Convivindo en comunidade

Biblioteca Escolar Solidaria
A biblioteca coas súas actividades e dinámicas é o espazo idóneo para a formación en actitudes solidarias e de compromiso coa contorna.

Purificación Moure Barrio
Responsable da biblioteca Atlas dos Soños
CEIP Plurilingüe Seis do Nadal (Vigo-Pontevedra)
purificacion.moure@edu.xunta.gal

 

 

Un dos obxectivos das bibliotecas é formar persoas críticas e responsables que valoren os recursos que teñen á súa disposición para facer un mundo máis xusto, igualitario, inclusivo, solidario e sostible e facerlles fronte así aos retos que a sociedade actual nos propón.

Desta maneira e, a través de proxectos, datas salientables no calendario e lecturas, a biblioteca contribúe a implementar os obxectivos da Axenda 2030.

É necesario achegar o noso alumnado á actualidade social desenvolvendo actitudes de reflexión e pensamento crítico, habilidades fundamentais para unha cidadanía de futuro e unha participación plena, activa, comprometida e solidaria coa sociedade na que lle toca vivir.

 

No CEIP Plurilingüe Seis do Nadal consideramos que todos os membros da nosa comunidade educativa somos pezas necesarias nesta engrenaxe na que estamos inmersos con propostas de colaboración e convivencia na que intercambiamos información e aprendemos xuntos adquirindo valores como a tolerancia, o respecto e a aceptación das diferenzas individuais.

Tendo en conta estes valores, desde hai uns anos, a biblioteca Atlas dos Soños, o corazón do noso cole, decidiu apostar por levar a cabo propostas solidarias que contribuísen á compensación das desigualdades e fomentasen o voluntariado desde idades temperás.

Converteuse así nun axente de compensación social que pon á disposición do alumnado e das familias máis desfavorecidas medios e recursos para paliar esta situación de desvantaxe na que se atopan e poder acceder en igualdade de oportunidades á lectura, información e aos bens culturais.

 

As nosas propostas

Dentro das accións encamiñadas á compensación da desigualdade atopamos a apertura en horario non lectivo, polas tardes, para axudar o alumnado na súa aprendizaxe e que poida facer uso dos seus recursos: lectura, apoio ao estudo, acceso a Internet para procura documental, facer traballos individuais e en grupo (polo que poden contar cun espazo de reunión), e remate de tarefas.

A nosa biblioteca tamén intenta resultar un axente compensador ao ofrecer materiais versátiles e espazos accesibles, adaptados á diversidade e ás distintas capacidades do alumnado. Pero estaredes preguntándovos como o facemos. En primeiro lugar, para facilitar esta accesibilidade, empregamos os pictogramas de ARASAAC na sinalización da biblioteca: normas, guías, textos... Ademais, contamos con equipamentos específicos, como teclado, botón e rato adaptado, que lle facilitan o acceso á comunicación, lectura e información ao alumnado de NEAE.

 

Por outra banda, a colección inclúe libros en pictogramas, lectura fácil, álbum ilustrado, libros de tapa dura, libros con letra grande, de texturas e sons que permiten a exploración cos sentidos (tacto, olfacto...). Contos nos que os protagonistas teñen algún tipo de discapacidade, contos de emocións, signacontos, libros informativos moi visuais, xogos, impresora 3D, robots... Esta complétase con recursos electrónicos aloxados no blog da biblioteca (https://atlasdossonhos.blogspot.com/).

 

Tamén lles achega produtos culturais a aquelas familias que non teñen doado o acceso a determinadas lecturas e materiais a través das mochilas viaxeiras e temáticas. As mochilas viaxeiras mudan de contido cada curso escolar e adoitan estar compostas por materiais de lectura de diversos xéneros, un diario de viaxe (xa que cada semana visita unha casa diferente) e unha proposta de actividades en familia; mentres que as mochilas temáticas están formadas por materiais dunha mesma temática (cociña, ciencia, estimulación da linguaxe oral, creativa, mitoloxía...) e son prestadas segundo a demanda das propias familias a través do sistema de préstamo do centro.

A nosa biblioteca tamén exerce a función de divulgación co obxectivo de que as familias organicen a súa biblioteca persoal, tan importante para facer lectores e lectoras críticos e cidadáns responsables, proporcionando guías de lectura con temática diversa (igualdade, ciencia...).

Pero ademais, como comunidade lectora que somos, queriamos facer partícipes as familias organizando no vestíbulo do centro un recanto que acolle unha selección de fondos didáctico-pedagóxicos sobre infancia, cerebro, medio ambiente... que levan en préstamo para os seus fogares e que foi construída precisamente para lle dar resposta á demanda que as familias facían sobre este tipo de materiais.

 

 

Nesta mesma liña, lanzamos o reto de formar un club de lectura de adultos destinado a familias e profesorado, que tivo moi boa acollida. Neste curso escolar somos 20 mulleres que compartimos momentos e inquedanzas arredor dos libros e da lectura, que, pola súa vez, establecemos vínculos de confianza que favorecen a nosa comunidade educativa.

Como ben sabemos, ás veces das necesidades nacen oportunidades e iso foi precisamente o que nos sucedeu cando nos vimos no momento de revisar e actualizar a colección da nosa biblioteca realizando un expurgo dos materiais deteriorados e obsoletos. Nese momento pensamos: «E que facemos con estes libros? Podemos darlle unha segunda vida?». E así foi como con este expurgo, no mes de abril, organizamos unha campaña solidaria, o mercado solidario de libros usados, co obxectivo de darlles unha segunda oportunidade a eses libros e colaborar co Banco de Alimentos de Vigo, xa que trocamos libros por alimentos e, deste xeito, fomentamos actitudes de responsabilidade e solidariedade cos máis necesitados.

