Premio Protagonistas da Educación para o proxecto Abalar

Cultura e Educación ve recoñecido o proxecto Abalar co premio Protagonistas da Educación 2012, da revista Magisterio

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria viu recoñecido o traballo na posta en marcha e implantación do proxecto Abalar co premio Protagonistas da Educación 2012. O galardón, outorgado pola revista Magisterio, valora o esforzo do departamento educativo da Xunta de Galicia para o desenvolvemento desta estratexia, que desde o curso 2010-2011 procura a integración das novas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) no sistema educativo de Galicia. A entrega de premios, realizada en Madrid o 30 de novembro, estivo presidida pola súa Alteza Real a Princesa de Asturias.

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, recolleu o premio en representación da consellería, nunha cerimonia na que se recoñeceu o labor educativo dunha decena de actuacións. Para outorgar este galardón, Magisterio salientou a colaboración da consellería na mellora da educación española a través do Abalar, “que permitiu a integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, mellorando as competencias do alumnado, a innovación docente e a transferencia e o intercambio de experiencias educativas entre os centros de ensino galegos”.

Abalar chegará este curso 2012-2013 ao seu terceiro ano de implantación, no que beneficiará a máis de 44.000 estudantes de 535 centros Abalar de toda Galicia. Isto supón que a implantación do proxecto xa chegou ao 50% dos centros escolares que imparten educación primaria e secundaria obrigatoria.

Valorar a tarefa de educar

Os premios Protagonistas da Educación procuran salientar a vontade, o esforzo e o compromiso que persoas e institucións levan a cabo acotío nunha tarefa tan transcendente como é a de educar. Así, ademais das estratexia de implantación das TIC no ensino da Xunta de Galicia, nesta edición de 2012 foron galardoados a World Innovation Summit for Education (WISE), iniciativa global que promove as boas prácticas en todo o mundo; o proxecto Superpadres, que acompaña os proxenitores durante todo o proceso educativo dos seus fillos; Micropolix, unha alternativa lúdica para educar; ou o mesmo Abalar. Así mesmo, resultaron tamén galardoados o programa Prensa-escuela La Voz de la Escuela, do Grupo Voz; e a FP Dual alemá, pola súa capacidade para mellorar a empregabilidade dos máis novos.

No que respecta a institucións, foron premiados os diferentes programas educativos para a integración, a inclusión e a normalización desenvolvidos pola ONCE; o Instituto de Ensinanzas a Distancia de Andalucía (IEDA), polo seu apoio á formación ao longo da vida; e a Federación Down España, polo seu extenso labor educativo a prol da integración do alumnado con necesidades educativas especiais.

Con carácter individual, Magisterio outorgou un dos seus galardóns anuais a Sir William Atkinson, como referente de liderado educativo que conseguiu que o instituto Phoneix High School pasara de ser un centro con altísimas taxas de abandono a ser un dos institutos máis valorados do Reino Unido.

Asemade, a publicación concedeu dúas mencións especiais, unha ao colexio Ponce de León (Madrid), referente na educación de alumnas e alumnos con dificultades auditivas; e a outra á docente Victoria Subirana, fundadora de Pedagoxía Transformadora, polo traballo realizado para a educación de rapaces con poucos recursos en Nepal.

Sección: