O IES Salvador de Madariaga

Un edificio histórico que alberga historia da educación

Francisco Canoura Quintana, profesor de Xeografía e Historia
IES Salvador de Madariaga
franciscocanoura@edu.xunta.gal

 

A consecución de centros superiores de ensino foi unha constante demanda da cidade da Coruña, conformándose como un proxecto colectivo que se materializou en 1947 coa inauguración dos primeiros edificios da Cidade Escolar, situada na zona de Riazor e constituída por unha serie de espazos libres e edificios de uso docente. Unha ambiciosa proposta urbana de creación dun conxunto universitario elaborada polo arquitecto Antonio Tenreiro deveu na construción de catro edificios proxectados por el: a Escola de Maxisterio, o Instituto de Ensinos Medios, a Escola de Comercio e a Escola de Náutica.

A Cidade Escolar da Coruña supón xa desde moito antes da súa construción (mediados do século XIX) unha demanda constante para os sucesivos gobernos municipais. Isto significa que a educación constitúe un elemento fundamental para os distintos gobernos e para as súas políticas, xa sexan locais ou nacionais.

A Cidade Escolar situada na zona de Riazor está formada por unha serie de edificios para uso docente. Entre eles atopamos a Escola de Maxisterio (1936-1955), o Instituto de Ensinos Medios (1941-1947), a Escola de Comercio (1941-1947) e a Escola de Náutica (1948-1956).

O motivo deste artigo constitúeo o Instituto de Ensinos Medios, coñecido por todos como o «Instituto Masculino», proxectado, xunto ao resto de edificios que conforman a Cidade Escolar, polo arquitecto coruñés Antonio Tenreiro Rodríguez. Precisamente este ano, dentro do Día Mundial da Arquitectura, conmemórase o centenario da Cidade Xardín e, dentro dela, a Cidade Escolar.

Antonio Tenreiro Rodríguez nace na Coruña un 5 de xaneiro de 1893, no seo dunha familia adiñeirada propietaria dunha fábrica de curtidos en Pontedeume titularidade do seu pai Ramón Tenreiro Fernández. A súa nai, Matilde Rodríguez Pastor, é irmá de Ricardo Rodríguez Pastor, presidente do Banco Pastor, que pasou a ser o seu titor legal á morte do seu pai cando el só tiña oito anos. Antonio estudou na Escola Superior de Arquitectura en Madrid e acabou os estudos en 1919. Alí coñeceu ao que pasaría a ser o seu socio profesional Peregrín Estellés.

En 1920, o seu tío Ricardo e o seu primo Pedro Barrié de la Maza encargáronlle o proxecto para a sede do Banco Pastor e trasladouse definitivamente á Coruña, xunto con Peregrín Estellés. Son os anos da década dos vinte e o edificio convértese no máis alto de España con influencias da Escola de Chicago, pioneira na introdución de novos materiais e novas técnicas para a construción de grandes edificios. Destaca polas súas formas clásicas e neobarrocas do estilo beauxarts, tamén coñecido por academicismo francés. Desta época (1926) é tamén a Casa Barrié, asinada por ambos os arquitectos e situada na rúa LinaresRivas.

En 1930, Antonio Tenreiro é nomeado arquitecto municipal e técnico do Ministerio de Educación e é destituído en 1937 durante a Guerra Civil pola súa pertenza ao partido republicano. Segue exercendo como arquitecto, grazas á familia Pastor, pero sen poder ocupar ningún cargo público ata a década de 1940 que será restituído por Alfonso Molina. Nesta mesma década, como arquitecto do Ministerio de Educación, proxectou edificios docentes e oficiais dentro dun clasicismo e rexionalismo historicista propio do réxime franquista.

Como moi ben documenta Miguel Abelleira, a inicial Cidade Escolar foi inaugurada durante o réxime de Franco, polo tanto, o mérito foille atribuído ao Ministerio de Educación, aínda que ben é sabido que os proxectos xa viñan desde o século XIX a través dos diversos gobernos municipais.

Xa antes no século XVII se empezaron a establecer estudos relativos ao ensino náutico. Tras a creación do Consulado Marítimo durante o reinado de Carlos III, constitúese a Escola de Navegación financiada polo consulado coruñés. A mediados do século XIX créanse as escolas de Náutica e Comercio, sempre cuestionadas e á vez apoiadas polas diferentes corporacións municipais.

A Escola de Maxisterio creouse en 1845 e o Instituto de Segundo Ensino foi creado en 1851, resultado da promulgación dunha real orde de 1844 onde se promovía a creación de institutos de segundo ensino en todas as capitais de provincia (segundo o Boletín Oficial da Provincia da Coruña do 25/11/1844).

A creación circunscríbese dentro do Plan Pidal de 1845, que foi a reforma do sistema educativo español cando era ministro da Gobernación e máximo representante do ensino Pedro José Pidal. Promovíase o ensino secundario como propio das clases medias.

O antigo instituto foi creado no ano 1862, situado nun edificio que estaba formado por varias casas que eran da propiedade dos marqueses de Camarasa na rúa Herrerías, 6. Este edificio e primeiro centro docente durou tan só uns vinte anos e, debido ao seu estado ruinoso, trasladouse ao novo edificio fundado por Eusebio da Guarda e esposa no ano 1890. (1)

O 1 de outubro dese mesmo ano de 1890, inaugurábase o primeiro curso académico no novo edificio situado na praza de Pontevedra.

Durante a ditadura franquista, o sistema educativo implantou unha estrita separación dos nenos e das nenas e unha educación diferenciada. Unha orde do 1 de maio de 1939 dicía que o sistema de coeducación era totalmente contrario aos principios relixiosos do Movemento Nacional e, polo tanto, antipedagóxico e antieducativo. No ano 1945, a Lei do ensino primario volvía insistir no mesmo principio. (2)

Durante o ano 1942, no Eusebio da Guarda, prodúcese a separación por sexos e xa se empeza a falar do Instituto Feminino e do Instituto Masculino, coas súas correspondentes xuntas directivas e comisións económicas que comezan a funcionar de modo independente, aínda que as alumnas e os alumnos compartían edificio, pero entrando por portas diferentes e ocupando aulas distintas. Xa no ano 1947 prodúcese a separación física dos dous institutos, inaugurándose un novo edificio para o alumnado masculino situado na Cidade Escolar, o actual IES Salvador de Madariaga.

O concepto de Cidade Escolar xa xorde no ano 1916; a idea era unha cidade dos estudos, unha cidade escolar que se uniría ás xa tradicionais Comercio e Naútica e que quedaría unida á xa exposta Cidade Xardín e campos deportivos de Riazor. O anteproxecto data de 1935 e a súa arquitectura racionalista veríase plasmada na Normal de Maxisterio (1936). Co seu predominio de formas xeométricas simples, úsase o espazo como algo dinámico, xogando co uso de novos materiais de construción como o aceiro, o formigón e o vidro.

Tras o parón provocado pola Guerra Civil, renóvase o proxecto unha vez finalizada, coa Escola de Mestres, o Instituto, Empresariais e Náutica. (3)

O Instituto Masculino, proxectado en 1941, en forma simétrica na que dous U opostos se articulan na zona das escaleiras contén elementos da arquitectura racionalista tardía conxugados con elementos artdecó.

Instituto Masculino en 1947

 

O U principal albergaba usos varios que na actualidade non se corresponden, pois contén usos administrativos e salón de actos, antiga capela con retablo barroco do século XVII, en estado ruinoso. Afortunadamente foi restaurado e agora ten un novo asento na parroquiade San Salvador de Leiro, en Miño. Na primeira planta sitúanse as salas do profesorado e os despachos de Dirección. O segundoU, inversoao primeiro, alberga as aulas. O espazo diferenciador e articulador do conxunto confórmano as escaleiras centrais que se desdobran e conectan as dúas partes do edificio.

Nos sotos do edificio atópanse os arquivos onde están depositados os expedientes académicos de alumnos que estudaron no centro desde a inauguración do Instituto da Guarda en 1890. Como mostra significativa, seleccionamos un pequenonúmero de alumnos que, pola súa significación social, política ou científica, conseguiu ter unha relevancia na historia:

Ruiz Picasso, Pablo (Málaga, 1881 -Mougins (Francia), 1973). Picasso iniciou os seus estudos de bacharelato no Instituto de Málaga, onde aprobou o exame de ingreso en xuño de 1891, pero en outubro do devandito ano trasládase o seu expediente ao instituto da Coruña.

Madariaga y Rojo, Salvador de (A Coruña, 1886-Locarno, Suíza, 1978). Salvador de Madariaga foi profesor, diplomático, político e gran humanista. Inicia os seus estudos de bacharelato no instituto e consérvase o seu expediente dos cursos 1896-1899. No ano 1921, comeza o seu camiño como diplomático e no 1927 a Universidade de Oxford ofrécelle a Cátedra de Lingua e Literatura Española. Foi deputado polo ORGA (Organización Republicana Gallega Autónoma) xunto a Casares Quiroga, nomeado vicepresidente das Cortes Constituíntes republicanas, ministro de Instrución Pública e Xustiza durante o goberno de Lerroux. Cansado da vida pública, regresa á súa cátedra en Oxford, onde traballou de forma incansable a favor da recuperación da democracia.

Casares Quiroga, Santiago (A Coruña, 1884 - París, 1950). Cursou o bacharelato no instituto e consérvase o seu expediente; obtivo o título de bacharel no ano 1900. Doutorouse en Dereito. Tivo vinculación co sindicato Solidariedade Galega. Foi o primeiro presidente do ORGA en 1929. Como político ocupou os cargos de ministro de Mariña durante o goberno provisional en 1931 con Niceto Alcalá-Zamora; ministro da Gobernación durante o goberno de Azaña e de Obras Públicas. Ocupa a Presidencia en maio de 1936 e dimite en xullo do mesmo ano tras a sublevación do xeneral Franco. (4).

Outros expedientes importantes de personalidades ilustres de todos os ámbitos figuran nos arquivos do Instituto Salvador de Madariaga «Masculino», como Alfonso Molina, Pedro Barrié de la Maza, Felipe Belo Piñeiro, Isidoro Brocos Tojo, José Calvo Sotelo, Ricardo Carvalho Calero, Urbano Lugrís González, César Antonio Molina Santos, Wenceslao Fernández Flórez e un longo etcétera cargado de historia.

Expediente académico de Salvador de Madariaga

Expediente académico de Santiago Casares Quiroga

                      Traballo de Salvador de Madariaga incluído no seu expediente

Petición de Santiago Casares Paz para que ao seu fillo Santiago Casares Quiroga se lle deixe de impartir a materia de Relixión

 

(1) Soraluce Blond, J.R. El primer edificio del ensanche de A Coruña: construcción del Instituto Eusebio da Guarda.

(2) Subirats, M. La mujer domada. Cuadernos de Pedagogía.

(3)  Alonso Pereira, J.R. La Ciudad Jardín Coruñesa. Una alternativa urbana total.

(4) J. Antonio Grella. Casares Quiroga y La Coruña de su época 1900-1936.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Alonso Pereira, J. R. (2021). La Ciudad Jardín Coruñesa. Una alternativa urbana total. La Ciudad Jardín coruñesa Textos para un centenario. Grupo de Investigación en Historia de la Arquitectura, Universidade da Coruña.

Alonso Pereira, J. R.; Abelleira, M. (2015). La Ciudad Escolar de A Coruña. Aspiración ciudadana y proyecto urbano. Universidade da Coruña.

Parrilla, J. Antonio (1995).Casares Quiroga y La Coruña de su época 1900-1936.

Soraluce Blond, J. R. El primer edificio del ensanche de A Coruña: construcción del Instituto Eusebio da Guarda. En M.ª Isabel Ruso e M.ª Rosario Soto (coordinadoras), O Instituto da Guarda da Coruña (125 anos de historia).

SUBIRATS, Marina (1976).  La mujer domada, Cuadernos de Pedagogía. Barcelona.

 

https://dbe.rah.es/biografias/36273/antonio-tenreiro-rodriguez

https://dbe.rah.es/biografias/12552/salvador-de-madariaga-rojo

 

 

Sección: