O voluntariado de biblioteca no CIFP A Carballeira
Mariña Fontenla Fortes
CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel (Ourense)
marina.fontenla@edu.xunta.gal
Introdución
Desde hai un tempo, a biblioteca escolar non é un lugar unicamente utilizado como depósito de libros, senón que é un espazo de creatividade, de xogo, de aprendizaxe e tamén de solidariedade. Cando, como coordinadora da biblioteca do meu centro, vou aos encontros PLAMBE, ás xornadas de bibliotecas etc., sempre saio cun sabor agridoce, pois todo o que se fai desde as bibliotecas dos CEIP, CRA, IES etc. é apaixonante e tremendamente marabilloso, pero non adaptable á tipoloxía do centro no que traballo.
Como responsable da biblioteca dun CIFP, faime especial ilusión escribir estas liñas, pois sei de primeira man a necesidade de visibilizar este tipo de centros, así como de dar a coñecer algunha das actividades que realizamos.
O CIFP A Carballeira e o seu alumnado
O Centro Integrado de Formación Profesional da Carballeira é un centro situado na provincia de Ourense, que ten un horario ininterrompido de 8:30 a 22:20 h. A xornada lectiva de mañá vai desde as 8:30 ata as 15:00, h cun período de lecer de 30 min; e a da tarde é de 16:00 a 22:20 h, con 20 min de descanso.
A nosa oferta formativa abrangue catro familias profesionais: Sanidade, Química, Informática e Seguridade e Medio Ambiente. Nelas distribúense os diferentes ciclos formativos de grao básico, medio e superior, así como tres cursos de especialización.
Toda esta casuística fai que o perfil do alumnado sexa moi diverso. Actualmente hai un total de 1245 estudantes, que se atopan entre os 15 e os 63 anos de idade, aínda que a gran maioría se sitúa entre os 18 e os 25 anos. Porén, teñen un peso moi importante aqueles que se atopan entre os 25 e os 50 anos.
O alumnado deste tipo de centros adoita traer habitualmente un obxectivo moi claro: acadar unha titulación, ben sexa para mellorar a súa media e acceder á universidade ou para entrar no mundo laboral. Ademais, no mellor do casos, permanecen máximo dous anos no centro —nun ciclo ordinario, concretamente en marzo do segundo ano xa marchan facer o período de formación en centros de traballo (FCT)—. Isto fai que a súa permanencia no centro sexa escasa e que non teñan tempo para se vincular con nós. Por outro lado, o tempo que están adoitan querer dedicalo única e exclusivamente a estudar.
A todo isto debemos sumarlle o feito de que estamos falando de persoas adultas, as cales xa teñen certas responsabilidades, como ter persoas que atender na casa (familias, nenos, nenas etc. ) ou traballar. Moita da xente matriculada, por exemplo, no réxime de adultos, é xente que ten a súa xornada de traballo pola mañá e que vén pola tarde ao instituto, enlazando a súa vida laboral coa estudantil.
Todo isto amosa a gran dificultade á que nos enfrontamos: de onde saca esta xente o tempo e as ganas para participar nas actividades do centro e, máis concretamente, nas de biblioteca?
A Carbateca
A nosa biblioteca denomínase Carbateca, formamos parte do PLAMBE desde 2019 e intentamos participar nos distintos programas que hai, aínda que é complicado formar parte dalgún deles. Sempre participamos no de Clubs de Lectura (actualmente temos 12 estudantes e 20 docentes) e levamos tres anos tomando parte no programa de Bibliotecas Escolares Solidarias.
En relación co comentado no apartado anterior, hai iniciativas nas que non ten cabida que participemos, como o programa de Lectura e Familias, ou no de Radio na Biblio (sumámoslle a esta a nosa falta de espazo xeral no centro).
O voluntariado na biblioteca escolar
O programa de Bibliotecas Escolares Solidarias ten tres modalidades de participación. Como o de voluntariado de lectura só é para primaria, nós xa non a incluímos, pero participamos nas outras dúas.
O voluntariado na biblioteca escolar está pensado para que o estudantado do centro participe dunha forma activa na biblioteca, axudando a facer préstamos, decorando nunha festividade, axudando a desenvolver diferentes actividades etc. Para nós isto é moi difícil porque, tendo en conta a casuística do alumnado comentada previamente e que están seis horas recibindo docencia (as sesións son de 60 min), a última das súas opcións é, na súa media hora de descanso, acudir á biblioteca «ordenar libros». É por isto que o noso voluntariado está orientado a facer que o alumnado sexa partícipe e beneficiario desta iniciativa e que aproveite esta oportunidade para poñer en práctica os coñecementos adquiridos durante a súa formación.
- Curso 2020/21 – A idea orixinal
A idea orixinal xurdiu cando a miña predecesora se decatou de que o alumnado da familia profesional de Sanidade acada coñecementos sobre saúde e primeiros auxilios, mentres que o estudantado das outras familias profesionais non (ou estes contidos son moi escasos). Con axuda dunha profesora do ciclo de Emerxencias Sanitarias (ES), conseguiu que algunhas alumnas, cunha base sólida na materia de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) e Heimlich, organizasen unha serie de obradoiros para o alumnado de ciclos formativos de Informática.
Estas estudantes realizaron pequenas exposicións teóricas con axuda de presentacións que elas mesmas prepararan aos diferentes grupos e, posteriormente, fixeron un obradoiro práctico no pavillón que se atopa ao lado do noso instituto.
O alumnado que recibiu esta formación indicou que estaba moi agradecido, pois puideron poñer de forma práctica algúns dos contidos que teñen na unidade de primeiros auxilios do módulo de Formación e Orientación Laboral (FOL).
- Curso 2021/22 – I Semana da Saúde
No seguinte curso, asaltounos a dúbida de por que limitalo a alumnado de Emerxencias Sanitarias. Non habería ninguén máis no centro que tivese algo que ofrecer?
Para poder chegar ao alumnado e saber se estaría disposto a participar neste voluntariado, contactouse primeiro co profesorado. A experiencia indica que, por moito que existan iniciativas, se non hai docentes que colaboren, é imposible levar a cabo as ideas planeadas.
Decidiuse organizar a I Semana da Saúde, en horario de tarde, xa que nos decatamos de que nese horario adoitan organizarse menos actividades que durante a mañá. Para esta iniciativa contamos con alumnado de Coidados Auxiliares de Enfermería (CAE), Emerxencias Sanitarias e Farmacia e Parafarmacia (FP), os cales levarían a cabo diferentes obradoiros relacionados coa saúde e a súa promoción.
Durante unha semana de abril, tivemos no recibidor do centro diferentes postos pertencentes a cada un dos ciclos participantes. En cada un deles había un roller-up decorado por eles mesmos e leváronse a cabo as diferentes actividades establecidas, que foron:
- Promoción da saúde con información sobre diabetes e medida de glicemia, prevención de infeccións de transmisión sexual, tabaquismo etc. por parte do alumnado de FP.
- Explicación de como realizar un correcto lavado de mans con xel hidroalcohólico e medida da tensión arterial por parte do estudantado de CAE.
- Obradoiro de realización da manobra da RCP baixo o lema de «Podes salvar unha vida coas túas mans?» por parte do alumando de ES.
Dentro desta I Semana da Saúde había unha tarxeta que che asinaban conforme participabas nos diferentes postos da actividade. Se cubrías todos, entrabas no sorteo dunha mochila saudable deseñada polo estudantado (noces, avea, corda de saltar, botella isotérmica, cervexas 0,0º etc.)
Esta experiencia foi moi gratificante para a xente participante, que amosou un grande interese por todas as temáticas tratadas. Por exemplo, o persoal de limpeza ía todos os días facer a medición da tensión arterial e aprender sobre a importancia de manter eses valores nun rango normal. Non obstante, tivemos menos éxito do esperado, o que foi debido a dous factores: no horario de tarde hai menos xente no centro e en abril o alumnado do réxime de DUAL xa non está no centro educativo.
Todo isto supuxo un reto para organizalo mellor os seguintes cursos, de forma que se chegase a un maior número de xente, tanto en horario de mañá coma de tarde.
- Curso 2022/23 – II Semana da Saúde e Mercado Solidario de Nadal
A motivación para o curso 2022/23 xa era grande, pois sabiamos que estabamos levando a cabo unha dinámica que funcionaba e que o obxectivo era mellorala.
Neste curso a biblioteca participou en dúas iniciativas solidarias: o Mercado Solidario de Nadal e a II Semana da Saúde.
Mercado Solidario de Nadal
En colaboración co equipo de dinamización da lingua galega, retomouse a organización dun Mercado Solidario de Nadal, que estaba parado por mor da covid-19.
Durante o mes de novembro fóronse recollendo no recibidor do centro distintos obxectos —roupa, complementos, películas, xoguetes etc.— que a xente tivese na casa e que quixese desfacerse deles, para así poder darlle unha segunda vida.
Ademais, o alumnado de FP elaborou no seu módulo de Formulación Maxistral cremas de mans, as cales tiveron moito éxito.
Por último, durante a realización desta actividade, xurdiu un obradoiro de adornos de Nadal no que aprendías a facer unha bóla decorativa de Nadal con bólas de porexpán e teas, esquíos con abelás etc. Tivo unha acollida moi boa e foi unha experiencia moi enriquecedora, debido ao tempo compartido entre os diferentes membros da comunidade educativa.
Con este mercado, entre o 18, 19 e 20 de decembro de 2022, recadamos 1100 € que foron destinados ao Banco de Alimentos de Ourense e ao Banco Solidario de Barbadás, concello limítrofe co noso centro.
II Semana da Saúde e Orientación Laboral
Para organizar a II Semana da Saúde volvemos contactar co profesorado que estivera interesado en colaborar, xuntándonos un total de seis docentes. Entre todos decidimos que, para mellorar a dinámica do pasado curso, este ano fariamos obradoiros independentes na xornada da mañá e na xornada da tarde. Ademais, a data para organizar esta actividade sería en febreiro, posto que o alumnado de segundo aínda non marchou ao seu período de FCT e aínda non están nas probas de avaliación final.
Participou alumnado de Emerxencias Sanitarias (ES), Farmacia e Parafarmacia (FP), que virían facer obradoiros polas mañás, e estudantado de Hixiene Bucodental (HIB), Dietética e Nutrición (DIE) e Química e Saúde Ambiental (QSA), que acudiría polas tardes.
En total, este curso académico, máis de 250 estudantes foron beneficiarios desta actividade.
As actividades que se enmarcaron nesta II Semana da Saúde foron:
- Obradoiro de Primeiros Auxilios. O alumnado de ES fixo, durante dúas mañás, unha pequena exposición teórica con posterior práctica sobre RCP e manobra de Heimlich a alumnado de Informática, incluído estudantado de FP básica.
- I Xornada de Bocas Abertas. O alumnado de HIB estivo dúas tardes realizándolle a toda persoa da comunidade educativa que quixese participar unha exploración da cavidade bucal de forma non invasiva. A exploración incluía unha pequena entrevista inicial, o revelado da placa dental, consellos sobre como limpar os dentes e un agasallo de cepillo e pasta, entre outros.
- Gabinete Dietético. O estudantado de DIE simulou o traballo que realizará no seu futuro profesional nunha clínica de nutrición, polo que, durante dúas tardes, fixo unha valoración do estado nutricional de toda aquela persoa que quixese acudir. Realizaban unha pequena historia clínica, tomaban medidas antropométricas (talle, peso etc.) e facían recomendacións sobre como ter hábitos de alimentación saudable, agasallando os participantes con froitas.
- Promoción da Saúde. Os participantes de FP simularon o labor que se atoparían nunha oficina de farmacia na súa profesión, en canto a tarefas de medición da tensión e o seu control, determinación de grupos sanguíneos e medidas de glicemias e indicacións de vida saudable.
- Obradoiro de Orientación Laboral. Esta actividade enmárcase dentro da II Semana da Saúde, aínda que non estea directamente relacionada. Como este curso houbo unha profesora de inglés e outra de FOL implicadas, o alumnado de QSA realizou unha tarde un obradoiro sobre entrevistas de traballo, elaboración de currículos etc. Todo isto con tips en inglés, por medio de dinámicas de role-play e para estudantes de diferentes ciclos formativos.
Esta dinámica resultou ter o éxito esperado, pois tanto as persoas voluntarias coma as participantes amosaron un alto grao de satisfacción coas actividades levadas a cabo.
- Curso 2023/24 – Quen sabe?!
O que planeemos para este curso 2023/24 dependerá do alumnado e do profesorado colaborador que teñamos, xa que, pola casuística deste tipo de centros, un ano unha actividade pode funcionar moi ben e ao ano seguinte non ter cabida.
Entre as ideas que nós temos, atopamos as seguintes:
- Volver colaborar no Mercado Solidario de Nadal. Este ano, unhas das actividades previamente organizadas serán os distintos obradoiros que xurdiron espontaneamente o pasado curso.
- Organizar a III Semana de Saúde, pois cremos que esta iniciativa veu para perdurar no tempo. Aínda que as actividades que se leven a cabo no seu marco dependerán do alumnado implicado, a dinámica será como a do curso pasado, pois funcionou «mellor» ca nos anteriores.
- Darlles a oportunidade a aquelas persoas que si que queiran dedicar o seu tempo de lecer a estar na biblioteca colaborando. Tamén abrimos a porta a que o alumnado ofreza as súas propias ideas, de forma que intercambien coñecementos. Por poñer un exemplo, se queremos facer un obradoiro de lettering e hai alguén que saiba facelo e o queira transmitir, poder darlle esa oportunidade.
A problemática que atopamos é a xa reflectida no inicio deste artigo. O noso alumnado pasa pouco tempo no centro educativo, veñen con ideas claras sobre o que queren facer e teñen outros compromisos e responsabilidades, ademais de estudar.
Conclusións
Coas actividades realizadas durante estes tres cursos académicas, obtivemos en todos eles o Selo Biblioteca Escolar Solidaria, recoñecemento que se entrega a bibliotecas que traballan valores de solidariedade e que fomentan o voluntariado cultural entre os integrantes da comunidade escolar. Este recoñecemento, xunto coa satisfacción da xente participante nas diferentes dinámicas, fai que o grao de motivación para seguir con estas iniciativas sexa elevado, intentando cada ano mellorar un pouquiño máis.
Para finalizar, volvo insistir en que, como coordinadora da Carbateca, me sinto moi agradecida por ter a oportunidade de plasmar neste documento a nosa experiencia, sobre todo pola posibilidade de que chegue aos responsables das bibliotecas de centros que somos minorías. Para poder seguir vendo o que facemos durante o curso, déixovos o noso Instagram (@carbatecacifpcarballeira)