Singapur inclúe o español no seu sistema de ensino

Singapur incluíu o español dentro do seu sistema educativo. A partir de 2014, os estudantes de educación secundaria (de 12 a 17 anos) poderán estudar español como terceira lingua e, a partir de 2018, incluirase na oferta de ensino dos colexios preuniversitarios.

O ministro de Estado de Educación de Singapur, Lawrence Wong, anunciou esta medida durante a inauguración dun novo centro de ensino de idiomas e subliñou o incremento de relacións entre España e Singapur, así como o seu interese en que o coñecemento do idioma contribúa a estreitar aínda máis os lazos con España e o mundo hispanoparlante.

Esta decisión é consecuencia do acordo sobre cooperación cultural, educativa e científica asinado entre España e Singapur en abril de 2011 e responde á crecente demanda de clases de español por parte de estudantes e profesionais dese país.

Singapur é un centro económico e financeiro de primeira orde no ámbito mundial e conta coa economía máis aberta ao comercio e ao investimento internacional. Nos últimos anos converteuse nun referente en cuestións enerxéticas e de I + D na rexión Asia-Pacífico.

Singapur vén mostrando un crecente interese por América Latina e é un dos principais impulsores do Foro para a Cooperación entre Asia Oriental e Latinoamérica (FEALAC), que se instituíu por iniciativa súa en 1999.

Sección: