O Instituto Cervantes e a Consellería de Cultura e Educación colaborarán na difusión da cultura galega no exterior
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o Instituto Cervantes, representado polo seu director Víctor García de la Concha, comprométense a colaborar na difusión da lingua e cultura galegas no ámbito internacional.
A través deste marco de colaboración, os centros do Instituto Cervantes do exterior acollerán a realización de actividades programadas pola Xunta de Galicia, de acordo co interese estratéxico para a cultura galega nos diferentes países nos que a institución española está presente.
Durante a reunión, García de la Concha manifestou o interese do Instituto Cervantes por contribuír á difusión da diversidade lingüística e cultural de España a través dos seus centros, unha canle que Anxo Lorenzo destacou como “unha oportunidade para dar a coñecer as novas iniciativas culturais galegas”.