A importancia das familias na dinamización da biblioteca escolar

A biblioteca coma un espazo de lecer, fonte de recursos e experiencias lectoras abertas á comunidade
A través deste artigo gustaríanos dar a coñecer as actividades levadas a cabo na nosa biblioteca para achegar ás familias a lectura e os recursos cos que contamos na mesma. Nas actividades propostas tentamos favorecer un espazo de Encontro para toda a comunidade educativa proporcionando actividades de lecer enriquecedoras, fomentando o pracer pola lectura, creando hábitos e actuando coma axente compensador e procurando un acceso igualitario aos recursos.

Aida Dourado Gantes
aidadourado@edu.xunta.gal
María Lema Fernández
marialema@edu.xunta.gal
EEI Barrionovo (Pastoriza-Arteixo-A Coruña)

 

 

Antes de comezar, é importante coñecer o contexto no que se enmarca o noso centro. A EEI de Barrionovo é unha pequena escola que conta con tres unidades de educación infantil situada na parroquia de Pastoriza, Arteixo (A Coruña).

Actualmente, na escola contamos con 54 alumnas e alumnos distribuídos nos tres niveis de infantil (cuarto, quinto e sexto) e con sete mestras (cinco mestras de educación infantil, unha especialista en Lingua Inglesa e unha especialista en Audición e Linguaxe). A implicación do profesorado na biblioteca é total, facendo posible que as actividades que se propoñen se leven a cabo con éxito. 

Hai anos que vimos traballando considerando a biblioteca o centro da escola, pero desde que entramos no PLAMBE (curso 2011/12) a biblio creceu de tal xeito que toda a comunidade a percibe coma o corazón e o motor da nosa escola.

Levamos, aproximadamente, 13 anos traballando por proxectos: cada curso, un proxecto documental integrado, no que a biblioteca é o seu eixe vertebrador, así como o seu centro de recursos.

A medida que fomos traballando, e a nosa curiosidade crecendo, entramos a formar parte de Biblioteca Creativa en 2016, para xa, no curso 2016/17, converternos en centro LIA 2, cando por fin comezamos o cambio cara a unha biblioteca como «centro creativo de aprendizaxes».

Pero agora toca falar de Lectura e Familias, programa no que estamos inmersos desde o curso 2022/23 e… por que decidimos participar nel?

 

 

As familias sempre foron un eixe fundamental no noso traballo, pero, a pesar disto, considerabamos que debiamos dar un paso máis e ofertar actividades de tarde máis enriquecedoras, que fomentasen a súa participación e o seu achegamento á lectura en familia, préstamo de contos, materiais, actividades creativas etc. 

A biblioteca debe cumprir unha función compensadora ofrecéndolle un acceso máis igualitario a toda a comunidade educativa e, ao mesmo tempo, a súa apertura polas tardes, fóra do horario escolar, fomenta ese achegamento ás familias, ese lugar de encontro, de acollemento e de lecer.

Con esta convicción, puxemos en marcha as Tardes de Biblio en Familia, nas que ofrecemos actividades moi diversas de fomento da lectura, creatividade, achegamento a materiais, ferramentas, busca de información… en definitiva, actividades que senten as bases de futuros lectores e lectoras, que aprendan a comprender e interpretar a información e a empregar as ferramentas axeitadas en cada momento, así como promover a súa educación literaria.

Ademais, co apoio do programa de Lectura e Familias, puidemos propoñer actividades cada vez máis ricas e variadas.

É difícil explicar nunhas liñas o traballo que se desenvolve na biblioteca esas tardes en familia, pero poderiamos falar delas clasificándoas en cinco grandes bloques, segundo a temática ou o tipo de actividade desenvolta en cada momento.

 

  • Os EncontXos en Familia son actividades arredor de contos con temáticas diversas e apoio de diferentes materiais, co fin de enriquecelos e facelos máis atractivos. Para a súa consecución, utilizamos o kamishibai, o retroproxector, teatro de sombras, música… Tamén temos en conta as potencialidades de cada mestra e intentamos que cada unha achegue o mellor de si mesma á hora de levar a cabo o encontXo. Así, ás veces son contos con música, en inglés, visuais, artísticos… Deseguido algún dos exemplos destes:

Teatro de sombras e creación de monicreques

http://bibliobn.blogspot.com/2023/11/tardes-de-biblio-en-familia-titeres-e.html

Contos e xogos in English

http://bibliobn.blogspot.com/2023/11/tardes-de-biblio-en-familia-in-english.html

Contos apoiados na arte

http://bibliobn.blogspot.com/2023/11/tardes-de-luns-en-familia-mondrian.html

Contos de diversidade

http://bibliobn.blogspot.com/2022/11/tardes-de-biblio-en-familia-candido-e.html

Contos de mulleres, contra a violencia de xénero, as estereotipias…

http://bibliobn.blogspot.com/2022/11/tardes-de-biblio-marta-no-da-besos.html

http://bibliobn.blogspot.com/2023/04/tardes-de-biblio-en-familia-pescadoras.html 

Contos nos que a música e os instrumentos son o fío condutor

http://bibliobn.blogspot.com/2023/10/tardes-na-bibliobn-musica-na-escola-de.html

 

 

 

  • Por outra banda, os EncontRos con Autoras son xuntanzas con autoras e autores nos que gozar en familia de diferentes xéneros (poesía, narración oral, teatro, música…), así como coñecer as premisas básicas para contar e achegarnos aos contos. Deste xeito, puidemos contar na nosa biblio con autoras coma Paula Carballeira ou Chus Álvarez, entre outras. Velaquí varios exemplos:

 

Chus Álvarez deleitounos co seu espectáculo «Universo Verso» coa poesía coma protagonista

http://bibliobn.blogspot.com/2023/03/lectura-e-familias-universo-verso-chus.html

Sonia atrapounos cos seus contos con números

http://bibliobn.blogspot.com/2023/05/tardes-de-biblio-en-familia-sonia.html

Pakolas e a música con Ramona Órbita

http://bibliobn.blogspot.com/2023/06/encontros-bn-pakolas.html

O teatro foi a cargo de Migallas e a súa música

http://bibliobn.blogspot.com/2023/06/encontros-bn-migallas-teatro.html

Paula, narradora oral, contou e deu pautas para contar contos como ela os conta

http://bibliobn.blogspot.com/2023/04/encontros-bn-paula-carballeira.html

 

 

 

  • Outro tipo de actividades serían os Obradoiros Creativos nos que queriamos poñer en valor materiais do noso Espazo Fedelleiro (o espazo creativo da nosa biblioteca) e achegalos ás familias, dando a coñecer as súas posibilidades educativas e mais a importancia de fomentar o seu uso como materiais de gran valor educativo. Son obradoiros levados a cabo principalmente polas mestras, aproveitando as potencialidades persoais de cada unha (música, inglés, TIC etc.). Entre outros, poderiamos destacar os obradoiros de robótica, de impresión 3D, de manexo do croma, de música, obradoiros con materiais non estruturados… Estes serían algúns deles:

 

Obradoiro de xogo non estruturado

http://bibliobn.blogspot.com/2023/03/tardes-de-biblio-en-familia-xogo-non.html

Obradoiro de impresión 3D para o Día da Paz

http://bibliobn.blogspot.com/2023/01/tardes-de-biblio-en-familia-dia-da-paz.html

Obradoiro creativo de Nadal

http://bibliobn.blogspot.com/2022/12/tardes-en-familia-conto-e-atelier.html

Obradoiro de e-téxtiles: carautas con LED

http://bibliobn.blogspot.com/2023/05/tardes-de-biblio-en-familia-paola.html

Obradoiro de experimentación co croma

http://bibliobn.blogspot.com/2023/05/tardes-de-biblio-en-familia_29.html

Experimentando coa luz negra

http://bibliobn.blogspot.com/2022/10/tardes-de-biblio-en-familia-contacontos.html

Xogando con robots

http://bibliobn.blogspot.com/2022/10/tardes-de-biblio-en-familia-xogamos-cos.html

 

 

 

  • Os Préstamos en Familia tamén é unha das actividades que queriamos dinamizar e fomentar e, desde a entrada no programa e o aumento da participación nas tardes de biblio, o préstamo de fondos e materiais experimentou un grande incremento.

 

  • Por último, os Préstamos para Adultos. Coa chegada do programa e a gran participación das familias nel, consideramos a importancia de ofertar tamén fondos para os adultos que acudían asiduamente á nosa biblioteca. Así pois, puxemos en marcha o préstamo de fondos para adultos, fondos que estivesen relacionados coa educación, a relación coa infancia, a importancia do contacto coa natureza, o xogo… Para presentalos aproveitamos unha actividade en familia, da Escola de Nais e Pais, levada a cabo no centro por Bibiana Infante, na que se expuxeron as premisas da educación, respecto e límites e a importancia da escola e da familia neste camiño. 

A participación no programa de Lectura e Familias e a mellora das propostas das actividades dos luns pola tarde déronlle un xiro á actividade da biblioteca, mellorando notablemente a participación nestas. A acollida foi moi boa, cada vez acoden máis familias e levan en préstamo todo tipo de fondos: música, literatura, libros informativos, xogos etc. Tamén acoden puntualmente para obter  información solicitada para o proxecto de centro. 

Grazas a todo isto, na BiblioBN estamos a crear e experimentar unha nova comunidade, cada vez máis grande e robusta, coa que gozamos do pracer de reunirnos para escoitar, ver, ler, fedellar, crear, compartir, sorprendernos…

Sempre con ganas de máis e buscando as diferentes e diversas capacidades da nosa comunidade, o seguinte paso que teremos que dar será obter entre as familias as súas potencialidades para facer obradoiros a cargo delas.

Como reflexión final, é interesante como docentes, e parte da comunidade educativa, a importancia que temos e o papel que xogamos nela, como nexo de unión, visibilizando o traballo das escolas e dándolles cabida ás familias que son parte delas, o éxito rotundo da educación e a importancia de camiñarmos xuntos cara a unha educación de calidade e consecución eficaz dos obxectivos e metas marcados. Nos últimos anos, as bibliotecas están a realizar grandes avances na implicación das familias, na educación en xeral e na educación lectora en particular a través da creación de espazos e canles de comunicación. Este debería ser o obxectivo de todos nós de cara a consolidar unha comunidade máis forte, sólida, inclusiva e implicada.

 

Podes visitarnos no blog da BiblioBN onde compartimos todo o noso traballo:

http://bibliobn.blogspot.com

 

Sección: