De lingua en lingua

Tratamento integrado das linguas e valores
O proxecto De lingua en lingua foi creado por dúas profesoras do IES Ponte Caldelas ao abeiro dunha licenza por formación de tres meses durante o curso 2017/18. Trátase dunha proposta didáctica baseada no tratamento integrado das linguas (TIL), dirixida especialmente a primeiro e segundo curso da ESO e que propón a realización de nove produtos plurilingües, un por mes, a partir de datas conmemorativas. As actividades encádranse nos currículos de Lingua Galega, Lingua Castelá e Lingua Inglesa. Na actualidade, este proxecto forma parte do repositorio Abalar.

M.ª Xesús Diéguez Rojo, profesora de Lingua Galega
chusroxo@edu.xunta.es
Yolanda Varela Guzmán, profesora de Lingua Inglesa
yolyv@edu.xunta.es
IES de Ponte Caldelas (Ponte Caldelas - Pontevedra)

 

 

Obxectivos da proposta


De lingua en lingua naceu coa pretensión de cumprir catro obxectivos básicos:

1. Adaptar o ensino das linguas á metodoloxía TIL, tal como recolle a LOMCE na aliña 10, artigo 11, respecto dos seus principios metodolóxicos: «Os centros docentes impartirán de xeito integrado o currículo de todas as linguas da súa oferta educativa, co fin de favorecer que todos os coñecementos e as experiencias lingüísticas do alumnado contribúan ao desenvolvemento da súa competencia comunicativa plurilingüe». E tamén atender a esixencia da creación dun produto plurilingüe, estándar este recollido no currículo de todas as linguas: «Participa en proxectos (elaboración de materiais multimedia, folletos, carteis, recensións sobre libros e películas, obras de teatro etc.) nos que se utilizan varias linguas e relacionados cos elementos transversais, evita estereotipos lingüísticos ou culturais e valora as competencias que posúe como persoa plurilingüe».

2. Dotarnos, como profesorado, dun material didáctico flexible, que posibilite que o empregue o profesorado de linguas segundo as súas necesidades e que ademais abra as portas a ser utilizado por outros departamentos non lingüísticos dentro dun proxecto interdisciplinar. 

3. Favorecer o enfoque comunicativo das linguas, fuxindo de estratexias máis gramaticalistas. Perséguese que o alumnado perciba as linguas como a ferramenta máis poderosa que posúe para a interacción comunicativa e que perciba que o seu dominio (aprendido na escola) é útil e enriquecedor para desenvolverse na súa vida cotiá

4. Incluír a reflexión sobre os valores dentro da práctica lingüística e achegar estes á realidade do alumnado.

 

Descrición do recurso de lingua en lingua

De lingua en lingua consta de nove ODE (obxecto dixital educativo). Cada un deles propón a realización dun produto textual integrado (PTI), un por mes, a partir de datas conmemorativas e baseándose nunha modalidade textual concreta. 

 

 

Cada ODE parte dunha sinxela explicación da data conmemorativa nas tres linguas empregadas neste proxecto (galego, castelán, inglés). Desde este inicio, accédese de xeito doado a paquetes de actividades que abordan, cun tratamento integrado, a práctica das catro destrezas lingüísticas (escoitar, falar, ler, entender), ademais de potenciaren a reflexión sobre os valores específicos relacionados con cada conmemoración. O proceso remata coa creación dun PRODUTO TEXTUAL INTEGRADO que recolle e cohesiona os estándares traballados, procurando combinar en todos os proxectos a elaboración analóxica e dixital, así como o tratamento oral, escrito e multimodal. Estes produtos van acompañados dunha proposta de visibilización, coa finalidade de seren compartidos co resto do centro ou comunidade escolar. 


A maiores, cada un destes ODE ofrece rúbricas de avaliación e documentos específicos para o profesorado, tales como unha presentación da unidade, unha guía de uso, un cadro de programación integrada no que consta a temporización, os contidos, os estándares de aprendizaxe, as competencias clave e os criterios de avaliación, así como unha proposta de estruturas cooperativas axeitadas para o desenvolvemento do proxecto. 

 

O tratamento integrado das linguas

De lingua en lingua baséase no tratamento integral das linguas, o que constitúe xa de seu un enfoque metodolóxico. Existe unha competencia subxacente común a todas as linguas (James Cummins) que determina a aprendizaxe lingüística. As capacidades lingüísticas transfírense dunhas a outras, funcionan de xeito interactivo. Este proxecto pretende aproveitar esta realidade para mellorar a competencia comunicativa do alumnado e, así mesmo, ofertar accións educativas que favorezan a coordinación dos departamentos lingüísticos.
Esta metodoloxía TIL integra e conxuga, pola súa vez, as seguintes propostas:

A aprendizaxe de linguas baséase no uso, tanto social como académico. Por este motivo, contidos teóricos e prácticos interralaciónanse ao servizo das necesidades pragmáticas de comunicación que, neste proxecto, aparecen vinculadas con temas relacionados cos valores humanos.

O enfoque comunicativo é o denominador común a todo o proxecto. Por este motivo, as actividades e propostas deseñadas configuran a aula como un espazo privilexiado de comunicación que prima a participación activa e eficaz das alumnas e alumnos en interaccións comunicativas diversas.

As unidades van encamiñadas a favorecer actitudes positivas cara ás linguas e os seus falantes, potenciando o coñecemento da realidade plurilingüe e a eliminación de estereotipos e prexuízos, ademais de promover a reflexión sobre a importancia da comunicación nas relacións sociais e no medre emocional das persoas.

 

Metodoloxía

Para a elaboración dos recursos didácticos tivéronse en conta tres principios didácticos: que fosen motivadores, que favorecesen a participación e que fomentasen unha aprendizaxe significativa.

Motivadores porque presentan, en formato dixital, actividades de tipoloxía variada e, en moitas ocasións, con aspecto lúdico. Motivadores tamén porque todas as unidades rematan coa proposta dunha actividade final para ser difundida entre a comunidade escolar.

Participativos en canto que alumnos e alumnas pasan a se converter en suxeitos activos na procura de información e no seu tratamento. Por outra banda, moitos dos recursos didácticos deste proxecto baséanse en estruturas de grupos cooperativos para a súa execución.

E, por último, favorecedores da aprendizaxe significativa porque partimos dos coñecementos previos do alumnado nas diferentes linguas para a súa aplicación a realidades e proxectos novos, proxectos vinculados á súa realidade e sobre os que terán que reflexionar e debater. É importante que o alumnado perciba que o saber, máis aló das aulas, tamén ocupa lugar.

 

 

Orientacións didácticas

O desenvolvemento de cada unha das unidades deste proxecto artéllase en dúas fases. Velaí algunhas aclaracións para a súa aplicación na aula.


Fase 1. Elaboración do produto comunicativo

Como xa se comentou, cada ODE propón a realización dun produto textual final (PTI). Este está conformado pola realización de tres produtos independentes (un en cada lingua: galego, castelán e inglés) que se complementan. Estes tres produtos artéllanse arredor dunha mesma tipoloxía discursiva, aínda que con produtos textuais distintos. Isto favorece a retroalimentación entre as linguas e a adquisición e reforzo de estratexias comunicativo-textuais por parte do alumnado. Porén, ao se tratar de produtos textuais independentes, posibilita traballar o proxecto desde unha única lingua ou desde dúas, aínda que neste caso perde ou mingua o seu carácter integrador. 

A fase de elaboración dos produtos textuais por parte do alumnado desenvólvese maioritariamente en grupo. Achéganse para isto estruturas cooperativas e unha breve introdución a esta metodoloxía que favorece a súa aplicación na aula para o profesorado non familiarizado con esta práctica didáctica.

Facilítanse desde o inicio rúbricas de avaliación ao alumnado, o que permite que este saiba exactamente o que se lle pide e como vai ser valorado, o que favorece a autoavaliación e a coavaliación. Incídese na fase de revisión e mellora da tarefa. Hai rúbricas específicas para a avaliación do traballo en grupo. Todas as rúbricas se presentan en PDF e odt, o que permite a súa modificación por parte do profesorado, se así o considera.

Fase 2. Exposición do produto elaborado

Ao combinar o traballo nas tres linguas, conséguense modelos expositivos que combinan os textos orais cos escritos e aos que ademais se lles une o tratamento multimodal.
Preséntanse propostas de exposición que teñen en conta a comunidade educativa como informadora e tamén receptora dos produtos textuais elaborados.

 

Aplicación do proxecto nas aulas 

Ademais da proposta inicial do proxecto, é dicir, que tres linguas curriculares se propoñan artellar a celebración dunha conmemoración significativa a partir do traballo coordinado cunha modalidade textual concreta, De lingua en lingua deixa a porta aberta a outros aproveitamentos didácticos. Velaí un par de exemplos realizados no IES de Ponte Caldelas.

 

Aplicación 1. Converter un ODE nun proxecto interdisciplinar

En novembro do 2017 decidimos no IES de Ponte Caldelas conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres a partir dunha das actividades que De lingua en lingua presenta para este mes: a elaboración dunha pirámide da igualdade.

Propúxose como un pequeno proxecto interdisciplinar e foi coordinado desde a comisión de convivencia do centro. Tras presentarlle ao profesorado a proposta, colocouse na sala un sinxelo cadro de papel que permitía organizar as actividades. 

Cada profesor/a que desexaba participar anotaba a actividade, o curso e a data escollida. O resultado foi que, ademais das linguas, se uniron ao proxecto as titorías, o departamento de EPV, que confeccionou o «esqueleto» da pirámide, así como profesorado de Filosofía ou Ciencias Sociais. A pirámide foise enchendo coas propostas do alumnado para erradicar a violencia de xénero durante a primeira quincena de novembro e permaneceu exposta na entrada do instituto ata as vacacións de Nadal.

 

 

Aplicación 2. Aproveitamento dalgunhas das actividades concretas de De lingua en lingua para implantar un proxecto TIL durante todo o curso.

Esta segunda posibilidade comezouse a desenvolver no IES Ponte Caldelas no curso 2018/19 e continúa na actualidade. Participan os departamentos de Lingua Castelá e Lingua Galega e diríxese a primeiro da ESO. 

Un dos produtos textuais integrados que se propoñen é a realización dun libro dixitalizado de creación literaria. O alumnado crea poemas en galego e contos en castelán, que ademais ilustran en EPV. Algunhas das temáticas tratadas relaciónanse con algún dos programas ou proxectos en que participa o IES. Detrás desta proposta existe un traballo de coordinación entre os departamentos das dúas linguas que fixo posible chegar a acordos sobre a repartición de contidos, metodoloxía, avaliación ou terminoloxía lingüística. Unha parte importante do material elaborado nutriuse dos recursos facilitados en De lingua en lingua.

 

 

Avaliación e conclusións

O tratamento integrado das linguas é unha obriga da LOMCE con difícil aplicación nos centros de ensino de secundaria. Require por parte do profesorado un cambio metodolóxico grande e moitas horas de coordinación e elaboración de materiais que neste momento se están a asumir con voluntarismo. Faltan, pois, espazos e tempos recoñecidos nos horarios e nas programacións dos centros para axudar a facer do TIL unha realidade.
Malia o anterior, os resultados da aplicación do TIL son moi positivos e un dos aspectos máis salientables é que o alumnado percibe axiña a coordinación. Sabe que debe aproveitar o impartido nunha lingua para aplicalo noutra e aprende a ver as linguas como unha ferramenta útil para a súa vida cotiá, non só como unha materia académica. Outro aspecto salientable provén do profesorado implicado, para o cal o TIL está a supoñer na actualidade unha liña motivadora de traballo e investigación pedagóxica.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Apraiz Jaio, M.ª V.; Pérez Gómez, M. e Ruiz Pérez, T. (2012). La enseñanza integrada de las lenguas en la escuela plurilingüe. Revista Iberoamericana de Educación, 59, 119-137.
Cummins, J. (1983). Interdependencia lingüística y desarrollo educativo de los niños bilingües (Montserrat Cortés, trad.). Infancia y aprendizaje. Journal for the Study of Education and Development, 21, 37-61.
Ruiz, T. (2008). El tratamiento integrado de lenguas. Construír una programación conjunta. Textos. Didáctica de la lengua y la literatura. Barcelona: Editorial Graó


Recursos web:
Berritzegune Nadusia. Materiales para el tratamiento integrado de lenguas