 

Outra das intervencións que realizamos desde a biblioteca e posiblemente unha das que máis impacto positivo deixa no noso alumnado é a colaboración co centro de día Atendo, un proxecto que ten como obxectivo establecer lazos interxeracionais e acompañar os nosos maiores. Este proxecto concrétase en dúas actividades:

-Roboterapia coa foca Nuka, na que o alumnado de primeiro de primaria recibe unha charla sobre a finalidade deste robot de apoio emocional impartida por algúns usuarios do centro de día co fin de achegarlles aos cativos e cativas outra forma de ver as persoas da terceira idade.

 

-As lecturas compartidas, actividade na que o voluntariado acode para desfrutar dunha mañá xunto aos usuarios e usuarias do centro de día na que comparten contos, poesías e conversas. A lectura é a chave que permite establecer vínculos interxeracionais achegando esa dose de emocións e sentimentos vivenciais que fan acto de presenza nesa xornada en todos e todas as que participamos nesa fermosa experiencia e que deixa pegada na nosa rapazada.

 

 

O voluntariado

Todo o labor que desenvolve a biblioteca non sería posible sen a axuda, colaboración e implicación do voluntariado, motor fundamental e un dos sinais que nos identifican como biblioteca solidaria. Un grupo de colaboradores de sexto de primaria que, de forma voluntaria, cede o seu tempo de lecer en beneficio dos demais, participando en actividades de xestión e dinamización da biblioteca.

O voluntariado realiza un importante labor colocando os diferentes materiais nos andeis correspondentes, organiza o espazo para as actividades que se desenvolven nela (encontro con autores/as, exposicións…), axuda no seu día a día os usuarios e usuarias no recreo, ensínalles a  xogar nos venres de xogos de mesa...

Tamén participa en actividades de lectura compartida no centro preparando contos para lles ler aos máis pequenos e facer así a Hora de Ler máis amena. Posiblemente esta é unha das actividades, xunto coa saída ao centro de día, que máis desfruta o noso voluntariado, xa que lle permite sacar a súa parte máis creativa tanto para a teatralización do conto coma para a creación de materiais que apoien a súa lectura e engaiolar así aos máis pequenos do cole.

Colabora, ademais, na inauguración de novos espazos do centro facéndolles a súa presentación ás autoridades educativas convidadas e explicándolles o seu funcionamento; tamén na elaboración e gravación dalgúns programas da Radio do Seis. 

 

A súa participación e implicación nestas actividades repercute directamente na construción positiva da súa autoestima e autoconcepto, vense capaces de axudar a outros; pero tamén desenvolven a empatía, a solidariedade, a responsabilidade e habilidades de colaboración e compromiso, todos eles valores que fan que os nosos nenos e nenas maduren como persoas e creen vínculos con quen os rodea, o que provoca que a convivencia sexa máis enriquecedora.

Todas estas accións descritas contribúen á formación cívica do alumnado e potencian o seu espírito colaborador e solidario e tamén a adquisición das competencias clave do currículo: organizan o traballo, elaboran materiais, preparan lecturas, enriquecen o vocabulario, resolven conflitos, adestran o pensamento creativo para solucionar imprevistos...

 

As familias

Outro dos piares que resulta imprescindible no funcionamento da nosa biblioteca son as familias, ese primeiro axente socializador da rapazada que lle ofrece os seus primeiros contactos co mundo dos libros e a creación de redes sociais nas que iniciar as súas aprendizaxes. Por iso na biblioteca deseñamos diversas actuacións para pór en valor as familias como promotoras da lectura e do acceso á información e á cultura.

Que hai máis fermoso ca que un pai, nai, avó, avoa... lles conte un conto aos seus fillos. Vivenciar esa experiencia é o momento do que gozamos ao convidar as familias co proxecto «As familias contan», momento no que se comparten contos, poemas, adiviñas...

 

As familias do Seis tamén colaboran compartindo as súas experiencias, proporcionando información ou materiais sobre o proxecto documental anual e nas distintas propostas que se formulan ao longo do curso (retos, charlas...).

Por outra banda, está a implicación da nosa ANPA, sempre disposta a colaborar en todo o que se lle propoña en beneficio da comunidade educativa: agasallando con libros e xogos de mesa para o noso alumnado, obradoiro polo Día da Muller e a Nena na Ciencia, charlas informativas...

Axente fundamental é o persoal docente que, co seu traballo diario e o seu bo facer, fomenta o compromiso e a solidariedade entre a rapazada.

E nesta enorme familia do Seis non podemos esquecernos do persoal non docente, que colabora na organización e realización das actividades descritas e facilita así a participación do alumnado de NEAE.

Todas estas dinámicas están moi asentadas e consolidadas no día a día da biblioteca, polo que foi merecedora do selo «Biblioteca Escolar Solidaria» nos cursos 2014/15, 2017/18 e 2023/24, que recoñece e pon en valor aquelas bibliotecas que atenden as necesidades dos integrantes da comunidade educativa en materia de lectura e acceso ao coñecemento. 

Convivindo e facendo comunidade!

 

 

 

 

Sección: