O bacharelato a distancia en Galicia
Concepción González Rodríguez, doutora en Psicopedagoxía.
Catedrática de secundaria. Especialidade de Bioloxía e Xeoloxía
concepcion.gonzalez@edu.xunta.es
Introdución
O Instituto Galego de Bacharelato a Distancia (Ingabad) foi creado polo Decreto 120/1982 no momento político no que se produciron as transferencias en materia de educación do Goberno central á recente Autonomía de Galicia a través do Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre o traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. Estas competencias corresponderonlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Comezou a funcionar no curso 1982/83, cunha estrutura formada por unha sede central en Lugo e cinco extensións nas cidades máis importantes de Galicia —A Coruña, Ferrol, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo—, ás que hai que engadir unha rede formada por un gran número de centros colaboradores nas vilas galegas, especialmente naquelas nas que había empresas ou industrias importantes que incentivaban a formación dos seus traballadores dentro da empresa. Centros colaboradores de referencia deste tipo que contaron con moito alumnado foron Burela, O Barco, Monforte, As Pontes de García Rodríguez etc., ademais de todos os centros penais de Galicia (A Lama, Bonxe, Monterroso, Pereiro de Aguiar e Teixeiro).
Durante a súa andadura foron moitos os estudantes que fixeron os estudos dentro deste sistema, xa que respondía moi ben ás súas necesidades ao non ser obrigatoria a asistencia diaria ao centro educativo, que si o era no sistema educativo ordinario (diúrno ou nocturno) que lles esixía a presencialidade diaria.
Desenvolvemento do Ingabad
O seu sistema de funcionamento ten a súa orixe no Inbad (Instituto de Bacharelato a Distancia estatal), anterior ao estado das autonomías, e está baseado nun sistema de ensino semipresencial, constituído por titorías presenciais (unha por materia á semana, de asistencia obrigatoria ao centro educativo, en horario de maña ou de tarde) e un número de horas semanais de titorías de orientación, nas que o profesorado está á disposición do alumnado para resolver dúbidas académicas, corrixir actividades, orientar e, sobre todo, motivalo no proceso de ensinanza-aprendizaxe, ás que se pode acudir de forma presencial ou ben a través do teléfono segundo as necesidades de cadaquén (daquela non existían outras vías telemáticas).
Este sistema, distinto ao resto do ensino regrado, facilitou a reincorporación ao sistema educativo para determinados sectores da sociedade, para os que outro tipo de ensino non era factible, e así poder acadar un título e unha promoción. Trátase de persoas cun perfil moi concreto:
- Persoas adultas que por diferentes razóns non acadaran esa titulación.
- Alumnado que accedera a ciclos de formación profesional ao que, estando nese momento inmerso, en maior ou menor medida, no mercado laboral ou ben en cursos de perfeccionamento, non lle está permitido acudir a un centro presencial ou nocturno.
- Alumnado que por razóns físicas ou psíquicas non soporta (non se adapta) o sistema presencial e por esta causa prodúcense problemas e desaxustes persoais e tamén problemas disciplinarios nos centros educativos ao que estaba adscrito. O «ensino a distancia», ao ofrecer unha flexibilidade horaria e unha titorización individualizada, favorece en moitos casos a súa adaptación e superación nos estudos e facilita acadar a madurez persoal.
- Alumnado da ONCE.
- Alumnado do Proxecto Home.
- Alumnado con diversidade funcional e con tratamento de recuperación diaria, que non lle permite a asistencia a un centro presencial ou nocturno regrado e que, polo xeral, é alumnado que demanda unha titorización personalizada.
- Alumnado que compatibiliza os estudos de bacharelato con outras actividades, como poden ser deportivas de elite, danza clásica ou música.
- Alumnado dos centros penais.
- Por ultimo, un tipo de alumnado que foi aumentando cada curso foi o dos traballadores temporais ou fixos, sometidos a horarios moi variables, situación que cada vez é máis frecuente polo incremento de centros comerciais e empresas de traballo continuado (grandes áreas comerciais, supermercados, refinería, autopista, policía municipal e nacional, garda civil e exército, centros sanitarios etc.).
No caso concreto da Coruña, a extensión do Ingabad comezou a funcionar no IES Agra I, centro que xa colaboraba co Inbad. O aumento de alumnado desta modalidade de ensinanzas fixo necesario o cambio de localización a diferentes centros educativos da cidade: no CPI San Cristovo, situado na avenida do Ferrocarril ao carón da estación de trens da Coruña; nos edificios coñecidos como «Os Barracóns», que foran abandonados polo antigo Colexio Universitario da Coruña, situados na rúa Manuel Murguía e no IES Rafael Dieste. Finalmente, fíxose realidade a construción dun edificio propio para a educación a distancia, financiado pola Xunta de Galicia e o Concello da Coruña (cedeu os terreos), para poder atender a crecente demanda de alumnado do centro asociado da UNED da Coruña (sen edificio propio) e do Ingabad, que medraban parellos en alumnado nos anos oitenta e que ata ese momento sobrevivían ambos os dous en centros provisionais. Este edificio de educación a distancia na rúa Pepín Rivero (na actualidade, rúa Educación) foi inaugurado o 30 de xuño de 1992 polo presidente da Xunta de Galicia, coa finalidade de que nun mesmo edificio, un estudante podía iniciar os seus estudos básicos, continuar coas ensinanzas medias e rematar cos estudos universitarios.
Neste edificio instaláronse os tres centros educativos involucrados nesta modalidade educativa:
- O Centro Galego de Educación Básica a Distancia (Cegebad) no que se impartiron as ensinanzas de EXB a distancia, pero cunha permanencia no edificio moi breve, pola entrada en vigor da LOXSE nese nivel educativo xa a finais dos anos noventa.
- O Instituto Galego de Bacharelato a Distancia (Ingabad), o cal permaneceu neste edificio ata a súa extinción no curso 2002/03, no que comezou a funcionar nesta mesma instalación a EPA Eduardo Pondal.
- A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED), que segue desde esa data impartindo ensinanzas universitarias neste edificio.
O Ingabad, como tal, funcionou baixo esta estrutura desde o curso 1982/83 ata o curso 2001/02 e na súa traxectoria pasaron polas súas aulas miles de estudantes de diferentes orixes. Durante estes anos, o profesorado con destino específico nas súas sedes, tanto na sede central coma nas extensións, tiña a obriga de coordinarse e elaborar guías e materiais específicos (actividades, libros de texto), así como de asistir a cursos que facilitasen a súa especialización e actualización. De feito, antes do inicio de cada curso académico, organizábase un congreso/curso na sede central en Lugo, onde ademais se levaban a cabo reunións dos diferentes departamentos para a elaboración dos materiais e da programación anual de cada curso.
Tamén a voz do Ingabad se escoitou en moitos fogares da nosa comunidade a través da Radio Galega durante a súa andadura. Nun programa semanal chamado Cadernos para a distancia difundíase unha serie de temas culturais elaborados polos profesores das sedes do Ingabad.
Remodelación das ensinanzas de adultos en Galicia
A implantación en Galicia da nova Lei orgánica xeral do sistema educativo 1/1990 (LOXSE), do 3 de outubro, regúlase para a educación de adultos mediante a Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia, que a definía no seu artigo 1 como:
Un conxunto de accións de carácter educativo, cultural, social e profesional orientado a lles proporcionar a todos os residentes no territorio de Galicia que superaron a idade de escolaridade obrigatoria o acceso, de forma gratuíta e permanente, á súa formación persoal, así como a ámbitos de formación ligados a niveis educativos superiores.
Ademais, no seu artigo 16 establecía que «a educación e promoción de adultos adoptará as seguintes modalidades: presencial, semipresencial e a distancia». Non obstante, o desenvolvemento desta lei e a súa aplicación nas aulas non chegou ata varios anos máis tarde e, segundo os seus efectos no Ingabad, pódense diferenciar dous períodos:
1. Primeiros cambios que afectaron á organizacións do bacharelato a distancia
Xorden coa Orde do 26 de maio de 1997 e o Decreto 88/1999, do 11 de marzo, que vai regular a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os centros que van poder impartilas. Nela autorízase a impartir as ensinanzas de secundaria obrigatoria para adultos (ESA), na modalidade presencial, a moitos centros de secundaria de ensino ordinario (IES), e a todas as sedes dos antigos centros de Galicia de educación permanente de adultos (EPA).
Este decreto significou que as sedes dos centros EPA de Galicia, que ata ese momento só impartían os niveis de alfabetización (niveis I e II) e que estaban dotados só con profesorado de primaria, foron polas que optou a Consellería de Educación para implementar a LOXSE nas ensinanzas de secundaria obrigatoria para adultos (ESA), deixando excluídas todas as sedes do Ingabad da nova rede de centros para ensinanzas de adultos, cando ata ese momento eran os centros de referencia mellor dotados, tanto en recursos humanos coma en infraestruturas para implementar en adultos a ensinanza secundaria, tal como se realizou nos institutos de bacharelato ordinario, que ao desaparecer o BUP pasaron a impartir a ESO.
A integración das sedes do Ingabad na rede de centros de adultos facilitaría a transición ao novo sistema educativo LOXSE, que xa era demandado polo alumnado adulto, e ao mesmo tempo faría rendibles as instalacións e o profesorado de secundaria existente neles, e que xa estaba especializado nesta modalidade de ensinanzas.
Período 1997-2002
|
Toda esta serie de acontecementos político-lexislativos motivou que nos centros do Ingabad se fosen extinguindo as súas ensinanzas ano a ano ao ir desaparecendo o BUP e o COU do sistema educativo vixente, mentres nos centros EPA se ían incorporando as novas ensinanzas de adultos, incluída a ESA (nivel III). Finalmente, no curso 2002/03 xa non existe o Ingabad no organigrama educativo de Galicia nin ningún dos seus centros de referencia, que levaban funcionando vinte anos (desde 1982) e que foran experimentando un crecemento espectacular ao longo da súa existencia, desde o mesmo momento no que comezaran a funcionar.
Só na extensión do Ingabad na Coruña, ao longo da súa traxectoria, pasou de 600 alumnos/as no seu inicio a máis de 1500 no curso 1998/99, chegando a contabilizarse nestes anos un total de 9000 expedientes abertos, repartidos entre os tres cursos de BUP e COU.
Así, a partir do curso 2002/03 o bacharelato a distancia semipresencial en Galicia, pasa por un período que se pode chamar «período escuro», xa que deixa de existir no sistema educativo galego.
Cómpre sinalar que o desenvolvemento da lei de adultos e a súa aplicación dentro do marco lexislativo da LOXSE foi moi diferente no resto do Estado español. De feito, a adaptación (e a regulación) do ensino a distancia á LOXSE foi parella á do modelo presencial e practicamente en todas as comunidades autónomas contemplaron os centros e sedes do bacharelato a distancia como centros de referencia das novas ensinanzas de persoas adultas en todos os niveis educativos non universitarios. No caso do MEC, o Inbad transfórmase no Cidead.
2. Novos cambios que significaron uns «anos escuros» no bacharelato a distancia en Galicia e unha nova rede de centros específicos de adultos
A nova organización das ensinanzas de adultos quedou finalizada coa Orde do 8 de maio de 2002, pola que se regula a autorización de ensinanzas de educación para persoas adultas, tanto na modalidade presencial coma a distancia (ata este momento sen desenvolver) e os centros que van impartilas. De feito, nas cidades que había centros EPA, incorporáselle esa autorización, aínda que algúns deles xa estaban impartindo en maior ou menor medida a modalidade presencial desde o curso 1997/98 (como se indicou no apartado anterior). Desta forma, o proceso de «remodelación» das ensinanzas de adultos en Galicia quedou rematado, de tal forma que os antigos centros de educación permanente de adultos (EPA), ata ese momento especializados nos niveis básicos (I e II), se transformaron nos novos «centros específicos de adultos», nos que se ían impartir todas as ensinanzas de educación para adultos amparadas na Lei 9/1992, do 24 de xullo, incluída a modalidade semipresencial.
No caso da Coruña asígnase a devandita autorización ao centro EPA Eduardo Pondal da Coruña, situado na praza da Nosa Señora (Sagrada Familia), pero, ademais ao inicio dese mesmo curso (2002/03), este centro tamén pasa a ocupar as instalacións «baleiras» da sede do Ingabad na Coruña, no edificio de ensinanzas a distancia da rúa Pepín Rivero. No novo edificio do EPA, vanse impartir as ensinanzas do nivel III, correspondente a educación secundaria de adultos na modalidade presencial e a distancia, mentres os niveis I e II van continuar no edificio da Sagrada Familia. Polo tanto, a partir deste curso, o centro EPA Eduardo Pondal vai realizar o seu labor simultaneamente nos dous edificios (que segue mantendo hoxe en día).
Ao final, a rede de centros específicos de adultos de Galicia quedou integrada por sete sedes que mantiveron a súa antiga denominación EPA Eduardo Pondal na Coruña, EPA Santa María de Caranza en Ferrol, EPA Albeirós en Lugo, EPA de Ourense, EPA de Pontevedra, EPA San Clemente en Santiago de Compostela e EPA Berbés en Vigo.
Para que nestes centros se puidesen impartir os niveis educativos de secundaria, foi necesario dotalos de profesorado de secundaria. Ata ese momento o seu claustro estaba formado só por profesorado de primaria, polo que foi necesario convocar un concurso de traslados específico aos EPA entre funcionarios docentes do corpo de profesores de ensinanza secundaria (Orde do 10 de outubro de 2002).
Esta dotación de profesores de secundaria con destino definitivo que se incorpora a cada un dos EPA o seguinte curso (2003/04) configura unha nova composición dos claustros destes centros de adultos que deixan de estar formados só por profesores de primaria para estar formados, maioritariamente, por profesorado de secundaria. Neles impártense as seguintes modalidades de ensinanzas:
- Ensinanzas iniciais do ensino básico para as persoas adultas, nivel I.
- Ensinanzas iniciais do ensino básico para as persoas adultas, nivel II.
- Educación secundaria para persoas adultas ou nivel III (modalidade presencial).
- Educación secundaria para persoas adultas ou nivel III (modalidade distancia/semipresencial).
- Formación para a obtención de certificados de profesionalidade e programas que posibiliten a orientación e a inserción no mundo laboral (Aula Mentor, ente outras).
- Probas libres (educación secundaria).
- Actividades de formación sociocultural.
Non obstante, a autorización para impartir bacharelato a distancia quedou limitada en toda Galicia a un centro, o IES San Clemente de Santiago de Compostela (Orde do 23 de agosto de 2001 da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria), en principio, e de forma experimental, por un período de dous anos, aínda que logo esta exclusividade se mantivo ata o curso 2007/08. Por iso se fala dos «anos escuros» do bacharelato a distancia en Galicia.
Con esta disposición, a Consellería de Educación establece a colaboración das sedes dos centros EPA co IES San Clemente nas ensinanzas de bacharelato a distancia, pero limitándoa a que o profesorado especialista de cada materia dos EPA lle resolva as dúbidas ao alumnado que así o solicite e que poida realizar os exames das diferentes avaliacións programados desde o IES San Clemente e sexa en todo momento o profesorado do IES San Clemente o responsable do proceso de ensinanza-aprendizaxe e o que avalía o alumnado de todos os centros, aínda que asistan as titorías e os exames nas diferentes sedes dos EPA de Galicia.
Esta situación mantívose varios anos, a pesar das protestas de toda a comunidade escolar motivadas polo elevado número de alumnado que demandaba estudos de bacharelato semipresencial en todos os EPA de Galicia. Esta decisión tomada polas autoridades educativas dificilmente podía xustificarse, xa que todos eles contaban con profesorado de ensinanza secundaria especialista das diferentes materias desde o curso 2003/04, que ademais eran, de feito, os profesores que tiñan contacto presencial regular co alumnado que asistía aos EPA resolver as súas dúbidas, e non o profesorado do IES San Clemente que só vía o alumnado nos exames (naquel momento non existían os recursos dixitais actuais).
Período 2002 a 2007
|
A oferta educativa de educación secundaria e bacharelato, na modalidade a distancia semipresencial, amplíase aos internos dos diferentes centros penais de Galicia, malia quedaren adscritos como alumnos do centro EPA da capital da provincia na que estea localizado o centro penal, xa que as escolas existentes nos centros penais só estaban dotadas con profesorado de primaria. Así, o centro penal de Teixeiro queda adscrito ao EPA Eduardo Pondal da Coruña, os de Bonxe e Monterroso ao EPA Albeirós (Lugo); a da Lama, ao EPA de Pontevedra; e, por último, o de Pereiro de Aguiar, ao EPA de Ourense. Isto significou que, a partir dese curso, o profesorado de cada centro tiña que desprazarse aos centros penais de maneira regular para impartir titorías de apoio e realizar as probas de avaliación do alumnado matriculado nos módulos de secundaria de adultos (ESA) e nas diferentes materias de bacharelato.
A solución a esta centralización chegou coa Orde do 26 de abril de 2007 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos a distancia na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 8 de maio de 2007) e que desenvolve a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, e que no artigo 69, dedicado ás ensinanzas postobrigatorias para persoas adultas, establece que:
as administracións educativas promoverán medidas tendentes a ofrecerlles a todas as persoas a oportunidade de acceder ás ensinanzas de bacharelato e que adoptarán as medidas oportunas para que as persoas adultas dispoñan dunha oferta específica de estudos organizada de acordo coas súas características.
Esta orde organiza a oferta do bacharelato a distancia semipresencial, ademais de no IES San Clemente, en todos os centros específicos de adultos de Galicia a partir do curso 2007/08. Tamén na devandita orde se crea unha nova modalidade de bacharelato a distancia: o bacharelato telemático que se impartirá desde o lES San Clemente, en Santiago de Compostela, para toda Galicia, malia os exames poder realizalos nos diferentes EPA de Galicia o alumnado que o desexe.
Tamén ese mesmo ano todos os centros penais galegos se transformaron en centros EPA (Decreto 116/2007, do 31 de maio, que se completou coa Orde do 26 de xullo de 2007 [DOG do 27 de xullo], pola que se autorizan neles os diferentes estudos e se dotan de profesorado de secundaria propio). Isto significou un importante aumento dos «centros específicos de adultos» en Galicia, que pasaron de 7 a 12, número que se mantén na actualidade.
Esta lexislación favoreceu o desenvolvemento e a promoción da educación de adultos en todos os niveis educativos nos centros penais e, ao mesmo tempo, conséguese diminuír a carga de traballo nos EPA aos que estaban adscritos estes alumnos e alumnas, que se encontraban desbordados debido ao aumento do alumnado, tanto no ámbito de xestión coma no académico.
Situación actual
Finalizan os «anos escuros» no bacharelato a distancia en Galicia
A partir do curso 2007/08, o bacharelato a distancia semipresencial ofértase en todas as sedes dos EPA de Galicia e, polo tanto, volve estar presente en todas as cidades galegas. Rematan «os anos escuros» do bacharelato semipresencial en Galicia, que ao longo destes anos se foi adaptando ás novas leis educativas —LOE, LOMCE— e que neste curso finaliza a súa adaptación LOMLOE, ao igual ca no bacharelato presencial.
|
Cómpre engadir que na actualidade tamén foron implementados nesta modalidade de ensinanza os novos recursos educativos, especialmente os dixitais e telemáticos, que se desenvolveron especialmente a partir da pandemia. En ningún caso se prescindiu dos demais, senón que se complementaron perfectamente. A asistencia regular e semanal obrigatoria do alumnado matriculado nesta modalidade segue a ser fundamental e o «eixe diferencial» desta modalidade de ensinanza, que se complementa coa titorización individual e coas ferramentas dixitais, especialmente a aula virtual, onde hai cursos de todas as materias nos que o profesorado organiza e guía o proceso de aprendizaxe do alumnado.
A realidade é que, hoxe en día, o bacharelato semipresencial goza de boa saúde en todos os EPA de Galicia, cunha matrícula de case 3000 estudantes neste curso, e pódese considerar que o seu futuro está asegurado, xa que é unha modalidade que permite unha gran flexibilidade de horarios, sen limitacións de tempo, lugar ou distancia, e que se pode adaptar ás circunstancias laborais, persoais e familiares dos alumnos e alumnas. Polo tanto, non compite (nin é o seu obxectivo) con ningunha outra modalidade das que se ofertan no sistema educativo galego, senón que as complementa.
De feito, esta oferta segue pensada para todas as persoas maiores de 18 anos, en especial para aquelas que abandonaron o sistema educativo sen esta titulación e que queren adquirila e acceder a outros niveis (universidade, ciclos superiores de formación profesional, oposicións, ascenso na súa actividade laboral etc.), segundo o interese lexítimo de cada un.
Lei orgánica xeral do sistema educativo 1/1990 (LOXSE), do 3 de outubro. BOE do 4 de outubro de 1992.
Lei 9/1992, do 24 de xullo, de educación e promoción de adultos da Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 6 de agosto de 1992.
Decreto 88/1999, do 11 de marzo, polo que se regula a ordenación xeral das ensinanzas de educación de persoas adultas e os requisitos mínimos dos centros. DOG do 13 de abril de 1999.
Decreto 116/2007, do 31 de maio, polo que se crean centros públicos de educación e promoción de adultos con sede nos centros penais de Galicia. DOG do 15 de xuño de 2007.
Orde do 26 de maio de 1997 pola que se regula o ensino básico para as persoas adultas, se establece a súa estrutura e o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 15 de xullo de 1997.
Orde do 23 de agosto de 2001 pola que se autoriza de forma experimental a impartición de ensinanzas de bacharelato a distancia nas modalidades de ciencias da natureza e da saúde e humanidades e ciencias sociais no instituto de educación secundaria San Clemente de Santiago de Compostela. DOG do 13 de setembro de 2001.
Orde do 8 de maio de 2002 pola que se regula a autorización de ensinanzas de educación para persoas adultas, nas modalidades presencial e a distancia. DOG do 4 de xuño de 2002.
Orde de 10 de outubro de 2002, pola que se convoca concurso de traslados específico, entre funcionarios docentes do corpo de profesores de ensinanza secundaria, para cubrir prazas nos centros específicos de educación e promoción de adultos. DOG do 28 de outubro de 2002.
Orde do 26 de abril de 2007 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos a distancia na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 8 de maio de 2007.
Orde de 26 de abril de 2007 pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos a distancia na Comunidade Autónoma de Galicia. DOG do 8 de maio de 2007.
Real decreto 1763/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de educación. BOE do 31 de xullo de 1982.