O dereito á educación máis alá do 2015

Sociedade civil e dereito á educación: unha mirada cara ao futuro

 

O 16 de novembro de 2012 realizouse na Axencia Española de Cooperación Internacional ao Desenvolvemento (AECID) unha xornada que, baixo o título Sociedade civil e dereito á educación: unha mirada cara ao futuro, analizou os retos pendentes nas distintas rexións do mundo para alcanzar o obxectivo dunha educación para todos e todas.

Esta xornada, formulada pola Coalición Española da Campaña Mundial pola Educación (formada por Axuda en Acción, Educación Sen Fronteiras e Entreculturas) e apoiada pola AECID, abordou temas como o papel da sociedade civil no logro da educación para todos e todas (EPT) e a panorámica do dereito á educación máis alá do 2015, data fixada para o cumprimento das metas da EPT.

En palabras de Salange Akpo, membro do African Network Campaing on Education For All (ANCEFA): “En África hai unha brecha de 30 millóns de nenos e nenas fóra do sistema escolar, o que supón un panorama decepcionante” .

A Campaña Mundial pola Educación traballa para reverter esta situación e que todas as persoas teñan acceso a unha educación de calidade. Os gobernos africanos comprometéronse en 2010 a dedicar o 9% do PIB á educación e a media rolda o 4%.

O traballo cos gobernos e o seguimento de políticas públicas é fundamental dentro da CME. “O fortalecemento da sociedade civil, formar a cidadanía para que saiba como defender os seus dereitos é fundamental para alcanzar o obxectivo da Educación para Todos e Todas”, segundo Bernie Lovegrove, membro da Asia South Pacific Bureau of Adult Education (ASPABAE).

Todas as intervencións coincidiron na importancia do cumprimento do dereito á educación como porta de acceso a outros dereitos. Camila Croso, presidenta da Campaña Mundial pola Educación, comentou a necesidade de ir máis alá do meramente educativo e traballar en alianza con todos os actores implicados.

Nestas xornadas debateuse sobre o cumprimento dos Obxectivos de desenvolvemento do milenio (ODM) e a necesidade de traballar máis alá do seu vencemento en 2015, pero “sen esquecer que aínda quedan tres anos para o seu cumprimento e aínda debemos facer todo o posible para avanzar nas metas propostas nestes para a erradicación da pobreza”, segundo Camila Croso.

Estas e outras iniciativas foron debatidas nestas xornadas que contaron, ademais, coa presenza de Ilich León (Campaña Latinoamericana polo Dereito á Educación), Hellen Gudmandsen (CME Dinamarca), Amalia Navarro (Campaña do Milenio), Luis Arancibia (CME España), Laura López de Cerain e Carmen Rodríguez Arteaga (AECID), Muleya Mwananyanda (Secretariado Internacional CME), Agustín Alonso (Entreculturas), Alberto Casado (Axuda en Acción) e Olga García (Educación Sen Fronteiras).

 

Sección: