
Cara unha estratexia de internacionalización de centro
María Luz Ares Fandiño
Asesoría de Programas Europeos
programas.europeos@edu.xunta.es
A internacionalización é fundamental para innovar e modernizar os nosos centros educativos e é un valor engadido e diferencial entre eles.
Nunca foi máis necesario e relevante introducir e vertebrar proxectos internacionais nos centros educativos de xeito que o seu impacto alcance a toda comunidade escolar: alumnado, profesorado, proceso ensino-aprendizaxe, o propio centro e a súa contorna.
Ao longo desde artigo faise un achegamento ás dúas vías máis destacadas: o programa marco europeo Erasmus+ e eTwinning, ambos promovidos pola Comisión Europea.
A internacionalización é unha forma de entender a educación que vai máis aló do currículo e que facilita a apertura ao mundo global do alumnado e de toda a comunidade educativa a través do reforzo das competencias (principalmente a integración sociocultural e a convivencia) e das aptitudes para lle facer fronte a esa realidade. Para tal fin, cada centro debería elaborar unha estratexia de internacionalización como eixe vertebrador dentro do proxecto educativo de centro e, para conseguir isto, é necesario crear un equipo de traballo liderado polo equipo directivo e coa colaboración de asesores externos e do servizo de Inspección. No desenvolvemento desta estratexia primará a calidade fronte á cantidade e, atendendo á realidade e ao contexto do centro, dará lugar a velocidades diferentes.
Emprender esta dirección require seguir algúns pasos previos, como son redactar e difundir o plan de desenvolvemento europeo do centro, ademais de sumarse á apertura doutras culturas internacionais, cunha comunicación aberta ás experiencias de intercambio (reais ou virtuais), viaxes e estancias. Este plan debe incluír a detección das necesidades do centro educativo, dar resposta a quen somos, como somos, como e para que internacionalizamos, e ás necesidades de formación no contexto do centro. Ademais disto, é importante destacar a conexión con outros centros e socios con intereses e beneficios compartidos, expoñer os obxectivos que se queren conseguir a través das actividades realizadas e, por encima de todo, o impacto esperado a corto, medio e longo prazo. Non podemos esquecer a avaliación do propio plan, que ha de facerse de maneira periódica.
1. As políticas educativas europeas
A internacionalización dos centros a través de Erasmus+ e eTwinning supón a concreción das políticas educativas da Comisión Europea. Estas dúas vías ofrecen un grande abano de posibilidades de participación para profesorado, alumnado e comunidade educativa, o que enriquece o proceso de ensino-aprendizaxe.
Erasmus+ é o principal programa educativo europeo vixente, con financiamento, no período 2014-2020, para as accións de Educación, Formación, Xuventude e Deporte. É continuación do Programa de aprendizaxe permanente (PAP) do período 2007/2013 e será seguido por un novo programa marco para o período 2020-2027, cun importante aumento de inxección de financiamento. Ademais dos 28 estados membros da Unión Europea, forman parte os países AELC e do EEE: Islandia, Liechtenstein e Noruega, e os países candidatos ao ingreso da UE: Turquía, Macedonia do Norte e Serbia.
Tanto Erasmus+ como eTwinning vincúlanse aos retos europeos e aos obxectivos políticos recollidos na estratexias:
- Estratexia Europa 2020
- Marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e a formación (Educación e Traballo 2020-ET2020)
- Estratexia Reformular a educación: Nova estratexia da Comisión Europea. TIC
E tamén se vinculan ás referencias educativas europeas:
- Declaración de París
- Nova axenda das competencias para Europa
- Itinerarios de mellora das competencias
- Piar europeo dos dereitos sociais
- Espazo europeo de educación para 2025, que procura entre os seus factores clave a calidade do ensino e dos docentes, a innovación e a aprendizaxe permanente
- Monitor 2019, como publicación anual da Comisión Europea que recolle a evolución da educación e a formación na UE.
O documento de referencia ─Guía práctica para responsables de centros educativos (http://sepie.es/educacion-escolar/guia.html)─ establece claramente as vantaxes de participar no programa marco europeo Erasmus+ e nas súas diferentes accións.
Por último, a Guía anual Erasmus+, aliñándose coas devanditas políticas, recolle as prioridades horizontais e específicas, que son a base da proposta do noso proxecto europeo Erasmus+.
2. Estrutura de Erasmus+: o programa marco europeo
Erasmus+ é un programa cunha estrutura simplificada e sinxela na que se inclúen accións destinadas a todos os niveis educativos. É prioritario saber que esta estrutura se clasifica en catro sectores e tres liñas de acción clave (KA1, KA2 e KA3) para cada sector:
Sector escolar: educación escolar, ensino regrado de educación infantil, primaria secundaria e bacharelato.
Sector de educación de persoas adultas: as EPA, EEOOII, centros de ensino de adultos de educación formal e non formal.
Sector de formación profesional: formación profesional regrada de ciclos formativos de grao medio e FP básica.
Sector Erasmus: educación superior, ensino universitario e ciclos formativos de grao superior.
Outras iniciativas específicas:
- Iniciativas Jean Monet
- Acción para o Deporte
As tres liñas de acción clave do programa marco Erasmus+ son:
a) Acción clave 1 (KA1): Mobilidade das persoas por motivo de aprendizaxe
Promove proxectos de mobilidade transnacionais de formación tanto de alumnado como de persoal docente e doutro persoal dos centros solicitantes.
No contexto de Erasmus+ todos os proxectos terán un enfoque institucional, non son elixibles os proxectos individuais. Poden solicitalos un centro ou consorcio de centros. No relativo á mobilidade, establécese unha diferenza substancial:
Mobilidades só para o persoal do centro nos sectores de educación escolar e educación de persoas adultas.
Mobilidades tanto para alumnado como para persoal do centro nos sectores de formación profesional e Erasmus.
b) Acción clave 2 (KA2): Asociacións estratéxicas e asociacións de intercambio escolar
Son proxectos de cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas con outros socios que tratarán as prioridades do programa recollidas na Guía Erasmus+.
As asociacións estratéxicas poden dirixirse a diferentes ámbitos educativos, segundo a tipoloxía de ensinanzas que imparta o centro educativo:
- Educación escolar (infantil, primaria e secundaria)
- Educación de adultos (formal e non formal)
- Formación profesional (formación profesional de grao medio e FP básica)
- Educación superior (ensino universitario e FP de grao superior)
Dentro das asociacións estratéxicas de educación escolar, existe a posibilidade de realizar asociacións de dous tipos: KA201 (con socios de diferentes sectores, por exemplo, un centro educativo, unha universidade, unha biblioteca etc.) e as KA229, proxectos escola a escola, nas que os socios son todos centros educativos. Os proxectos enfocados ao sector de FP e Erasmus deberán empregar o formulario KA202 e KA203, respectivamente.
c) Acción clave 3 (KA3): Apoio ás reformas das políticas educativas
Está dirixida fundamentalmente a ministerios de Educación, comunidades autónomas e outros organismos relevantes nas políticas educativas europeas. Neste caso é posible tamén a participación dos centros educativos, por exemplo, na pilotaxe das novas propostas formuladas nos proxectos KA3.
Xestión dos programas educativos
O programa Erasmus+ é xestionado pola EACEA (Educational, Audiovisual & Culture Executive Agency) da UE, en colaboración coas axencias nacionais Erasmus+ nos países do programa.
Os proxectos europeos KA1 e KA2 de educación e formación solicítanse, avalíanse e resólvense ante as axencias nacionais Erasmus+ de cada país do solicitante (KA1) e do socio coordinador do proxecto (KA2). Son os chamados proxectos europeos descentralizados. A axencia nacional Erasmus+ española é o Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE).
No caso dos proxectos europeos KA3, os proxectos europeos centralizados, tanto a convocatoria como a avaliación e a resolución correspóndelle á Comisión Europea a través da EACEA (Education, Audiovisual and Culture Executive Agency).
Dentro da Consellería de Educación, Universidade e FP pódese obter asesoramento e información sobre programas europeos en: programas.europeos@edu.xunta.es (sectores escolar e de persoas adultas) e programas.europeosfp@edu.xunta.es (sectores FP e Erasmus), así como a través da rede de formación de Galicia: os CFR e o CAFI.
Tanto a propia Consellería de Educación como a súa rede de formación do profesorado ten experiencia na solicitude de proxectos propios Erasmus+. Leva participado polo menos en 30 proxectos en todo o abano de posibilidades de Erasmus+ en consorcios dos catro sectores, entre os que destacan aqueles para as mobilidades de alumnado de FP, tanto de ciclos medios como superiores ─proxectos KA201, KA202, KA203 e KA204─, así como varios proxectos de KA3 nas distintas convocatorias Erasmus+ e, polo tanto, en proxectos centralizados e descentralizados.
A Consellería desenvolve e apoia os programas europeos como liña prioritaria e estratéxica a través da rede de formación en varios ámbitos:
- Os plans de formación permanente do profesorado, medio utilizado polos centros educativos interesados en preparar unha estratexia de internacionalización e cuxa convocatoria conta cunha liña propia de internacionalización e que supón un liña prioritaria e estratéxica.
- As actividades formativas informativas sobre os programas e as boas prácticas.
- As actividades de formación específicas sobre os proxectos en marcha.
- As actividades en rede que se levan a cabo en PLATEGA.
- Os obradoiros para centros educativos.
3. Redacción dun proxecto Erasmus+
Antes de crear un proxecto Erasmus+, deberemos:
- Crear un equipo de traballo, xa que son proxectos institucionais de todo o centro.
- É necesario cumprir uns requisitos formais previos: inscribir o centro/organismo nunha base de datos da UE e obter un número de referencia OID/PIC, subir documentación acreditativa segundo o establecido na Guía Erasmus+ 2020 («hipervínculo aquí» http://sepie.es/convocatoria/convocatoria.html) e o/a representante legal (director/a) do centro solicitante deberá dispoñer de sinatura dixital da FNMT de persoa xurídica.
Utilizaremos a Guía Erasmus+ (da convocatoria 2020) tendo en conta a convocatoria anual Erasmus+ para contextualizar e elaborar o proxecto KA1 ou KA2. Destacaremos as prioridades horizontais e as específicas do sector e consultaremos a documentación de apoio á solicitude na páxina web do SEPIE:
- Guías de solicitude
- Instrucións
- Formularios comentados
- Orzamentos
- Monogramas
- Formulario de solicitude
Todas as solicitudes de proxectos europeos terán un enfoque institucional: son os centros educativos quen solicitan no seu nome en liña e nas que os proxectos individuais non son elixibles.
A busca dos socios pode realizarse a través das seguintes plataformas de apoio e formación:
- eTwinning: plataforma específica para profesorado dos países participantes, destinada ao desenvolvemento de proxectos.
- School Education Gateway: (hípervínculo aquí, https://www.schooleducationgateway.eu/en/pub/index.htm) plataforma para os profesionais da educación non universitaria en Europa. É un lugar de encontro, de intercambio de ideas, de materiais e de formación en apoio da práctica profesional.
- EPALE: (hípervínculo aquí, https://ec.europa.eu/epale/es) plataforma para os profesionais da educación de persoas adultas en Europa.
- TCA: seminarios de contacto publicitados a través do SEPIE:
- Erasmus+ Project Results Platform: (hipervínculo aquí, https://ec.europa.eu/programmes/erasmus-plus/projects/) compendio de todos os proxectos que obtiveron financiamento.
Redactaremos o noso proxecto no formulario web correspondente ao noso sector Erasmus+.
Para o contido, na redacción do noso proxecto KA1 teremos en consideración os seguintes aspectos clave:
Na redacción dun proxecto Erasmus+ KA2, teremos que reflexionar sobre os seus puntos máis relevantes:
4. A importamcia do eTwinning
Como parte de Erasmus+ facilita o contacto, o intercambio de ideas e o traballo en colaboración a través das TIC entre profesorado e alumnado dos países participantes. É a maior rede de profesorado de Europa (746 687 docentes en 202 280 centros escolares e 98 743 proxectos), coordinada desde Bruxelas e cun servizo nacional de apoio (SNA) en España no INTEF. Ademais, en cada comunidade autónoma hai un representante eTwinning (etwinning@edu.xunta.es). Hoxe en día, en Galicia hai un rexistro de 3546 profesores e 108 proxectos están actualmente en marcha. Cinco profesores son embaixadores eTwinning que, como expertos, forman e asesoran.
Para beneficiarse das vantaxes de eTwinning, só hai que inscribirse na plataforma. A inscrición non implica ningún compromiso. Unha vez na plataforma, poderase traballar en liña con outros profesores, unirse a proxectos e fundar os propios, así como participar en actividades formativas.
eTwinning crea verdadeiras sinerxías con Erasmus+. Así, previamente ao comezo do proxecto Erasmus (por exemplo KA229 escolar), serve para a busca de socios, dá ideas de proxecto, serve para colaborar no deseño do proxecto no que participa o alumnado. Durante a vida do proxecto serve como plataforma de traballo en liña, espazo de comunicación e coordinación e espazo de difusión, e, despois de finalizado, serve para darlle sustentabilidade.
Cos proxectos eTwinning aumenta a visibilidade do traballo dos docentes e do alumnado e o recoñecemento do centro escolar, xa que eTwinning recoñece de diferentes maneiras o traballo feito por medio de:
- Selo de calidade nacional
- Selo de calidade europeo
- Centro eTwinning
- Publicación e difusión dos proxectos
- Horas de formación do profesorado
Estas e outras iniciativas internacionais axudan a mellorar a vida dentro dos centros educativos polo seu carácter transversal, danlles impacto e sitúanos no mundo.
Enderezos de interese da Unión Europea
Web oficial da Unión Europea: https://ec.europa.eu/education/policies/european-policy-cooperation/et2020-framework_es
EACEA: Education, Audiovisual and Culture Executive Agency (Comisión Europea): http://eacea.ec.europa.eu/erasmus-plus_en
SEPIE: Servizo Español para a Internacionalización da Educación, Axencia Nacional Europea Erasmus+ para a Educación e a Formación: http://www.sepie.es/
eTwinning: http://www.etwinning.net/