A nosa biblioteca: espazo soñado para todos e todas

Construír e entender a biblioteca como un espazo seguro e inclusivo

Carmen María Baldomir Varela
Manuela Becerra Castro
Ana María Brandón Añón
Verónica Rodríguez Grela
CEIP Xesús San Luís Romero (CArballo- A Coruña)
ceip.xesus.sanluis@edu.xunta.gal

 

 

 

Desde cursos atrás, o equipo docente do noso centro estivo repensando a localización e remodelación da biblioteca. No curso 2022/23 cedeuse un novo espazo que acollería a nosa nova biblioteca soñada e, despois de moitas reformas, «dores» de cabeza e traballo, púidose abrir neste curso escolar 2023/24.

Para entender a nosa realidade, queremos falar primeiro das características propias do noso centro. Chámase CEIP Xesús San Luís Romero e é un colexio de educación infantil e primaria de titularidade pública. É un dos colexios da zona urbana de Carballo e está situado preto dunha zona considerada marxinal, polo que o alumnado do centro pertence maioritariamente a esta zona. Aínda actualmente, por prexuízos de tipo social, as familias que non teñen establecida a súa residencia nestes lugares (pero si pertencen á zona de referencia) non solicitan praza no noso centro. Debido a isto, adoitamos ter unha ratio baixa. Ao quedar prazas vacantes, este centro tamén adoita acoller alumnado inmigrante e familias itinerantes que chegan á vila no medio do curso. Ademais, temos escolarizado un gran número de alumnado con necesidades educativas especiais (NEE) e alumnado con necesidade específica de apoio educativo (NEAE).

Agora que xa coñecedes a nosa realidade, podedes comprender que queriamos crear un espazo que invitase a entrar e participar en todas as actividades propostas, ademais de, evidentemente, converterse nun espazo, por unha parte, que fomente o entusiasmo pola lectura e desenvolva o gusto por ela e, por outra parte, convertela nun centro creativo das aprendizaxes, xa que cremos firmemente no papel que pode xogar a escola para cambiar as desigualdades socioculturais. Polo tanto, á hora de redeseñar a biblioteca, para nós era fundamental crear un espazo accesible que facilite a circulación do alumnado e a adaptación de todo o mobiliario ás actividades que se leven a cabo. Tamén era primordial que ese espazo fose o máis agradable posible, entendido como un espazo de calma, evitando no posible «o ruído visual» superfluo para que todo o alumnado do centro, independentemente das súas necesidades, se sinta acollido nada máis entrar. Xa que logo, usamos cores neutras para as paredes e mobles (branco e cor madeira). Só as cadeiras e coxíns lle achegan cor e calidez ao espazo. A práctica totalidade do mobiliario e elementos para sentar son de moi doada limpeza e desinfección. Evitamos a toda costa ter unha decoración sobrecargada e dotala de elementos innecesarios para o seu uso no funcionamento da biblioteca. Todo ten un sentido e unha razón de ser que estea aí. Todo está organizado en zonas para facilitar a busca do que se quere e é sempre de doado acceso para o alumnado. Á par existen zonas despexadas para que o alumnado e o profesorado ás poidan utilizar en calquera momento e poidan coller calquera dos materiais á súa disposición para ler, xogar, crear, manipular... onde prefiran.

 

 

As zonas coas que conta a nosa biblioteca son:

  • Zona de narrativa para prelectores
  • Zona de narrativa para primeiros lectores
  • Zona de narrativa para lectores autónomos
  • Zona de libros de banda deseñada
  • Zona de libros de teatro e libros de poesía
  • Zona de libros de consulta
  • Zona de enciclopedia
  • Zona de libros para adultos
  • Zona de xogos (creativos, manipulativos, colaborativos...)
  • Recuncho de informática e NNTT (impresora 3D), pantalla dixital... e futuro espazo maker
  • Zona multisensorial

 

 

Procuramos usar ferramentas facilitadoras de acceso á información e de comprensión do que se pode atopar en cada espazo. Así, cada zona de lectura está sinalizada cun zoco de cor distintiva e os libros de narrativa, ademais da etiqueta de catalogación, contan cunha etiqueta da cor do zoco correspondente para facilitar a busca e a colocación. Os libros de fácil lectura están sinalados ademais cunha etiqueta de cor rosa, o que facilita moito a súa busca por parte do alumnado e do profesorado.

No caso dos libros de consulta, utilizamos os pictogramas da CDU ILUSTRADA creada polo ilustrador Óscar Villán que están á disposición de todos os centros na páxina de Bibliotecas Escolares de Galicia. Nós optamos por colocar nos andeis a adaptación dos rótulos que elaborou o CEIP de Outes e facilitarlles as iconas aos mestres de alumnado con NEAE e NEE para que poidan atopar doadamente nos andeis os libros que buscan segundo a temática. Con esta simple adaptación, facilitamos a busca máis autónoma e o uso da biblioteca por parte de todo o alumnado.

 

 

As normas da biblioteca tamén foron elaboradas con pictogramas de ARASAAC e están situadas na súa entrada e nun dos muros de dentro. Procurouse crear unhas normas sinxelas e de doada comprensión.

Co fin de que todo o alumnado poida recoñecer os axudantes da biblioteca, tamén colocamos as súas fotografías na porta de entrada (organizado por días da semana) e levan un colgante distintivo coa súa fotografía e o seu nome cando están na biblioteca.

 

 

En canto ao mobiliario, todos os andeis e mesas contan con rodas, o que facilita o seu desprazamento para adaptar a biblioteca ás actividades que se van levar a cabo. Todas as mesas se poden dobrar en vertical e as cadeiras son «amoreables». Contamos con mesas e cadeiras de diferentes tamaños e así adáptanse perfectamente ás diferentes idades ou necesidades do alumnado. Temos coxíns que se poden coller e levar a onde prefire o alumnado para sentar, deitarse..., é dicir, para que poida adoptar a postura que máis lle apeteza. Tivemos a sorte de que unha parte importante deste material foi una dotación da Consellería de Educación logo de realizar a petición correspondente a comezo do curso escolar.

Outro aspecto moi importante da nosa biblioteca é que conta, desde este curso, cun escenario. É un espazo polivalente que se usa diariamente para xogar, ler... (como un espazo máis da biblioteca) e de escenario cando se fai unha representación, lecturas... Nesta reforma integral tamén contamos coa colaboración do Concello de Carballo.

Ata de agora falamos sobre todo do aspecto da nosa biblioteca e de como se organiza para que se adapte ás diferentes necesidades e favoreza un acceso o máis igualitario posible a todos os usuarios e usuarias. Por conseguinte, estas premisas tamén son a base á hora de elaborar actividades por parte do equipo de biblioteca. Por iso se levan a cabo actividades nas que todo o alumnado poida participar e realizamos as adaptacións necesarias. Para poñer un exemplo desta adaptación, podemos falar de que dotamos as aulas de varias mochilas viaxeiras para pensar no alumando que presenta NEE e que poida levar libros de lectura fácil. Isto permitiu que participasen realmente na actividade.

Por outra banda, a biblioteca tamén pode axudar a desenvolver unha actitude normalizadora e darlle visibilidade ao alumnado con NEE. Para iso contamos con voluntarios no noso equipo de biblioteca que presentan NEE. É unha experiencia moi enriquecedora para eles e para os demais alumnos e alumnas. A partir da nosa experiencia, podemos dicir que coas axudas e adaptacións axeitadas se pode levar a cabo e aconsellamos que se faga.

Os resultados de todas estas adaptacións e organización permitiron que consigamos o espazo que soñamos, no sentido en que é un espazo seguro onde o alumnado, independentemente das súas diferentes capacidades, pode relacionares nun ámbito seguro e amable. A nosa experiencia móstranos día a día o seguinte:

  • O alumnado que ten dificultades para relacionarse no patio, aquí é capaz de compartir xogos, conversas con outros alumnos e alumnas.
  • Relaciónanse alumnos de diferentes idades nun ambiente tranquilo e agradable, compartindo lecturas ou xogos.
  • O alumnado respecta sen supervisión as quendas para os diferentes xogos e materiais.
  • O alumnado comparte os materiais e mostra unha actitude respectuosa e de xeito natural, sen que aparezan conflitos.
  • O alumnado con dificultades de autocontrol é capaz de relacionarse con outros a través dos diferentes materiais postos á súa disposición e mostrando un comportamento tranquilo e relaxado.

-O alumnado con NEE atopa na biblioteca un espazo seguro e acolledor.

  • Permite unhas relacións onde prevalece a colaboración e non a competición á hora de xogar e relacionarse.
  • A gran maioría do alumnado acode á biblioteca feliz e emocionado: hora de préstamos, recreo, desenvolvemento dun traballo, actividades dirixidas...
  • O alumnado valora e, polo tanto, coida o material da biblioteca.
  • Dotar o centro dunha biblioteca destas características fomentou no noso alumnado o interese e curiosidade polo libros, que foi acompañado en paralelo dun incremento do hábito lector.
  • O alumnado participa con entusiasmo nas propostas planificadas pola biblioteca.
  • Os colaboradores e colaboradoras desenvolven o sentido da responsabilidade e séntense orgullosos polo traballo realizado, sentimento que lles contaxian aos demais alumnos e alumnas do centro que están desexosos de medrar para converterse en colaboradores e colaboradoras.

A raíz do exposto anteriormente, podemos dicir que se conseguen beneficios no ámbito educativo, social, de conduta e fomenta a inclusión. Estes resultados impúlsannos a seguir traballando e mellorando día a día. Para iso, debemos seguir formándonos, observando e adaptándonos á nosa realidade para dar unha resposta axeitada ás necesidades do noso alumnado para impulsar o desenvolvemento das súas competencias a todos os niveis (sociais, culturais, lectoras, de aprendizaxe...).

 

 

Para rematar, queremos recalcar que evidentemente o resultado que se obtivo foi froito dun traballo colaborativo entre o profesorado do noso centro. Para que poida levarse a cabo e funcionar, ademais do equipo da biblioteca, é necesaria a implicación de todo o claustro e crer na importancia de dotar o centro dun espazo destas características e implicarse no seu desenvolvemento e dinamización.

Todo este traballo contou coa inestimable colaboración de María José Pousa Rodríguez que forma parte do equipo da asesoría de bibliotecas escolares da provincia da Coruña.