O detective Selva e os misterios de Santiago

Un xogo detectivesco virtual para explorar a lectura e a literatura na aula
Neste artigo presentamos un xogo virtual de investigación detectivesca, deseñado para implicar o estudantado na lectura de textos interactivos. O xogo ofrece unha experiencia inmersiva, incentivando o alumnado a explorar os detalles das obras literarias mentres realiza actividades e desvela os misterios que esconde a cidade de Santiago de Compostela.

Ana Garnelo Calvo, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES Santiago Basanta Silva (Vilalba-Lugo)
María Romero Pedreira, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES Isidro Parga Pondal (Carballo-A Coruña)

 

 

 

1. Xustificación

Como docentes, observamos nas nosas aulas o cambio nos hábitos de lectura da actual xeración de adolescentes, que tenden a consumir material máis efémero e breve, priorizando o uso de dispositivos móbiles sobre os libros impresos. Ante este reto, o noso obxectivo era dobre: lograr un fomento da lectura e unha aprendizaxe cooperativa e significativa mediante un xogo literario.

Lembras aqueles contos nos que decidías a que páxina ir segundo os teus desexos de como continuase a historia? O noso proxecto mostra a literatura como un proceso creativo no que o discente poida construír o seu propio relato mentres estuda os textos dos distintos autores e autoras. Así, os rapaces desenvolverán a súa capacidade de dedución para descubrir os misterios que cada caso encerra. No deseño deste proxecto inspirámonos no primeiro detective da literatura española, Ignacio Selva, creado por Emilia Pardo Bazán no seu relato La gota de sangre (1911), aproveitando a afinidade dos adolescentes co xénero detectivesco.

 

2. Descrición e obxectivos

O proxecto consiste nun xogo virtual detectivesco que se basea na lectura de textos interactivos e na realización de actividades. Aínda que está dirixido á materia de Lingua Castelá e Literatura, permite a cooperación interdepartamental, xa que toca aprendizaxes doutras materias como Lingua Galega e Literatura ou Xeografía e Historia.

Desenvolvemos dous casos:

O primeiro caso, «O raio de lúa», está centrado na unidade do Romanticismo e dirixido a estudantes de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato. Os estudantes deben investigar a desaparición do fillo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía, lendo as pistas e tomando notas. A súa relación cos contidos obrigatorios e a súa avaliación está condicionada polo desbloqueo de pistas mediante a realización de actividades como cuestionarios, roscos, desafíos, encrucillados etc. Deste xeito obterán o contrasinal necesario para poder ler a información.

 

 

O segundo caso, «O corazón do soño», céntrase na Xeración do 27 e está orientado a estudantes de cuarto da ESO e segundo de bacharelato. Os estudantes investigan o asasinato dun crítico literario ficticio de Santiago. Deben ler pistas noveladas, participar en actividades relacionadas coas vangardas artísticas, a Xeración do 27 ou o grupo das Sensombreiro, e coñecer anécdotas sobre Federico García Lorca en Santiago.

Cada caso inclúe actividades complementarias que profundan no papel da muller na época ou inclúen material audiovisual adicional. Para comezar a actividade, o estudantado pode ou ben ler un texto introdutorio ou ben ver un breve vídeo. En ambos se presentan os personaxes e se ambienta a historia, ademais de proporcionar información sobre a vítima, o escenario e as posibles pistas. Os equipos de investigación, formados por grupos de tres ou catro persoas, son libres de abordar o caso como prefiran, con algunhas suxestións para empezar.

Para resolver o caso, o estudantado ten acceso a varias ferramentas: un mapa interactivo de Santiago, xornais dixitais modificados para ocultar pistas, informantes fixos que axudan na investigación e unha guía de Santiago que inclúe enderezos de persoas relevantes para a cultura e a historia das nosas letras e outros enderezos de personaxes ficticios. Algunhas pistas require un contrasinal que os estudantes obteñen ao realizar a actividade indicada.

 

 

En canto aos obxectivos do recurso son:

  • Coñecer o contexto histórico, os autores máis relevantes e as características de dous movementos literarios: Romanticismo e Xeración do 27.
  • Traballar a comunicación oral e escrita, con textos multimodais de distintas tipoloxías textuais (narrativos, descritivos, dialogados, xornalísticos, expositivos...).
  • Valorar as contribucións das mulleres á literatura.
  • Entender a estreita interrelación e influencia mutua entre a literatura galega e castelá.
  • Fomentar a interrelación de coñecementos e a aprendizaxe práctica, activa e motivadora.
  • Crear material interactivo e audiovisual que permita investir a clase e gamificala.
  • Dotar o alumnado dunha ferramenta multimedia que atenda os diferentes ritmos e estilos de aprendizaxe para desenvolver as súas competencias básicas.
  • Fomentar o traballo cooperativo e autónomo.

 

3. Soporte e ferramentas utilizadas

Este recurso foi creado en formato SCORM para poder ser engadido facilmente nunha aula virtual de Moodle como as facilitadas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia. Combinamos así dúas aplicacións fundamentais:

1. EXeLearning: esta aplicación permite organizar o material en seccións e apartados tipo páxina web, o que fai que a información sexa clara e accesible. Ademais, facilita a creación de diversas actividades que poden ser integradas nunha aula virtual.

2. Genially: esta ferramenta ofrece unha estética atractiva, versátil e interactiva.

 

4. Secuenciación e contidos de cada caso

 

 

 

       
 
 

A continuación detállase nunha táboa cada unha das dez actividades que inclúe cada caso literario, relacionándoo cos obxectivos da materia e explicando o formato de pregunta/xogo interactivo que realizará o alumnado. Cada un dos casos leva propostas de actividades de ampliación e reflexión en valores.

 

 

     
 
 

5. Metodoloxía de aplicación

O uso deste recurso permite diferentes enfoques metodolóxicos. Pode ser utilizado fóra da aula para fomentar a autonomía do estudante, como material de ampliación ou como recurso xeral para a clase. É especialmente recomendado para estudantes con enfermidades prolongadas que non poidan asistir regularmente á clase. Tamén é válido para un enfoque mixto, no que se dedica tempo na clase para realizar o traballo, que logo debe completarse fóra da aula.

O proxecto baséase, polo tanto, na combinación de diferentes procesos metodolóxicos, tales como a aprendizaxe cooperativa e de resolución de problemas, combinado cunha metodoloxía tradicional de clase expositiva previa. Os materiais poden visualizarse tanto en ordenadores coma en dispositivos móbiles, permitindo deslocalizar e ampliar os lugares de aprendizaxe.

 

6. Medidas de atención á diversidade e de promoción da convivencia

Todos os contidos seguirán os principios DUA para adaptalo á diversidade do alumnado e ofrecer múltiples enfoques que permitan unha comprensión integral.

Mediante a inserción de diversos tipos de textos (audio, vídeo e texto escrito) pretendemos fomentar as distintas vías de aprendizaxe, tendo moi en conta que gran parte do alumnado que poida presentar dislexia, TDAH ou algún tipo de dificultade de aprendizaxe, sairá reforzado no emprego de formatos que mesturen o son, a imaxe e a palabra escrita. Ademais, o feito de ser un traballo cooperativo e no cal a dedución persoal e a resolución de problemas estará moi presente axudará a que discentes con moi variadas aptitudes poidan poñer en marcha as súas destrezas.

 

7. Avaliación

Toda a batería de actividades creada  se corrixe de xeito automático, indicando número de erros e acertos. Ademais, achéganse rúbricas específicas para a valoración do traballo en grupo, da exposición oral na que se explique a resolución do caso e os pasos que se seguiron na investigación. Tamén se incorpora unha rúbrica para avaliar as redaccións propostas para grupos de catro persoas, así como unha rúbrica sobre a motivación do alumnado e valoración da propia actividade. Estas rúbricas estarán á disposición do alumnado no apartado «Criterios de avaliación».

 

8. A posta en práctica

Este proxecto probouse con catro clases de cuarto da ESO e unha clase de cuarto de PDC. Coas clases de cuarto da ESO usouse unha metodoloxía mixta: impartíronse tres sesións na aula de informática para explicar o recurso, organizar os grupos, encamiñar a investigación e resolver dúbidas. Despois, cada grupo acabou a investigación e as actividades fóra da aula. En xeral, foron capaces de sacar as súas propias conclusións do caso e explicar os pasos seguidos no seu caderno de investigación. As actividades parecéronlles moi completas e serviulles para achegarse aos escritores desde outra perspectiva máis humana.

En cuarto de PDC desenvolveron toda a actividade na aula, xa que dispoñen de portátiles na clase. Necesitáronse sete sesións para acabar todas as actividades e resolver o caso de maneira grupal e guiada. Excepto algunha dificultade inicial, comprenderon ben a dinámica do xogo e implicáronse na súa solución. Ademais, desenvolvéronse debates interesantes sobre algúns temas relacionados cos escritores e escritoras e o seu contexto histórico. Nas enquisas valoraron positivamente o recurso cunha media de 4 sobre 5.

 

 

9. Conclusións

A implementación do recurso no ámbito educativo demostrou ser efectiva, ao proporcionarlle ao alumnado unha experiencia inmersiva, práctica e motivadora. A combinación de elementos lúdicos e educativos xerou un ambiente de aprendizaxe dinámico e participativo, onde os estudantes se involucran de maneira activa na procura de solucións a través da exploración de obras e autores. Ademais, podían interactuar co contido de maneira contextualizada dentro da trama do caso novelado.

A resolución de problemas e a toma de decisións son aspectos fundamentais do xogo detectivesco, o que lle permitiu ao alumnado desenvolver habilidades cognitivas como o pensamento crítico, a creatividade e a capacidade de análise. Estas habilidades son transferibles a outros contextos académicos e da vida real, potenciando así o desenvolvemento integral do estudantado.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Alvarellos Casas, H. (2020). Federico García Lorca en Santiago de Compostela. Santiago de Compostela: Alvarellos Editora.

Bécquer, G. A. (1997). Rimas y leyendas. Madrid: Espasa-Calpe.

Carnés Caballero, L. (2018). Rosalía. Gijón: Hoja de Lata.

García Lorca, F. (2006). Poeta en Nueva York. Madrid: Cátedra.

García Lorca, F. (1973). La casa de Bernarda Alba. Madrid: Espasa-Calpe.

VV.AA. (2013). Antología poética de la Generación del 27. Madrid: Castalia.

Zorrilla, J. (2004). Don Juan Tenorio. Madrid: Castalia.

Zorrilla, J. (1974). El estudiante de Salamanca. Madrid: Cátedra.

Zorrilla, J. (2017). Poesías. Madrid: Cátedra.