Están formados os educadores para traballar con E-Dixgal no ensino?

Integración e libros dixitais en educación
A proposta pretende dotar e analizar as estratexias e técnicas que atopa o profesorado á hora de utilizar o libro dixital E-Dixgal en Galicia. Tamén pretendemos determinar que coñecementos teñen e cal é o seu grao de satisfacción xunto coas súas vantaxes e inconvenientes. A mostra corresponde a 123 profesores e profesoras de 11 centros educativos non universitarios que participaron na formación de E-Dixgal.

Eduardo R. Rodríguez Machado

CEIP Raquel Camacho (A Coruña)

upa@edu.xunta.es

Introdución

Co presente traballo preténdese analizar a formación que ten o profesorado no uso do libro dixital E-Dixgal para utilizalo na aula. Galicia é unha das comunidades pioneiras na súa implantación nos centros públicos. O proxecto xorde no curso 2014/15, complementa o proxecto Escola 2.0. (proxecto Abalar en Galicia) e ten como principal obxectivo incorporar de forma xeneralizada as TIC na actividade educativa diaria. Por iso xorde unha contorna virtual de aprendizaxe (CVA) desenvolta en Moodle onde incorporará libros de texto dixitais no seu primeiro ano a través de dúas editoriais, Netex e Edebé, para os cursos de quinto de educación primaria e primeiro da ESO.

Tamén se presentan algunhas desvantaxes e inconvenientes que foron aparecendo desde o curso 2014/15 coa introdución de E-Dixgal nos centros educativos. Eses problemas afectan á infraestrutura, equipamentos ou contidos e o profesorado e o alumnado foi convivindo e solucionado aos poucos esta nova forma de traballar.

Pretendemos analizar o impacto da introdución do libro dixital E-Dixgal e coñecer a formación que ten unha mostra de profesores de varios centros educativos que reciben esta formación. Os resultados mostrarannos como as TIC e o libro dixital poden ser unha boa ferramenta para conseguir un mellor proceso de ensino-aprendizaxe.

Obxectivos

A realización da seguinte proposta de investigación ten como obxectivo principal analizar a utilización e formación que ten en E-Dixgal por parte do profesorado.

A raíz do tema que nos ocupa e da problemática que deriva desta temática xorden os seguintes obxectivos específicos tendo en conta as vantaxes e dificultades atopadas na aula e a metodoloxía de traballo:

  • Deseñar un instrumento de investigación que permita obter información sobre o uso das TIC e de E-Dixgal.
  • Integrar na contorna virtual de aprendizaxe (CVA) materiais dixitais propios e das editoriais do proxecto.
  • Coñecer vantaxes e inconvenientes á hora introducir o libro dixital.
  • Coñecer o grao de satisfacción global de E-Dixgal.

O libro dixital nos centros educativos

Diversos estudos sobre a introdución do libro dixital apoiaron esta inclusión como algo beneficioso e que se debe ir introducindo aos poucos nos centros educativos.

Como nos comenta Fernández Enguita e Vázquez Cupeiro (2016):

A nova contorna dixital cambiou a forma de ensinar. Nas escolas decídense os contidos, pero nin os libros de texto nin outros recursos que poida prescribir a escola son xa as únicas vías de acceso á información, nin tampouco gozan dunha vantaxe substancial fronte a outras. Os educadores aínda se aferran ao libro de texto, pero os alumnos só ven nel unha referencia imposta. A avaliación segue atada aos contidos académicos prescritos, pero a nova contorna sociotécnico favorece o despregamento da diversidade e as intelixencias múltiples (p.11).

Os contidos e libros de texto dixitais deben incluír múltiples recursos educativos, actividades interactivas, actividades autoavaliables polo alumnado, recursos multimedia para poder poñer en práctica as competencias curriculares de cada unidade que se traballe nese momento.

Uso libro dixital nunha aula

Numerosas investigacións afirman que o futuro inmediato na contorna de ensino e aprendizaxe do libro dixital pasaría por cambiar a un libro dixital plenamente interactivo cun deseño reponsive adaptado á aparencia de diferentes dispositivos e sistemas operativos (Rodríguez Machado, Veiga Río e González-Sanmamed, 2015, 2017).

Por iso, o devandito cambio debe de realizarse paseniño para ir beneficiando o alumnado para traballar esas intelixencias múltiples e tamén as necesidades que podemos atopar nas aulas.

Iniciativa E-Dixgal

Dentro do contexto do proxecto Abalar, a iniciativa de Educación Dixital (E-Dixgal) xurdiu no curso 2014/15 como unha iniciativa experimental coa intención de facilitarlles aos centros educativos galegos a incorporación de materiais dixitais nos cursos de quinto e sexto de educación primaria e en primeiro e segundo de educación secundaria obrigatoria.

Como nos comenta Fraga e Alonso (2016), E-Dixgal iniciouse en centros pertencentes á rede Abalar, o que supón repensar a súa integración dentro das políticas de incorporación das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC).

Está dirixido aos centros cunha cultura dixital afianzada como parte do seu proxecto de centro, apoiado e coñecido pola comunidade educativa, e en especial polas familias, que se están beneficiando cunha maior alfabetización dixital na súa contorna próxima, ademais dos aforros en custos nos materiais educativos. Doutra banda, posibilítase un maior aproveitamento dos recursos dixitais dispoñibles e a súa adecuación ou, de ser o caso, actualización ás necesidades cambiantes, tanto no que ten que ver co hardware como co software, que a evolución da sociedade da información esixe constantemente.

 Evolución E-Dixgal (elaboración propia)

Os contidos curriculares desenvolvidos nunha contorna virtual de aprendizaxe (CVA) permiten darlle cobertura ao proxecto específico e aseguran unha implantación completa para o alumnado, profesorado e familias nos centros participantes. Catro son os provedores que se incorporaron a este proxecto desde o inicio: a editorial Edebé e a empresa de contidos dixitais Netex, a finais do curso 2017/18 aulaPlaneta e, por último, un cuarto provedor de inglés, a Editorial Pearson a principios de 2019.

O profesorado pode desenvolver a súa propia área persoal dixital seleccionando contidos na plataforma dixital e engadindo materiais complementarios externos, ligazóns web, actividades interactivas, paquetes SCORM… así como elaborar o seu propio material coas diferentes ferramentas de autor que ten á súa disposición. Tamén conta cun amplo repositorio de contido en Procomún educativo e no espazoAbalar para completar as súas unidades.

Disponse de dous modos de conexión para acceder ao material por parte do alumnado, unha con conexión a Internet (modo en liña) e outra dentro do seu equipo (modo sen liña) sen conexión a Internet. Isto supón que o alumnado na súa casa pode traballar os contidos sen conexión á rede.

Todos os centros participantes na iniciativa E-Dixgal contan co apoio da Amtega (Servizo Premium), da rede de formación permanente do profesorado e da supervisión da inspección educativa.

Ademais, o desenvolvemento da competencia dixital non se consegue co simple uso de ferramentas, senón que hai que promover o uso crítico, creativo e seguro das TIC. Así, para poder alcanzar unha boa competencia dixital en educación, as TIC non poden ser introducidas como un fin en si mesmo senón como un medio a través do cal se produza un cambio na metodoloxía no proceso de ensino-aprendizaxe (Galisteo, 2011).

Metodoloxía

Na proposta de investigación levada a cabo preténdese coñecer cal é a formación que ten o profesorado con respecto ao uso das TIC para lle facer fronte á utilización do libro dixital E-Dixgal na aula.

O estudo levouse a cabo no curso 2018/19 e no primeiro trimestre do curso 2019/20, realizouse na formación ao profesorado dos centros que pertencen á Rede E-Dixgal de Galicia. Para iso elaborouse un cuestionario cunha mostra de profesores de acceso ao uso do libro dixital E-Dixgal na aula e que reciben esa formación. O profesorado non puxo ningún inconveniente á hora de colaborar e participar na seguinte investigación.

Os docentes participantes corresponden a 11 centros da provincia da Coruña, un total de 123 profesores e profesoras.

Con respecto á maneira de cubrir a enquisa por parte do profesorado, realizouse nas sesións de formación nos centros participantes. Para iso ao profesorado pedíaselle que entrase na web http://evaformacion.edixgal.com/ e cubrise a enquisa. Ademais, a través desa web realizaríanse todas as sesións de formación.

Web de formación E-Dixgal. http://evaformacion.edixgal.com/ (elaboración propia)

Organización, descrición e contido

A metodoloxía seguida foi cuantitativa, coa realización e posterior análise do formulario seguindo a Bisquerra Alzina (2014). Con esta enquisa preténdese valorar a formación que ten o profesorado do libro dixital E-Dixgal.

Distinguimos 4 fases para o desenvolvemento do traballo de investigación:

1.ª fase: elaboración do instrumento

O instrumento utilizado para a recollida de información e uso das TIC e E-Dixgal nos centros educativos públicos foi un cuestionario. Para a súa elaboración tomouse como guía o estudo realizado por aulaPlaneta: a integración das TIC e os libros dixitais na educación (Pérez Tornero e Pi, 2013). Valoramos varios aspectos que poderían incluírse na enquisa.

A enquisa está formada por preguntas pechadas dunha soa elección, elección múltiple e escala de frecuencias. Tamén dispón de preguntas abertas. Os apartados do cuestionario estrutúranse nas seguintes dimensións e subdimensións:

Táboa 1. Dimensións e subdimensións

 

2.ª fase: recollida de información

A recollida de información realizouse en 11 centros onde se levou a cabo a formación de TIC e E-Dixgal no curso 2018/19 e primeiro trimestre do curso 2019/20. O cuestionario foi elaborado e estruturado cunha orde para obter información de forma ordenada e sistemática e elaborouse con Google formulario. As variables de estudo deseñáronse seguindo unha escala de Likert nalgunhas preguntas de catro ou cinco opcións.

3.ª fase: tratamento e análise de datos

A análise realizouse a través do paquete estatístico SPSS 24.0 e tívose en conta cada ítem á hora de analizar os resultados obtidos comparando coas distintas respostas do profesorado.

4.ª fase: presentación de resultados obtidos e proposta de mellora

Unha vez obtida a información, procédese a expoñer as valoracións do profesorado.

Análise dos datos

Os resultados analizados a continuación darán resposta ao obxectivo da utilización das TIC e do libro dixital E-Dixgal na aula. Analizaranse as distintas dimensións descritas anteriormente.

Análise do perfil do profesorado

A enquisa realizouse a 123 profesores e profesoras de 11 centros educativos da provincia da Coruña na formación recibida sobre no libro dixital E-Dixgal.

 Táboa 2. Frecuencias

 

Como se pode observar na figura 4, no que se refire ao sexo, o 57,72 % son mulleres fronte ao 35,77 % de homes. A idade media é de 40 anos e o intervalo con máis frecuencia é o comprendido entre os 41 e os 50 anos cun 33,33 %, seguido por un 24,4 % o intervalo comprendido entre 51 e 60 anos, tal como se reflicte na figura 5.

Figura 4. Sexo

 

Figura 5. Idade

 

Con relación ao tipo de centro (figura 6) ao que pertencía o profesorado, temos que un 76,42 % era de centros públicos e un 23,58 %, de concertados.

Figura 6. Tipo de centro

Figura 7. Nivel de docencia

 

Na figura 7, vemos o nivel de docencia do profesorado que recibe a formación E-Dixgal e observamos que un 33,3 % son titores de quinto e sexto de educación primaria, seguido dun 25 % que son titores de primeiro e segundo da ESO.

Uso E-Dixgal

A continuación, expomos unhas preguntas relativas ao proxecto e á súa implantación no centro educativo.     

En relación coas editoriais que utiliza o profesorado (táboa 3), podemos observar que Netex e Smartclassroom cun 36 % é a opción máis utilizada, seguida da combinación de varios libros cun 30 % e aulaPlaneta cun 23,6 %.

 Táboa 3. Que libro utilizo en E-Dixgal?

A CVA (contorna virtual de aprendizaxe) está deseñada sobre unha plataforma Moodle e observamos que case un 58 % do profesorado enquisado ten suficiente coñecemento da devandita plataforma (táboa 4).

Táboa 4. Coñecemento de Moodle da plataforma E-Dixgal

Con respecto á pregunta sobre o grao de satisfacción do libro dixital (figura 8), observamos que case un 40 % está satisfeito e moi satisfeito un 26,4 %.

 Figura 8. Grao de satisfacción co libro dixital

Por último, unha das cuestións expostas de maneira aberta foron as vantaxes e desvantaxes do proxecto E-Dixgal.

Destacamos como vantaxes as seguintes respostas:

  • Interese e motivación.
  • Actividades máis amenas.
  • A familia non ten que pagar o libro de texto.
  • Facilita que as familias se involucren na educación dos seus fillos e ofrécelles a posibilidade aos centros educativos de ter un contacto máis directo con elas.
  • O alumno pode interactuar, comunicarse e intercambiar experiencias con outros compañeiros da aula.
  • Adaptación aos novos tempos.
  • Traballo colaborativo.
  • Pensamento crítico: ao dispoñer de diversas fontes con diferentes puntos de vista sobre un tema, podemos chegar a ter unha visión máis completa del.
  • Corrección inmediata.

Con respecto ás dificultades, temos as seguintes:

  • Sistema operativo Linux, non habituados a utilizalo.
  • O amplo e fácil acceso ás redes, sobre todo a Internet, pode ser obxecto de distracción para o estudantado.
  • Desesperación nalgúns momentos cos equipos.
  • Conexión lenta en ocasións.
  • Equipos fráxiles.
  • Filtrado da información.

O que máis os atrae do libro dixital E-Dixgal é o traballo colaborativo, o intercambio de experiencias interactivas e que lle resultan máis amenas e interesantes as clases cando o utilizan. Os puntos negativos adoitan vir ocasionados por problemas de conexión, problemas técnicos dos equipos e infraestrutura.

Conclusións

A utilización TIC e do libro dixital E-Dixgal como recurso educativo achega beneficios para o profesorado como puidemos ir comprobando ao longo da investigación. O alumnado traballa máis motivado cando utiliza o libro dixital e na utilización do software de que dispoñen os equipos E-Dixgal.

O libro dixital permítelles tanto ao alumnado como ao profesorado moitísimas posibilidades das que non dispoñía antes. Á hora de traballar na aula, os alumnos poden adestrar e potenciar a súa procura de información de maneira individual, traballar máis a súa creatividade e ser máis participativos. Tamén nos permite o traballo en pequeno grupo e gran grupo á hora de compartir arquivos e documentos.            

As dificultades que puidemos observar cando dan as súas clases nos centros educativos son problemas técnicos que atopa o profesorado nalgunhas ocasións ao desconectarse a wifi do servidor do centro, isto é debido a que cada aula Abalar ten a súa propia conexión. O profesorado ve positivamente a formación recibida do centro de formación e recursos do profesorado (CFR) e do CAFI, aínda que asegura que necesitaría máis tempo para poder manexar dunha maneira máis eficaz e concreta a plataforma de ferramenta de autor CVA. Tamén ve moi positivo poder elixir entre diferentes editoriais na aula e poder interactuar e mesturar contidos dun ou doutro libro dixital. Así mesmo, puidemos comprobar que se os libros de texto dixitais non alcanzan o grao de calidade que os profesores demandan, se pode crear un estado de frustración que atrase a inclusión das TIC na aula.

Outro aspecto que destaca con relación ao profesorado é a diversidade de niveis en coñecemento TIC, polo que o maior problema que atopamos é a elección de titores comprometidos a desenvolver o proxecto. A adaptación pode chegar a ser complicada e, en ocasións, provoca que o ritmo de ensino resulte lento.

O libro de texto dixital é recoñecido por todo o profesorado como unha oportunidade irreversible de transformación do marco académico actual.

En definitiva, podemos dicir que o proxecto E-Dixgal tanto nas aulas de primaria como de secundaria está a resultar moi positivo. Profesorado, alumnado e familias están satisfeitos de como se vai desenvolvendo a implantación do libro dixital en Galicia e móstranse optimistas cara ao futuro e máis nos momentos virtuais nos que nos atopamos.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Bisquerra Alzina, R. (2004). Metodología de la investigación educativa. Madrid: La Muralla, SA.

Domingo, M. e Marqués, P. (2011). Aulas 2.0 y uso de las TIC en la práctica docente. Revista Científica de Educomunicación, 37, 169-175. Recuperado de: http://www.dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=3734127

Fernández Enguita, M. e Vázquez Cupeiro, S. (2016). La larga y compleja marcha del clip al clic. Escuela y profesorado ante el nuevo entorno digital. Fundación Telefónica. Barcelona: Editorial Ariel.

Fernández de la Iglesia, M., Fernández Morante, M. C. e Cebreiro López, B. (2016). Competencias en TIC del profesorado de Galicia: variables que inciden en las necesidades formativa. Revista Innovación Educativa, 26, 215-231.

Fraga Varela, F. e Alonso Ferreiro, A. (2016). Presencia del libro de texto digital en Galicia: Una mirada estadística e geográfica del proyecto E-Dixgal. Revista de curriculum y formación del profesorado, ISSN-e 1138-414X, vol. 20, núm. 1.

Galisteo, E. G (2011). Docente XXI. Revista digital gratuita, de didáctica y divulgación científica, 2 (32), 35-42. Recuperado de: http://es.calameo.com/books/000173979adc3986d25c7

Pérez Tornero, J. e Pi, M. (2013). La integración de las TIC y los libros digitales en educación. Aula Planeta. Recuperado de: http://www.aulaplaneta.com/descargas/aulaPlaneta_Dossier-estudio-TIC.pdf

Planeta, A. (2013). La integración de las TIC y los libros digitales en la educación. Dispoñible en: http://www.aulaplaneta.com/descargas/aulaPlaneta_Dossier-estudio-TIC.pdf

Rodríguez Machado, E., Barreiro Rial, M.ª J., Antelo Cambeiro, F., Mosteiro Neira, R. M.ª (2012). Proyecto Abalar. Formación y uso de las TIC en un centro educativo digital. Organización y gestión educativa: Revista del Fórum Europeo de Administradores de la Educación, vol. 20, núm. 3, 29-32.

Rodríguez Machado, E., Veiga Río, E., González-Sanmamed, M. (2015). O Proxecto Abalar e o libro dixital en Galicia (E-Dixgal). Revista de estudios e investigación en psicología y educación, (13), 196-200.

Rodríguez Machado, E. (2015). A rede social educativa Edmodo na educación física como ferramenta de integración das TIC na aula Abalar. Revista galega de educación, 62.

Rodríguez Machado, E. (2015). Aproximación teórica a E-Dixgal. Libro digital de Educación Física. Sportis, Revista Técnico-Científica del Deporte Escolar, Educación Física y Psicomotricidad, 1 (1), 2-15.

Rodríguez Machado, E., Veiga Río, E., González-Sanmamed, M. (2015). Itinerary of Digital Competence: the advanced level. Revista de estudios e investigación en psicología y educación, núm. extra 13, 206-210.

Rodríguez Machado, E., Veiga Río, E., González-Sanmamed, M. (2017). Competencia dixital do profesorado na utilización do libro digital E-Dixgal en Galicia. Revista de estudios e investigación en psicología y educación, núm. extra 13, 230-234.

Rodríguez Machado, E. Blog E-Dixgal. Recuperado de: http://www.edixgal.com/

 

 

Sección: