Un club de lectura de conto!

Que non é o mesmo ca un conto de club
Como ben di o título, o noso club de lectura é de conto, porque baixo a capa da nosa mascota, Superleo, todos os contos atopan acubillo, entendendo a palabra «conto» como o conxunto de todas as historias que precisan ser contadas, non importa o formato nin a temática. O importante é que hai lecturas que compartir e sentir.

María Pilar Iglesias Gómez, mestra de Lingua Estranxeira e coordinadora do club de lectura

José Manuel Rego García, titor de quinto de EP e director do centro
Norberto Blanco Dorrío, titor de segundo de EP e coordinador TIC
CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro (Ourense)
ceip.manuel.sueiro@edu.xunta.gal

 

 

Como ben di o título, o noso club de lectura é de conto, porque baixo a capa da nosa mascota, Superleo, todos os contos atopan acubillo, entendendo a palabra «conto» como o conxunto de todas as historias que precisan ser contadas, non importa o formato nin a temática. O importante é que hai lecturas que compartir e sentir.

E para comprobar que isto non é ningún conto... sigue lendo.

 

Leo e releo con LEO

 

Era unha vez a biblioteca escolar do CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro, alá polo ano 2011. Foi por aqueles tempos cando o noso león favorito, Leo, decidiu que era hora de emprender novas aventuras e deixarse sorprender por mundos novos e fascinantes. Novas experiencias que atopou ao entrar a formar parte do PLAMBE ese ano.

As aventuras e tamén desventuras que Leo, usuarios e usuarias e membros do equipo de biblioteca viviron, e seguen vivindo, son innumerables ao longo de todo este tempo. A vida cotiá nas bibliotecas escolares non é doada, pero a nosa mascota nunca se rende.

É certo, non se rende, pero os anos pasan tamén para as mascotas das bibliotecas, e Leo decide por si mesmo que chegou o tempo de descansar e dedicarse ao que máis lle gusta: ler, sen ter que pensar en rexistros, préstamos, conmemoracións, representacións...

Elixiu sucesor, iso si, da súa mesma especie, e deu paso a Superleo, outro león que continúa representando os mesmos valores de sempre da nosa biblioteca: valentía, esforzo, inquedanza, aventura, temperanza e tamén bravura, cando é preciso defender todos os nosos libros, e espírito de aprendizaxe e coñecemento.

E con eses fortes cimentos, Superleo tamén achegou ideas novas e propias. Así, no curso 2022/23, decidiu que xa que estabamos lendo desde hai anos en grupos con características de clubs de lectura, por que non lle dabamos forma de xeito máis estable?

Xa vistes que o espírito da nosa biblioteca non é esquecer o pasado nin tirar pontes, ben ao contrario: camiñar por sendeiros novos coa mochila viaxeira repleta de aprendizaxes. Esa foi a razón pola que Superleo nomeou o club de lectura do centro «Leo e releo con Leo», novos tempos coa memoria intacta.

A nosa mascota é un superheroe e sabe que, cun alumnado vulnerable que supera o 60 %, as características do club de lectura tiñan que adaptarse a todos os usuarios e usuarias, de xeito que todos aqueles que quixesen participar non se visen excluídos por ningunha razón.

Superleo é sabedor de que moitos alumnos e alumnas, aínda que o desexasen, non lerían nas súas casas as lecturas previas para comentar no club. Por esa razón, deseñou un horario no que ninguén se sentise excluído.

Cos seus superpoderes, artellou o seguinte: tres sesións das cinco da Hora de Ler do horario lectivo ordinario, para o club de lectura. E fóra do horario lectivo, polo menos unha sesión mensual (os luns de 16:00 a 18:00 horas) que pode ser seguida por videoconferencia.

 

Ler ao aire libre no club é un pracer outona

 

E, como Superleo é moi novo e está cheo de enerxía, non se conformou cun único grupo ese primeiro ano de experiencia como club de lectura: catro extremidades ten a nosa mascota, catro clubs: sexto, quinto, cuarto e terceiro de EP.

Pero como heroe protector que é das boas lecturas compartidas, na súa capa atopou oco para o grupo de primeiro ciclo.

Para ser o primeiro ano no mundo dos clubs de lectura, Superleo deixou claro que era un heroe con moita ambición lectora e deseñou un plan para o club con actividades como:

  • Libroforo.
  • Obradoiro de lecturas con accións como inventar diferentes finais, cambiar de personaxes, engadir ou modificar capítulos, estrofas ou escenas, facer carteis/ilustracións, exposicións en kamishibai…
  • Encontros con autores.
  • Ambientación dos espazos das aulas e da biblioteca.
  • Concursos de lectura, con agasallo final para o grupo gañador do libro do seguinte concurso.
  • Dramatización do libro ou capítulos deste.
  • Elaborar biografías, mapas conceptuais, liñas de tempo… sobre os escritores ou escritoras lidos.
  • Apadriñamento lector.

E despois de tanta actividade, chega o momento da calma, porque no noso club de lectura tamén hai tempo para relaxarse.

 

Relaxación no club de lectura

 

Como indicamos en parágrafos anteriores, Superleo preocúpase moito de que ninguén estea excluído por ningunha razón do club de lectura, por iso aproveitou a formación no itinerario do centro do PFPP  «Diferentes formas de comunicación para a inclusión» para a adaptación de escenas de libros por medio de PEC con ferramentas como o GRID 3 para aquel alumnado que ten dificultades de acceso á lectura dos fondos elixidos. Tamén empregamos os fondos da biblioteca que temos catalogados como de lectura fácil.

Non é doado ler a mente dun león superheroe, pero temos a idea de que non lle gusta pasear en soidade pola biblioteca. Ten tantos superpoderes que é quen de organizar actividades dos clubs de lectura coas outras  que se desenvolven na biblioteca e, aínda nesa mestura, todas elas cobran sentido. Unhas complementan as outras, non hai espazos baleiros entre as lecturas e propostas do club de lectura e outras accións da biblioteca.

E se iso non é pouco, damos un chanzo máis e o club de lectura participa no PDI do centro: «No Sueiro o planeta ten mellor pinta porque traballamos en conxunto a Axenda 2030». Moitas das lecturas do club intentaron concienciar a comunidade educativa da importancia da Axenda 2030.

Ademais de ler, o noso heroe da biblioteca é un apaixonado da creación, por iso elaborou materiais para as seccións dos clubs de lectura:

  • Presentación sobre a vida e obra do autor de La historia del principito.
  • Presentación para traballar o libro La historia del principito.
  • Guía de lectura en word e en pdf  do libro La historia del principito.
  • Preguntas en word e en pdf para o concurso de La historia del principito.
  • Preguntas en word e en pdf  para o concurso de En el corazón del bosque.
  • Preguntas en word e en pdf  para o concurso de Desde o corazón da mazá.
  • Preguntas en word e en pdf para o concurso de Siete reporteros y un períodico.
  • Presentación sobre Lois Pérez, A gruta da torre.
  • Preguntas en word e en pdf para o concurso de A pequena compaña.
  • Kahoot sobre o libro La vuelta al mundo en 80 días.
  • Kahoot sobre o libro A gruta da torre.

Kahoot sobre o libro Mi primer principito.

 

SUPERactividades no club

 

E xa dixemos que non somos ningún conto de club, todo do que vimos a falar está máis que documentado. Acompaña a Superleo pola seguinte ligazón na que atoparás non só o traballo do curso pasado, senón tamén parte do que estamos a facer neste.

Entendo que, polo que levades lido e visto, xa adiviñastes que Superleo é un espírito libre e inquedo. Na súa teima de explorar mundo novos, marchou cara a Madrid. Pareceulle que a sección do club de lectura de sexto de educación primaria merecía ser coñecida máis alá da nosa biblioteca escolar. Puxo a voar a súa capa para aterrar nos Premios Clubs de Lectura Escolares. Curso 2022/23, convocados polo Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. A elección desta sección do club de lectura debeuse a que xuntaba todo aquilo que Superleo defende: que o acceso á lectura por pracer non lle poña obstáculos no camiño a ninguén. Neste curso de sexto de EP un neno presenta trastorno do espectro autista sen linguaxe oral e outro alumno un retardo cognitivo (competencia curricular de sexto de educación infantil sen acceso á lectura).

Para que desfrutasen da lectura, o club adaptouse ás súas necesidades, baseándose nas súas fortalezas, debilidades e intereses individuais. A lectura en voz alta, a representación, a dramatización, a comprensión a través dos concursos literarios, as TIC (Kahoot), a expresión musical  e plástica das obras elixidas son os elementos metodolóxicos usados  no CEIP Plurilingüe Manuel Sueiro para fomentar a inclusión total do alumnado nos seus clubs de lectura.

E parece ser que o traballo capitaneado por Superleo chamou a atención do xurado, porque tivo a ben valorarnos como segundo mellor club de lectura nacional na nosa categoría.

 

Non imaxinades o fachendoso que paseou por Madrid Superleo: todo o esforzo de todos os membros do club Leo e releo con Leo tiveron a recompensa a tanto traballo, a maior parte do tempo en silencio, sen que ninguén saiba do traballo escuro e duro que hai tras as luces.

Entrega premios Club de lectura

Pero, se imaxinabades que o noso superheroe tomou vacacións, é que non coñecedes a nosa biblioteca: nunca hai pausa, sempre hai vida nela, sempre hai un conto para cadaquén e sempre hai alguén para un conto, sexa no formato, tipos de textos literarios, lingua... que sexa.

 

Un conto para cadaquén e cadaquén para un conto

E se comezamos este artigo ao xeito tradicional dos contos —Era unha vez...—, agora rematamos do mesmo xeito: E foron felices lendo e relendo con Leo.

 
 
Sección: