
Mulleres en xogo
Coordinado por Jessica Mera Redondo, profesora de Debuxo
IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes (Lugo)
jessicamera@edu.xunta.gal
Introdución
Mulleres en xogo xurdiu na materia de Proxectos Artísticos de primeiro de bacharelato. Trátase dun proxecto interdisciplinario e internivelador coordinado por Jessica Mera, profesora de Proxectos Artísticos (1.º BAC), e no que participaron Lucía González, profesora de Lingua e Literatura Galega (1.º ESO) e María Moares, profesora de Física e Química (3.º ESO). As seguintes alumnas de primeiro de bacharelato de Proxectos Artísticos traballaron de maneira activa en todo o proceso de creación, ilustración e deseño: Begoña Ares, Bárbara Arias, Ariadna Chong, Sofía Dapena, Celeste Díaz, Candela Fernández, Isabel Moreno, Anderson Rojas, Mireia Tato e Andrea Valdez.
Fases e metodoloxía
O carácter intrínseco da materia Proxectos Artísticos responde á metodoloxía activa da aprendizaxe baseada en proxectos (ABP). Seguimos así o proceso metodolóxico de concreción dos obxectivos, planificación, xestión, difusión e avaliación do impacto na contorna física máis próxima e noutras parcelas da realidade accesibles a través de Internet ou das redes sociais. Poñemos a énfase tanto no proceso coma no resultado. Desta forma, as distintas fases do proxecto coinciden coas distintas avaliacións: na primeira avaliación dedicámonos a determinar o produto e á investigación; a segunda, á creación de materiais e a terceira, á publicación, difusión do produto e á avaliación do resultado.
No ABP xoga un papel crucial a transversalidade e por iso se buscou a implicación dos departamentos de Lingua Galega e de Física e Química para enriquecer o produto final. Para facilitar o traballo cooperativo e interdisciplinario servímonos dun instrumento clave, a aula virtual, que permitía canalizar a comunicación entre os integrantes do proxecto, compartir recursos, pautar os procesos de traballo, debater, crear canles de axuda e fomentar a coavaliación sometendo as distintas tarefas a un proceso de revisión conxunta constante. A páxina web Cos ollos na igualdade creouse xa no primeiro trimestre para compartir o noso proceso de traballo en rede.
Dado que un dos nosos principais obxectivos é denunciar e reivindicar a visibilización de mulleres da nosa contorna, consideramos que o resultado das nosas pescudas debía traspasar os muros do noso propio centro. Ademais de involucrar o Concello de Lugo e os medios de comunicación, buscamos a implicación dos navegantes en rede.
Primeira avaliación. Fase de reto e investigación
Exposición do obxectivo, reto, propostas e elección do produto
Tras expoñerlle ao alumnado de bacharelato o obxectivo principal —investigar, visibilizar e darlles o lugar merecido a mulleres galegas que abriron o noso camiño—, abriuse un debate para determinar o produto adecuado que permitise a divulgación e coñecemento deses referentes femininos. Servíndonos da técnica de brainstorming, xurdiu a idea dos xogos de mesa.
Investigación
As profesoras de Lingua Galega e Física e Química encargáronse de realizar a investigación de mulleres galegas relevantes en distintos ámbitos co seu alumnado. María Moares, profesora de Física e Química, foi a responsable de coordinar o traballo cos grupos de terceiro da ESO e Lucía González ocupouse dos grupos de primeiro da ESO. Seleccionaron os referentes e facilitáronnos o contido que formaría parte dos xogos de mesa.
Segunda avaliación. Fase de creación e produción
Esta fase realizouse co alumnado de bacharelato. Foron distribuídos en grupos para realizar seis xogos de mesa.
- QUEN É ELA. Segue as regras do típico Quen é quen? Cada peza está realizada e pintada en madeira. Resultou un dos xogos máis complicados pola súa elaboración e montaxe.
- UNHA. Segue o patrón do Un, pero en cada tarxeta indícasenos o nome da muller e unha frase dela.
- MATCH. Enfocado en dar a coñecer só mulleres científicas.
- BINGO. No que substituímos o bombo por un saquiño.
- MULLERES NA MEMORIA. Neste xogo relacionamos a muller cos seus logros.
- QUEN SON? Coa estética deste xogo gañaron o cartel do 8M da Xunta de Galicia. Trátase de escoller unha carta que corresponde a unha muller e poñela na cabeza sen saber de quen se trata. O obxectivo é adiviñar que muller é facendo preguntas sobre ela.
Xogos de mesa
Nesta fase de creación abordamos diferentes áreas do deseño, presentes no currículo de bacharelato. Seguíase sempre o mesmo proceso de traballo: explicación dos contidos curriculares a través de presentacións dixitais, formulación das tarefas prácticas vinculadas ao proxecto e mostra das rúbricas específicas para cada exercicio avaliable. Recursos da aula virtual, como etiqueta, ficheiro, URL ou cartafol, e actividades, como foro e tarefa, facilitaron o proceso de aprendizaxe tanto para ordenar e facilitarlle a información ao alumnado coma para recibir a entrega das tarefas e realizar as correccións e propostas de mellora pertinentes.
O alumnado contou con táboas de indicadores (rúbricas) para a avaliación de cada exercicio, coa finalidade de facilitar o entendemento dos mínimos que debía alcanzar e co que podía realizar a coavaliación e a autoavaliación. Levouse a cabo a práctica da retroalimentación, de forma que as tarefas individuais e grupais foron devoltas con correccións e comentarios por parte da profesora para fomentar no alumnado o espírito autocrítico e motivalo na mellora da súa tarefa. Foi unha retroalimentación construtiva orientada ao progreso e perfeccionamento na aprendizaxe e unha retroalimentación apreciativa enfocada á motivación e ao recoñecemento. Tamén se levou a cabo a coavaliación, de forma que nas exposicións orais o propio alumnado avaliaba o traballo realizado polos seus compañeiros e compañeiras servíndose da rúbrica indicada para realizar unha avaliación obxectiva, crítica e construtiva.
As áreas do deseño que traballamos foron:
- Identidade corporativa. Buscouse a tipografía, fíxose o deseño dos logotipos e outorgóuselle unha cor a cada área ou ámbito no que se clasificasen as mulleres referentes. O vermello para cinema, o laranxa para literatura, o amarelo para arte, o verde para ciencia, o azul para deporte e o violeta para música e danza. Así, o alumnado traballou a construción dun logotipo, as tipografías (tipos, construción e significado), a cor (sistemas de cor tanto para web coma para imprenta e o seu significado).
- Deseño editorial. Realizamos a maquetación das cartas do xogo, as instrucións e os carteis informativos en Canva. Grazas a este programa, o alumnado traballou practicamente igual ca un deseñador gráfico e valoraba se poñía o sangrado, as marcas de corte ou se o arquivo estaba preparado para imprenta.
- Ilustracións. Cada xogo está ilustrado polo alumnado de bacharelato artístico, utilizando tanto o debuxo dixital coma o tradicional.
- Deseño da embalaxe. Construímos as caixas que conteñen os xogos e elaboramos as súas etiquetas.
Cada xogo de mesa reflicte o estilo pictórico de cada alumna. Con todo, para a exposición e para a publicación dos xogos de mesa como un conxunto, necesitabamos unha imaxe común. Por iso, cada alumna realizou a súa propia versión dun cartel anunciador da exposición. Someteuse a votación e, coa estética do cartel gañador, continuamos traballando todas, aplicando as súas formas e cores ao resto de elementos (chapas, expositor, merchandaxe).
- Gráfica expositiva. Na fase de publicación dos produtos traballamos a gráfica expositiva co deseño do posto que se situou na planta baixa do centro.
- Merchandaxe. Tamén deseñamos e fixemos as chapas para todo o profesorado do centro e a merchadaxe para as charlas (un bolígrafo, un caderno, unha bolsa e unha caixa, todo coa imaxe corporativa da exposición).
Merchandaxe
Terceira avaliación. Fase de divulgación e avaliación do impacto
Visibilización no centro
Para darlle visibilidade ao proxecto no centro e na contorna, organizamos un acto de presentación dos xogos de mesa no instituto. Invitamos a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, e, dado o espazo limitado, decidimos que sería o alumnado de terceiro da ESO o que asistise ao evento pola súa implicación máis activa. Tras a charla da concelleira e a presentación e exposición dos xogos, o alumnado divertiuse participando no Bingo de mulleres galegas.
Os xogos quedaron depositados de forma permanente no corredor do instituto. Foilles comunicado a todo o alumnado e profesorado a existencia dos xogos e incitouse ao seu uso nas titorías e horas de lecer.
Presentación dos xogos de mesa
Visibilización na consellería
Premio do cartel 8M da Xunta de Galicia 2023
Seguindo a estética do xogo Quen son?, as alumnas Sofía María Dapena e Mireia Tato decidiron deseñar un cartel que obtivo o primeiro premio na sexta edición do Concurso de Carteis do 8M, Día Internacional da Muller, convocado pola Xunta de Galicia. A entrega do galardón tivo lugar na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, baixo o lema «Elas abriron o teu futuro».
Concurso carteis 8M
Cartel gañador
Visibilización na contorna. Proxecto intercentros
O calendario escolar Mulleres de Lugo. Premio Meninas 2023
Tras o enorme éxito dos xogos de mesa realizados polas alumnas de primeiro de bacharelato, decidimos continuar enriquecendo o proxecto. Para iso, puxémonos en contacto coa profesora de Lingua Castelá Felisa Redondo, do IES Ánxel Fole, que leva anos creando a páxina web Mulleres de Lugo. Tras debater cal sería o produto axeitado para dar a coñecer mulleres referentes de distintos ámbitos de Lugo, coincidimos en crear un calendario ilustrado para o seguinte curso. Non só permitiría a transmisión e divulgación entre a poboación en xeral, senón que sería unha interesante ferramenta educativa nas aulas.
Tras a publicación do calendario escolar 2023/24 da Xunta de Galicia, comezamos o deseño. Aproveitamos as ilustracións feitas polas alumnas gañadoras do concurso de carteis do 8M da Xunta de Galicia. En cada día do curso escolar incluímos información sobre unha muller significativa. O obxectivo do calendario non é só visibilizar as mulleres da nosa contorna, senón promover a investigación nas aulas, derrubar prexuízos por razón de xénero e procedencia, e fomentar a autoestima e o orgullo entre o alumnado. Ademais de ser un instrumento de investigación e coñecemento de mulleres da nosa contorna, está pensado como unha ferramenta de traballo na clase. Teñen espazo para anotar datas de exames e traballos, recordatorio de aniversarios, retos por cumprir e eventos significativos como saídas, viaxes ou relatorios.
O Concello de Lugo sufragou o gasto do calendario para os distintos grupos de ESO e bacharelato no IES Ánxel Fole e no IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes. A Delegación do Goberno recoñeceu a transcendencia deste proxecto co Premio Meninas 2023 polo labor «en prol da igualdade e da loita contra a violencia de xénero».
Premio Meninas
Conclusións
Este proxecto internivelador, interdisciplinario e intercentros resultou un traballo moi enriquecedor tanto para o alumnado coma para o profesorado implicado, así como para a comunidade educativa e a contorna, que mostraron a súa receptividade e colaboración no proceso de traballo.
O alumnado desenvolveu as seguintes competencias:
- Sensibilización na necesidade de visibilizar as mulleres referentes na nosa contorna.
- Competencia emocional libre de estereotipos por razón de xénero e procedencia.
- Aplicación práctica de todos os contidos da materia na creación dun produto.
- Coñecemento de todas as áreas do deseño e de todas as fases de traballo dun proxecto artístico: procura de información, creación de bosquexos, petición de orzamentos a diferentes imprentas, creación de contidos, publicación, divulgación e implicación de organismos públicos.
- Responsabilidade do traballo en equipo.
- Asertividade na toma de decisións conxuntas.
- Espírito crítico na avaliación dos traballos propios e dos compañeiros, valorando de forma obxectiva tanto o proceso como o produto final.
- Creatividade e espírito emprendedor deseñando propostas artísticas como instrumentos de denuncia, visibilización e concienciación.
Cal foi o impacto?
- Visibilidade no centro a través de exposicións, presentacións orais e eventos, e presenza en espazos específicos como a biblioteca e as aulas.
- Visibilidade nas redes sociais: páxina web do centro IES A Nosa Señora dos Ollos Grandes, páxina web Cos ollos na igualdade, blog El Club de Poetas Insomnes, páxina web Mulleres de Lugo.
- Visibilidade no Programa de actividades do Concello de Lugo entre as campañas de sensibilización.
- Concurso Carteis 8M da Xunta de Galicia.
- Premio Meninas 2023.
- Presenza pública a través do medios de comunicación: La Voz de Galicia , El Progreso, El Correo Gallego, Faro de Vigo, La Opinión, entre outros.