Mediación lectora no CIFP Compostela

Exemplos de boas prácticas. Club de lectura Caldo de Gloria. Tres anos de historia
O artigo destaca a traxectoria do club de lectura Caldo de Gloria no CIFP Compostela, que nace tras a pandemia para dinamizar a biblioteca e fomentar a lectura entre un alumnado moi diverso. Ao longo de tres anos, o club organizou múltiples actividades, desde encontros con autores e autoras e proxeccións de documentais ata concursos en redes sociais e rutas literarias. Estas actividades promoveron a lectura, fortalecendo a comunidade educativa e convertendo a biblioteca nun centro activo de cultura e aprendizaxe.

Mercedes Teijeiro Gato
CIFP Compostela (Santiago de Compostela-A Coruña)
mtgato@edu.xunta.gal

 

 

 

O CIFP Compostela é un centro de ensino cun alto número de alumnado, moi diverso e con idades moi dispares, que van desde os 16 ata os 60 anos. Impártense as ensinanzas das familias profesionais de Artes Gráficas, Hostalería e Turismo, Industrias Alimentarias e Servizos Socioculturais e á Comunidade en diferentes modalidades. O horario lectivo vai desde as 9:00 ata as 10:20.

 

 

O club de lectura Caldo de Gloria nace para dinamizar a biblioteca do centro escolar e achegarlle a lectura ao seu alumnado. Pretende ser una ferramenta útil para fomentar a lectura no contexto educativo e tecer redes e fornecer as relacións humanas, tanto entre o alumnado coma entre profesorado.

Ten os seus inicios ao final da pandemia, no curso 2021/22. Nesta altura, a biblioteca escolar do edificio principal estaba reconvertida en comedor escolar. Coa chegada de novo profesorado ao centro —con destino definitivo, en expectativa ou interino—, que compartía sensibilidades comúns en prol da lectura, e coa complicidade de profesorado coas mesmas preocupacións xa veterano no centro, ponse en marcha o club de lectura Caldo de Gloria, que no seu primeiro ano chegou a ter sete clubs diferentes na FP básica, ciclo medio e ciclo superior.

Os comezos non foron doados. Á primeira reunión informativa non asistiu moito alumnado e tocou facer a presentación do proxecto polas aulas, en horas lectivas. 

Fanse propostas de lectura que lle resulten atractivas pola súa temática ao diferente alumnado que se achega para a formación dos grupos dos clubs, tendo en conta os intereses das persoas participantes e os seus itinerarios como persoas lectoras, e conseguimos ter sete clubs de lectura funcionando no mes de novembro, despois de varias reunións informativas nas que se deu información inicial sobre a organización dos diferentes clubs.

Os distintos clubs organízanse de xeito independente uns doutros (quincenais, mensuais, trimestrais), facilitados por diferente profesorado e coordinados entre si pola mesma persoa.

Finalidades:

1. Promover a lectura entre o alumnado, no sentido de mellorar a competencia lectora e os coñecementos culturais.

2. Promover a relación entre o alumnado nun espazo non formal.

3. Promover a colaboración e as relacións entre docentes de diversos departamentos do CIFP e outro persoal do centro.

4. Animar o alumnado do CIFP a ler en diferentes linguas, favorecendo así o desenvolvemento da competencia interlingüística e acrecentando a súa atracción por esas linguas.

5. Aproveitar e difundir as ferramentas que as TIC dispoñibilizan para promover a lectura e súa socialización: Twitter, Instagram, blog da biblioteca e páxina web do centro.

6. Favorecer actividades interdepartamentais.

7. En colaboración co equipo de dinamización lingüística, promover a lectura de traducións galegas como alternativa á lectura na lingua orixinal.

8. Promover un uso máis dinámico dos recursos da biblioteca.

9. Favorecer o contacto directo con escritores e escritoras.

10. Favorecer o intercambio de experiencias co profesorado e co alumnado doutros centros.

11. Contribuír á consolidación da biblioteca como organismo vivo en todos os sentidos: centro de recursos, núcleo de cultura utilizado abondosa e competentemente por usuarios formados, órgano dinamizador da lectura e a escritura e organismo compensador das desigualdades sociais.

No seguinte taboleiro dixital, quedaron recollidas algunhas das actividades realizadas cos clubs durante o primeiro curso

Actividades que axudaron a darlle máis presenza á lectura no contorno escolar foron os concursos a través das redes sociais:

A coordinación do equipo de dinamización lingüística do centro co de igualdade serviu para proporlle actividades de interese á comunidade educativa, onde a lectura tivese unha maior presenza. Comezamos a traballar de xeito coordinado e organizamos moitos eventos en común: concertos, teatro, presentacións de libros, encontros con autoras e autores, proxección de documentais, Día de Rosalía, Día das Letras Galegas...

Despois do traballo realizado durante o primeiro curso, animouse a coordinación da biblioteca a formar un equipo estable e solicitar a entrada no PLAMBE (Plan de mellora de bibliotecas escolares).

Presentamos a continuación as experiencias que tiveron mellor acollida entre a comunidade escolar.

 

 

Club de lectura do profesorado

Organízase un grupo inicial formado por 12 persoas. Coa colaboración do profesorado da familia profesional de Hostalería e Turismo, dos módulos de Cociña e Servizos, e con moita coordinación, realizamos sesións mensuais arredor dunha proposta de lectura (narrativa, poesía, ensaio, poesía, banda deseñada) con menú temático. 

A iniciativa segue en marcha hoxe en día, mais a partir do mes de xaneiro de 2024 xa non contamos cos menús temáticos, xa que o profesorado colaborador da familia de Hostalería e Turismo está a gozar da súa xubilación. 

O club de lectura do profesorado naceu para ser un espazo de encontro arredor da lectura, darlle ao profesorado a posibilidade de coñecerse (existen quendas de mañá e de tarde, polo que moito profesorado non se coñece); facer propostas de lectura atractivas; e formar o profesorado para dinamizar outros grupos do club de lectura con alumnado e animalo a facelo.

A convocatoria para cada encontro publícase na páxina web do CIFP Compostela e nos taboleiros do centro. Deste xeito estamos a difundir a obra tamén entre o alumnado, que pode achegarse á biblioteca e solicitar exemplares en préstamo.

 

 

Club de lectura de escoita

Partimos da idea que suxire a autora Michèle Petit: «Libro e voz son compañeiros e a biblioteca é un ámbito natural para a oralidade».

Esta reflexión lévanos a xerar a proposta dunha oportunidade para contar e encantar na biblioteca; tan só en 20 minutos do recreo lemos e contamos un conto. A proposta engancha a varias alumnas que cursan o primeiro ano de CSTEI e comezan os recreos para contar. O alumnado que asiste escoitar os contos xa está no noso espazo e aproveitamos para presentarlle os fermosos libros cos que estamos a traballar… Miran, tocan, comentan e anímanse a contar e a ler nas vindeiras sesións.

O club de lectura de escoita lévase a cabo unha vez ao mes, no recreo das 12:00 horas. Só se publicitou a primeira xuntanza, xa que se coordinan de xeito autónomo a través do correo electrónico.

 

 

Caldo de Gloria e Postcrossing

Club para fomentar a lectoescritura en formato reducido por medio de tarxetas postais.

Nace como un proxecto nas aulas de inglés e, debido á boa acollida por parte do alumnado, decídese integralo como actividade estable dentro das actividades programadas desde a coordinación do club de lectura.

A dinámica é moi sinxela: o club está rexistrado na páxina web internacional de Postcrossing como grupo dun centro educativo e no perfil eliximos as temáticas sobre as que solicitamos recibir información: receitas de cociña, aloxamentos turísticos con encanto, itinerarios de interese turístico pouco coñecidos, recomendacións lectoras, música e manifestacións artísticas. Unha vez enviadas as primeiras postais e pasado o tempo de que as persoas usuarias da plataforma teñan rexistrada a súa recepción, comezamos a recibir postais de diferentes partes do mundo. Pouco a pouco vai medrando a expectativa e a ilusión á hora de recibir a seguinte postal. Temos que salientar que contamos coa complicidade do persoal da conserxería do centro, xa que son as primeiras persoas en ter a oportunidade de velas.

Xuntámonos cada quince días para escribir novas postais.

Coa colaboración da asistente lingüística de conversa en inglés, comezamos a artellar unha páxina web para rexistrar o proceso e moito máis

Organizamos unha exposición na biblioteca coas primeiras postais recibidas 

Asistimos ao XI Encontro Galego de Postcrossing titulado «Amosa o teu amor polas linguas» realizado na EOI da Coruña. O evento estaba dirixido a practicar a lectoescritura en diferentes linguas e o noso alumnado participou nas seccións de inglés, galego, castelán e francés. 

Foi unha experiencia moi enriquecedora onde tamén tivemos a oportunidade de presentar o noso proxecto

No presente curso, xunto con Diana Pastoriza, organizamos na biblioteca do CIFP Compostela o XV Encontro Galego de Postcrossing co lema «Aloxamentos turísticos con encanto». Contamos coa colaboración do Departamento de Artes Gráficas para o deseño e impresión da postal conmemorativa do evento

Na actualidade, todas as postais recibidas están á disposición da comunidade educativa en diferentes álbums na biblioteca escolar.

 

OUTRAS ACTIVIDADES

Encontro coas autoras do Premio Compostela de álbum ilustrado

 A editorial Kalandraka facilita estes encontros anuais. Visitaron o noso centro nos últimos tres cursos Marina Gibert para presentar Selva, Fabiola Anchorena para presentar Esperando o Amencer, e Nuria Figueras e Ana Font para presentarnos A visita.

Día de Rosalía

O Día de Rosalía, que vai pola súa terceira edición, está constituído como unha data relevante dentro das actividades complementarias do CIFP Compostela e con alta participación de toda a comunidade educativa nas lecturas de poesía en voz alta, a degustación do caldo de gloria elaborado no propio centro e a asistencia ás diferentes actividades propostas.

Primeira edición

Segunda edición

Terceira edición

Día das Letras Galegas

Outra data importante en todos os centros de ensino galegos é o Día das Letras Galegas. No noso centro un gran número do alumnado xa se atopa no período de prácticas en empresas nesa altura. No club de lectura aproveitamos a celebración para lle dar visibilidade á persoa homenaxeada e á súa obra, difundir publicacións en lingua galega e realizar exposicións e actividades complementarias. 

Letras Galegas 2022

Letras Galegas 2023

Letras Galegas 2024

Encontros con autores e autoras

Os encontros con escritores e escritoras son eventos fundamentais para o desenvolvemento dos clubs de lectura, xa que ofrecen unha oportunidade única para a interacción directa entre as autoras e autores e as persoas lectoras. Estes encontros enriquecen a experiencia lectora, creando un espazo de diálogo onde se comparten ideas, interpretacións e perspectivas que dificilmente se poderían acadar doutro xeito. Fomentan o espírito crítico e a análise literaria. As persoas lectoras teñen a oportunidade de formular preguntas, expresar opinións e discutir interpretacións cos propios autores e autoras. Este intercambio pode levar a novas interpretacións e a unha comprensión máis rica e matizada das obras, o que contribúe ao crecemento intelectual e emocional das persoas participantes.

Autores e autoras que nos visitaron:

Encontro con Celso F. Sanmartín

Encontro con Lola Varela

Encontro con Paula Carballeira, As alumnas

Encontro con Boni Ofogo, Da oralidade á escrita, importancia do álbum ilustrado

Encontro con Andrea Nunes, Diáspora do amor balea

Encontro con María da Pontaghra

Encontro con Noelia Míguez, 8 señales

Encontro con María José Floriano, El gallinero y otros álbumes

Encontro con Luca Chao, Feminismo en cen palabras

Encontro con Tristán Ron, O navegante. Unha viaxe a bordo da sala Nasa

 

 

Proxección de documentais

Traballar con documentais tamén contribúe á alfabetización mediática. Nun mundo saturado de información, é fundamental que as persoas desenvolvan habilidades para analizar e interpretar contidos audiovisuais de maneira crítica. Os clubs de lectura poden servir como espazos ideais para educar neste ámbito, explorando os recursos narrativos e técnicos dos documentais e discutindo a súa eficacia na transmisión de mensaxes.

No curso pasado, Xaquín Rubido, Xocas, achegouse ao CIFP Compostela para presentar 20 anos de dignidade, peza audiovisual dirixida por Xosé Aragunde sobre a catástrofe do Prestige. Realizouse unha actividade performática na que participou alumnado dos clubs de lectura e voluntariado da biblioteca escolar na que tiveron que representar o papel dos milleiros de persoas voluntarias que se achegaran ás costas galegas limpar chapapote e loitar contra a marea negra

No presente curso, dentro da programación das Xornadas pola Paz, proxectouse o documental Gaza (Premio Goya 2024 á mellor curtametraxe documental) dirixido por Carles Bover Martínez e Julio Pérez del Campo.

Rutas literarias

Estas actividades ofrecen unha experiencia rica e multifacética que conecta a lectura co mundo real, promove a comprensión cultural e histórica, e incentiva a curiosidade e o amor pola lectura. Estas actividades complementan e enriquecen a experiencia lectora, convertendo os clubs de lectura en espazos de descubrimento e crecemento continuo.

Ruta polo universo cunqueiriano en Mondoñedo

Ruta The Book of Kells en Dublín

Visita á biblioteca da CEU (Central European University) en Budapest

Intercambios con outros centros

Os intercambio dos clubs de lectura do alumnado do ciclo de educación infantil cos centros da contorna educativa é de suma importancia por varias razóns. En primeiro lugar, fomenta a creación de vínculos comunitarios, establecendo redes de colaboración entre diferentes institucións educativas. Esta interacción enriquece a experiencia educativa do alumnado e proporciona unha variedade de perspectivas e metodoloxías que complementan o currículo formal.

Visita dos clubs de lectura de educación infantil ao CEIP Lamas: actividades de experimentación coa cor a partir dos contos

Visita do alumnado de infantil do CEIP Lamas á biblioteca do CIFP Compostela. Visita guiada á exposición sobre o Entroido e sesión de contacontos

En conclusión, o club de lectura Caldo de Gloria demostrou ser un importante elemento dinamizador na vida do CIFP Compostela e contribuíu de maneira significativa á renovación e revitalización da biblioteca escolar. A través das súas actividades, o club está a fomentar o amor pola lectura entre o estudantado e o profesorado. Tamén está impulsar a participación activa da comunidade educativa nunha diversidade de eventos culturais e literarios. Esta dinámica enriquecedora ofreceu unha maior valoración do espazo da biblioteca, converténdoa nun verdadeiro centro de aprendizaxe e intercambio de coñecementos. Ademais, a inclusión de novas obras e recursos, motivada polas suxestións e necesidades detectadas no club, permitiu actualizar e ampliar a oferta da biblioteca, facéndoa máis atractiva e útil para todas as persoas usuarias. En definitiva, Caldo de Gloria exemplifica como un club de lectura pode ser un motor de cambio positivo e un impulsor de renovación, fortalecendo a vida académica e cultural do centro educativo.

 

 

Sección: