La educación activa

 

Autor: VVAA (Colectivo MIAC)
Editorial: El Círculo Rojo

Autor da recensión: Eduardo Rodríguez Sáiz
eduardorsaiz@edu.xunta.gal
CFR de Vigo

 


Se tivésemos que definir nun concepto esta obra autoeditada en El Círculo Rojo polo Colectivo MIAC (Mestres Innovadores, Alumnos Competentes), quizais o máis acertado sería soster que estamos ante unha navalla suíza para o docente. En dezaseis capítulos, o Colectivo MIAC preséntanos tanto ferramentas concretas de uso cotiá nas aulas (gamificación, realidade aumentada, videoxogos na aula…) como estratexias máis ambiciosas para afrontar o proceso educativo (aprendizaxe cooperativa, aprendizaxe baseada en proxectos, aprendizaxe servizo ou flipped classroom…).

A proposta resultante é sinxela, pero efectiva: facer unha breve aproximación a diversas metodoloxías activas que xa forman parte do noso universo educativo coa finalidade de fornecer o lector dunhas nocións básicas de cada unha delas. Manu Velasco insiste nesta idea no prólogo: estamos ante un libro eminentemente práctico, de receitas sinxelas, enfocado á praxe e non á teoría.

Porén, o produto final transmítelle ao lector certa sensación de irregularidade. Atopámonos con capítulos que ofrecen recursos concretos e concisos, explicando a súa aplicación metodolóxica na aula (por exemplo, no capítulo cinco, dedicado á realidade aumentada, con ligazóns a recursos web), fronte a outros nos que os autores relegan a un segundo plano a proposta desenvolvida por Manu Velasco no prólogo, perdéndose en xustificacións e formulacións demasiado teóricas.

Esa sensación de irregularidade vese acentuada co tratamento da bibliografía. Aínda que nas últimas  páxinas da maior parte dos capítulos existe un pequeno anexo con recomendacións bibliográficas, botámola en falta nalgúns outros. Tanto o capítulo un, centrado na aprendizaxe cooperativa, como o capítulo catorce, cuxo eixe vertebrador é a educación emocional, adoecen de selección bibliográfica a modo de epílogo, malia que ambos os autores si se apoian en referencias bibliográficas de terceiros nos seus respectivos artigos.

En definitiva, nun mesmo volume atoparemos unha síntese das principais metodoloxías activas que podemos utilizar no noso día a día nas aulas. Coa lectura de cada capítulo podemos ter unha visión xeral de cada unha delas, malia que será preciso afondar na bibliografía complementaria —ademais de experimentar co noso alumnado— para acadar as competencias desexables no seu manexo.

 

 

Sección: