Creatividade na era da IA

Alba Meijide
AI Consultant & PM

 

 

Actualmente atopámonos inmersos na era transformadora da intelixencia artificial. Trátase dun novo paradigma tecnolóxico que redefiniu non só a innovación empresarial, senón tamén a nosa vida privada, e que afecta, por suposto, á educación, relacións e desenvolvemento persoal dos máis pequenos. Desde a súa «democratización» entre o público xeral, xa non só nas comunidades de expertos, é un tema que deu moito que falar, cunha popularidade crecente e con cada vez máis debates sobre as súas posibilidades, impacto e retos. A medida que navegamos por esta era da IA, que non fixo máis que empezar, un concepto antes relacionado co futuro ou a ciencia ficción convértese nunha parte máis da nosa vida diaria e a nosa relación con ela estará marcada polas decisións e restricións que se apliquen nos anos próximos.

En moitas ocasións, a chegada da IA foi descrita por expertos como unha nova revolución industrial, cunha diferenza notable con respecto á chegada doutras tecnoloxías, a súa capacidade non só de realizar tarefas específicas, senón tamén de aprender dunha forma semellante a como o facemos os humanos, sorprendendo constantemente a sociedade e a comunidade científica. Isto supón oportunidades nunca antes consideradas, grazas á proliferación de ferramentas de IA fáciles de usar, para que persoas con diversas orixes e habilidades poidan aproveitar as súas capacidades e revolucionar a forma na que abordan a resolución de problemas e a creatividade. Esta democratización, con todo, trae consigo unha infinidade de preguntas e consideracións, desde preocupacións éticas ata a redefinición dos roles laborais tradicionais. Mentres nos atopamos na encrucillada da integración da IA na nosa vida diaria, é importante preguntarnos: «Como lles vai afectar esta revolución ás futuras xeracións que convivirán con esta tecnoloxía de forma inevitable?».

Neste aspecto, persoas educadoras e profesorado serán guías indispensables para permitirlle ao alumnado xestionar esta transición, para non só aproveitar o poder da IA, senón permitirlles comprender as súas aplicacións e implicacións sociais. Educar a nenos e mozos que, si ou si, van ter que traballar e convivir con esta tecnoloxía supón ensinalos a usala e xulgala, non prohibir o seu uso en toda circunstancia nin que todo o alumnado teña a necesidade de programar algoritmos de aprendizaxe automática ou redes neuronais. Trátase dunha educación que vai moito máis alá: ensinalos a utilizar a IA como ferramenta para aumentar a produtividade e ser competitivos no seu futuro laboral, reinventar a avaliación da capacidade de solucionar problemas, ensinalos a explotar a súa creatividade ata niveis sen precedentes e, por encima de todo, fomentar o pensamento crítico facendo do estudantado unha parte activa do debate ético arredor do uso de sistemas de intelixencia artificial. Escoitar a súa voz e reflexións nestas conversas é fundamental para que os estudantes e xeracións vindeiras posúan unha comprensión profunda dos posibles efectos negativos asociados coa IA. Familiarizarse con cuestións como os prexuízos ou os nesgos integrados nos sistemas de intelixencia artificial non é só unha cuestión de alfabetización dixital, senón unha peza clave do compromiso ético coa sociedade e coa tecnoloxía. Compartir con eles e elas estas cuestións axudará a crear unha nova onda de innovadores que aborde a IA con sentido da responsabilidade, traballando activamente para fomentar a xustiza, a transparencia e a equidade no desenvolvemento e no uso da tecnoloxía.

No terreo da creatividade, a IA xenerativa emerxe como unha ferramenta transformadora que, en sinerxía coa imaxinación sen límites dos nenos, desvela un abano de posibilidades ata o de agora impensable para as xeracións pasadas. Desde a súa recente aparición xa se puido apreciar o seu notable impacto en numerosos estudos, un dos cales cifra en case 15 millóns as imaxes creadas con IA xenerativa en tan só un ano. Imaxinemos un neno apaixonado por escribir e contar historias que xa non está limitado ao lapis e ao papel. Agora, armados con ferramentas de IA, poden darlles vida ás súas narracións utilizando imaxes e vídeos xerados por eles mesmos e adaptados ás súas propias historias. En cuestión de segundos, crean personaxes e contornos propios que lles dan vida aos seus contos. Podemos mesmo ir aínda máis aló, utilizando ferramentas de IA conversacional que toman a personalidade dun personaxe que eles mesmos inventaron e lles permite ter unha conversa con el.

Falamos, polo tanto, de xeracións que experimentarán un cambio revolucionario no proceso creativo en comparación coas anteriores. Esforzándose por preservar o toque humano distintivo, prosperarán nun contorno dinámico no que a creatividade se desenvolve con rapidez e cunha personalización sen precedentes. A medida que a nosa sociedade consome contidos vorazmente a un ritmo cada vez máis acelerado, abranguendo películas, series, redes sociais e outras moitas plataformas, faise evidente un aumento da demanda de contidos. Desta forma, a IA, que se percibe como unha posible ameaza para as industrias creativas, cunha regulación e uso adecuado, será paradoxalmente un impulso para o crecemento e o avance destes sectores, axudando os creadores para satisfacer o crecente apetito da sociedade de contidos innovadores e atractivos.

En conclusión, integrar a intelixencia artificial como ferramenta e tema de estudo nas aulas non é só un progreso tecnolóxico, senón unha necesidade pedagóxica. Educar sobre a IA vai máis aló dos tecnicismos e integra as súas dimensións éticas, sociais e creativas. O profesorado atópase á fronte dun gran desafío, coa tarefa de guiar a nova xeración a través da revolución da IA. Este proceso non consiste unicamente en impartir coñecementos técnicos, senón tamén en fomentar o pensamento crítico, a conciencia ética e unha profunda comprensión do impacto da IA. Ao adoptar este enfoque global, os docentes poden capacitar o estudantado non só para xestionar as complexidades das tecnoloxías emerxentes, senón tamén para contribuír de maneira significativa a un futuro no que a IA sexa unha forza de transformación positiva.

 

 

Sección: