coincidimos na percepción de que as bibliotecas do interior estamos esquecidas ou pouco valoradas cando, en realidade, facemos un traballo arduo nun contexto moi diferente, o mundo rural, no que os centros educativos e as súas bibliotecas teñen unha responsabilidade engadida ao seren a miúdo o único espazo de oferta cultural na contorna inmediata. 

As bibliotecas rurais tamén estamos inmersas na realidade das bibliotecas escolares de Galicia, non somos un «punto e á parte», senón unha parte dese todo que conforman as bibliotecas escolares galegas. Ademais, temos experiencias que compartir, iniciativas que mostrar e motivación e ilusión por evolucionar e medrar. Queremos ser parte dinamizadora das nosas raíces máis profundas e crear pontes entre a nosa esencia e os novos camiños e paradigmas.

Da primeira xuntanza saímos cunha certa sensación terapéutica: poñernos en contacto axudounos (e axudaranos) a sobrelevar o noso traballo, de moitas máis horas ca as aparecidas no horario se queremos acadar o bo funcionamento das bibliotecas.

E así concretamos unha segunda reunión para o mes de abril. O CPI Plurilingüe Virxe do Monte de Cospeito foi o que abriu as súas portas para recibirnos entre libros, aroma a café e biscoitos. 

 

Formación impartida por profesora do IES de Terra Chá sobre o uso do plotter no CEIP de Begonte

 

Nesta reunión, xa establecemos obxectivos e decidimos converternos nunha rede de apoio e compartir inquedanzas, recursos bibliográficos para os clubs de lectura e libros de lectura obrigatoria e ideas compartidas para poder levar a cabo xuntas nos diferentes clubs. Todo isto deixámolo recollido nunha conta de Abalar Box conxunta, na que imos traballando en distintos documentos e recursos.

Tamén falamos de desenvolver pequenos proxectos en conxunto para o vindeiro curso. Neste sentido, propúxose sumarnos a Toponomízate, proxecto relacionado coa toponimia de cada comarca que pretende recoller a riqueza cultural da zona (lendas, montes, camiños, fontes…) co obxectivo final de desenvolver unha exposición conxunta nun dos nosos centros.

O curso que vén seguiremos xuntándonos nas demais bibliotecas que nos faltan por coñecer, aproveitando as xuntanzas para coñecérmonos mellor, tanto as persoas coma as bibliotecas e os centros, todas chairegas.

Cómpre concretar pasos e avanzar neste proxecto, mais ata o de agora xa temos unha presada de acordos e resultados e uns obxectivos para o curso que vén.

Ata o de agora: 

  • Creamos un grupo de comunicación (WhatsApp e Abalar Box) e un sistema de xuntanzas.
  • Establecemos uns obxectivos iniciais da rede: de apoio e optimización de recursos.
  • Iniciamos unha listaxe de fondos dos que temos varios exemplares de cara ao seu intercambio para club de lectura ou lecturas de aula/obrigatorias.
  • Abrimos un foro de dúbidas de xestión (KOHA e outros).
  • Sinalamos o equipamento do que dispoñemos e podemos emprestar. Nesta liña o CEIP de Begonte emprestoulle un plotter de corte ao IES da Terra Chá para usalo na formación dos Polos Creativos.

E para o curso que vén:

  • Facer efectiva a creación da microrrede no ámbito formal, con nome e obxectivos.
  • Establecer unha actividade comunitaria entre as distintas bibliotecas.
  • Visibilizar e compartir proxectos e actividades propias de cada centro.
  • Establecer fíos de relación entre as bibliotecas de centros co alumnado de menor idade para que coñezan os centros aos que irán estudar despois (ESO, bacharelato, ciclos formativos).
  • Completar e manter a listaxe de fondos de libros con varios exemplares para tela en conta á hora de programar lecturas de curso e/ou avaliación.

Temos claro que o proxecto é de especial interese, que nos pode achegar moitos beneficios. Porén, manteremos os pés na terra (Chá) porque as ganas e a ilusión non poden levarnos a esforzos moi por riba das nosas posibilidades. De feito, esta rede de apoio ha servir para que rendan máis os nosos esforzos, humanos e económicos, porque medrar xuntos sempre é medrar máis e mellor.

 

 

Sección: