A creación da Rede galega de educación dixital

Cara a capacitación dixital do alumnado con diversidade funcional
A integración dos centros que imparten ensino para persoas adultas na Rede estatal de centros de capacitación dixital en maio de 2023 supón unha ampliación e mellora dos recursos educativos dispoñibles para reducir a fenda dixital que lles afecta, especialmente, aos grupos sociais máis vulnerables. Entre eles, as persoas con diversidade funcional atopan, no IES Monte Castelo, novas oportunidades formativas a prol da integración, igualdade e cohesión social.

Carmen Castelao Cora
Exdirectora do IES Monte Castelo (Burela) e responsable da creación da aula de capacitación dixital no centro
Docente de Lingua Castelá e Literatura e do Curso de Capacitación Dixital adaptado
carmencastelao@edu.xunta.gal

 

 

O efectivo binomio educación + TIC convértese nunha desafiante e complexa ecuación cando entra en xogo a educación para persoas adultas con diversidade funcional. Estes tres vértices constitúen un innovador triángulo educativo, pois tenden a abordarse de xeito independente na lexislación vixente, un feito que constata —a priori— a inexistencia destes contextos educativos nos centros ordinarios de ensino público. En efecto, que no noso país a escolarización non sexa obrigatoria a partir dos 16 anos reduce a formación de persoas adultas cunha significativa discapacidade funcional a accións formativas certificadas, máis ou menos illadas, amparadas baixo o paraugas da inclusión e, non sempre, ao abeiro da integración.

Neste senso, malia ser certo que o Ministerio de Educación e Formación Profesional non quixo permanecer alleo á polarización social que a fenda dixital continúa orixinando, a posta en marcha da Rede estatal de centros de capacitación dixital, no marco do europeo Plan de recuperación, transformación e resiliencia, non deu coa solución á ecuación que aquí inicialmente se formula.

 

Para comezar, que se entende por capacitación dixital, como se formula esta formación e que se espera dela?

Á marxe dos apelidos que acompañan estes cursos de capacitación dixital —aplicada ao tecido produtivo nestas primeiras edicións—, convén definir, cando menos, termos e obxectivos. A capacitación consiste en «facer a alguén apto, habilitalo para algo», como é, neste caso, o uso de «sistemas e dispositivos na creación, presentación, transporte e almacenamento de información a partir da combinación de bits» (DRAE). O significado denotativo do adxectivo dixital é, pois, tan amplo e profundo como se queira entender, pero nunha formación de tan só trinta horas e sen requisitos de acceso debería dar resposta á imprescindible alfabetización dixital que a pandemia lles impuxo a todos os cidadáns de xeito acelerado.

 

 

Alumnado na primeira clase

 

Así pois, malia que nun primeiro momento se esperaría que os contidos xirasen arredor dun uso profesional responsable e seguro de Internet, nun contexto formal e cun marcado carácter práctico, no complexo e extenso temario facilitado polo Ministerio debátese sobre conceptos como a economía lineal e circular, as tecnoloxías habilitadoras, o big data ou a intelixencia artificial. Xunto a estes conceptos, introdúcense termos máis escuros, como «netiqueta», «blockchain», «scrum» ou «contorno VUCA». Ademais, as ferramentas facilitadas inclúen unha avaliación destes contidos artellada en probas tipo test sobre a teoría abordada, unha proposta que tampouco semella ser a máis axeitada para unha formación inicial, que ten como obxectivo a democratización da capacitación dixital na sociedade actual.

 

Como identificamos os nosos potenciais destinatarios dos cursos de capacitación dixital?

Atendendo á orde que regula a posta en marcha das aulas de capacitación dixital, os requisitos de acceso son tan xenéricos —persoas maiores de idade sen matricular noutros estudos oficiais— que permiten unha perfecta ensamblaxe no marco normativo de rango inferior. En efecto, a atención á diversidade e a aprendizaxe ao longo da vida son dous dos piares fundamentais da lexislación educativa actual, polo tanto, nesta rede débese incluír a quen non puido recibir unha formación, neste caso dixital, pola súa idade, estudos previos, orixe, xénero, situación económica ou diversidade funcional. Este último é, quizais, o colectivo cuxas demandas resultan máis difíciles de satisfacer desde un instituto de ensino secundario de titularidade pública, de carácter rural, cunha ampla oferta de ensinanzas formais, non formais e informais, con limitacións como a dispersión xeográfica e cunha marcada diversidade —400 alumnos, de 19 nacionalidades distintas, con idades entre os 12 e os 62 anos—. Porén, o amplo horario no que o centro permanece aberto, xunto á dotación que implica integrarse na devandita rede estatal e a liberdade que se lles atribúe aos centros educativos beneficiarios facilitan un camiño moito máis accesible, sempre e cando exista unha boa predisposición por parte dos docentes implicados, así como unha estreita colaboración con diversas institucións e entidades sociais da contorna máis inmediata.

En efecto, sen discriminar a ningún alumno que cumpra cos referidos requisitos, concrétase esta nova acción formativa na nosa realidade reservando un 40 % das prazas ofertadas para persoas adultas que acreditan algún tipo de diversidade funcional. Deste xeito, o concepto de centro esténdese máis alá dos muros que o rodean tanto nunha perspectiva física coma social e, agora tamén, virtual. Asemade, tendo presente que a comunidade educativa non só a integran o alumnado e as familias, o persoal docente e non docente, senón tamén a contorna e o rol que esta desempeña no proceso de ensinanza-aprendizaxe, ábrense múltiples oportunidades de cooperación, pois traballamos sempre para que a interacción entre o IES e a vila sexa continua, recíproca e orientada a un claro obxectivo común: garantirlles a maior posibilidade de éxito para desenvolverse na vida adulta a todos e cada un dos cidadáns.

 

 

 Creación dunha conta de correo electrónico

 

O IES Monte Castelo sitúase en Burela, unha pequena localidade da Mariña lucense, próxima aos 10 000 habitantes, cun rico volume de recursos materiais e humanos que poñen de manifesto un gran potencial educativo e lle ofrecen á institución escolar un papel determinante como factor de promoción e cohesión social. Nun raio de quince quilómetros, distribúense ata oito institucións, asociacións, fundacións e centros de día nos que se atenden persoas que presentan distintos graos de diversidade funcional, mozos e mozas, homes e mulleres que integran a nosa sociedade e ás que, polo tanto, debemos abrirlles as portas do noso centro non só para visibilizar a súa situación e colaborar en iniciativas de sensibilización, senón e especialmente para ofrecerlles novas oportunidades que melloren a súa calidade de vida.

 

Cal é o marco legal que nos permite priorizar o alumnado con diversidade funcional?

Xa a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, trazara como obxectivo irrenunciable «proporcionarlle unha educación de calidade a toda a cidadanía en todos os niveis do sistema educativo; é dicir, unha educación baseada na combinación dos principios de calidade e equidade». Nesta liña, no preámbulo da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, faise fincapé no principio de «esforzo compartido», polo que, para acadar tal obxectivo é «imprescindible o compromiso de todos os compoñentes da comunidade educativa e do conxunto da sociedade». Así se debe garantir o «dereito á educación inclusiva como dereito humano para todas as persoas, recoñecido na Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade, ratificada por España en 2008».

En consecuencia e en aplicación do marco legal vixente, como centro educativo debemos dar resposta ás demandas da nosa contorna e, polo tanto, poñer á súa disposición todos os recursos cos que contemos co fin de atenuar a vulnerabilidade dos grupos sociais máis desfavorecidos e de promover a igualdade de oportunidades real. Calquera acción emprendida neste senso no IES desenvolverase, en último termo, ao abeiro do artigo 26 da Declaración universal dos dereitos humanos (1948): se toda persoa ten dereito á educación, non cabe dúbida de que a educación dixital resulta imprescindible para calquera cidadán co fin de poder desenvolverse plenamente no mundo actual.

 

Que sentido ten adaptar estes cursos de capacitación dixital ás singularidades destes discentes?

A conclusión con éxito da educación secundaria obrigatoria debe estar ao alcance de todo o alumnado e, para tal fin, garántese a súa atención, por exemplo, en Galicia, a través da Orde do 8 de setembro de 2021, pola que se desenvolve o Decreto 229/2011, polo que se regula a atención á diversidade. Na ESO, identifícase un conxunto de saberes mínimos en linguas, historia, ciencia, coidado da saúde e tecnoloxía para que os discentes poidan iniciarse na vida adulta en igualdade de condicións e, polo tanto, coas mesmas posibilidades de éxito. Porén, e como é lóxico, nas institucións coas que colaboramos a diversidade é tal que alumnos de 20 anos, escolarizados xa en centros de educación especial, conviven con outros de máis de 50 anos, cuxas necesidades educativas especiais non foron no seu día especificamente atendidas; pero, malia tal disparidade, uns e outros comparten a exclusión social que orixina o descoñecemento do uso das tecnoloxías da información e da comunicación.

Eliminar esta fenda supón apostar pola inclusión social e, de xeito máis concreto, contribuír a acadar varios dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030:

 

 

Neste sentido, especial énfase merece o terceiro obxectivo, xa que a participación en actividades fóra do seu ámbito habitual, modificando a súa rutina e poñéndoos en relación con outras persoas, estimula a motivación, a autoestima e a confianza en si mesmos, isto é, promove o seu benestar físico e emocional.

Sobran, polo tanto, os motivos para adaptar, principalmente, os densos contidos do temario oficial, adecuar a metodoloxía e organizar os grupos de traballo a partir da optimización dos recursos humanos e materiais dispoñibles que os investimentos realizados procuraron en cada centro.

 

A posta en marcha da nosa aula de capacitación dixital adaptada

a) Perfil do grupo-clase

Un conxunto de trece alumnos, sete varóns e seis mulleres, que padecen distintos tipos de diversidade funcional, como trastorno do espectro autista, síndrome de Asperger ou síndrome de Down, acompañados de dous técnicos da Fundación Eu Son, compoñen o primeiro dos nosos grupos deste curso.

Os coñecementos previos, o ritmo de aprendizaxe e o acceso a dispositivos móbiles e Internet na súa vida cotiá difire notablemente duns aos outros. Consecuentemente, e dado que a metade deles protagonizan nas nosas aulas unha primeira achega ás TIC, convén ser especialmente pacientes para abordar os medos e inseguridades vencellados a este intre inicial.

En contraposición, hai que ter presente a convivencia positiva de todos os alumnos, que comparten cada día na Fundación traballando nos obradoiros que mellor se adaptan aos seus gustos e habilidades. Ademais, teñen ben asumido o rol do docente-guía, pois coa axuda dos técnicos —cuxo acompañamento é clave nas nosas aulas para ensinarnos a xestionar o alumnado— incluso crean pezas de xoiería artesá, cultivan o seu invernadoiro e serigrafan téxtiles e papel. Así, tendo presente a súa actividade habitual e para que a formación impartida sexa significativa, conclúese que este curso sobre competencias dixitais se orientará á difusión e promoción do seu labor.

b) Materiais e recursos. A adaptación dos contidos

Participar na Rede estatal de capacitación dixital implica dedicar unha aula no propio centro educativo a esta formación. No noso caso, creámola adquirindo vinte equipos informáticos que, aproveitando a instalación eléctrica, se dispuxeron ao longo do ancho e fondo da aula. No centro da clase, preparouse unha illa con vinte mesas individuais agrupadas mirando cara ao docente, dedicadas ás breves explicacións teóricas, pero tamén dirixidas a favorecer o traballo en equipo e a resolución de dúbidas. No posto do docente, conserváronse a computadora, o proxector e o encerado orixinais da aula.

En canto aos materiais ofrecidos polo Ministerio, realizouse, como xa se suxeriu, unha adaptación do temario oficial considerando o punto partida do alumnado, as súas necesidades e intereses. De tal xeito, os cinco bloques temáticos orixinais desdobráronse e concretáronse en dez unidades, as cales foron abordadas en progresivo grao de dificultade nas catro semanas de duración do curso —distribuídas en sesións de 90 minutos a primeira hora das tardes de luns a venres—.

 

Curso de capacitación dixital aplicado ao tecido produtivo (temario oficial facilitado polo MECD)

 

 

Adaptación e concreción dos contidos por unidades

 

Tal e como se desprende da comparación do gráfico coa táboa, mantéñense os bloques de contido, pero cada un deles concrétase e oriéntase á práctica en dous ítems moi específicos. Se a aprendizaxe significativa se acada manipulando a realidade e aplicando os resultados adquiridos sobre ela, é indispensable adecuar os contidos á actividade da Fundación Eu Son. Deste xeito, ofréceselle ao alumnado a posibilidade de converterse en protagonista da súa aprendizaxe e de incentivar a súa autonomía na praxe cotiá, desde a creación ata a comercialización dos seus produtos na páxina web e nas redes sociais da Fundación.

c) Principios metodolóxicos

A metodoloxía, ademais de significativa, é cooperativa —o alumnado máis avanzado supervisa e axuda o que experimenta máis dificultades, sempre baixo a supervisión do docente e a asistencia dos técnicos— e está baseada nun proxecto final colectivo, composto por tarefas individuais que permiten avaliar a cada discente. Cómpre sinalar que a aprendizaxe cooperativa entre iguais contribúe ao desenvolvemento das soft skills e incrementa a súa autonomía.

 

Aprendizaxe entre iguais

 

En definitiva, os contidos imprégnanse dun enfoque instrumental, que lle permite ao alumnado acceder a ese universo informativo que é Internet, que fai efectivo o seu dereito a seguir aprendendo e, cada vez, de xeito máis independente. Só desta forma se pode realizar unha capacitación dixital básica e universal.

d) Proxecto final individual: secuenciación de actividades

Tal e como se puido apreciar na adaptación dos contidos, o seu grao de complexidade segue unha progresión ascendente, de xeito que a súa adquisición resulta indispensable para continuar avanzando cara á realización do proxecto final, cuxas bases son presentadas xa na segunda semana do curso. Así, o alumnado pode ir traballando ao seu ritmo, de forma autónoma, unha vez que, en cada xornada, se realiza a actividade prevista: envío dunha mensaxe electrónica con arquivos adxuntos, elaboración dunha instancia ou resolución dun cuestionario buscando información en liña, entre outros.

A tarefa final individual consiste na elaboración dunha presentación persoal con CANVA, segundo o guión adxunto. O vídeo persoal grávase na Fundación coa colaboración dos técnicos, pero o alumnado encárgase de obter máis imaxes da páxina web e das redes sociais da Fundación Eu Son, así como de executar a montaxe de acordo coas pautas facilitadas.

 

Guion da presentación persoal

 

Unha vez concluído, envíano exportado en formato vídeo desde a propia aplicación ao enderezo electrónico do docente, co fin de que o avalíe. Logo de revisar e corrixir todos os proxectos, procedemos á montaxe en gran grupo —nas últimas sesión do curso— da reportaxe resumo-presentación de Fundación Eu Son, usuarios, obradoiros e actividades desenvoltas no 2023. Así pois, o curso péchase invertendo os roles, co alumnado na illa central da aula e o profesor no seu posto, proxectando a súa pantalla e recibindo as instrucións do alumnado para editar o vídeo final.

 

Conclusións. Valoración da experiencia

Aínda que a xeito de conclusión se podería avaliar o proceso íntegro de posta en marcha dunha aula de capacitación dixital nun instituto de ensino secundario, situado nunha contorna rural, en tan só catro meses —incluído o parón lectivo do verán—, o que supón un aumento tanto da carga burocrática por parte do equipo directivo coma unha intensificación dos labores de mantemento no centro durante o período estival; o foco de atención non se pode desprazar do alumnado, que sempre supón o principio e fin da nosa razón de ser e facer.

O compromiso educativo e a vocación de servizo á comunidade teñen que prevalecer ante calquera circunstancia, do mesmo xeito que un centro educativo debe permanecer indisolublemente conectado ao seu contorno, retroalimentándose nun proceso de construción, promoción e mellora social permanente. Desde esta perspectiva, só cabe a posibilidade de interpretar cada actividade como unha oportunidade, cuxo aproveitamento depende, en gran medida, da nosa implicación, esforzo, principios e valores. En efecto, cando se trata de innovar hai que estar disposto a asumir certos riscos, a aventurarse ao fracaso ou a crer que o éxito é posible, pero sempre é preciso comprender que todos aprenderemos ao longo do camiño e non só ao acadar a meta.

O verán permitiunos, ademais de adaptar o espazo, analizar os materiais ofrecidos, contactar coas institucións, formular unha proposta sólida e consensuala, axeitándonos ás súas necesidades e intereses, optimizando os nosos recursos e facendo accesibles os contidos. Así, grazas unha vez máis á súa confianza, puidemos —e podemos— continuar traballando pola igualdade de oportunidades, pola integración social e a mellora da calidade de vida da nosa contorna, por promover de forma efectiva a aprendizaxe permanente nunha escola pública de calidade, de todos e para todos.

En definitiva, con catro edicións do grupo rematadas ata o día de hoxe, podemos afirmar que seguimos tecendo, a partir da nosa participación na Rede estatal de capacitación dixital —unha rede cada vez máis ampla e consistente, como evidencia a Resolución do 1 de marzo de 2024, para o mantemento e incorporación de novos centros educativos—, unha rede de arrastre de fondo para seguir guiando cantos «peixes» se atopen no descubrimento e «navegación» de novos mares.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Blasco-Serrano, A. C., Bitrián González, I., e Coma-Roselló, T. (2022). Incorporación de las TIC en la formación inicial del profesorado mediante Flipped Classroom para potenciar la educación inclusiva. Edutec. Revista Electrónica de Tecnología Educativa, 79, 9-29. https://doi.org/10.21556/edutec.2022.79

Orde EFP/440/2023, do 24 de abril, pola que se establecen as bases reguladoras e se realiza a convocatoria para o ano 2023, para a creación dunha rede estatal de centros de capacitación dixital en entidades locais, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, Next Generation EU.

Resolución do 2 de xuño de 2023 da Dirección Xeral de Formación Profesional pola que se establecen aulas de capacitación dixital en centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades para a creación da Rede galega de educación dixital na Comunidade Autónoma de Galicia.

Resolución do 1 de marzo do 2024, da Dirección Xeral de Formación Profesional, pola que se resolve a convocatoria do programa para o mantemento e a incorporación de centros educativos dependentes da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades á rede de centros de capacitación dixital da Comunidade Autónoma de Galicia.

 

Nota: Cabe destacar que, coa Fundación Eu Son, así como coa Asociación Saúde Mental A Mariña, AFAN Burela e o centro de día Coidando de Vós, entre outros, colaboramos, grazas ao noso alumnado do ciclo medio de Coidados Auxiliares de Enfermería e do ciclo superior de Ensinanza e Animación Sociodeportiva, na impartición de obradoiros e xornadas de ensinanza non formal orientadas a mellorar o benestar físico e emocional dos seus usuarios.

 

 

Sección: