Descifrando los grandes temas de la cultura

Renovar o enfoque cunha perspectiva tematolóxica na materia de Lingua Castelá e Literatura
Este artigo explica o traballo detrás do proxecto “Descifrando los grandes temas de la cultura”, realizado tras a concesión dunha licenza por formación no curso 2023/24. O proxecto consistiu na creación de oito ODE para a utilización no cuarto curso da ESO da materia de Lingua Castelá e Literatura e propón un enfoque innovador da disciplina a través da integración da literatura comparada e da tematoloxía (e afastado, polo tanto, do tradicional eixe cronolóxico). Neste artigo ofrecemos algunhas ideas para os docentes interesados en promover unha educación literaria e lingüística máis inclusiva e dinámica.

Breogán-Antón Martínez Vila, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES García Barbón (Verín - Ourense)
breogan.mvila@edu.xunta.gal
Laura Pereira Domínguez, docente de Lingua Castelá e Literatura
IES Lama das Quendas (Chantada - Lugo)
laura.pereira@edu.xunta.gal

 

 

1. Contextualización

O novo currículo da ESO, no tocante ao bloque de educación literaria, afástase da tradicional orde cronolóxica e perspectiva nacional para entroncar directamente coa disciplina da literatura comparada, en particular, con postulados tematolóxicos e transnacionais. Esta é unha disciplina ben coñecida para o profesorado da nosa especialidade, particularmente para o que completou os seus estudos universitarios nos últimos vinte anos. Caracterízase por unha aproximación á literatura máis aberta e permeable a outros acontecementos históricos e culturais. Este enfoque proporciona unha visión máis ampla e profunda da literatura, axuda a fomentar o pensamento crítico e a capacidade de análise do estudantado. Aínda que no ámbito académico a literatura comparada leva gozando de amplísima bagaxe nas últimas décadas e de que varios países, como o Reino Unido, organicen de forma tematolóxica as súas ensinanzas literarias, en España e Galicia este é un enfoque innovador na ensinanza media. Estes materiais pretenden contribuír a dar os primeiros pasos neste novo percorrido no noso contexto.

Con esta oportunidade en mente, creamos o conxunto de materiais recollidos baixo o título «Descrifrando los grandes temas de la cultura». Apostamos desde este proxecto por un ensino literario e non tanto da historia da literatura. E precisamente por iso, poñemos tamén énfase na animación á lectura, procurando sempre espertar o interese e o gusto do estudantado pola lectura. Así mesmo, o tema escollido transcende a literatura para conectar distintos saberes do mundo cotián, atravesados pola lingua e as habilidades comunicativas.

 

2. Descrición

Os materiais educativos «Descrifrando los grandes temas de la cultura» consisten en oito unidades ou ODE (obxecto dixital de aprendizaxe) que combinan aprendizaxes de lingua e literatura, sempre arredor dun eixe temático. Os destinatarios preferentes son o alumnado de cuarto da ESO, pero cada un dos ODE, grazas a que está creado en eXeLearning, permite ser modificado polos docentes que o empreguen e así eliminar, engadir ou matizar os contidos e actividades que precisen para cada curso.

O deseño dos ODE busca a flexibilidade suficiente para a súa implementación na aula de forma continua e secuenciada, pero tamén de forma individual. Noutras palabras, cada docente pode escoller e adaptar as unidades ás necesidades do seu curso, combinalas con outros materiais e mesmo empregalas como complemento ao libro de texto.

Dentro de cada unidade ou ODE existe unha estrutura estable, para favorecer o seu manexo por parte do alumando e do profesorado. Os ODE combinan materiais teóricos con distintas actividades didácticas relacionadas con eles, cunha duración prevista estimada para cada ODE de entre oito e dez sesións de clase.

 

 

Os catro primeiros ODE abordan temas que forman parte da cultura literaria desde a Antigüidade, mediante tanto contidos clásicos coma reelaborados (a viaxe, o amor, o tempo, a natureza), mentres que os catro seguintes parten de temas máis contemporáneos (heroes, heroínas e monstros, a casa, a cidade,  o outro). En cada un dos ODE ofrécense materiais teóricos e tamén actividades de distinto tipo para asegurar o desenvolvemento de distintas destrezas e para adecuar as secuencias a distintos estilos de aprendizaxe.

Os contidos principais de cada ODE son os seguintes:

 

 

Mediante a selección de textos artísticos e sociais, este material contribúe a traballar a capacidade comunicativa do alumnado, o seu coñecemento cultural e o seu espírito crítico e creativo. Como se pode inferir, o material  conta cunha sólida base en intermedialidade, utilización de recursos multimedia e exploración de diversas tipoloxías textuais, xa que —como a propia descrición da materia por parte do Ministerio indica— «desde hai décadas, os enfoques comunicativos subliñan a necesidade de ensinar todo tipo de textos, con diferentes propósitos de lectura». Colocamos o foco, neste sentido, na alfabetización mediática e informacional.

Os eixes temáticos organizan os contidos de Lingua e de Literatura. Como xa apuntamos, escollemos unha perspectiva teórico-comparada para fornecer o alumnado de ferramentas de lectura e análise aplicables a outros contextos, nacionais e internacionais. A selección de textos reflicte o interese en obras canónicas de cada xénero ou tema abordado, pero tamén a intención de incluír obras actuais de alta calidade e relevancia cultural. Ademais das obras literarias principais que serven como base para explicar e analizar os contidos literarios, cada ODE conta cunha sección final de recomendacións literarias, fílmicas e lúdicas. Deste xeito, buscamos abordar os contidos relativos á lectura autónoma, do bloque 4 do currículo.

 

3. Obxectivos

Para definir os obxectivos principais do material «Descifrando los grandes temas de la cultura», temos en conta os obxectivos da etapa, perfil de saída do alumnado do ensino básico e os obxectivos da materia e as competencias desenvolvidos no currículo. Desde xeito, marcamos como obxectivos do proxecto os seguintes:

Obxectivo 1. Desenvolver habilidades básicas na comprensión de textos escritos, orais e multimodais, identificando a información máis relevante e a intención comunicativa do emisor.

Obxectivo 2. Impulsar o sentido crítico á hora de comprender e analizar distintas manifestacións artísticas e literarias, en relación con diferentes contextos culturais.

Obxectivo 3. Coñecer os principios fundamentais da gramática da lingua castelá (morfoloxía, semántica, sintaxe, ortografía) e aplicar con autonomía estes coñecementos, para escribir e falar con corrección en distintos contextos.

Obxectivo 4. Identificar e erradicar estereotipos clasistas, sexistas, racistas, xenófobos e sexuais a través da valoración de textos de autoría diversa seleccionada cun enfoque inclusivo e democrático.

Obxectivo 5. Promover o uso da creatividade na expresión de ideas, sentimentos e opinións, mediante a creación de textos orais, escritos, audiovisuais e multimodais.

Obxectivo 6. Fomentar a lectura habitual como medio de gozo, reflexión e  coñecemento do mundo e dun mesmo.

Obxectivo 7. Implicar o alumnado na aprendizaxe colaborativa, no apoio entre iguais e na auto e coavaliación.

 

4. Actividades e recursos

A ferramenta que empregamos para crear os materias foi eXeLearning. Este software supón varias vantaxes. Por un lado, proporciona varias ferramentas para presentar a información de distintas maneiras (imaxes, texto, vídeo…) e de crear actividades interactivas que involucren o estudantado na aprendizaxe de maneira activa. Por outro lado, trátase dun instrumento moi estendido no sistema educativo español, polo que boa parte do profesorado pode coñecela ou atopar titoriais oficiais e cursos de formación da Consellería e do Ministerio sobre o seu manexo. Ademais, a plataforma permite inserir nos ODE distintos materiais creados noutros espazos, como Genially ou Kahoot, ou ligazóns a páxinas externas dunha maneira moi sinxela.

Para levar a cabo un amplo conxunto de actividades, é preciso que o alumnado conte cun ordenador con conexión á Internet. Algúns exemplos de actividades son:

  • Imaxes interactivas, carruseis e despregables de información, que potencian o descubrimento, manipulación e selección e datos.
  • Cuestionarios autocorrixibles (como actividades simples ou inseridos en vídeos), que ofrecen retroalimentación instantánea. Permítelle ao alumnado comprender as súas fortalezas e áreas de mellora, e así regular a súa aprendizaxe.
  • Tarefas de investigación guiada, que fortalezan as habilidades de comprensión, selección e síntese de información.
  • Creación de proxectos en distintas plataformas en liña (Substack, videoblogs, YouTube…) e actividades destinadas ao manexo das diferentes intelixencias artificiais (Bing, Dalle-3, ChatGPT…).
  • Proxectos de creación de pósters e outros obxectos comunicativos visuais, con aplicacións como Canva ou Genially.

Ademais destas actividades, os ODE conteñen propostas de exercicios para realizar de forma oral ou con material funxible, como cadernos, cartolinas, follas de papel etc. Neste sentido, algunhas tarefas propostas son as seguintes:

  • Preguntas de comprensión lectora de textos literarios e de ámbito social.
  • Debates, tarefas en grupo e xogos educativos, que promoven o desenvolvemento de habilidades sociais, como a comunicación efectiva e o traballo en equipo.
  • Actividades destinadas á creación de textos literarios proporcionarán unha oportunidade para aplicar os coñecementos adquiridos de forma creativa e expresiva.

A utilización de recursos de distinto tipo non só ofrece variedade na forma de abordar os contidos, senón que tamén axuda a satisfacer as distintas preferencias e estilos de aprendizaxe do estudantado, polo que se promove unha aprendizaxe máis inclusiva e enriquecedora.

En fin, os recursos espaciais e materiais necesarios para implementar este proxecto son os habituais nas aulas galegas, como mobiliario que permita unha distribución variada á hora de cambiar os agrupamentos, ou recursos TIC como pantalla ou proxector, ordenador e equipo de son. As condicións idóneas incluirían un equipo para cada alumno na aula.

 

5. Metodoloxía e atención á diversidade

A metodoloxía máis acaída para poñer en práctica «Descifrando los grandes temas de la cultura» debe ser unha suma de estratexias variadas, que fomenten a participación activa, a comunicación, o pensamento crítico, a creatividade, a colaboración e o desenvolvemento de habilidades dixitais. Neste sentido, a proposta de metodoloxías para levar este proxecto á aula combina as explicacións e flipped classroom, momentos nos que o estudantado adquire coñecementos e conceptos básicos; aprendizaxe dialóxica, que pon o foco na interacción entre docentes e estudantado, e do alumnado entre si, e que promove a reflexión e a comunicación efectiva; ou a aprendizaxe cooperativa e colaborativa, nas actividades en pequenos grupos, onde o estudantado colabora para acadar metas comúns e contribúe a mellorar a educación en valores e o respecto.

Ademais, propoñemos como parte do currículo oculto deste material a coeducación e a educación en igualdade noutros aspectos (como os raciais ou de identidade e orientación sexuais), grazas á selección de textos con autoría diversa e con protagonistas variados que asuman roles afastados de estereotipos discriminatorios.

Todos os ODE seguen unha estrutura ben definida:

- Comezamos cunha serie de actividades para motivar, detectar e activar coñecementos sobre os contidos tratados, útiles para esclarecer cal é o punto de partida do alumnado e para a resolución de eventuais problemáticas en relación coa materia.

- Continuamos con actividades e materiais teóricos para adquirir e consolidar aprendizaxes, que ocuparán o groso de cada ODE e son necesarias para avanzar nos contidos, asegurando así o desenvolvemento das competencias clave.

- Acabamos con actividades finais e de avaliación, que serven para pór en práctica todos os coñecementos, destrezas e competencias dos que fixemos uso ao longo do ODE. Serán avaliados utilizando rúbricas, tanto por parte do profesorado como entre iguais.

Ademais, cada ODE contén tamén unha serie de actividades de reforzo (destinadas a emendar calquera tipo de déficit na consecución dos obxectivos) e actividades de ampliación (para que o alumnado que xa poida ter superados os obxectivos manteña a súa motivación e continúe desenvolvendo os seus intereses), fortalecendo así a atención á diversidade.

En canto á atención á diversidade da aula, os recursos coma este presentan unha clara dificultade inicial: deben adecuarse a grupos distintos, coas súas realidades diversas e, a priori, descoñecidas. Coa intención de ofrecer un marco xeral que atenda á diversidade inherente a calquera aula galega, tomamos unha serie de decisións de deseño e metodolóxicas. De maneira xeral, melloramos a accesibilidade cunha barra para modificar o tipo e tamaño de letra. En canto ao deseño dos materiais educativos, presentamos a información de formas distintas e propoñemos actividades de diferente tipoloxía ás que o alumnado pode ofrecer respostas con distintos medios e técnicas: con discursos lingüísticos (orais ou escritos), textos audiovisuais, mapas conceptuais, ilustracións etc. Pretendemos, deste xeito, ampliar as maneiras posibles nas que o alumnado interactúa coa información e a súa aprendizaxe e así potenciar o talento de cada un. Ademais, impulsamos a creación de lazos afectivos e a motivación grazas a algúns xogos que ofrecen  unha recompensa inmediata (como tests interactivos) e coas tarefas finais, que poñen en relación e en acción as diferentes aprendizaxes da secuencia.

Por último, sinalamos algunhas accións concretas de atención á diversidade incluídas nas distintas actividades:

- O material teórico pode servir para sesións deseñadas segundo a metodoloxía flipped learning, pero tamén pode empregarse como reforzo do visto na aula. Así, o estudantado pode seguir distintos ritmos. Ademais, algúns destes vídeos inclúen preguntas e aclaracións intermedias, para facilitar a atención e a comprensión.

- En cada unidade existe, polo menos, unha actividade en grupos, que favoreza o apoio entre iguais. Esta estratexia fomenta a percepción da diversidade e os diferentes talentos como algo positivo, ademais de que pode mellorar a convivencia na aula.

- Inclúense actividades de ampliación e propostas artísticas (lecturas, películas, obras de artes plásticas…) relacionadas con cada eixe temático, coa vontade de completar e enriquecer a experiencia de aprendizaxe do alumnado que o precise ou prefira.

- Presentamos unha serie de actividades de reforzo autocorrixibles e con retroalimentación automática, para o alumnado que o necesite. O alumnado pode axustar as actividades ao seu ritmo e mesmo repetilas varias veces.

 

6. Avaliación

A estrutura de cada ODE permite que o traballo do alumnado sexa avaliado en tres momentos distintos ao longo das sesións nas que se empreguen os nosos materiais:

- Unha avaliación inicial ao comezo de cada ODE, para o que se desenvolveron actividades destinadas a motivar e detectar coñecementos previos sobre os contidos.

- Unha avaliación continua de carácter formativo, grazas á variedade de actividades recollidas en cada ODE, que se levará a cabo mediante a observación na aula, a entrega de tarefas ou a utilización por parte do profesorado de fichas de control destinadas a rexistrar elementos do día a día. Do mesmo xeito, ofrécense tarefas autocorrixibles en cada ODE, para que o alumnado poida autoavaliar e regular a súa aprendizaxe.

- Unha avaliación final en cada ODE, grazas á proposta de tarefas finais concretas. Nestas traballaranse, cun enfoque competencial, todos os contidos vistos anteriormente. Para estas actividades recollemos especificamente unha serie de rúbricas, que inclúen tamén procesos de  coavaliación e autoavaliación.

Do mesmo xeito, é conveniente que o docente avalíe o desenvolvemento das sesións durante e tras a implementación das secuencias na aula. Deberase pór especial énfase:

1. Na temporalización das distintas actividades para a aula concreta.

2. Na adecuación da metodoloxía e dos recursos.

3. No uso dos espazos e agrupamentos.

4. Nas medidas de atención á diversidade suficientes e axeitadas.

5. No clima de traballo idóneo para favorecer a reflexión, o intercambio e a colaboración.

 

7. Posta en práctica

Levamos ás aulas de cuarto da ESO parte dos materiais. Empregamos as aulas habituais, xa que o alumnado conta con equipos. No proxector e desde o ordenador do profesorado proxectamos os materiais e o alumnado participa desde o seu propio ordenador.

 

 

Neste primeiro curso, empregamos os materiais en combinación co libro de texto, previamente seleccionado. Porén, as seccións teóricas dos materiais foron preferidas polo alumnado, debido ás opcións de visualización e exemplos da exposición, como vídeos ou imaxes interactivas.

 

 

As actividades interactivas resolvémolas en gran grupo, en pequeno grupo de traballo e de maneira individual. Ademais, máis alumnado do previsto quixo completar as actividades sinaladas como reforzo, especialmente os cuestionarios.

 

 

Ao contaren con equipos propios, os estudantes puideron desenvolver os proxectos nas aplicacións externas, como Canva, nesta imaxe.

Un dos resultados positivos salientables despois da aplicación dos materiais é a presentación interactiva tanto das seccións teóricas (con carruseis, tarxetas de memoria, vídeos…) coma dos exemplos (textos interactivos, imaxes interactivas, esquemas…) e das actividades. Isto favoreceu que o alumnado mantivese a atención en todo momento, unha meta complexa cando traballamos con ordenadores. Polo lado negativo, podemos mencionar a dificultade que o alumnado amosa para reter coñecementos presentados nas pantallas (algo que non é exclusivo destes materiais), polo que recorremos a realizar esquemas e tomar nota das ideas clave nos cadernos.

 

8. Conclusións

O material «Descifrando los grandes temas de la cultura» busca contribuír á colección, cada vez máis grande, de contidos educativos do profesorado galego; neste caso, enchendo un oco que o novo currículo deixou á vista: o enfoque tematolóxico e transnacional da literatura. Esta intención inicial completouse con contidos da parte de lingua e comunicación, e acadamos, deste xeito, a integración completa de contidos e competencias dun xeito inclusivo e enriquecedor. Dada a súa vocación de ferramenta para o conxunto do profesorado, pretendemos que os materiais fosen suficientemente flexibles para adaptar os contidos ás necesidades específicas de cada clase. Así, por un lado, seleccionamos unha ferramenta que permite modificar os ODE e, por outro, propoñemos unha metodoloxía que conxuga distintas estratexias, sempre desde un enfoque integral e innovador para a ensinanza da materia de Lingua Castelá e Literatura.

En fin, presentamos estes materiais como unha iniciativa necesaria e útil para profesorado e alumnado. Con el, estamos un paso máis preto de conseguir que o alumnado amplíe e consolide os seus coñecementos e habilidades propios da disciplina, que sexa quen de transferilos con iniciativa e creatividade a distintos contextos e desenvolva as competencias esenciais para o seu crecemento académico e persoal.