
Campionatos de Formación Profesional
M.ª Pilar Álvarez Martínez
Asesora de Promoción e Difusión da Formación Profesional
Subdirección Xeral de Formación Profesional
Esta importante iniciativa permite que o empresariado galego coñeza as distintas competencias profesionais que se poden adquirir con estes estudos e a súa conexión directa cos sectores produtivos. Proba diso é a presenza dun importante número de empresas que patrocinan e avalan cada competición.
Ademais este campionato contribúe a:
- Promover a formación profesional que se imparte nos centros educativos.
- Potenciar as actividades de investigación, documentación e estudo no ámbito da formación profesional.
- Estimular o alumnado para a mellora da calidade nas ensinanzas de formación profesional.
- Recoñecer e estimular o labor do profesorado nos centros educativos.
- Potenciar a relación entre os centros educativos e as empresas do sector correspondente.
- Sensibilizar o alumnado sobre a importancia da preparación cara á súa incorporación ao mundo laboral e que sexa consciente da necesidade da aprendizaxe permanente ao longo da vida.
- Seleccionar o equipo que represente á Comunidade Autónoma galega nos Spainskills, edición nacional destes campionatos.
Cada competidor, que contou previamente coa colaboración dun profesor titor para a súa preparación, participa no skill realizando unha ou varias probas das que se avalía o resultado final e as habilidades e competencias demostradas na súa execución, con base nuns criterios de avaliación elaborados polo profesorado experto de cada skill. Este profesorado e mais os representantes das empresas patrocinadoras configuran o xurado de cada competición. A implicación activa do empresariado nestes campionatos en aspectos formativos, económicos e loxísticos fai que se desenvolvan moi ligados á realidade produtiva e laboral. Os dous mellores clasificados en cada skill obteñen a Medalla de Ouro e a Medalla de Prata e tamén un agasallo cedido polas empresas que patrocinan cada skill.
O Campionato Galego de Formación Profesional, Galiciaskills 2012, realizouse no pasado mes de outubro coa convocatoria de 20 competicións, que se desenvolveron en distintos centros educativos e no que participaron 81 alumnos de ciclos formativos. Esta segunda edición realízase tras a grande acollida por parte dos centros educativos e das empresas que obtivo a realización do primeiro Campionato Galego de Formación Profesional no ano 2010. Nesta segunda edición incrementouse de maneira notable o número de especialidades en competición con respecto á primeira edición, na que se competiu en 12 skills e na que participaron 53 alumnos.
Resultados Galiciaskills 2012
Relaciónase a continuación o alumnado que obtivo a Medalla de Ouro e a Medalla de Prata en cada skill e o centro onde cursa os seus estudos.
SKILL | MEDALLA | ALUMNO | CENTRO |
Torneadura | Ouro | Yago González Álvarez | IES Politécnico de Vigo |
Fresaxe | Ouro | Alexandre Fondevila Rodríguez | IES Politécnico de Vigo |
Prata | Xosé Daniel Ameneiros Díaz | CIFP Politécnico de Lugo | |
Solado e azulexado | Ouro | Daniel Nogueira Méndez | CIFP Porta da Auga |
Prata | David Rodríguez Reigosa | ||
Reparación de carrocerías de vehículos | Ouro | Miguel Pérez Purriños | IES As Mariñas |
Prata | Javier Núñez Doval | IES As Mercedes | |
Electrónica | Ouro | Ismael Rosende Rey | CIFP Politécnico Santiago |
Prata | Jorge Rodríguez Ampudia | CIFP A Xunqueira | |
Deseño web | Ouro | Josué Vázquez Rendo | IES A Carballeira |
Prata | Pablo Castaño Fernández | IES Ramón M.ª Aller Ulloa | |
Control industrial | Ouro | Jordi Vega Novo | IES Urbano Lugrís |
Prata | Iván Lemos Blanco | Colegio Fomento Montecastelo | |
Ebanistaría | Ouro | José Villaverde Fernández | CIFP A Xunqueira |
Prata | David Pajón Freire | IES Ortigueira | |
Carpintería | Ouro | Ramón Fraguas Iglesias | CIFP A Xunqueira |
Prata | David Galdo Loureiro | IES Ortigueira | |
Peiteado | Ouro | Lucía Domínguez Alonso | IES Teis |
Prata | Karina Paz Parada | IES Frei Martín Sarmiento | |
Coidados de beleza | Ouro | Jesica Martínez Amoedo | IES Teis |
Prata | Elyana Jorge Ventín | IES Johan Carballeira | |
Tecnoloxía da moda | Ouro | Felipe Amaya Iglesias | CIFP Paseo das Pontes |
Prata | Rocío Fernández Pérez | CIFP Manuel Antonio | |
Pastelería |
Ouro | Rosalía Alonso Figueroa | CIFP Manuel Antonio |
Prata | Marta Barcala Casal | CIFP Carlos Oroza | |
Tecnoloxía do automóbil | Ouro | Antonio López Lence | IES Mariñas |
Prata | Gabriel Adrián Fernández Rama | IES Pedra da Auga | |
Cociña | Ouro | Adrián Amoedo Martínez | CIFP Manuel Antonio |
Prata | Lucía López Seoane | CIFP Compostela | |
Servizo de restaurante | Ouro | Sainza Vázquez da Silva | CIFP Compostela |
Prata | José Francisco Brea Romero | CIFP Paseo das Pontes | |
Pintura de vehículos | Ouro | Adrián Suárez Parafita | IES As Mariñas |
Prata | Luis Alberto Gómez Zamorano | CIFP Ferrolterra | |
Xardinería paisaxística | Ouro | Jorge Magariños Alende | CIFP A Granxa
|
Ouro | Sergio Lizarza Moreno | ||
Prata | David Óscar Cruz Alonso | ||
Prata | Heitor Fernández Méndez | ||
TI PC soporte de rede | Ouro | Alejandro Romero Rivera | CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro |
Prata | Francisco Javier Louro González | IES San Clemente | |
Deseño gráfico | Ouro | Iván García Vázquez | IES Leixa |
Prata | María Carbón Sabín |
Os gañadores da Medalla de Ouro de cada skill competirán representando a Galicia na Olimpíada Nacional de Formación Profesional, SpainSkills 2013, que terá lugar en Madrid no vindeiro mes de febreiro de 2013. Este alumnado, xunto con tres xefes de equipo, elixidos entre o profesorado titor dos competidores e o profesorado experto, un por cada skill, e que actúa como membro de cada xurado en representación da nosa comunidade autónoma, conformarán o equipo galego que representará a nosa comunidade autónoma en Spainskills 2013.
En Spainskills participan todas as comunidades autónomas e as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, coordínase a través do seu comité técnico, composto por un representante de cada comunidade autónoma e presidido polo Ministerio de Educación. Así mesmo, colabora un numeroso grupo de importantes empresas a través de distintas formas de patrocinio. Esta colaboración fai posible que o proxecto se desenvolva e que, ademais, o faga ligado á realidade empresarial e á do mundo laboral e que defina en gran maneira a nosa formación profesional.
Estas olimpíadas de formación profesional teñen tamén a súa edición internacional, Worldskills, nas que, ao seren competicións eminentemente prácticas, se miden as destrezas e as competencias profesionais dos participantes de 52 países en 40 especialidades, durante 4 días de competición, co que isto implica cara á promoción das competencias profesionais no marco da formación profesional no ámbito mundial.
Precisamente foi España a fundadora dos primeiros campionatos internacionais de formación profesional, que se realizaron en 1950 e que tiveron a súa orixe nun concurso nacional que se levou a cabo por primeira vez en Madrid e que foi todo un éxito, con catro mil alumnos participantes. Ao longo dos anos incorporáronse máis países, ata constituírse a organización internacional WorldSkills, co obxectivo de converterse no referente mundial para a difusión e a promoción da formación profesional. Nos seus inicios, España organizou o campionato internacional en diversos lugares da súa xeografía, como Madrid, Xixón ou Barcelona e foi membro de WorldSkills ata 1991; en 2005 España regresa á organización como membro oficial, coa identificación de SpainSkills e volveu competir na olimpíada internacional que se realizou en Shizuoka (Xapón) en 2007, na de Calgary en 2009 e na de Londres en 2011.
A presenza de España mantívose en detalles como o Premio Albert Vidal en lembranza do seu fundador, o valenciano Francisco Alberto Vidal; na súa memoria e como recoñecemento ao gran labor desenvolvido en prol da formación profesional, WorldSkills creou o Premio Albert Vidal (Albert Vidal Award) ao mellor participante, o que obteña a puntuación máis alta de toda a competición internacional.
Desde setembro de 2008 e por proposta da delegación holandesa, ademais das competicións nacionais e a competición internacional, realízase tamén unha competición europea, coñecida como EuroSkills, que tamén é cada dous anos pero coincidindo cos anos pares; a competición nacional e a internacional coincide o mesmo ano e é nos anos impares.
Estas competicións colocan en primeiro plano a innovación asociada á evolución das cualificacións e á innovación da formación profesional, xa que toda competición implica mellora e innovación constante para perfeccionar os resultados. Ademais, con elas tamén se contribúe a:
- Motivar a xente nova, profesorado e empresarios para alcanzar o nivel máis alto de excelencia.
- Fomentar o intercambio de ideas, experiencias, a través do concurso, seminarios e reunións.
- Difundir información sobre os estándares de competencias mundiais.
- Motivar a xuventude a continuar a súa formación e adquirir as competencias pertinentes para a súa carreira.
Neste sentido, estes campionatos de formación profesional serven de plataforma de encontro entre os responsables das políticas de formación profesional de todo o mundo e os representantes de empresas multinacionais para intercambiar experiencias entre os distintos sistemas educativos e medir a súa adecuación ás demandas da industria.
Galicia sempre estivo presente nas competicións internacionais, debido aos bos resultados obtidos nas competicións nacionais; así en Xapón, no skill de Restaurante e bar, competiu unha alumna do CIFP Compostela, en Calgary competiu alumnado galego nos skills de Carrocería, Tecnoloxía da moda e Peiteado e en Londres os competidores que representaban a España no skill de Restaurante e bar e no skill de Solado e azulexado eran alumnos do IES de Vilamarín e do CIFP Porta da Auga, respectivamente.
Estas olimpíadas de formación profesional poñen en evidencia a valoración destes estudos por parte do sector empresarial, que se pon de manifesto no seu grao de implicación nas distintas competicións e que contribuíu a que a imaxe e a estima social da formación profesional mudase moito nestes últimos anos; debido, en boa medida, a que os empresarios recoñecen a calidade e a idoneidade desta formación de cara ás competencias que se demandan. Aínda que a súa situación mellorase, a formación profesional segue tendo un gran potencial de crecemento que se debe seguir impulsando, porque nesta sociedade os modelos de produción e de consumo están sometidos a extraordinarios cambios de todo tipo e isto esixe a formación de profesionais especializados.
A realización destes campionatos é unha iniciativa que, ademais de reforzar e contribuír á difusión da formación profesional, crea ilusión entre a xente nova cara ao seu futuro, especialmente nestes momentos na que a situación económica actual esixe unha formación profesional que permita lograr empregos de calidade, que achegue riqueza e benestar á sociedade e que sexa accesible a un maior número de persoas.