Astronógrafo Navalón
José Ángel Abraldes Rodeyro, Director do Centro de Recursos Educativos da ONCE (Pontevedra)
Juan Carlos Asensi Marzal, docente no IES Torrente Ballester (Pontevedra)
Fátima María García Doval, exdirectora do CEE Manuel López Navalón (Santiago de Compostela)
Un pouco de historia
En 1857 publicouse a Lei de instrución pública, coñecida como Lei Moyano que, entre outros preceptos de carácter innovador, regulaba unha educación básica de persoas xordas e cegas e establecíase para tal fin en cada distrito universitario un centro educativo especializado. A realidade foi ben distinta. Unicamente o distrito de Santiago de Compostela atendeu esta petición e en 1863 foi nomeado Manuel López Navalón, natural de Seseña (Toledo), e ata o momento mestre de escritura de persoas cegas no Colexio Nacional de Xordomudos e Cegos, como primeiro director. Referirémonos a el como Navalón por ser este o apelativo co que era distinguido por amigos e colegas. Recibiu pois, Navalón, a encomenda de fundar o centro, conseguir espazos, arranxar o seu sostemento económico, establecer o seu regulamento, buscar persoal e, en suma, todas as acción necesarias para que o 1 de xuño de 1864 abrise as súas portas o centro en San Domingos de Bonaval, compartindo instalacións de aloxamento coa inclusa e nunhas condicións un tanto penosas en materia de acomodación e alimento.
A situación precaria do internado, repetidamente denunciada por Navalón nas diversas memorias do centro, contrasta en todo coa situación de avance pedagóxico e rigor formativo que caracterizaban a ensinanza impartida no centro.
Estamos a falar dun centro educativo orientado á atención á diversidade a mediados do século XIX, momento no que numeroso alumnado era considerado ineducable. A visión máis avanzada entendía que o alumnado con discapacidade sensorial era susceptible de aprender, en determinados casos, un oficio que o apartase do seu destino case que certo cando non había detrás unha familia capaz de sostelo: a mendicidade. A mentalidade de Manuel López Navalón e do seu equipo docente vai moito máis aló. No seu centro edúcanse nenos e nenas e hai o mesmo número de prazas para alumnado dun e doutro sexo e para persoas cegas e xordas. Os estudos inclúen catro anos de formación básica e catro de formación de ampliación que podía ser de corte máis académico ou industrial en función das capacidades e expectativas vitais do alumnado. Utiliza Navalón de maneira extensiva o código braille, que acababa de inventarse, tanto nos textos como, incluso, na notación musical (os estudos do alumnado cego inclúen formación en música e a práctica de instrumentos como a guitarra ou o piano). Na ensinanza o alumnado xordo utiliza sistemas de signos manuais que van máis aló do alfabeto dactilolóxico, para o que conta con libros especializados traídos do estranxeiro.
O programa de estudos está pensado para ser tan avanzado como sexa posible. Non se conforma Navalón con trasladar uns rudimentos de lectoescritura mínimos para a práctica profesional, senón que busca ampliar a formación académica do seu alumnado en moi diferentes campos da literatura, a matemática e as ciencias naturais e sociais. O reitor en persoa adoitaba presidir os exames de final de curso para comprobar os avance e progresos académicos do alumnado.
É con este afán que Navalón deseña diversos obxectos, como globos terráqueos en relevo e aparatos entre os que destacan os orientados ao ensino do debuxo e da astronomía tanto a persoas xordas como cegas. Xa desde as orixes do seu traballo en Compostela deseñou modelos con listóns e bisagras para as súas clases de debuxo para persoas cegas, inicialmente en 2D e logo con figuras en 3D. Sobre esta idea avanzaría con diversos aparatos baseados na inserción de arames en grades de buratos para darlle a maior liberdade manipulativa ao alumnado.
Non resulta posible estenderse en demasía na historia daqueles primeiros días dun centro que actualmente segue en activo, máis de 157 anos despois, baixo o nome de CEE Manuel López Navalón. Un centro para o cal foi construído o complexo que hoxe en día ocupa a Xunta de Galicia en San Caetano e que actualmente se sitúa na faldra do monte Pedroso (Santiago de Compostela), que enviou pezas a diversas exposicións internacionais e que foi motivo de asombro e admiración xeneralizada. Son moitos os elementos interesantes que amosan unha visión da atención á diversidade máis dun século avanzada ao seu tempo. Centrarémonos unicamente nun dos aparatos da súa invención. Un que chegou ata os nosos días, perdido o seu uso e memoria, como una bagatela nos fondos do Museo Tiflolóxico Nacional, o astronógrafo Navalón, e cuxa recuperación embarcou o equipo asinante nunha longa aventura de pescudas histórico-científicas.
Como a memoria de Manuel López Navalón, director dun centro tan emblemático na cidade que foi visitado por Afonso XIII en 1909 co gallo da súa visita a Compostela para a inauguración da exposición rexional (Navalón falecera 7 anos atrás), un persoeiro tan querido en Compostela que mesmo un arrefriado inoportuno aparecía na prensa como nova acompañada dos mellores desexos de recuperación pronta, un membro destacado da Sociedade Económica de Amigos do País, chegou a perderse pode explicarse por tres factores que se conxugaban na súa persoa: Navalón era republicano recoñecido e publicamente significado; masón, membro da loxia Luz Compostelana, e presumiblemente protestante, xa que o seu nome na irmandade era Lutero.
Perdido a plena vista
Á morte de Navalón, o centro depositou o seu legado, entre o que se atopaban os seus aparatos (o seu testamento cita ata tres astronógrafos) conservados cun grao de uso descoñecido. Será nos anos corenta do pasado século cando, logo da fundación da ONCE e do establecemento dun colexio de nenos en Pontevedra (e de nenas en Sevilla), o centro pase a atender unicamente alumnado xordo. Non está claro que parte dos fondos, por aquel entón case que museográficos, pertencentes ao legado de Navalón quedaron no actual CEE e cales foron transferidos ao centro de Pontevedra (hoxe Centro de Recursos Educativos,CRE). En calquera caso, o seu uso perdeuse progresivamente por completo. Coa fundación do Museo Tiflolóxico Nacional da ONCE, igual que coa fundación posterior do Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA), búscase recoller elementos históricos dos depósitos dos centros máis senlleiros e dous astronógrafos acaban finalmente nos fondos do madrileño museo da ONCE catalogados como aparatos para realizar «cartas astrais en Galicia, anterior a 1936». Sendo o segundo certo pero inexacto, veremos que o primeiro estaba totalmente equivocado.
No ano 2005, no proceso de trasladar ou desbotar mobiliario de diversa antigüidade totalmente deteriorado pola couza, aparecen unha serie de documentos históricos (como o mencionado testamento), documentación antiga do centro, correspondencia institucional de diversas épocas, libros da biblioteca persoal de Navalón e varios recortes de prensa que fan esbozos biográficos de Navalón como docente xa recoñecido no ámbito nacional e con motivo do seu obituario. Trátase dun artigo de El Mortero e outro de La Escuela Moderna (equivalentes na época de Magisterio e Cuadernos de Pedagogía). Non se trata de textos sinxelos de trazar, posto que as columnas están coidadosamente recortadas e pegadas sobre un folio e faltan as cabeceiras que poderían dar pistas sobre a súa procedencia.
Non será ata que a Biblioteca Nacional inclúa estas publicacións na colección dixitalizada de libre acceso que poderán atoparse os orixinais destes recortes coas partes perdidas, así como novas referencias descoñecidas e a única foto conservada de Navalón, que teñamos noticia. Quen gusta de mergullarse na historia non pode estar nunca suficientemente agradecido pola proliferación de bibliotecas dixitais, como Galiciana ou a mencionada Biblioteca Nacional, que achegan tanta e tan valiosa documentación no espazo e no tempo.
En referencia expresa ao aparello que nos ocupa, dicía El Mortero o 6 de decembro de 1897:
consiste nun bastidor engastado nun caixón. No seu centro ten un círculo graduado, resolvéndose polo seu medio todos os problemas da xeografía astronómica, como sistemas do Universo, eclipses, fases da Lúa, hemisferios, variedade de estacións, meses e días, eixe da terra, polos, ecuador, círculos polares, construción das esferas terrestre e celeste, horizontes, puntos cardinais, divisións astronómicas, círculo que traza un pobo no espazo de 24 horas e, en fin, outra infinidade de cousas difíciles de enumerar, pero todo isto con suma sinxeleza, sen confusión algunha e tan graficamente, que parece como que estamos no punto onde se está verificando o fenómeno que estudamos: e como todo isto o fai o cego con liñas de arame que pon e quita con asombrosa rapidez e precisión, aínda que lle falta a vista, chega a ter noción máis exacta e completa ca nós do mundo no que vive, pois a nós só nos dan definicións teóricas que terminamos por non entendelas nin comprendelas a pesar das explicacións do profesor que adoitan ser tan escuras e deficientes como as que aprendemos nos libros.
Este profuso relato das funcionalidades do astronógrafo pouco ten que ver cun posible uso na redacción de cartas astrais e sitúa o aparello nun momento moi anterior, como era de esperar, a 1936, pero os rexistros históricos non parecen convencer a ninguén. Nin conservadores de museos nin académicos cren que o astronógrafo poida servir para tantos e tan complexos propósitos, incluso cando teñen a oportunidade de analizar en persoa o aparello que, con motivo do 150.ª aniversario da inauguración do colexio, viaxa a Compostela da man da USC para unha exposición temporal.
Descifrando o astronógrafo
O traballo de investigación levado a cabo fundamentalmente por Fátima García, ata entón directora do CEE Manuel López Navalón (de 2005 a 2014), parece topar cunha vía morta. Pero transcorridos catro anos, en 2018, o CRE da ONCE en Pontevedra celebra o seu 75.º aniversario e con tal motivo organízase tamén unha exposición temporal que trae de novo a Galicia o astronógrafo. É naquel momento cando a exdirectora do centro e José Ángel Abraldes, director do CRE, alían os seus esforzos para tratar de desentrañar o funcionamento do aparello optando por vías menos ortodoxas. Faise un chamamento en redes sociais (particularmente Twitter) orientado a persoas afeccionadas á astronomía que teñan interese en estudar o posible funcionamento do astronógrafo. Será a pontevedresa Asociación Astronómica Sirio a que responda que un dos seus membros, sen perfil en redes sociais, casualmente docente no IES Gonzalo Torrente Ballester, a escasos 200 metros do CRE da ONCE, está especializado na reconstrución de instrumentos astronómicos antigos e estaría encantado de intentar descifrar o astronógrafo.
Unha breve inspección visual durante a exposición de 2018 e unha minuciosa análise con programas de deseño gráfico para a realización de medicións sobre fotografías tomadas, tanto nesa ocasión como con posterioridade, permitiron dar coas claves do seu funcionamento. Neste proceso foi vital a colaboración do Museo Tiflolóxico, que realizou probas, medicións e fotografías extremadamente meticulosas seguindo as indicacións de Juan Carlos Asensi, astrónomo afeccionado e construtor de instrumentos astronómicos históricos e parte xa do equipo.
Tal e como se mencionou, e como pode comprobarse nas fotografías, consérvanse dous astronógrafos. Un primeiro modelo, que chamaremos primitivo, realizado aproveitando unha caixa de puros coa inscrición 1882, de factura máis basta e simple, e con taboíñas con inscricións braille a unha cara; e un segundo mellorado, que situamos en 1884, realizado ex profeso con diferentes tipos de madeira de xeito coidado e cun resultado final exquisito. As taboíñas braille desta segunda versión, ademais, contan con inscricións en ambas as caras.
Non podemos esquecer que o sistema braille se estandarizou no Congreso Internacional de París de 1878, apenas uns anos antes da realización dos astronógrafos. Navalón realiza todos os seus aparellos pola súa propia man e, as máis das veces, reutilizando material de refugallo (como a mencionada caixa de puros ou as pautas braille que realizaba a partir de restos de folla de lata para que o seu alumnado escribise), algo que admira, confunde e divirte os seus coetáneos. Falta máis dun século para que a idea da reciclaxe cale na sociedade en xeral e no sistema educativo en particular.
O astronógrafo non é unha excepción. Navalón constrúeo á man e, para poder facer os resaltes braille, crava un por un centos de cravos de cabeza perdida. Este sistema, por máis coidado que puxese, fai que a separación entre puntos non sexa tan perfecta como o é hoxe en día. Isto, unido a que a madeira é un material vivo que, no transcurso dos decenios, encolleu ou ensanchou de modo desigual, mínimo pero perceptible, fai que o descifrado dos textos por lectura ao tacto resulta case que imposible. Será o propio Juan Carlos Asensi quen visualmente descifre os textos das taboíñas sabendo que, como di un dos textos da época: «hai unhas taboíñas a cada lado do círculo con puntos en relevo: a da esquerda marca os graos de latitude e as horas, e a da dereita, os nomes dos puntos xeográficos principais que corresponden aos graos e horas sinalados na primeira».
Así pois, a da esquerda contén unicamente números e a da dereita, letras. Esta precisión supón unha axuda que permite salvar moitos dos obstáculos presentes (ademais da falta de regularidade dos puntos braille), sobre todo algún fallo (letras braille postas por erro en espello), algún posible cravo perdido etc. Pero resulta, ademais, que os lugares non se representan polo seu nome senón por un conxunto de siglas ou acrónimos que converten o texto nun galimatías.
Algunhas das abreviaturas, as situadas en latitudes máis altas, presentan menos dificultades. Así «berin, gro, sibe, esq, lapo, samo» poden corresponder ao estreito de Bering, Groenlandia, Siberia, esquimós, Laponia, samoiedos, lugares e pobos indíxenas do ártico. Pero outras resultaban absolutamente irrecoñecibles.
Pasando á análise da parte numérica, por se esta ofrecese máis pistas, suponse que as horas representan coordenadas de lonxitude que, xunto coa latitude, situarían os puntos xeográficos. Pero os puntos obtidos non representaban lugares de particular interese na época (nin agora). Con todo, situados nun mapa semellaban a traxectoria dunha eclipse solar. Seguindo esta pista falsa e rastrexando numerosas eclipses no século XIX, apareceu unha que practicamente se axustaba á liña trazada polos puntos do astronógrafo.
Non sería ata que Juan Carlos Asensi, incansable, caeu un día na conta de que got se asemellaba a Göteborg e, situado este nun mapa, ocorréuselle que as abreviaturas podías representar lugares nun paralelo terrestre da latitude dada. E, en efecto, así, unha tras outra, a maioría das abreviaturas converteuse en lugares relevantes, pasando «pa mu vi t» a ser París, Múnic, Viena e Budapest. Illas, accidentes xeográficos, rexións, pobos e tamén, claro está, cidades de relevancia na época.
Unha dificultade engadida está tanto nas denominacións dos lugares nas diferentes linguas como no cambio de denominación histórica. Así, por exemplo, a abreviatura «fo» corresponde a Taiwan, denominado Formosa polo nome que os mariños portugueses lle outorgaron á illa en 1542. De igual xeito «y» corresponde a Yedo, nome co que se coñecía Tokio na época no noso país.
Unha vez descifrado o contido textual, foi preciso comprender o significado dos datos numéricos. Logo de numerosas análises, probas e consultas a diversas fontes, pareceu claro que a primeira columna amosa as horas de sol máximas dun lugar (isto é, o día do solsticio de verán) sen ter en conta a refracción atmosférica, un matiz importante que levou o seu tempo descifrar. A partir deste dato, Navalón toma dunha publicación científica (máis probable) ou calcula por si mesmo as latitudes con precisión de graos e minutos, dos paralelos correspondentes aos tempos de insolación. Esta forma de representación correspóndese cun concepto hoxe en desuso: os climas astronómicos. A idea de dividir a terra en franxas regulares segundo as horas de insolación provén do período grecorromano e evoluciona ao longo da historia fixando paralelos que pasan polas cidades nas que o día máis longo ten unha duración dada.
O cambio de paradigma na división dos climas (zonas térmicas vs. zonas de insolación máxima) ocorre entre finais do século XIX e principios do XX polo que, cando Navalón fai o seu astronógrafo, aínda son populares os libros que inclúen táboas «climata» e con base nestas fanse diferentes cálculos astronómicos. É o caso do manual Principios de xeografía astronómica, física e política de F. Verdejo Páez, do que a Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela conserva varios exemplares e, en concreto, edicións de 1861 e 1879 que teñen exactamente os mesmos datos que inclúe o astronógrafo. Convén recordar que o Colexio Rexional de Xordomudos e Cegos do Distrito Universitario de Santiago, que Navalón dirixe, asenta sobre un padroado das catro deputacións e está rexido pola Universidade de Santiago, polo que tivo pleno acceso a estes exemplares e quen sabe se algún deles foi mercado polo seu expreso pedimento.
Completamente desentrañadas as taboíñas, comprender o uso do aparello, sen resultar trivial, parece xa unha tarefa abordable que, non obstante, contaba cun obstáculo engadido. Como sabemos, conservamos dous astronógrafos. Os dous incluían arames curvos, como os que formarían a metade dunha esfera armilar, e planos, que se insiren nos buratos da esfera de reloxo astronómico que preside a zona central. Pero non todos os arames encaixan ben e algúns parecen non encaixar en absoluto. Nun principio pensouse que, tal vez, os moitos anos no Museo Tiflolóxico (no que as persoas visitantes manipulan os obxectos) tiña deformado algún dos arames, pero pronto foi obvio que estaban todos mesturados. Grazas a que os dous aparellos teñen tamaños lixeiramente diferentes e á infinita paciencia de Juan Carlos Asensi medindo un por un nun programa de debuxo os arames das fotografías facilitadas polo Museo (nesta fase estabamos xa en pleno confinamento covid) quedou determinado que os arames planos pertencen ao astronógrafo primitivo, o que permitía un traballo en 2D; e os arames curvos á versión mellorada, permitindo unha reconstrución tridimensional da esfera celeste e das súas liñas imaxinarias. Algúns dos arcos e unha das varas teñen marcas serradas no latón, o que permitiría, de maneira táctil facer contas e cálculos.
Así, os astronógrafos permitían, en efecto, resolver todos os problemas de xeografía astronómica que os escritos da época describían, incluso simulando eclipses; entre eles, moitos dos problemas que o citado manual universitario de Verdejo Páez inclúe e que, de acordo coas crónicas, o alumnado de Navalón resolvía con soltura. Ademais, contrariamente ao que ocorre nunha esfera armilar, os arames non están fixos senón que se desmontan e gardan, de maneira que o alumnado debe seleccionar aqueles que precisa e construír coas súas propias mans o modelo necesario sobre o que realizar os cálculos.
Epílogo
As implicacións didácticas, xa non para unha pedagoxía diferencial das persoas cegas senón para o conxunto do alumnado, son de enorme transcendencia hoxe en día e trasladan unha importante lección sobre o valor dos recursos e métodos didácticos axeitados na educación do total do alumnado. Difícil asumir o que podían supoñer hai máis de 100 anos, cando a atención á diversidade na educación era aínda un fenómeno incipiente, case embrionario. Navalón deixou de enviar os seus aparellos a feiras internacionais se non era da súa man e cunha representación de alumnado que fixese as demostracións pertinentes porque volvían estragados a mans de incrédulos incapaces de entender e asumir o seu funcionamento.
Manuel López Navalón, mestre de escritura, home de ciencia, docente convencido do poder da educación sobre todas as persoas, mesmo aquelas consideradas case que ineducables no seu tempo, con tesón, modelando material de refugallo coas súas propias mans, foi quen de inventar aparellos que hoxe parecen imposibles e que permitían que escolares cegos (nenos e nenas) hai xa máis de 100 anos entendesen o universo sobre as súas cabezas e o planeta no que vivían.
Hoxe, máis dun século despois, as tres persoas que nos embarcamos nesta aventura e que contamos coa axuda inestimable do Museo Tiflolóxico da ONCE en Madrid, do CEE Manuel López Navalón en Santiago de Compostela e do CRE da ONCE en Pontevedra, estamos convencidos de que o astronógrafo é un recurso didáctico inclusivo de primeira orde que debe volver ás aulas para que todo o alumnado xunto poida pensar coas mans e gozar dos segredos do universo visto desde este pálido punto azul. Un anhelo que xa intuían os periodistas da época cando dicían «aínda que lle falta a vista, chega a ter noción máis exacta e completa ca nós do mundo no que vive, pois a nós só nos dan definicións teóricas que terminamos por non entendelas nin comprendelas a pesar das explicacións do profesor que adoitan ser tan escuras e deficientes como as que aprendemos nos libros». Como había de ocorrer con outros pedagogos que traballaron con alumnado con NEE (recordemos que os traballos de María Montessori son 20 anos posteriores a Navalón), os materiais e métodos deseñados para ensinar a quen ten dificultades de aprendizaxe resultan de extrema utilidade co alumnado xeral.
Así, o final dun traballo de investigación convértese no principio dun traballo de desenvolvemento de materiais didácticos. Porque, como dicía o sabio do sombreiro lareteiro na película Dentro do labirinto: «En ocasións, para avanzar hai que retroceder».
PARA SABER MÁIS: Juan Carlos Asensi Marzal inclúe no seu blog unha completa crónica do proceso de descifrado, así como exemplos de posibles exercicios para realizar co astronógrafo, ademais doutros exemplos do seu labor como construtor de instrumentos antigos.
Asensi Marzal, J. C. (2021). Descifrando los astronógrafos de Navalón de 1882 y 1884 (investigación 2018-2021). Dispoñible en https://anticiterasyastrolabios.wordpress.com/2020/02/16/descifrando-el-astronografo-navalon-de-1884-2018/
Lei de instrución pública autorizada polo Goberno para que rexa desde a súa publicación na Península e Illas adxacentes, o que se cita. BOE (1857). Dispoñible en https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-A-1857-9551
Colexio de Sordomudos e Cegos (1863). Bases y reglamento para el establecimiento y régimen del Colegio de Sordo-Mudos y de Ciegos del distrito universitario de Santiago. Santiago de Compostela. (Dispoñible para consulta na USC).
(6 de decembro de 1897). D. Manuel López Navalón. Director del colegio de sordo mudos y ciegos de Santiago. Aparatos Navalón. El Mortero, 170, pp. 3-5, 9, 10. Dispoñible en http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0005410924&page=3&search=%22Manuel+L
(Febreiro de 1903). Don Manuel López Navalón. La Escuela Moderna, 143, pp. 25-34. Dispoñible en http://hemerotecadigital.bne.es/issue.vm?id=0001295044&page=27&search=%22Manuel+L
López Navalón, M. (1867). Memoria sobre el estado actual del Colegio de Sordo-Mudos y de Ciegos de Santiago y mejoras de que es susceptible para su futuro progreso y prosperidad. Santiago de Compostela: Mirás Álvarez (Dispoñible para consulta na USC, incorrectamente indexados o autor como «López Nabalón»)
Verdejo Páez, F. (1879). Principios de geografía astronómica, física y política, antigua, de la edad media y moderna : arreglada al estado actual del mundo, y ... Madrid: J. Moraleda.