Lectura e familias
Sarah Dumesnil Pérez
IES Eduardo Blanco Amor (Culleredo-A Coruña)
sarahdumesnil@edu.xunta.gal
Antes de falar da nosa experiencia no programa Lectura e Familias é indispensable presentar brevemente as características do noso centro: o IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo é un centro urbano da periferia dunha cidade grande que ten 757 alumnos matriculados neste curso 2023/24 e parte deste alumnado procede dun ámbito semirrural, polo que o centro ten transporte e comedor escolar. Este último dato é relevante para nós, xa que o comedor e a biblioteca comparten espazo.
Como se pode apreciar na foto, a presenza de 69 postos de comedor na biblioteca dificultan o noso labor tanto na disposición dos espazos coma na realización de actividades.
O noso centro é moi dinámico, cun claustro estable que, polo xeral, se renova por xubilacións. Esta estabilidade débese ao bo funcionamento do equipo directivo e ten unha repercusión directa no labor do equipo de dinamización da biblioteca, xa que, por unha banda, con este apio podemos desenvolver calquera idea que nos xurda e, por outra, a estabilidade docente permítenos levar a cabo actividades e proxectos a longo prazo. Este bo ambiente, tanto no persoal coma no académico, reflíctese no noso alumnado. Así, este curso temos 16 alumnos voluntarios e 78 alumnos membros de clubs de lectura repartidos en 10 clubs de temática diversa: tradicional, manga, Harry Potter, LGTBIQ+ e literatura comparada.
Tras analizarmos as necesidades do noso alumnado, cremos que para mellorar a súa competencia lingüística é clave implicar os diferentes piares da nosa comunidade educativa e por iso, no curso 2021/22, decidimos participar no programa Lectura e Familias, mais tivemos que agardar á convocatoria 2022/23 para sermos admitidos.
Decidimos desenvolver o programa en dúas partes: por unha banda, a realización de obradoiros que atendan as necesidades detectadas e, por outra, a mellora da presenza das familias na biblioteca.
Obradoiros
Ao deseñar a temporalización do proxecto decidimos que os obradoiros se levarían a cabo en cinco sesións de dúas horas en horario de tarde o primeiro mércores de cada mes. A resolución definitiva do programa publicouse en xaneiro, polo que a primeira sesión se marcou para febreiro e a derradeira para xuño.
Tendo en conta que a programación se elaborou atendendo ás necesidades da nosa comunidade educativa e de acordo cos gustos e intereses do noso alumnado, decidimos dedicar a primeira sesión á mellora da habilidade lectora e foi impartida pola especialista en mediación lectora Sonia Hermida Galán que levou a cabo o obradoiro Como acompañar os/as teus/túas fillos/as no seu camiño lector durante a adolescencia (e non morrer no intento). Neste obradoiro fíxose unha reflexión sobre os diferentes formatos de lectura, os gustos das familias participantes e a importancia da lectura. A continuación, Sonia dividiu os participantes en equipos para escoller unha escolma de libros para os superviventes dun hipotético desastre apocalíptico. [FOTO II, AQUÍ]. Esta actividade tivo moi boa acollida entre as familias, xa que foi un intercambio enriquecedor no que se puideron ver os puntos de vista das diferentes xeracións alí representadas. Ao final do obradoiro, os participantes escribiron unha mensaxe que gardaron nunha botelliña para as xeracións futuras.
A segunda sesión tivo como obxectivo afondar nos gustos do noso alumnado polo que se levou a cabo o obradoiro Orientacións para aprender a través da banda deseñada, o exemplo do manga, impartido por Xosé Antón Vilaverde Santamariña (libreiro dunha tenda especializada en banda deseñada, cómic, novela gráfica e manga). Neste obradoiro falouse das bandas deseñadas en xeral, pero do manga en particular, por ser o gran descoñecido para moitas familias. Os participantes puideron descubrir a historia do manga, os diferentes subxéneros que existen e os títulos máis axeitados para cada membro da familia. Este último punto foi a razón principal pola que levamos a cabo este obradoiro. Como comunidade educativa preocúpannos os títulos que o noso alumnado está a ler, xa que, tanto no centro coma fóra, os rapaces demandan lecturas que non son axeitadas para a súa idade. Malia ser certo que a lectura non ten idade, é importante que os diferentes membros da comunidade educativa se formen neste tipo de literatura. Porén, moitos pais e nais, por descoñecemento ou por pensar que se trata de lectura para nenos, non supervisan o consumo deste tipo de literatura. É máis, debido á popularidade do manga e do anime nos últimos anos, os alumnos teñen á súa disposición, nas plataformas e en moitas librerías non especializadas, títulos non axeitados para eles polo elevado contido violento, sexual ou de violencia sexual que conteñen. Así mesmo, moitas veces, este tipo de literatura representa relacións tóxicas que precisan dunha lectura crítica.
Non obstante, non queremos desprestixiar o manga, fonte de entretemento e aprendizaxe cultural. É máis, o manga é unha ferramenta moi útil á hora de adaptar as lecturas aos diferentes graos de competencia lingüística grazas á gran variedade temática e de subxéneros que existen. Por iso, este é o terceiro curso no que ofertamos o club de lectura manga, mais sempre propoñemos títulos asesorados por especialistas na materia.
Coa terceira sesión queriamos achegar a lingua galega á xente nova dándolle visibilidade ao uso deste idioma nas redes sociais. Para este obradoiro, Os libros e as redes, contamos coa bookstagrammer Violeta Meléndrez Doval coñecida en Instagram como @littera_lupa. Durante este obradoiro, Violeta contou a súa traxectoria persoal e a súa experiencia como bookstagrammer. Ademais, deu a coñecer outras contas de bookstagrammers que tiñan o galego como lingua principal, como, por exemplo, @mazadahorta, @libroscontos ou @lua_soto7. Así mesmo, fixo unha serie de recomendacións de títulos en lingua galega de acordo cos gustos e intereses dos alí presentes. Foi un obradoiro moi interesante que permitiu dar a coñecer un pouco máis a literatura escrita en galego, centrándose sobre todo na infantil e xuvenil.
Por causas alleas ao equipo de dinamización da biblioteca tívose que anular a cuarta sesión que ía estar enfocada na ciberseguridade e o uso responsable da Rede, polo que se adiantou a que ía ser a quinta sesión. Tras analizarmos as necesidades da nosa comunidade, quixemos mellorar a competencia dixital e a comunicación oral do noso alumnado, polo que decidimos traballar ambas as cousas dunha maneira práctica e dinámica. Finalmente, decidimos centrar a comunicación oral na transmisión oral que, á fin e ao cabo, é a base da nosa cultura. Este foi un encontro interxeracional no que os protagonistas non só foron os pais e nais do noso alumnado, senón tamén os seus avós e avoas. En primeiro lugar, os alumnos elaboraron unha serie de preguntas relacionadas coa lectura para poder entrevistar os seus familiares diante das cámaras. A continuación, as familias actuaron como booktubers por un día e fixeron recomendacións lectoras ou narraron contos da súa infancia. [FOTO III, AQUÍ]. Finalmente, os alumnos editaron todo o material audiovisual para crear un único vídeo. Foi un obradoiro moi divertido e enriquecedor onde os roles tradicionais mestre-alumno se desdebuxaron e, aínda que ao principio os alumnos se queixaban por ter que traballar, o pasaron de marabilla. A única chata, segundo eles, foi que tiñamos que mellorar a nosa conexión a Internet.
Como se pode observar nas fotos, tan só cinco familias participaron nos obradoiros, das cales dúas asistían de forma esporádica. Aínda que para moitos esta podería ser unha participación pouco representativa, sobre todo tendo en conta o número de alumnado inscrito no noso centro, nós consideramos que o programa tivo éxito. Cando valoramos a participación nesta actividade, temos que ter en conta, en primeiro lugar, que somos un centro de educación secundaria e que, polo xeral, a participación das familias diminúe a medida que van avanzando os cursos escolares e, en segundo lugar, varios alumnos indicaron que, malia querer colaborar co programa, lles resultaba imposible, xa fose por organización familiar ou polas súas actividades extraescolares, tanto deportivas coma académicas, ás que non podían faltar nin sequera unha vez ao mes. Con todo, consideramos que os resultados foron satisfactorios, xa que as familias participantes estiveron moi implicadas no proxecto, o que permitiu estreitar lazos dentro da comunidade educativa e ter unha proximidade coas familias que adoita ser difícil de conseguir nun centro coas nosas características. Cómpre destacar que os resultados da avaliación que lles pasamos mostraron unha valoración moi positiva tanto dos obradoiros coma dos relatores e que o 100 % dos participantes manifestou o seu desexo de seguir coa actividade neste curso 2023/24. Por conseguinte, solicitamos a continuidade no programa e estamos a preparar as sesións deste curso de acordo coas suxestións que nos achegaron.
Presenza das familias na biblioteca
A outra parte deste programa Lecturas e Familias pretende mellorar a presenza das familias na biblioteca. Para iso, retomamos os préstamos ás familias e creamos un espazo específico para elas que está situado na sala de espera no vestíbulo do centro. Neste recuncho, as familias poden atopar libros de educación como O elemento de Sir Ken Robinson, Educar no asombro de Catherine l’Ecuyer ou Tormenta cerebral: el poder y el propósito del cerebro adolescente de Dan J. Siegel; ou libros divulgativos sobre NEAE como, por exemplo, Dislexia, ni despiste ni pereza de Fernando Cuetos, Trastorno por déficit de atención e hiperactividad de Rafa Guerrero ou Unha tribo propia: autismo y asperger de Steve Silberman. Ademais, se consultan o catálogo da biblioteca a través do noso blog, poden escoller calquera dos títulos dispoñibles e tomalos prestados co carné de usuario dos seus fillos.
Así mesmo, puxemos á súa disposición o préstamo de mochilas viaxeiras temáticas (mochila terrorífica, científica, matemática, artística e afectivo-sexual) con títulos dirixidos aos diferentes membros da familia.